As columnas de Noriega

Degoxo os libros galegos que xuntan textos publicados na prensa como crónicas ou columnas de opinión. Páxinas de xornalismo literario entre as que se atopan algunhas das mellores publicadas na nosa lingua nas últimas catro décadas. Velaí títulos como Na marxe de cada día (1994) de Carlos Casares, No fondo dos espellos (2020-2022) de X.L. Méndez Ferrín, Toxos e flores (1992) de Manuel Rivas, A carreira do salmón (2001) de Suso de Toro, Libro das columnas (2005) de Luisa Villalta ou Si home si (2001) de Xosé Manuel Pereiro, entre outras das miñas preferencias. Libros dun xénero editorial híbrido, entre o ensaio, a non ficción e o memorialismo autobiográfico ou o dietario, no que unha voz vindicativa defende posicións ou achega testemuños capaces de conmover, explicar ou facer escarnio. Utilizando este formato, Martiño Noriega recolle no libro Os médicos tamén enferman (Alvarellos 2025) os relatos médicos publicados en Nós diario, entre as primaveras de 2021 a 2024, que conforman unha crónica do seu reingreso á medicina de familia, coincidindo coa pandemia e despois de doce anos en primeira liña do activismo como voceiro de Anova e alcalde de Teo e Compostela. Medio cento de columnas que zumegan talento narrativo e vontade de estilo, nos que se recuperan as voces baixas dos pacientes, nun exercicio de escoita activa e de acompañamento de conmovedora empatía de quen sabe estar nos silencios e respectar os ritmos emocionais precisos nos coidados. Columnas que constitúen unha brillante e lúcida denuncia –dende a consulta, epicentro onde repousan dores e fatigas dos sanitarios nunha situación límite– da precariedade da atención primaria do Sergas nun momento crítico para a vida de millóns de persoas. Testemuño de mortes estremecedoras, para as que se reclama dignidade, máis tamén libro de instrucións dunha esperanza ameazada por un presente que ule a derrota. Lectura recomendabilísima, que forma parte das mellores obras literarias publicadas en galego no primeiro trimestre do ano.

Publicado en Nós diario: 16/04/2025

Piares da Lectura

Pechou o Salón do Libro de Pontevedra dedicado ao cine coa homenaxe a Xavier Senín e Isabel Soto, piares da tradución e activistas da lectura nas últimas catro décadas. Cun discurso literario fermoso e documentado, foi a bibliotecaria Ánxeles Roca quen debullou a súa traxectoria e méritos, salientando que concibiron a tradución como ferramenta capaz de desfacer fronteiras e indispensable para a normalización do galego. Ademais de conformar cadanseu impresionante currículo profesional e catálogo tradutolóxico, coma outro compartido non menos interesante, modelo de traballo colaborativo rigoroso e teimudo, con fitos senlleiros no cento de obras anosadas ao galego dende o francés, entre as que destacan as súas versións xeniais de Asterix (con Alejandro Tobar), Senín e Soto son activistas da lectura e facilitadoras con grande xenerosidade da construción de proxectos colectivos. Velaí as súas achegas a Galix e Oepli, a termar de publicacións como Golfiño ou O correo da Unesco, a proxectos como «Imos xuntos camiñar» ou á intensa colaboración literaria e acompañamento aos membros da Xeración Lamote (Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Paco Martín), sendo para min outros membros máis deste grupo fundador da nosa lix. Mención á parte merecen os seus compromisos e méritos individuais. Sexan os de Isabel Soto como crítica literaria, especialista en educación literaria e formación de mediadoras ou como biógrafa e coidadora da obra e legado de Fernández Paz, entre outros. Sexan os de Xavier Senín os de modélico xestor do público, ao longo de dezanove anos como subdirector xeral do libro na Xunta de Galicia, primeiro valedor do proxecto de modernización do sector editorial galego, ademais de teimosa intelixencia activa do consenso forxado na Mesa do Libro (2003-2004) arredor do texto inicial da Lei do Libro e da Lectura, aprobada despois en 2007, que continúa sendo referencia para a edición galega. Xustísimo recoñecemento para Senín e Soto, piares da tradución, da lix e da lectura.

