Lemos máis, menos en galego

No esquecemento que sofre o sector editorial galego é doado comprender como foi tan pouco divulgado o informe sobre hábitos de lectura e compra de libros en Galicia (2024), promovido pola Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude. Elaborado cunha mostra de 1.200 entrevistas pola empresa Conecta, autora de informes semellantes para a Federación de Gremios de Editoras de España, ofrece datos de interese que axudan a interpretar as mudanzas de fondo da edición en galego tras a pandemia.

Increméntanse os índices de lectura

Quizais estrañe coñecer que o 69,9 % da poboación galega maior de 14 anos pode ser considerada lectora de libros impresos e que o 24,1 % de libros electrónicos. Como pode estrañar aínda máis que o 96,7 % da poboación lea textos en calquera medio e soporte (libros, xornais, revistas, comics, webs ou redes sociais), que case o 60 % lea e escriba en redes e o 86,2 % sexa o lectorado que utiliza pantallas para a as súas lecturas informativas. Porcentaxes que amosan, ademais dunha converxencia coas cifras da media española, 70,3 %, pechando unha fenda lectora histórica.

Indo ao detalle doutros datos, o índice de lectura por ocio (canto menos unha vez por trimestre) é do 66,2 %, mentres o das persoas que o fan por traballo ou estudos é do 26,5 %. Como está consolidado o fenómeno da hibridación lectora dixital en Galicia, xa que apenas o 43,3 % do lectorado de libros utiliza os soportes impresos, mentres o 6,5 % só libros electrónicos e o 20,1 % ambos os dous soportes; sen esquecer que a utilización de pantallas xa supera l o 95 % da media estatal.

Índices de lectura en galego

Fronte a este incremento do índice lector en Galicia, o referido á lectura en galego como práctica habitual é de 11,8 % da poboación galega maior de catorce anos, que se incrementa até o 59,8 %, se ten carácter ocasional. Ou dito doutra maneira: en Galicia a lingua habitual de lectura é o castelán para o 87,5 % das persoas maiores de catorce anos. Porcentaxe de lectura habitual en galego que diminúe con respecto ao ano anterior, que foi do 12,4 %. Datos que corrixidos co criterio de xénero sorprende que o índice sexa superior nos homes, 13,3 %, que nas mulleres, 10,7 %, o que non se corresponde cos índices da lectura habitual de libros en Galicia, o 76,2 % para as mulleres e o 63,3 % para os homes.

Índices de lectura en galego que, se os desagregamos por idades, poden ser máis esperanzadores, xa que entre a poboación de 10 a 13 anos le habitualmente en galego o 20,7 % e o fan con carácter ocasional o 66,3 %, idade de fronteira entre a infancia e a adolescencia que é a máis lectora da poboación galega. Índice que nas persoas adultas, entre os 25 e os 34 anos, chega ao 15,0 %. Mais se adoptamos un criterio territorial, é a poboación de Pontevedra, co 17,3 %, a máis lectora en galego.

Nembargante, as respostas á pregunta «cal foi o idioma do último libro lido?» ofrecen porcentaxes máis estremas, 6,66 % para un libro en galego e o 91,5 % para un en castelán. As razóns confesadas polas persoas consultadas sobre un comportamento tan desfavorable para a lectura en galego van desde que «o título escollido non estaba editado en galego» (38,6 %) ou que «lle resulta máis sinxelo ler en castelán» (26,9 %). “Razóns”, en ambos os dous casos, que son prexuízos lingüísticos, xa que tanto o catálogo actual do libro galego ofrece onde escoller, xa que conta hoxe con quince mil títulos dispoñibles na rede libreira, como tres xeracións foron alfabetizadas en galego e deberían contar cunha competencia lectora semellante nas linguas oficiais.

Índices da compra de libros

Semellante é o cantar da porcentaxe de compra de libros en Galicia. Así o 57,1 % da poboación galega mercou libros que non fora de texto, unha media de 8,7 ao longo do ano, o que sitúa este índice por riba da media española. Na compra, como na lectura, son máis as mulleres (58,9 %) ca homes (55,1 %), sendo o perfil máis comprador de libros non de texto as mulleres entre 25 e 44 anos, que superan o 67 %. Acorde co sucede na lectura, a provincia de Pontevedra é a que ofrece un índice de compra máis elevado, 63,39 %, mentres a de Ourense, a que menos, 47,5 %. Libros que se mercan nas librarías, nun 71,3 %, mentres os que o fan en Internet acadan o 19,5 %, canle dominada por Amazon, posuidora do 78,79 % deste mercado.

A compra de libros en galego

Este índice correspóndese co da lectura habitual en galego. Así o 16,1 % das enquisadas declara que o último libro que comprou estaba en galego, mentres máis do 80 % o fan en castelán. Porén, cando se pregunta sobre cal é lingua habitual dos libros mercados, apenas son 5,7 % os que o fan en galego (en liña co 6,69 % do índice lector en galego), mentres que o 93,4 % os merca en castelán. Índice no que se mantén a marca de xénero, 6,4 % os homes, 5,17 % mulleres, sendo o segmento de idade máis comprador en galego o 14 a 24 anos.

A investigación complétase cunha serie de datos sobre a lectura das persoas menores de 14 anos. O 85,7 % das familias recoñece que lle le a súa cativada, un 73,1% tamén en galego. Como tamén son elevadas as cifras de lectura da rapazada entre 10 e 13 anos, na que a lectura de libros non de textos acada o 76,4 % (case 11 libros ao ano), 20 % en galego, a de webs e blogs o 85,4 % e a de redes sociais, a pesar de idade tan temperá, o 76,8 %.

Publicado en Nós diario: 22/05/2026

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *