Reviravolta

Nun partido práctico e moi sobrio fronte a un excelente Rayo Vallecano o profesor Carvalhal consolidou a reviravolta que dende a súa chegada arelaba para o Celta, esa volta lixeira sobre si mesma tan característica da nosa muiñeira. E Carvalhal está conseguindo amodiño os resultados que na tempada do centenario reorientan ao seu equipo na táboa, cada vez máis afastado das posicións de descenso e un pouco máis próximas ás aspiracións europeas. Mais tamén unha reviravolta que recupera a fiabilidade competitiva dun equipo que acredita unha solidez defensiva envexable, capaz nos tres últimos partidos de manter a porta a cero, cunha capacidade goleadora e produtora de xogo atacante explosiva, cun balance de seis goles nos dous partidos máis recentes na casa. Números óptimos o do adestrador bracarense que comezan a tranquilizar a unha bancada que nos minutos finais do partido de onte, a pesar da súa contención, entoou a rianxeira e o miudiño, amosando unha ledicia que hai meses non se gozaba na terra das abeleiras.

E reviravolta foi tamén a que en dous minutos máxicos, o 50 e 51, cando máis apertaban a Iván Villar os de Iraola, deu o Celta a un partido até entón moi igualado, controlado en boa medida polos vallecanos que souberon suxeitar no medio campo a Gabri Veiga, o xogador que concita todas as olladas. Minutos de presión na área celeste cos que o Raio saíu con todo na continuación, dispoñendo de dúas claras ocasións, incluída unha de Raúl de Tomas ao pao co cérbero de Aldán vencido. Afogo do que o Celta saíu como mellor sabe con Carvalhal, abríndose polas bandas e correndo, desta volta cun rapidísimo Javi Galán que conduciu pola esquerda para enviar a pelota rasa á área onde Aspas a cruzou ao pao longo. Un gol de alta escola do merlín de Moaña, que até entón aparecera dunha forma algo imprecisa no encontro, quizais anoxado dende o minuto de inicio do partido por non ter finalizado na rede un balón mallado de Gabri Veiga, outro dos destacados celestes de onte. Mais cando na bancada se festexaba o golazo de Aspas, Seferovic conduciu outra galopada, esta vez pola dereita, disparando sobre o porteiro, que afastou a pelota con tan mala fortuna que chocou nun dos defensas levándoa as redes. Un segundo tanto que veu coa emoción da revisión devagariño do VAR, o que finalmente fixo estourar a bancada.

Como sucedera na primeira parte, os de Iraola co marcador en tan clara desvantaxe e con máis de media hora por diante, non perderon fe nas súas posibilidades. E así Raúl de Tomas volveu a probar a Iván, cada vez máis seguro, levando outro balón ao longueiro, o que non intimidou ao gardarredes celeste cada vez máis decidido, mesmo nos númerosos saques de recanto cos que os vallecanos procuraron furalo. Mais como xa sucedera diante do Valladolid, os de Carvalhal souberon xestionar con orde e con dedicación nas axudas o novo abafo, do que o Celta saíu no 85´cunha nova xenialidade de Aspas capaz de aproveitar un esvarón de Tejo e encarar velozmente a Dimitrievski cunha vaselina artística, outro golazo de moitos quilates do astro celeste, que con 11 tantos iguala a Joselu, tamén canteirán celeste como o bético Borja Iglesias, na cabeza dos goleadores que disputan o Zarra. E con semellante marcador, os de Carvalhal non perderon a concentración para manter a porta a cero, e mellorar o seu saldo xeral entre goles obtidos e encaixados. Un balance que puideron mellorar no 87’ tras unha excelente condución de Larsen que xutou sobre o pao longo onde non chegou por ben pouco Cervi, que como o noruegués se incorporara minutos antes para refrescar ao equipo.

Tras esta nova vitoria e unha actuación tan solvente de todas liñas, na que salientou a brillantez defensiva e a definición do merlín de Moaña, o Celta pode enxergar con maior tranquilidade o seu obxectivo principal de manter a categoría. Con todo, se mantén o nivel das recentes xornadas, sobre todo en Balaídos, nunha liga tan igualada podería aspirar a soñar. Mais coñecendo de onde vimos, iso non toca polo momento.

Faro de Vigo 12/03/2023

Historias do Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar 100 historias do Celta de Eduardo Rolland:

Ás portas da celebración do centenario, o xornalista Eduardo Rolland publicou 100 anos de Historia do Celta. Un século escrito con afouteza e corazón (Ardemar Edicións 2022), libro no que ofrece medio cento de textos que resumen o primeiro século de fútbol celeste. Historias que contribuíron a forxar a identidade e o carácter do club nacido en Vigo coa intención de constituír un equipo de dimensión galega, competitivo a escala internacional, nunha disciplina que os entusiastas traballadores da Eastern Telegraph Company practicaban de forma afeccionada dende facía case tres décadas. Unha tradición futbolística pioneira, vinculada á dimensión portuaria da cidade, consolidada a partir de 1895, ano no que os empregados do Cable Inglés fundaron o Exiles Cable Club, o primeiro club de fútbol vigués. Práctica deportiva que adquiriría índole profesional coa creación dos dous clubs que se fusionarían o 10 de agosto de 1923: o Fortuna (1908) do campo de Bouzas e o Real Vigo Sporting Club (1914) da chamada “catedral” de Coia, entidade que a súa vez xurdira da fusión do New Club Vigués (1906) e do Sporting Club (1911). Clubs vigueses que dende 1906 até 1923 monopolizaron os títulos do Campionato de Galicia, o único oficial até a creación da Liga en 1929.

Rolland ofrece unha historia literaria e singular, renunciando a proporcionar estatísticas e clasificacións, coa intención de salientar así as figuras celestes máis icónicas (xogadores, adestradores e directivos), os acontecementos deportivos principais (fosen vitorias como derrotas inesquecibles) e os momentos críticos ou tráxicos dun club, que uniu o seu devir ao da propia cidade da que foi (e continúa sendo) o seu primeiro emblema no mundo. Relatos para os que o autor escolle a lingua galega, o que merece beizón, tanto por tratarse dunha achega importante para o catálogo do libro en galego, como pola coherencia coa propia historia dun club nacido para representar ao seu país. Velaí a escolla de nome entre as propostas de Breogán e Celta, tras un concurso popular auspiciado, como o proceso de fusión, por Manuel de Castro “Handicap” dende as páxinas de Faro de Vigo. Velaí a escolla do equipamento, en principio o vermello e branco da bandeira viguesa, pouco tempo despois, xa en competición oficial, mudado polo azul celeste e calzón branco, como sinalou Juan Baliño Ledo, o secretario da mesa fundacional do club, «xa que desde o principio sempre se quixo que o Celta representase a Galicia».

Utilizando a prosa fluída e documentada, tinguida das pingas de retranca de obras anteriores, como Galicia en guerra (Xerais 2006) e Reconquista (Xerais 2009), Rolland ofrece nestas prosas celestes algúns retratos memorables. Velaí o do inglés Francis Cuggy, primeiro adestrador, escollido entre os trinta nomes propostos pola Federación Inglesa de Fútbol, que acadou en dúas tempadas o campionato galego. Como inesquecible é o do escocés que se fixo chamar Míster Cowan, cuxo verdadeiro nome era William Raeside, todo un impostor que non abandonada o seu rostro flegmático e a súa pipa, co que o Celta fixo unha boa tempada (1927-1928), rematada cunha xira por Arxentina e Uruguai. Como merece lectura atenta a participación nesta historia celeste de Laureano Álvarez Rodríguez, aquel telépata madridista de orixe galega que de forma “desinteresada” prometía levar ao Celta de novo a primeira división, o que para Derviche «a directiva sopesaba contratar, como o bruxo de Pereiró e un famoso curandeiro», na mesma temporada (1959-1960) na que iniciaría unha das décadas máis decepcionantes da súa historia en segunda división, cando as “circunstancias adversas” mandaban, como salientaba Ramón Allegue “o Tigre Padrón”, o mítico gardameta celeste, autor doutra interesantísima historia do Celta, desta volta en primeira persoa, publicada por entregas nas páxinas dominicais do decano.

Rolland relata as tres finais de copa perdidas in extremis, como lembra o escándalo de Jaburú e a traxedia de Quinocho, rescata con saudade a era da rianxeira, os ascensos da esperanza, algunhas das vitorias máis contundentes dos derbis ou retrata con agarimo algúns dos mitos celestes de sempre: o león Ruiz, Sansón, Pahíño, Nolete, Ademir, o capitán Manolo, Gudelj ou o Mago de Moaña, entre outros. Como non esquece a traxectoria na competición europea, dende a maldición da primeira eliminatoria co Aberdeen (1971), a participación en Champions hai dúas décadas, a épica semifinal de Old Tratford (2017), como o feito de que en 2000 o Celta gañase a Copa Intertoto, o único título europeo do fútbol galego.

Recomendo estes 100 anos de Historia do Celta, unha achega valiosa de Eduardo Rolland para a recuperación da memoria colectiva dun Celta centenario como para a historia da propia cidade de Vigo.

 

Oblakazo

Cando baixabamos de Río Alto, un exercicio non exento de risco, non solucionado polo momento coa reforma do estadio, escoitei a moitos celtistas lamentar o inxusto do resultado dun partido no que o Celta mereceu moito máis, canto menos un empate. Con todo, o lamento non expresaba nin o desgusto nin o enfado de derrotas anteriores, máis ben un sentimento agridoce de xente que viu tamén como o seu equipo é cada vez máis competitivo para afrontar a segunda parte dun campionato moi igualado, que aínda vai dar moitas voltas. Lembrei, entón, o título dun romance memorable do escritor azoriano João de Melo moi acaído para expresar esa emoción colectiva que onte nos invadiu faltando apenas catro minutos de tempo engadido, que uns definirían entre a melancolía e o entusiasmo, para outros entre a tristeza e o orgullo, mais en ambos os dous casos a de «xente feliz con bágoas», que a pesar da derrota abandonou a bancada satisfeita, por contraditorio que isto puidese parecer.
E a verdade que fronte ao Atlético de Madrid as circunstancias e os azares do xogo adoitan nas últimas tempadas ser adversas para o Celta, que nos quince últimos partidos xogados cos do Cholo Simeone apenas acadou unha vitoria. Unha tendencia negativa que tampouco onte foi o Celta do profesor Carvalhal capaz de reorientar, a pesar de disputar un encontro dificilmente mellorable no referido a actitude, concentración e disciplina. Un partido no que tamén se dirimiu un duelo táctico de moita altura entre a flexibilidade táctica do míster bracarense, que introduciu no once inicial a Tapia como central, coa famosa superstición táctica de Simeone, adestrador teimoso, capaz de aguantar ao máximo a súa proposta, convencido de que os resultados chegarán por mantela. E probablemente iso foi o que lle sucedeu ao Atlético onte en Balaídos, mesmo a pesar de xogar con dez dende o minuto 70, o que non supuxo que aliviase a presión sobre os espazos de saída celeste nin dese un paso atrás, o que permitiu que no minuto 89 Memphis, que pisara a lameira poucos minutos antes, empurrara a media volta un balón que viña rebotado do celeste Carles Pérez e sobre o que Iván Villar, toda a tarde moi seguro, nada puido facer. Un auténtica carambola que valeu os tres puntos.
Foi a primeira parte moi igualada, na que os célticos estiveron máis cerca do gol cos atléticos, sobre todo nunha combinación entre Mingueza e Iago pola esquerda, xogadores que semellan entenderse cada vez mellor, e nun xutazo de Carles Pérez desviado por Oblak que no segundo acto tería unha actuación memorable, á altura da súa consideración como un dos mellores gardametas do mundo. E foi Iago Aspas quen no minuto 57 tivo a oportunidade máis clara dos nosos, cando nunha das súas galopadas encarou ao esloveno, furoulle devagariño a pelota baixo os brazos, mais cando xa pisaba a liña de meta o porteiro conseguiu desviala coas xemas dos dedos. Un deses goles fantasma que cantou a bancada, átonita fronte a xenialidade do cérbero colchoeiro. Como foi tamén o de Moaña quen botou a falta, que motivou a expulsión de Savic, guindándoa de forma maxistral contra o traveseiro. Minutos nos que o Celta moito premeu atopándose co muro infranqueable das luvas de Oblak, fose nun xutazo a perna mudada de Carles Pérez no 74, fose nunha intervención incrible cando detivo un disparo que a propia meta dirixira o seu compañeiro Reinildo. E así, grazas a semellantes intervencións do mellor xogador do encontro, cando se daba por inevitable a igualada, chegou a mazada do gol atlético nunha xogada afortunada, un deses tantos de chorra que incomodan a quen os padece.
Secasí, e a pesar da inesperada derrota, o Celta de Carvalhal saíu reforzado, tanto pola seriedade do seu xogo como pola competitividade amosada fronte a un dos cadros máis reforzados do actual campionato. As mudanzas e variantes que Carvalhal introduciu comezan a dar os seus froitos e a bancada do Fragoso a recoñecelos. Mágoa que onte topase cun oblakazo e perdese a concentración durante apenas uns segundos de mala fortuna.

Publicado en Faro de Vigo 13/02/2023

Toca remar

Comezou o Celta fronte ao Athletic Club en postos de descenso e rematou o partido décimo sexto, formando parte desa decena de equipos que cunha diferenza de apenas dúas vitorias loitarán pola permanencia que semella, tal como vai de baixiña a puntuación do pechacancelas, vai estar por riba dos corenta puntos. Unha primeira volta mediocre dunha das tempadas do centenario celeste na que a bancada do Fragoso asumiu con paciencia a caprichosa planificación deportiva da propiedade que deixou na bancada a Denís Suárez, o director de xogo da pasada liga, sen ser substituído por outro medio do seu nivel, ao tempo que recrutou media ducia de promesas e un par de veteranos que, con algunha excepción, aínda non callaron cando vai mediado o campionato. Un conformismo dos responsables do club, moi perigoso nunha liga igualadísima como a actual, que a dous días do peche nin sequera aproveitou a posibilidade do mercado de inverno sequera coa intención de ilusionar a un celtismo tan incansable como xeneroso na súa dedicación.

Como tampouco, até o partido de onte, a incorporación ao banco do doutor Carlos Carvalhal provocara unha clara reorientación da tendencia dos fracos resultados do equipo, a pesar de tratarse dun adestrador estudoso que polas súas características, a súa querenza polo bo xogo, pola flexibilidade e organización táctica e a súa aposta polos novos valores, como mesmo pola súa afinidade cultural e afectiva, mamada na súa Braga natal, podería construír no Celta un proxecto de longo alento. Un Carvalhal que na tarde de onte, coñecedor da transcendencia do encontro, arriscou moito de saída, cun novo debuxo que fixera saltar a asfixiante presión alta dos xogadores de Ernesto Valverde. E para iso non dubidou en deixar no vestiario a Mallo, Beltrán, Cervi e Larsen, habituais no once inicial celeste, debuxando un rombo inédito no medio do campo, con Tapia, Óscar, Gabri Veiga e Luca de la Torre, deixando unhas bandas longas para que corresen Carles Pérez e Javi Galán na procura dun solitario Iago. Un plan de partido que deu resultado no primeiro minuto de xogo, nunha explosiva carreira do extremo catalá finalizada cun xute cruzado que superou ao porteiro. Un golazo de fermosa factura, anulado a instancias do VAR, que amosou que o Celta onte pretendía tirar de orgullo e moita velocidade para saír canto antes da súa delicada situación.

Secasí, foi un espellismo, xa que os leóns foron tecendo a súa rede que colocaban practicamente á altura da área galega, impedindo que o Celta se estirase e fose capaz de sacar o balón do seu propio terreo. Con todo, Carles e Luca de la Torre realizaron un par de carreiras xeitosas até a liña de fondo, sen consecuencias entre os tres paos, nunha primeira parte que resultou intranscendente para ambos os dous equipos. Por ventura, Carvalhal non se conformou coa igualada e coa continuación deixou no vestiario a Tapia e Óscar, onte (como ao longo de todo o campionato) moi pouco afortunados. A entrada de Beltrán contribuíu a coser ao equipo e a de Larsen a abrir fendas entre os centrais vascos para que Iago puidese coarse e tecer paredes co dianteiro noruegués. O Celta foise estirando e enredando  coa súa tea ao Athletic até que no minuto 70 un servizo excelente de Luca, que Larsen moi fino deixou pasar agachándose, chegou a Iago que soubo gañarlle a posición aos centrais e conseguiu bater a Simón. Outra peza de ourivería do Merlín de Moaña, a novena no que vai de campionato, que resultou por ventura decisiva, como xa o fora nas vitorias anteriores celestes.

Con vinte e cinco minutos por diante, o Celta tirou de afouteza e soubo defender con orde e serenidade o resultado, mesmo sen renunciar a volver a collerlle as costas aos bilbaínos. Un exercicio defensivo óptimo, deixando a porta a cero, moi esperanzador para facer fronte a unha emocionante segunda volta do campionato na que aínda hai moito que roer entre unha decena de equipos. A este Celta orgulloso de Carvalhal, que agardamos sexa reforzado cun dianteiro, tócalle remar e remar.

* Publicado en Faro de Vigo 30/01/2023

Adeus Rikitrí

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da taberna Rikitrí:

Coa fin de ano pechou a taberna Rikitrí da rúa Hernán Cortés 14. Dende hai trinta e cinco anos rexíaa Arximiro Rodríguez Carballido, «Miro», que collera o traspaso da Casa Anuncia aberta a comezos da década de 1940. Dende entón a Rikitrí nunca perdeu o sabor dunha taberna de toda a vida, durante o día un lugar acolledor de conversa agradable para tomar unha chiquita ou unha caña, onde se reunían os empregados e veciñanza das proximidades de María Berdiales e Urzaiz, pola noite parada segura de noctámbulos e solitarios na procura da última. Da man do bo de Miro dende 1987 converteuse tamén nun dos templos celtistas da cidade, tanto por ser sede da peña celtista homónima (formada por sesenta persoas), como pola decoración dos teitos con bufandas do Celta e doutros equipos cos que xogou en liga e competición europea e das paredes con equipamentos e fotografías coas que é doado reconstruír a historia do noso equipo nas catro décadas de entre séculos. Como foi tamén a barra humilde da Rikitrí un espazo onde decote se falaba galego con orgullo e se debatía con paixón sobre o futuro incerto do noso primeiro equipo como da propia cidade.

Miro quixo para a Rikitrí que fose tamén un espazo para celebrar a ledicia e a cultura nosa, organizando as polbeiras dos sábados, recitais poéticos ou verbenas e concertos nos que participaron artistas como Alberto Cunha, Acordeireta, Os residuos atractivas ou Zurrumalla, grupo de música tradicional que lle dedicou un pasacorredoiras. Con todo, sempre foi a remada de nadal convocada cada serán de noiteboa e noitevella a actividade máis singular e emblemática desta entrañable tasca viguesa. Dende hai tres décadas máis de medio cento de persoas protagonizaban esta extraordinaria performance ocupando o medio e medio da rúa Hernán Cortes, remando cos seus corpos ao compás dos seus berros, festexando así a amizade e a ledicia coma se fosen participantes dunha competición de traíñas ou yolas no escenario da ría. Unha remada popular que co peche da Rikitrí dificilmente poderá repetirse, sexa pola merecida xubilación de Miro como pola posta en marcha dun proxecto de urbanización que prevé construír dous edificios e unha praza que comunique de forma peonil as rúas de Hernán Cortés e María Berdiales coa rúa Simón Bolivar, o que obrigará a derrubar o edificio da taberna e outros da súa contorna.

Un peche inevitable o da Rikitrí que nos provoca un aceno de doce melancolía, como a propia despedida que reza na porta da tasca na que Miro agradece no remate da súa andaina o cariño, o ánimo e o apoio recibido da súa clientela, que define como «persoas Xeniais, Marabillosas, Fenomenais». Este adeus da Rikitrí supón a testemuña da desaparición dunha comunidade informal que cada día facía cidade, mais que por ventura formará parte da memoria emocional das persoas que vivimos alí momentos de lecer e compañía. Emporiso as tabernas, tascas, bares ou cafés forman parte do sistema nervioso de cada cidade, xa que máis alá do consumo de bebidas e tapas son espazos necesarios para facilitar o benestar emocional e a socialización da veciñanza e das persoas que nos visitan. Un fenómeno vigués moi característico estudado polo escritor José G. Barral Sánchez en Por catro perras (Cardeñoso, 2007), a primeira guía de tabernas e tascas de Vigo, prologada polo lembrado Xosé Ramón Iglesias. Nas páxinas da obra formidable de Barral está a Rikitrí, xunto a outras tabernas clásicas viguesas como Elixio da travesía da Aurora (hoxe na súa terceira etapa da man de Poldo Celard), o Bar Chavolas da rúa Cesteiros, o Bar Pereira da rúa Ecuador, o Racimo no Couto Piñeiro, o Bar Primavera da Ronda, o Estanco de Bembrive, o Porco da rúa Real, entre tantas outras.

Secasí, a partir de agora a de Miro formará parte da longa relación de tabernas viguesas da memoria, desaparecidas como as que ocupaban a praza do Berbés como o Bar Turista, Avencio, Canta Galo, Si Podo, Raúl, Girasol, Rápido ou Diego. Como desapareceu en 2018 o Bar Tapitas e outros sete que había na rúa de Santiago, onde aínda permanece aberto o Bar Nosa Terra. Como desapareceu a taberna da Viúda, onde se construíu o edificio do Colexio de Arquitectos, como hai poucos anos pecharon o Gazpara na praza da Princesa, o Bar Hipólito  e o Buraquiño de Travesas, a Cosechera e o Barajero na rúa Pi e Margall ou o Bar Mascato da rúa Llorente, preto de onde aínda reside a emblemática Casa Roucos, santuario de artistas e escritores vigueses. Como hai tempo que pechou a Casa Armando da calella das Angustias, da que aínda lembro o arrecendo dos callos os xoves e sábados, as mesas de mármore branco puído e as fotografías de viaxes do Celta, espazo de privilexio para os editores de Castrelos, Xosé María Álvarez Blázquez e Darío Xohán Cabana.

Adeus Rikitrí, beizón Miro por tantos anos de agarimo e presenza!

Menos mal que nos queda Portugal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as relacións de irmandade entre Portugal e a cidade de Vigo a raíz do anuncio do Goberno portugués do tren de AV que unirá Lisboa e Vigo:

O goberno portugués anunciou a pasada semana o calendario das obras da liña de Alta Velocidade (AV) que unirá Lisboa con Porto, que a partir de 2026 continuarán até Braga e Valença, onde se integraría coa procedente da saída sur de Vigo. Este anuncio, importantísimo para a Galicia futura, ratifica a aposta ferroviaria do goberno de Antonio Costa pola vía da costa atlántica para a súa integración en territorio galego coa rede ibérica de AV, desbotando a alternativa, até agora preferida polo goberno español do enlace directo entre Lisboa e Madrid. Unha aposta portuguesa que constitúe unha oportunidade única para consolidar a posición estratéxica de Vigo na rede europea de transportes como un dos nós ferroviarios e marítimos da fachada atlántica entre Lisboa e Hamburgo, mais que precisa dunha determinación e compromiso semellantes por parte do goberno español, aínda moi remiso a fixar con todas as consecuencias orzamentarias a agardada chegada directa da AV á estación de Urzaiz e a súa continuidade até Valença antes de 2030, como pretende o seu socio ibérico. Outra vez máis, dende Vigo óllase con esperanza cara a Portugal, concitando a simpatía e a irmandade tantas veces celebrada entre ambas as dúas beiras do Miño, que forman parte dunha mesma eurorrexión europea de seis millóns e medio de habitantes.

Con alicerces nunha historia e lingua comúns durante séculos, as relacións entre Galicia e Portugal foron a daqueles irmáns que viviron virados de costas. Con todo houbo períodos de enfrontamento, provocados pola pretensión española de consolidar a hexemonía peninsular, como sucedeu cos conflitos bélicos do século XVII, no marco da Guerra de Restauración portuguesa, que no trono de Lisboa substituíu aos Habsburgo pola Casa de Braganza, o que supuxo o recoñecemento da independencia de Portugal (1668). Guerra que chegou ao territorio galego, sendo unha das razóns da construción da muralla de Vigo (1656) e da constitución daquel Terzo de Valadares de mosqueteiros vigueses de casacas brancas e unha divisa vermella, participantes en varias batallas contra os portugueses, como os sitios de Valença e Monção e a defensa de Tui e Salvaterra, aínda que case sempre situándose no lado perdedor, como sucedeu en Monterrei (1664) cando case douscentos foron masacrados polas forzas portuguesas, que entraron o ano seguinte por Goián, achegándose a Vigo. Conflito armado que se repetiría na chamada guerra das laranxas de 1801, librada en Estremadura, mais que en Vigo supuxo o afastamento dos portugueses da aínda vila durante a penas quince días.

Secasí, xa ao longo do século XIX foron varias as iniciativas que trataron de tecer lazos de colaboración entre Vigo e Portugal, especialmente relacionadas co desenvolvemento do ferrocarril. A construción da ponte internacional do Miño, obra de Eifel, aprobada en 1880 e finalizada en 1886, permitirá a conexión por tren de Porto con Vigo, que abrira a súa estación en 1881, en apenas oito horas, reducindo tamén a viaxe a Madrid por Portugal a trinta e seis horas. Como forxaron en Vigo unha cultura transfronteiriza iniciativas como a excursión en tren que centos de portugueses fixeron o 28 e o 29 de xuño de 1901 a Vigo, devolvendo a visita realizada polos vigueses con anterioridade, inmortalizada en imaxes estereostópicas polo fotógrafo Aurelio Paz dos Reis. Acontecemento, como aqueloutra extraordinaria Semana Portuguesa de Vigo, organizada pola patronal viguesa entre o 26 de marzo ao 2 de abril de 1933, sendo alcalde Emilio Martínez Garrido, recuperados do esquecemento polos traballos de José Luis Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (Glaucopis nº 26, IEV 2021).

Case noventa anos despois, emociona repasar as actividades daquela semana de irmandade, rebautizada como Semana Hispano-Lusitana de Vigo, inaugurada coa solta de 10.000 pombas. Un programa completísimo, que incluía unha exposición de produtos portugueses no pavillón da Aduana e unha feira do libro portugués, no que se mesturaban conferencias, actividades deportivas, representacións teatrais, excursións e até un festival de escaparates da rúa Galán (hoxe do Príncipe) para recibir á delegación portuguesa. Un irmandamento económico e cultural que durante os anos da ditadura quedaría na memoría inconsciente de Vigo, recuperado por Gerardo González Martín en 1986 no seu libro sobre o centenario da Cámara de Comercio. Non obstante sería a expresión punk desa irmandade luso viguesa a fixada por Siniestro total no seu terceiro álbum, Menos mal que nos queda Portugal (1984), e por Resentidos no seu primeiro elepé, Vigo, capital Lisboa (1984), a que hoxe utilizamos para abeizoar a estratexia ferroviaria do goberno portugués de conectar por AV Lisboa, Porto, Braga e Vigo.

Handicap creou o Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Handicap, o xornalista Manuel de Castro González que tanto contribuíu á creación do Celta:

Conversando co meu benquerido Tomás Ojea contoume como sendo un aprendiz de Vulcano vivira cerquiña o tráxico pasamento de Handicap, o xornalista deportivo creador do Celta. «Foi algo incrible que sucedeu na primeira Exposición Internacional de Galicia montada nos xardíns de Eijo Garay do Areal. Lembro que eu tiña dezaseis anos e había pouco que entrara a traballar na factoría de Espiñeiro. Leváronme á mostra para o mantemento da limpeza dunha caldeira que presentaba Vulcano». «Lembro –continuou o nonaxenario– que o sábado cando don Enrique Lorenzo me viu dixo: “chaval, mañá, non veñas con roupa de traballo, trae a túa que nos vai visitar Franco”». E non se confunde Ojea, xa que aquel domingo 27 de agosto de 1944, estaba prevista a presenza do xeneralísimo en Vigo para participar na clausura dos campionatos de atletismo do Frente de Juventudes e para inaugurar unha exposición que a Cámara de Comercio de Vigo preparara a correr para a visita do ditador. E tampouco erra cando recorda as circunstancias do accidente mortal de Handicap «arrollado de madrugada pola locomotora do tren do porto, ao quedarlle enganchado un zapato na vía, cando saía dos pavillóns da exposición á que fora a seguir as probas de iluminación».

Aquel pasamento aos 59 anos de Handicap, pseudónimo co cal firmou as súas crónicas Manuel de Castro González, marcou de tráxica lenda a traxectoria dunha grande figura viguesa, clave para promover a fusión entre os dous clubs da cidade o Fortuna e o Vigo Sporting, que se produciría o 10 de agosto de 1923 coa fundación do Celta de Vigo. Unha figura tamén pioneira do xornalismo deportivo vigués, que se ocupou do fútbol (e doutros deportes como a hípica, o rugbi ou a disciplina atlética do cross country) nas páxinas, primeiro de Letras y Deportes, a revista de Miguel de Zárraga, despois nas de Faro de Vigo, onde desenvolvería sempre a súa actividade dende a estrea o 16 de febreiro de 1909 cunha crónica dun partido entre o Vigo e o Exiles. Profesión na que Handicap tamén sería pioneiro na utilización do galego na sección «Notas deportivas» da revista Nós, como fixo coa memorable crónica (hoxe centenaria) do número de 26 de xuño de 1922 da final do campionato de «football» que no campo de Coia diante de «dez mil almas» xogaron o FC Barcelona e o Real Unión de Irún, partido que cualificou «dunha beleza futbolística esceucional».