Publicado en Nós diario: 09/04/2025

Herdanza de Docampo

Na porta da casa na que viviu Xabier P. DoCampo na Coruña, a AELG colocou en 2019 unha placa na que aparece a confesión máis coñecida do escritor chairego: «Sen dúbida, o acto máis íntimo que coñezo é contar unha historia». Frase afortunada de quen fixo da súa viaxe relato, aprendida a carón da lareira onde o seu pai, o muiñeiro Raimundo, transmitiulle unha tradición e unha cultura na que a palabra oral era referente, e onde a mai mentres cosía recitaba a San Juan de la Cruz ou cantaba os cuplés do momento. Herdanza de infancia de quen viviu un mundo de historias ao pé dunha cerdeira enorme que pousaba as súas ramas no lousado da súa casa de Castro, árbore que escolleu para representar as súas raíces na homenaxe coa que foi recoñecido, outra vez pola AELG, cando lle entregou a Letra E. Homenaxe actualizada, dende o pasado ano, cada 5 de abril, arredor do día do seu nacemento, na Polavila Docampo, iniciativa itinerante das súas amizades para lembrar a súa figura e o seu activismo educativo e de fomento da lectura, ademais de compartir e poñer en valor o seu extraordinario legado literario de trinta libros e centos de textos ensaísticos. Serán no que, sobre todo, se pretende celebrar o desexo de que nos conten historias e a autoridade do narrador que a fai verosímil a, na cerimonia máxica da contada. Polavila Docampo 2025, que se celebrará mañá, 3 de abril, no edificio da sede da Deputación de Lugo, que se iniciará coa lectura de fragmentos da súa última novela A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), que dará paso a unha gala literaria na que de forma altruísta participarán as súas amizades lucenses, poetas, contadores e cantoras. Outro serán onde a lingua volverá ser escudo para o libro galego, como reclamou o mestre de Castro de Ribeiras de Lea na súa derradeira intervención o 19 de maio de 2018, cando recibiu o premio ao mellor libro de narrativa do ano, que finalizou denunciando aos que deixan a intemperie o libro e a cultura galega, outra herdanza de Docampo.

Publicado en Nós diario: 02/04/2025

Isaac editor

No ano no que se lle dedica o Día das Artes Galegas a Isaac Díaz Pardo, a Asociación Galega de Editoras organiza unha homenaxe ao seu papel como editor. Isaac pertenceu á xeración de editores galegos do franquismo, xunto a Francisco Fernández del Riego (motor e cerebro da editorial Galaxia) e Xosé María Álvarez Blázquez (fundador de Monterrei e Edicións Castrelos) que enlazaron a edición galeguista republicana de Ánxel Casal coa edición profesional nacida á par da Autonomía. Representou Díaz Pardo como editor a vontade de modernizar e normalizar a edición galega do interior incorporando a cultura gráfica da edición americana, animada pola figura de Luís Seoane, co que compartiu o proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia, que crearía os proxectos empresariais de Cerámicas de Sargadelos e de Ediciós do Castro. Editora de vontade divulgadora da ciencia e cultura galegas, que dirixiu con xenerosidade e intelixencia política dende 1963 a 2008, onde deixou un catálogo de 1.450 títulos e vinte coleccións, imprescindibles para a cultura galega do século vinte, como «Documentos para a historia contemporánea de Galicia», referente da memoria republicana e do exilio. Animou sempre Isaac o debate sobre a situación editorial de Galicia, unha das súas teimas no proxecto de facer país. Eis aquel seminario histórico encol do libro galego celebrado no Castro, coincidindo co ano internacional do libro, entre o 30 de xuño ao 2 de xullo de 1972. Un debate vibrante arredor da posición de Rafael Dieste que defendeu que Galicia debería contar cunha grande editorial que servise de enlace coas culturas castelán e portuguesa. Agradecinlle a Isaac a xenerosidade coa que sempre nos sentou na mesa do IGI aos editores novos. Advertiunos co seu realismo cru de editor discreto e retranqueiro, curtido nalgúns fracasos comerciais e liortas literarias, que en Galicia o noso oficio consistía en templar gaitas e limpar merdas. E non lle faltou razón, son tarefas máis arriscadas e complexas do que parecen.

Publicado en Nós diario: 26/03/2025.

