Roberto

Doeume o pasamento de Roberto Pérez Pardo, primeiro director comercial de Xerais, unha das figuras máis respectadas da edición galega contemporánea. Nacido nas terras arraianas de Oímbra (1946), dende os cursos do seminario de Ourense comprometeuse coas causas da xustiza e igualdade; asumindo máis tarde o entusiasmo dos ventos de liberdade como libreiro da libraría Ir Indo de Príncipe, montada por Bieito Ledo, que a tantos nos abriu os ollos cara o libro galego. Como dende marzo de 1980 sería, xunto a Xela Arias e Manolo Batán, motor do equipo de profesionais pioneiro de Xerais, editora xeralista con pegada educativa, fundada por Xulián Maure Rivas. Debemos a Roberto moitas das prácticas e estratexias que revolucionaron a edición galega durante a década dos oitenta, transformando un sector, até entón, voluntarista e militante, en gremio editorial con vontade profesional e normalizadora. Debemos a Roberto os primeiros acordos entre editoras e librarías galegas, a formación dun equipo comercial orientado á promoción educativa e á venda en librarías, a presencia do libro en galego nas feiras do libro, o deseño das primeiras campañas de pre-publicación, o lanzamento de produtos masivos como o Dicionario Xerais da Lingua… Asumiu consciente a responsabilidade do equipo nos momentos decisivos para a continuidade da empresa, foi das persoas imprescindibles que suman e asumen con dedicación os seus compromisos. Tras unha brillante traxectoria en Xerais, dirixiu o primeiro Culturgal (2007), organizado polo Asociación Galega de Editoras, poñéndolle o ramo a súa carreira como xestor editorial. Lembro a Roberto, apaixonado cinéfilo e lector atento, preparando co seu rigor de aceiro e paciencia infinita as previsións anuais de venda, título a título, cando o catálogo chegaba os dous milleiros de referencias. Nunca saberei agradecer a súa lealdade e compromiso coa fantasía de editar en galego, que compartimos en sintonía durante dúas décadas. Un grande, Roberto! Con todos os abrazos.

Publicado en Nós diario: 17/07/2024

A beirarrúa voada

Dedico o artigo de Faro de Vigo á beirarrúa voada do Paseo de Afonso:

Formo parte desa confraría viguesa, laica e moi numerosa, que se xunta decote no paseo de Afonso para pasmar co espectáculo da actividade portuaria ou para enxergar no serán a marabilla da liña do horizonte agochándose tras as Cíes. Un salón privilexiado para o Vigo vello que dende a oliveira e ao longo do miradoiro case centenario da beirarrúa voada conforma un dos espazos urbanos vigueses máis acolledores para as persoas que nos visitan como para a veciñanza do barrio noso. Unha praza case peonil, por ventura, estendida de forma natural cara a vella rúa Elduayen, que nas portas da cidade vai recuperando devagar o seu carácter de espazo verde de lecer e acougo, sen renunciar a súa actividade comercial e hosteleira, unha vitoria das persoas sobre os vehículos a motor, que constitúe un fito merecedor das nosas beizóns. Mágoa, que dende hai máis dun ano non sexa posible asomarse á fermosa beirarrúa voada, cercada por valos, supoñemos que agardando por obras de conservación, ou nunca se sabe, anunciando de forma sutil o inicio das do Barrio do Cura, un misterio que merecería ser desvelado en miradoiro tan emblemático.

Máis aínda cando esa beirarrúa voada ten historia de seu, como parte das intervencións modernizadoras que pretendían crear novos espazos urbanos na década dos vinte do pasado século: a praza de Portugal, a balconada miradoiro do paseo de Afonso XII, o parque Miramar de Picacho, que non chegaría a ser construído, ou o farol artístico da praza de Urzáiz, todos eles proxectados co espírito da arquitectura rexionalista polo facultativo municipal Jenaro de la Fuente Álvarez. E de todas elas, a balconada de formigón construída sobre o muro de contención da rúa Poboadores foi unha das obras de enxeñaría destacada de hai un século. Unha historia desvelada, como tantas outras do urbanismo vigués, polo profesor Xosé Ramón Iglesias Veiga, que data no 2 de febreiro de 1923 o encargo do concello de redacción dun proxecto de beirarrúa voada en toda a fronte do paseo de Afonso XII, convertida así en elegante miradoiro. Proxecto retomado en 1925 como «acera volada y balconada artística del paseo de Alfonso», que contemplaba unha pérgola, que nunca sería executada, e unha beirarrúa de forma quebrada con balconadas rectangulares e dúas semicirculares máis voadas que o resto, incorporando como ornamentación floreiros pétreos e farois con peixes entrelazados, semellantes aos das fontes da praza de Portugal.

Actuación orzamentada en 1926 con 150.000 pesetas, aprobada de forma definitiva o 12 de decembro de 1928 e comezadas as obras o ano seguinte. Os traballos da estrutura de formigón, dirixidos polo perito José Lago Loureiro, supuxeron unha novidade no seu tempo, como tamén os da empresa Granja, Lago e Compañía que se ocupou de modificar a liña de distribución eléctrica que alimentaba os tranvías, xa que a intervención no paseo obrigou a suprimir oito dos postes na zona do muro de contención. A varanda de ferro e os farois foron forxados por «La industriosa» da familia Sanjurjo,  mentres as esculturas dos querubíns que sosteñen os escudos de Vigo e Galicia foron realizadas por Camilo Fernández Correa «Camilo o Roxo», mestre canteiro formado na Escola de Artes e Oficios. Todas as obras finalizaron en 1931, xa na Segunda República, cando o paseo pasou a chamarse de Ramón Franco. Actuacións que se completaron o 28 de marzo de 1943 cando se descobre o quiosco de venda de flores proxectado por Emilio Bugallo Orozco utilizando unha refinada linguaxe racionalista; edificación que sufriu diversas mudanzas de emprazamento, utilizándose durante décadas como quiosco de venda de xornais e revistas a cargo de José Barcia «Pepiño».

Ademais da súa historia urbanística, o paseo de Afonso é un espazo de referencia interxeracional para as persoas que vivimos no barrio de Pi e Margall, Llorente e Falperra. Historias de seres de varias xeracións esmigalladas con enorme talento narrativo nas páxinas de Faro de Vigo nos artigos dominicais de Xaime Fandiño publicados ao longo de 2021 baixo o epígrafe «La acera volada». Recollidos nun libro de título homónimo (2022), estas crónicas de infancia e mocidade de Fandiño tecen a psicoxeografía daqueles rapaces do barrio que compartiamos a carencia de «non termos aldea», os primeiros vigueses nacidos na propia abella da ribeira. Textos emocionantes, escritos coa pulsión dunha memoria prodixiosa, protagonizados polo renxer seguido dos tranvías, do recendo da dozaría das Tres luces ou das tarteiras e empanadas que enfornaba o señor Domingos na panadaría do Barrio do Cura. Páxinas coas que bagoei co relato da escola da señorita Celia, onde nos iniciamos na lectura, ou coas visitas a almoneda Monterrey onde atendía Fina Cáccamo. Libro moi memorioso que recomendo vivamente.

As que cantan

A escolla da poesía popular oral, representada nas cantareiras que transmitiron e enriqueceron esa tradición, como cerna da celebración do Día das Letras Galegas 2025, foi recibida con satisfacción xeneralizada polas redes galeguistas, o que aventura ó éxito do 17 de maio. Unha elección arriscada da Real Academia Galega, que aposta por unha celebración colectiva como sucedera en 1998 cos trobadores da ría de Vigo e abandona a tradicional homenaxe haxiográfica dunha das autorías da literatura galega. Unha candidatura presentada pola académica Ana Boullón que recoñece a urxencia de exaltar a nosa lingua, desta volta a fala popular daquelas que cantan, e conecta co efecto Tanxugueiras das cantareiras contemporáneas que recoñecen nos textos orais das súas avoas e bisavoas o celme da súa creación musical. Unha celebración chamada, ademais, a recoñecer o acervo de toda a nosa literatura popular, unha forma de folclore que para Domingo Blanco, autor dos dous volumes d’ A poesía popular en Galicia 1745-1885 (Xerais 1992), se caracteriza pola oralidade como xeito de expresión e transmisión, a funcionalidade, o colectivismo, o anonimato e adoita ser acompañada dunha melodía e, ás veces, de instrumentos. Unha literatura das clases subalternas que se desenvolve diante doutro público ao da literatura culta, á que sería un erro aplicarlle os mesmos criterios interpretativos. Aventuro un grande aproveitamento didáctico deste 17 de maio centrado na oralidade e na música tradicional de raíz, da que poden nacer nas escolas unha chea de cancioneiros. Como agardo que as editoras aproveiten o ano para reeditar revisados e contextualizados os cancioneiros e escolmas de referencia de Dorothé Schubert, Marcial Valladares, Nicanor Rielo Carballo, José Pérez Ballesteros, Domingo Blanco, entre outros. Como deberán ser moitos os seráns de regueifas e polavilas onde se cante e se conte na fala nosa:

