Onte 370: Independencia

Tras a grande manifestación da Díada, onte o president da Generalitat comprometeuse a encabezar o proceso que dote a Cataluña das estruturas dun estado de seu. Elegante eufemismo que non agocha o camiño cara a independencia de Cataluña no marco europeo. Outrosí pode suceder no País Vasco, a partir do 21-0, se os partidos soberanistas gañan nos tres territorios forais. Nun caso coma noutro, fóra do díficil encaixe constitucional do proceso e das resistencias políticas que reciba, dúas condicións semellan imprescindibles: o inequívoco e amplo apoio popular, no marco dun referendo; a necesidade do aval da comunidade internacional, un fenómeno inédito para a Unión Europea que nunca se enfrontou á secesión ningunha en parte dos seus estados. Co 11-S catalán, é moi probable que a crise política do modelo de estado en España comparta na axenda pública o protagonismo coa crise económica.

Onte 368: Libro electrónico

Andando ás voltas estes días co traballo sobre os nosos libros electrónicos, ven ao caso esta peza polaca na que se homenaxea o Manifesto  de El Lissitzky 1923, nacido nun momento de tránsito, tamén, como o que hoxe vivimos. Cal é o modelo de libro electrónico que queremos? Serán as posibilidades técnicas, tamén posibilidades creativas?

Tranvías de Vigo

Os do arquivo ferroviario recompilaron nesta peza de catro minutos boa parte das fotos e imaxes de cine dispoñibles sobre o tranvía en Vigo.

Onte 344: Día dos Mártires Galegos

Como é adoito cada 17 de agosto lembrouse na Caeira o fusilamento de Alexandre Bóveda, o que foi o motor organizativo e medula política do Partido Galeguista da Frente Popular. Unha lembranza imprescindible para manter o facho da memoria republicana de Galicia, como a que se volverá acender mañá 19 en Cacheiras para recordar a Ánxel Casal, o libreiro e editor de Nós, tamén alcalde de Compostela en 1936, de quen Castelao dixo que «fixo máis por Galicia ca todos nós». Como merecen a nosa lembranza as oito persoas socialistas e republicanas fusiladas contra as tapias do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández; o impresor Heraclio Botana; o mestre Apolinar Torres; o médico Ubaldo Gil Santóstegui; o que fora alcalde de Lavadores José Antelo Conde e o funcionario da Casa do Pobo de Vigo Ramón González Brunet. Na memoria de todas estas persoas e de todas aqueloutras vítimas da represión fascista a Irmandade Galega de Bos Aires fundada por Castelao acordou en 1942, hai agora setenta anos, declarar o 17 de agosto como «Día dos Mártires Galegos», como anuncia a revista A Nosa Terra o 25 de xullo de 1942:

«A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto [un erro evidente de imprenta]. Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista. Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos».

Con ese espírito de integración republicana e galeguista deberían celebrarse todos os actos na memoria dos Mártires Galegos. As miñas beizóns para Mini e Mero por manter ese lume sempre aceso.

«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», o booktrailer

Parabéns a Ramón Nicolás e Iago Nicolás polo excelente booktrailer de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.

Rivas fala de «As voces baixas»

Magnífica a reportaxe-entrevista de «Coruña en directo» da lectura de Manuel Rivas na primeira xornada da Feira do Libro da Coruña. Rivas fala d’ As voces baixas.