Gerardo González Martín, autor dun libro sobre Handicap, considera que o fútbol comezou a xogarse no Malecón da Alameda en 1895. Mais a verdade é que haberá que agardar ao 19 de febreiro de 1905 para documentar na prensa o primeiro partido de fútbol celebrado en Vigo entre mariñeiros do buque Exmouth fondeado na ría e o Exiles FC dos cableiros ingleses residentes en Vigo. Como haberá que agardar ao 14 de maio do mesmo ano para o debut no Malecón do Vigo FC fronte ao cadro cableiro e meses máis tarde para a constitución do Club Foot Ball Fortuna que o 16 de xuño de 1906 desputará co Vigo FC o primeiro derbi vigués dentro do campionato galego. Primeiros pasos para os cadros do fútbol amateur vigués, que axiña contaron con cadanseu campo: o do CF Fortuna en Bouzas, nos terreos onde se instalaría Conservas Alfageme, ao que en tempos de camiños mal arranxados para a circulación, algúns seareiros chegaban desde a Ribeira en lancha; o do Vigo FC, que se fusionaría co Sporting Club en 1913, en Coia, preto do actual parque García Picher, lugar mítico para o balompé vigués, onde o 23 de setembro de 1923 debutaría o Celta fronte ao Boavista, ao que gañará por 8 a 2.

Cun espléndido palmarés de ambos os dous equipos, que lideraban os campionatos galegos, Handicap comprendeu que sendo Vigo a indiscutible capital deportiva de Galicia, o seu porto o primeiro da fachada atlántica e o fútbol un factor de modernización da propia cidade, «unha lufada de plena vida europea», en palabras do xornalista Manuel Lustres Rivas no xornal Galicia. Diario de Vigo (1922), os tempos esixían que Vigo, como sucedía en Barcelona, contase cun «equipo potente que levase as cores da bandeira de Galicia por toda España e polo estranxeiro» e dun gran estadio para vinte mil espectadores. Con semellante argumentario, as columnas de Handicap en Faro de Vigo, impregnadas co seu talante de facedor de acordos, conseguiron convencer a ambas dúas directivas e aos propios socios de cada entidade da necesidade da fusión, quedando apenas para a polémica o nome do novo club, as cores do uniforme e o deseño do escudo. Cuestións que segundo o avogado Juan Baliño, outro dos artífices do proxecto, solucionáronse de forma doada: o nome, botando man do resultado do concurso que Faro de Vigo organizara, no que Celta e Breogán contaban co maior número de adeptos;  o equipamento, empregando as cores da bandeira galega; e o escudo, adoptando a cruz de Santiago.

Celta galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a galeguidade do Celta de Vigo:

Ás portas do centenario da fundación do Celta de Vigo (1923) como fusión do Real Sporting Vigo e o Fortuna, non é doado comprender a facilidade coa que a sociedade propiedade de Carlos Mouriño entra en confrontación co seu propio cadro de xogadores, coas súas persoas abonadas e seareiras e a lingua que a todos nos identifica, como sucedeu estes días tras a desafortunada apertura dun perfil en galego en Twitter (@RCCeltaGL), subsidiario do oficial (@RCCelta), creado hai unha década e que conta hoxe con case medio millón de seguidores, no que se viña utilizando de forma habitual e non exclusiva o galego como lingua de vehicular e de referencia sen problema ningún.

Unha decisión na que chovía sobre mollado, tras o desleixo no emprego do galego nos últimos meses no perfil oficial, que coincidiu coa mudanza dos responsables da política de comunicación da SAD, que semella foi parcialmente emendada esta fin de semana, tras a enchente de apupos e críticas do celtismo, cando o galego regresou timidamente á conta oficial con algúns chíos, aínda que en porcentaxe moi inferior ao castelán, lingua utilizada en exclusividade no seguimento do partido co Raio Vallecano.

Polémica sobre uso do galego nas redes sociais que probablemente aos actuais responsables do club poida parecerlles fútil, froito da presión dos sectores galeguistas da bancada do estadio do Fragoso. Porén, o compromiso coa identidade cultural galega e co emprego da lingua nosa forma parte esencial do que foi o Celta durante un século, do que é o Celta na actualidade como primeiro cadro galego e do que agardemos será o Celta dos nosos netos ao remate do século XXI. Abonda con consultar as páxinas da historia celeste do mestre Fernando Gallego ou a biografía de Handicap, Manuel de Castro González, o xornalista deportivo de «Faro de Vigo» (de 1909 a 1944), que ideou a fusión de Vigo e Fortuna para crear o Celta, para entender un compromiso acuñado na escolla do seu nome, equipamento e escudo.

Nome, Celta, escollido entre unha relación de referentes galegos, como Breogán, Galicia ou Atlántico, sometidos a un concurso que Faro de Vigo montou ao efecto. Equipamento no que os fundadores quixeron de forma afouta que o Celta como representante de Galicia levase as cores da bandeira galega, azul celeste e branco, consolidando así o emblema que promovía a xeración Nos e que a ditadura de Primo de Rivera prohibiría. Sen esquecer que no peito dos xogadores celestes latexa o escudo no que aparece estampada a Cruz de Santiago, outra das nosas insignias.

Utilización do galego no fútbol da que foi pioneiro tamén Handicap, a figura, que xa no número 11 da revista «Nós» (26 de xuño de 1922), publica unha crónica en galego da final do campionato de «football» que no vigués campo de Coia diante de «dez mil almas» xogaron o F.C. Barcelona e o Real Unión de Irún. Arbitrado por un xuíz francés, M. Balway, chegado horas antes da capital de Francia, Handicap cualifica o partido «dunha beleza futbolística esceucional».

Notas deportivas neste «Boletín Mensual da Cultura Galega» que continuaría durante varios números do ano 1922 o ourensán José González Viso, amigo de Florentino López Cuevillas, baixo a sinatura de Goal, nas que anuncia «a reorganización en debida forma do Vigo e mais do Fortuna» para enfrontarse como selección galega á catalá «no marco da competición interrexional», a Copa do Rei, na que participaban os vencedores dos campionatos rexionais. Comentario de Goal que anuncia o carácter do Celta dende a súa fundación como autentico representante do fútbol galego nas competicións españolas.

Nos últimos cincuenta anos o Celta tivo outros momentos gloriosos de apoio á lingua e ao país. En 1971 doou 35.000 pesetas, unha por espectador dun Celta-Madrid, ao Patronato Rosalía de Castro, como lembrou estes días o xornalista Alfonso Pato. Inesquecible foi tamén a tarde do 4 de decembro de 1977 na que os xogadores celestes saltaron á lameira de Balaídos erguendo unha gran bandeira galega, mentres soaba o himno galego, compartindo naquel día histórico o esforzo das 300.000 persoas que pola mañá desfilaran polas rúas viguesas reclamando dignidade para Galicia, na maior manifestación da nosa historia.

Ás portas da celebración do centenario (setembro de 2023), os responsables do Real Club Celta SAD non poden esquecer estes alicerces de galeguidade sobre os que se fundou o club nin sobre os que se desenvolveu ao longo dun século a gramática do fútbol celeste. Este é o momento de facer memoria dunha emoción compartida por varias xeracións de celtistas, viguesas, galegas e espalladas hoxe polos cinco continentes. Recuperar a presenza vehicular do galego no perfil oficial de Twitter non é antollo ningún de galeguistas, é apenas manter a fidelidade co espírito dos fundadores.

Camiño Aberdeen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a primeira clasificación europea do Celta hai cincuenta anos:

Hai cincuenta anos que o Celta xogou a súa primeira eliminatoria da Copa da UEFA fronte ao Aberdeen FC, o equipo da cidade do granito, a terceira en poboación de Escocia. Foi aquela a maior proeza do Celta da miña infancia que, tras unha década enteiriña en Segunda División (dende a tempada 1959-60) na que xogou até cinco promocións, ascendeu por fin na de 1968-69 e despois de afacerse á primeira categoría, xa na seguinte (1970-71) e con Rodrigo Alonso Fariña como presidente e Juan Arza como adestrador, obtivo a sexta praza, até entón unha das mellores clasificacións da súa historia, que lle permitía clasificarse para unha competición europea. Naquela eliminatoria, a primeira que xogaba un equipo galego, o Celta non tivo sorte, o que non impediu que a saudade e o orgullo daqueles dúas derrotas acompañase o noso corazón celeste durante case tres décadas, até que chegaron os días felices das tempadas douradas de entre séculos, que o levarían en seis ocasións a xogar a UEFA (de 1998-99 a 2006-07), a gañar a Intertoto (2000),  a superar a fase de grupos da Liga de Campións (2003-04) e, hai pouco, a quedar ás portas dun remate en tempo de desconto da final da Liga Europa (2016-17).

Consultando a crónica de Manuel R. Varela e as entrevistas de Fernando Gallego a ambos os dous técnicos, publicadas en Faro de Vigo, ou a crónica de Marcelo Otero en El Pueblo Gallego, non hai dúbida de que naquel debut europeo na noite do 15 de setembro de 1971 o xogo do equipo de Arza estivo por baixo do que agardaban os doce mil celtistas reunidos no estadio de Balaídos que un ano antes o alcalde Portanet dotara de iluminación e que con motivo da euforia do ascenso prometera reformar completamente até chegar a contar cunha capacidade de 40.000 espectadores. Crónicas que recoñeceron que o Aberdeen foi superior como conxunto e tivo maior capacidade para desdobrarse na lameira do Fragoso. Os dous goles escoceses que deixaron fóra de combate ao Celta chegaron na segunda parte: o primeiro apenas transcorridos seis minutos da continuación, cando Harper aproveitou cun xutazo un grave fallo de blocaxe de Gost, o noso gardarredes; o segundo un autogol de Cesáreo Rivera, o veterano centrocampista goleador do Carballiño,  cando pretendía despexar de cabeza un saque de recanto que pillou despistado ao noso porteiro. Dous goles desgrazados que arruinaron as esperanzas dun equipo celeste que o deu todo, que quixo e non puido e onde destacaron Rodilla, que pelexou coma un xigante entre a defensa escocesa, algúns dos escintileos de Jiménez e a seguridade de Manolo.

Tampouco acompañou a sorte ao Celta no partido de volta, xogado o 29 de setembro de 1971 no Pittodrie Stadium, onde perdeu por cero a un, nun partido onde os de Arza mereceron máis. Segundo as crónicas de Manuel Tourón en Marca e de J. Vázquez para El mundo deportivo, «o Celta estivo mellor ca en Balaídos», «xogou ben, cunha profundidade case descoñecida». Alarcia, o noso gardameta suplente, parou un penalti, Rodilla fallou unha clara oportunidade e os escoceses marcaron a un minuto do remate. Crónicas que coinciden en que os celestes non se amedrentaron nin se resignaron nun estadio onde os 30.000 afeccionados escoceses compuxeron un orfeón xigantesco nin tampouco decepcionaron co seu compromiso  na lameira ao pequeno grupo de celtistas que os acompañaron nunha viaxe entón moi complicada até a principal cidade portuaria do nordeste de Escocia, hoxe capital petroleira europea. Aquel Celta dos partidos co Aberdeen sería sempre o meu Celta do corazón, porque foi o das primeiras ilusións conscientes. Un equipo que formaba con Gost ou Alarcia na portería; Pedrito e Hidalgo nos laterais; Manolo, Rivas ou Domínguez como centrais; Rivera, Juan e Almagro como centrocampistas e interiores; Lezcano, Jiménez ou Suco como extremos e Rodilla como dianteiro centro.