Vos decís que cante, cante;
teño la graza perdida:
cantarei como pudere,
pero non como solía. (1759)

Publicado en Nós diario: 10/07/2024

Teatro cine Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do Teatro cine Fraga:

O anuncio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra de mercar case a partes iguais o cine-teatro Fraga por 9,3 millóns de euros para destinalo a usos socioculturais é aparentemente unha noticia excelente para a cidade de Vigo e a súa área metropolitana. Semella que despois de vinte e tres anos do peche das súas tres salas de proxección, como pasados trece anos da interrupción das obras de rehabilitación dirixidas polo arquitecto César Portela e avanzadas nas tres cuartas partes, poderá sacarse do abandono un edificio emblemático, que forma parte da memoria sentimental de varias xeracións da veciñanza viguesa. Porén, o anuncio dos presidentes Alfonso Rueda e Luís López, con clara intención de contribuír a incrementar o protagonismo do que en Vigo carece hoxe o Partido Popular de Galicia, abre tamén moitas dúbidas, xa que son varias as cuestións de calado que deben ser consideradas para a resolución satisfactoria do caso, tanto as que atinxen a súa transformación imprescindible nun centro cultural público e os usos aos que será destinados os seus diversos espazos, como as referidas á xestión e financiamento da programación das súas actividades e mantemento das súas instalacións.

Debate cidadán necesario no que tampouco poden quedar fóra as condicións e mesmo o importe de venda dun inmoble, que non o esquezamos, fora adquirido por Caixa Galicia en 2001 á familia Fraga polo equivalente a 7,5 millóns de euros e pasou nove anos despois a pertencer a Novacaixagalicia, entidade que sería rescatada en 2014 como Nova Galicia Banco por 9.052 millóns de euros  do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que tras ser poxada por Banesco en 1.003 millóns de euros, utilizará o nome comercial de Abanca e asumirá as súas propiedades, entre elas a do Fraga. Unha década máis tarde esta compra da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra do inmoble da rúa Uruguai ten como primeiro beneficiado a Abanca, mesmo a pesar de ser responsable do seu abandono e de ser incapaz de desenvolver un proxecto sostible, como recoñeceron os responsables da propia entidade financeira. Un traspaso ao ámbito público para o que existían outras alternativas sobre a mesa, que non comprometían máis cartos das administracións, como a dunha cesión ao concello de Vigo para facer do Fraga o gran teatro público do que carece a cidade metropolitana, vella reclamación das entidades veciñais e das artes e das letras viguesas.

Outro debate esencial no caso do Fraga é o referido ao plan de usos dos espazos recuperados polo proxecto de rehabilitación de César Portela, que debe manter a identidade do edificio proxectado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto e soñado polo empresario Isaac Fraga como a mellor e máis suntuosa pantalla de  Galicia, á altura das que vira nos Estados Unidos. Conservar os usos do Fraga como primeiro cine e teatro público de Vigo cae de caixón, mais obriga a desenvolver unha programación anual cinematográfica, musical e das artes escénicas de calidade á altura da instalación. Como obriga no proceso de rehabilitación pendente a instalar no auditorio de 1.200 localidades o maxestoso órgano de tubos do que falaba nestas páxinas hai pouco Alejo Amoedo ou dotar dos medios técnicos necesarios para a escena e para convertela tamén na sede das orquestras viguesas. Sen esquecer, que nunca debería de perder o seu carácter como sala cinematográfica permanente, o que sería factible creando a sede viguesa da Filmoteca de Galicia, entidade que forma parte do Centro Galego das Artes da Imaxe, instalada dende hai décadas na Coruña. Como nesta dimensión do Fraga como centro das artes audiovisuais, pagaría a pena recuperar o proxecto do Centro Galego de Fotografía, canto menos para crear unha moderna Fototeca, desde a que acceder e poñer en valor os fondos dos arquivos fotográficos e cinematográficos vigueses.