Educación lenta

Defendo que a lentitude é unha calidade da educación. Posición que coñecín coa publicación do ensaio Elogi de l’educació lenta (Graó 2009), onde o mestre Joan Doménech propoñía unha nova ollada centrada no tempo educativo coa intención de obter aprendizaxes de calidade. Reivindicación da lentitude como cerna do acto de aprender recollida polo mestre Gianfranco Tavalloni en  La pedagogía del caracol. Por una escuela lenta y no violenta (Graó 2011) e plasmada na imaxe do vagaroso cascarolo que enfundado na súa casa andante percorre os camiños, deixando unha brillante estela o seu paso. Doménech e Tavalloni defenden diminuír a velocidade dos procesos educativos, que insisten máis nos procesos avaliadores ca na calidade das aprendizaxes. Como denuncian que a velocidade é responsable indirecta da actual crise planetaria, tanto polo incremento da velocidade no consumo enerxético superior ao da súa creación; como a velocidade de produción de refugallo é superior á da natureza para reabsorbelos. Estratexia educativa decrecentista que pasa por introducir estratexias didácticas de desaceleración que, a pesar de que poidan parecer vellas, pagan a pena recuperar. Van unhas cantas para as aulas de infantil e primaria: dispoñer de tempo abondo para escoitar, conversar e xogar entre todos e todas; recuperar a boa letra nos cadernos, compartir a lectura en voz alta, debuxar en vez de fotocopiar, cantar e danzar, camiñar a pé cos colegas, escribir cartas aos nosos correspondentes, enviar tarxetas postais, cultivar na horta escolar, recoller os datos da estación meteorolóxica, mirar as nubes do ceo ou só mirar con curiosidade pola fiestra… Reclamemos unha escola lenta que, no marco do actual deseño universal de aprendizaxe, é tamén a que mellor acolle a diversidade e a neurodiverxencia. Convenzámonos que na escola, como noutros moitos ámbitos, paga a pena ser máis lentos e volver gozar das paradas para coller folgos. Perder tempo para gañar tempo, porque a velocidade apréndese na lentitude.

Publicado en Nós diario: 19/03/2024

Audiolibros

Cando se van facer quince anos da publicación por Xerais dos primeiros libros dixitais en galego en formato epub, Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Sete palabras de Suso de Toro, o sector editorial anda as voltas cun novo intento de popularizar o audiolibro. Un formato dixital en auxe nos mercados editoriais próximos, que  conta cun catálogo de 25.000 títulos en español e unhas vendas do 3 % das do sector. Foi a publicación da magnífica edición de Pel de cordeiro (Xerais 2024) de Ledicia Costas, nas voces de Ana Lemos e Chelo Díaz, á que se engadiu á oferta pioneira iniciada en 2011 por Rinoceronte, abandonada pola editora do Morrazo hai unha década. Catálogo en galego ao que en 2021 se sumaron tres títulos de María Reimóndez, O club da calceta, Corredora e Usha, na voz da autora e distribuídos en Audible, a plataforma de Amazon, onde está publicada Beleza vermella de Arantza Portabales. Publicacións ás que tamén tras a pandemia se engadiron dez títulos en dominio público de Léocho?, a primeira editora galega só de audiolibros. Oferta mínima e fragmentada explicable polos custes de produción elevados, que poden superar os 3.000 € por título, o que fai imposible ás editoras recuperar o investido. Con todo, a problemática introdución deste novo formato nun mercado lector xa hibridado, volve residir nos baixos índices de lectura en galego, abaixados até o 3,90 %, outra cifra dramática para o futuro da lingua, a metade da cota de mercado do 8,00 % para o libro galego, considerada até hoxe fiable. De moi pouco axudan os discursos triunfalistas dos que alardean do momento excepcional da literatura galega cando o seu público non ten conta dela. No caso do audiolibro, como sucedeu hai quince anos coa ampliación dun catálogo suficiente do formato epub, para saír do enredo de se é antes a oferta ca demanda, é imprescindible que as editoras privadas conten con axudas públicas atractivas para producir títulos de calidade e promocionalos na canle bibliotecaria de GaliciaLe.