Cincuenta anos despois, lembrar aos heroes de Aberdeen é un exercicio de memoria que nos reconcilia cos principios da gramática do fútbol celeste coñecidos por unha afección formada en moitas derrotas mais que sabe valorar con prudencia o xogo como corresponde a un equipo modesto que non renuncia cada tempada a enxergar o regreso á competición europea, mais que non esquece tampouco os perigos de volver ás andadas de coller o elevador do descenso. Como a bancada de Balaídos sabe valorar tamén aos seus xogadores de corazón celeste, tanto os da valiosa canteira galega, á que pertenceron naquela xeración do Celta aberdonio os meus admirados Manolo, Rivera e Juan, como aqueloutros afillados e instalados en Vigo, como Pedrito, Lezcano e Jiménez, que cincuenta anos despois continúan dando leccións da causa celtista máis auténtica. Todo un exercicio de sobriedade entusiasta que ben podería ser emulado noutras actividades do país dos galegos.

Emilia Docet: señorita Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á reivindicar a figura pioneira de Emilia Docet:

A escritora María Reimóndez reivindicou no seu pregón da recente Feira do Libro de Vigo a memoria de mulleres viguesas como a doutora Olimpia Valencia, Urania Mella e Emilia Docet, cuxas sementes contribuíron a facer de Vigo a cidade rebelde que somos. Tres referencias que no caso da deportista Emilia Docet Ríos coincide co aniversario do seu nacemento (Vigo, 7 de xullo de 1915) e co da súa participación no mitin das Arengas da noitiña do 25 de xullo de 1934 pola que dende entón forma parte da historia do galeguismo. Filla pequena de Francisco Docet Filgueira, comerciante vigués, propietario dunha explotación de caucho no Perú, onde coñeceu a súa a dona a peruana Emilia Rios Renjifo, Emilia Docet é considerada por investigadoras como Patricia Arias Chachero como moito máis que a gañadora aos dezasete anos de dous concursos de beleza, o de Miss Galicia e o de Miss España, polos que foi moi popular nos medios da Galicia da Segunda República. Como Olimpia e Urania, Emilia foi unha muller moderna, libre e decidida, que no seu tempo axudou a abrir a xanela da igualdade.

Cando estudaba o terceiro curso de Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio, Emilia Docet participou no concurso de Miss Galicia organizado polo xornal «El Pueblo Gallego». Un xurado formado por homes coñecidos en Vigo, Manuel Otero Bárcena, Castelao, Luis Huesa Pérez, o arquitecto Jenaro de la Fuente e Carlos Maside  elixiuna o 11 de febreiro de 1933, tras un baile no Teatro Tamberlick, como gañadora entre unha ducia de mozas. Días despois participou no de Miss España, viaxando a Madrid acompañada polo seu pai, certame que gañaría o 21 de febreiro. Dende entón os medios salientaron de Emilia tanto «a súa beleza estatutaria helénica» como o seu carácter de muller culta, entregada os seus estudos mercantís e capaz de manter unha conversa en inglés, sen esquecer o seu carácter atlético e as súas preferencias deportivas pola natación e o remo, disciplinas que confesaba nas entrevistas practicaba con asiduidade no Club Náutico de Vigo. Pegada deportiva de Emilia Docet que a investigadora Iria Presa ampliou a súa participación como xogadora do equipo de hóckey sobre herba do club Vértice, entidade da que foi nomeada socia de honra, e onde xogou tamén ao tenis formando parella mixta con Jorge Mella Serrano, o fillo máis novo do anarquista Ricardo Mella.

Dimensión deportiva que non pode agochar, como amosan moi diversas fontes documentais, o seu compromiso galeguista, tanto polo feito de utilizar o galego en público como por formar parte como cotizante da agrupación viguesa do Partido Galeguista, do que lucía orgullosa no peito a súa insignia, aquel imperdible cunha fouce e unha estrela de ouro sobre as cores branca e azul da bandeira de Galicia que lle entregaran como recoñecemento o 28 de maio de 1933 Suárez Picallo e o propio Castelao. Unha determinación galeguista que Emilia Docet expresou cando no verán de 1933 solicitou ser recibida por Marcelino Domingo, ministro de Agricultura, para presentarlle a problemática de sete mil familias labregas interesadas no Matadoiro do Porriño. Como tamén a expresa a súa presenza no banquete galeguista do 16 de xuño de 1933 no Hotel Miño de Ourense, onde foron presentados dous libros de poemas, «Fírgoas» do mestre Manuel Luís Acuña» e «Cantiga nova que se chama riveira», o terceiro libro de Álvaro Cunqueiro.

Con todo será a súa intervención na praza da Quintana no mitin das Arengas do 34, xunto á ourensá Mercedes Docampo, como únicas mulleres dun elenco oratorio de vinte participantes, entre os que estaban, entre outros, Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo e Fernández del Riego, o que expresa o inequívoco compromiso de Docet coa causa galeguista, naquel momento identificada na procura do Estatuto de Autonomía. Presentada por Xaime Illa Couto como «a primeira muller galega que soubo sentirse orgullosamente galega fóra a súa Terra», a arenga de Docet («Mulleres galegas, berrade comigo: Viva Galicia Ceibe!») será cualificada na crónica de «El Pueblo Gallego» como «a máis breve, máis sinxela, máis bela…».  Un contacto co galeguismo que tería o seu derradeiro capítulo, antes de casar en 1940 e renunciar durante máis de medio século a calquera presenza pública, cando traballou durante un ano con Alexandre Bóveda, motor do PG, no Instituto Bioquímico Miguel Servet do camiño do Chouzo, fundado en 1935 polo farmacéutico Rubira, o médico Ramón Obella Vidal e o químico Fernando Calvet.

Transcorridos máis de vinte e cinco anos do seu pasamento (1995), Emilia Docet agarda ser recoñecida pola cidade de Vigo como unha das súas pioneiras. Soubo utilizar a fama que acadou de forma trivial como «Señorita Galicia» para reivindicar de forma libre e decidida a súa Terra e a valía das súas mulleres. Unha figura a recuperar.