Con todo, a creación do Teatro cine Fraga, obriga a acordar entre as catro administracións públicas (Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Goberno de España) un modelo corresponsable de financiamento e xestión, no que tamén se podería contar con recursos de patrocinios privados. Un modelo para o que se podería botar man da experiencia do Marco que, a pesar das súas dificultades, amosou a viabilidade dunha xestión cultural profesional, rigorosa, independente e avalada polos poderes públicos. Sen arriscarse a forxar ese gran acordo polo primeiro teatro público de Vigo do século XXI, un proxecto apoiado polo tecido cultural e asociativo vigués, todo o anterior pode quedar en auga de castañas. Xaora, a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer con aquel espírito modernizador e coas miras no futuro co que foi concibido hai setenta e cinco anos polo seu fundador Isaac Fraga.

Espazo lectura

O recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España a Espazo Lectura outorgándolle o Premio Liber 2024, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, afáganos aos que en Galicia defendemos o fomento da lectura como unha actividade compartida de socialización e reflexión crítica. Unha distinción merecidísima para este colectivo de voluntariado, que botou raíces no Val Miñor a comezos de 2008, onde constituíu unha comunidade na que persoas de distintas xeracións comparten libros, lecturas e actividades comunitarias arredor da creación literaria e de lectura como vínculo de socialización e coñecemento, con atención preferente para a lectura e a edición en galego. Un voluntariado de fomento da lectura sen ánimo de lucro que entende a lectura como actividade de gozo e coñecemento de vocación subversiva, que singulariza ao ser humano, mais tamén como competencia cívica imprescindible no exercicio da cidadanía, mecanismo de inclusión necesario para a convivencia e o benestar. Un activismo comprometido coa lectura transformada en espazo para a vida, onde é posible gozar da fascinación creada polo conto ou polo álbum ilustrado nunha das súas sesións semanais na Casa da Lectura para o lectorado máis novo. Compromiso coa maxia da lectura aparecida nos encontros con autoras e ilustradoras nas sesións do «Contomar» para lectorado autónomo, ou nos debates dos seus clubs de lectura «Sete vidas» de narrativa, «Lecturas Debuxadas»  de banda deseñada, «Daquelas que len» de lecturas feministas e «Lendo contigo» de lecturas en familia. Como actividades subversivas desta pacífica revolución lectora foron nesta década e media as da «Noite na biblioteca», as edicións de «Dar de ler como quen dá de beber» ou as «Noites Golfas» da Casa da Lectura, que amosaron a envexable capacidade de mobilización desta entidade cohesionada polos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociados ao libro. Parabéns intensos para Espazo Lectura.

Publicado en Nós diario: 03/07/2024

Lembranza dunha tarde feliz na Casa da Lectura: 27/05/2010.

Alameda dos libros

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á historia da Alameda a onde esta semana regresa a Feira do Libro:

Entre as efemérides non celebradas desde Vigo esquecedizo está o sequiscentenario do primeiro proxecto da nova Alameda, o pioneiro xardín histórico da cidade. Apenas un bosquexo anónimo debuxado nunha folla da traza para o xardín occidental, datado en 1874, como os planos do enxeñeiro Julio Valdés e do agrimensor Carlos Coloret, reproducidos polo arquitecto José Antonio Martín Curty no seu libro referencial, Historia de la Alameda (1828-1978) (COAG 1994), que presentan as chaves do deseño realizado en 1882 polo arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero: a desaparición da primitiva aliñación de álamos entre a Porta da Gamboa e o Areal, prevista en 1828 e consolidada de forma parcial en 1830; e a separación formal en tres sectores (occidental, central e oriental) equivalentes aproximadamente ás tres mazás do proxecto do ensanche. Nova Alameda que o concello decidiu, en 1876, quedase rexistrada ao seu nome e reservada a uso público, atendendo as reclamacións da veciñanza,  o que que, segundo Xosé Manuel Souto González, provocou un conflito coa «Empresa de los Muelles y Terrenos del Puerto de Vigo», concesionaria do proxecto de recheo, sobre os límites da concesión, que se resolvería cun acordo en 1879. O que constituirá un acontecemento para a historia de Vigo, cidade que tivo a intelixencia de reservar para uso público de paseo e axardinamento tres mazás do seu ensanche, asemellándose ao que en 1857 fixera Manhattan co seu Central Park.

Pouco despois comezaría a plantación do novo arborado, incluída a causarina de 17 metros (hoxe no catálogo de árbores senlleiras de Galicia), á que logo se engadiría a araucaria excelsa, o teito actual do xardín, formando no centro da cidade un catálogo botánico de corenta especies. En 1883 finalizaría a colocación dunha reixa e zócalo de pedra (retirada corenta anos despois), prevista no proxecto de Domingo Sesmero, e o templo da música, onde na noite de San Xoán daquel mesmo ano a Banda de Música Municipal de Vigo deu o seu primeiro concerto de tres horas de duración. Cincuenta anos despois realizouse o recheo do sector central, o que supuxo a destrución dunha parte do arboredo, cando pasou a chamarse en 1935 Praza de Compostela. Como foron mudanzas importantes ás introducidas no axardinamento polo francés Luciano Turc Bert, que tamén interveu no deseño da xardinaría do monte do Castro, formando os parterres actuais e plantando case todos os castaños de indias (1941). Como afectaron ao xardín as medidas de priorizar a trama viaria recollidas no Proxecto de Urbanización da Praza de Compostela e rúas adxacentes do enxeñeiro Rafael Juanes (1941) e as do proxecto adicional de Antonio Cominges (1943), que deseñou os orixinais pavimentos xeométricos que combinaban seixo e lousa, un dos elementos máis característicos da Alameda, hoxe desaparecidos. Como mudanza de relevo supuxo a instalación da fonte luminosa proxectada polo arquitecto Bugallo Orozco (1955), a instancias do alcalde Tomás Pérez Llorente, tras a do conxunto monumental de José Luis Medina.

Alameda que nestes cento cincuenta anos foi escenario de acontecementos históricos, o punto onde finalizaban as comitivas carnavalescas, o espazo onde chantou as súas carpas o circo Feijoo (1935), o escenario onde se celebraban as misas de campaña organizadas por Falanxe no 36 ou a meta das carreiras do pavo cada nadal. Alameda que a pesar de todo isto mantivo o seu carácter de xardín público e espazo interxeracional de lecer e encontro para maiores, mozos e picariños, atmosfera de calma para traballadoras do centro, mais tamén primeira tarxeta de visita para cruceristas e turistas. Mágoa que este noso salón urbano, delimitado pola fermosa arquitectura das súas árbores non sempre fose coidado como precisaba e sufrise degradacións e desleixos antigos e outros por desgraza recentes, como o das barras do Cíes Market de Nadal ou a presenza da dinosebe interrompendo un dos paseos, que os responsables municipais deberían reconsiderar nun espazo para o que, por incomprensible que pareza, aínda non solicitaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

O anuncio da celebración dunha refundada Feira do Libro na Alameda, con máis expositoras e actividades literarias, constitúe unha noticia que merece ser celebrada pola sociedade lectora viguesa como por todo o sector do libro, xa que se recupera o espazo tradicional no que naceu a feira hai cincuenta anos da man do libreiro Lois Patiño Regueira. Unha noticia excelente ademais para a propia Alameda, que recupera un dos seus paseos laterais arborados para usos culturais, espazo amable de encontro de autores e autoras co seu lectorado, tamén de acougo e frescor, o que a esta altura do ano é unha beizón. Acudan a feira do libro, veñan á Alameda dos libros.