Publicado en Nós diario: 12/03/2025

Nova temporada

Co día de Rosalía e a chegada ás librarías dos libros de Entroido, como o precioso número do último Sermos, «Entroido. A raíz do pobo», comeza a nova temporada para o libro galego. Primeira xeira na que destacan a publicación de Rosalía oculta (Galaxia 2025) de Paula Mayor, cómic biográfico sobre a Rosalía máis transgresora, Premio Castelao de Banda Deseñada (2023) e do ensaio Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais 2025) do profesor Carlos Callón, precedido por unha lamentable campaña homófoba de acoso ao autor. Xaora, neste entrega teñen particular relevancia as novidades relacionadas coa celebración das Letras Galegas, publicadas en boa medida para a abordaxe da efeméride nos centros educativos. Oferta sobre as cantareiras que, pola moi atractiva e variadísima primeira fornada, aventura unha grande mobilización popular o 17 de maio. Eis o volume colectivo, Somos pandeireteiras (Xerais 2025), prologado por Mercedes Peón, ou o álbum precioso, Sei cantar, sei bailar (Xerais 2025) de Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo. Xeira que inicia potente a tempada narrativa, cos debuts memorables das viguesas Cynthia Menéndez con Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia 2025) e María Besteiros con Ítaca (Xerais 2025). Outra tanto sucede coa poética na que volven voces xa clásicas como as de Xavier Seoane con A árbore desvelada (Tambo, Kalandraka 2025) e Calros Solla con herba de Vigo (Morgante 2025). Sen esquecer o atractivo inicio da tempada de narrativa traducida con clásicos como Asasinatos, S.L. (Huguin e Munin 2024) de Jack London, novela traducida por Iago Nicolás Ballesteros e En canto agonizo (Rinoceronte 2025) de W. Faulkner traducida por Moisés Barcia. A pesar da inevitable melancolía do noso sector editorial, achacoso pola súa mala saúde de ferro crónica, como pola emerxencia da situación da lingua, esta excelente estrea de temporada, por arriscada, diversa e moi coidada, amosa que a edición galega nin procrastrina nin baixa os brazos como agoiran algúns.

Publicado en Nós diario: 05/03/2025

Don Xesús

Acompañei como editor a Xesús Alonso Montero durante vinte e cinco anos presentando por Galicia adiante os seus libros, comprometidos coa memoria republicana de Galicia e coa patria común da lingua. Admíroo dende entón como orador de verbo aceirado, quizais o mellor da cultura galega do noso tempo; tamén como polígrafo e erudito, investigador textual, sen menoscabo da súa actividade como articulista literario, autor de milleiros de bosquexos e defensor de teses incómodas e críticas cos poderosos. Máis alá da súa condición de profesor de lingua de afán didáctico na dicción, no xesto e na ollada, como de fistor popular ateo, a maior consideración que merece don Xesús é a súa condición de activista antifascista e militante do Partido Comunista de Galicia dende hai máis de seis décadas. Compromiso político e cívico inquebrantable coa Galicia mártir, humilde, perseguida e emigrante representada na súa insignia do triángulo vermello ou na súa inseparable bufanda encarnada. Con este currículo, difícil de entender é a negativa do grupo municipal do BNG de Lugo de apoiar o seu nomeamento como fillo adoptivo da cidade da muralla. Posición polémica á que acudiron ao rescate nacionalistas que na rede dubidan que 16 anos como profesor de instituto e da escola normal sexan suficientes para adquirir suficiente arraigo lucense ou acusen sen argumentos a quen foi presidente da RAG (2013-2017) de deixamento na defensa do galego. Postura coa que o BNG de Lugo deixa nunha posición delicada a credibilidade da dirección de Ana Pontón recuperando prácticas sectarias da organización frontista liderada pola UPG. Fóra do xuízo que a cadaquén lle mereza a figura poliédrica de Montero (96 anos), Pontón e o seu equipo saben que a única intransixencia admisible é a que cuestione o fascismo e a persecución da lingua nosa. Lonxe xa de rancores e coitas, que criamos superadas, a construción da nación é unha tarefa colectiva á que estamos todos convocados e á que don Xesús contribuíu cun admirable traballo.

Publicado en Nós diario: 26/02/2025

Galego nos patios

Da asemblea xeral pola lingua do STEG tiro tres conclusións que axudan a reaccionar no estado de emerxencia do galego. Primeira: cómpre recuperar as políticas públicas integrais de normalización, o que obriga a elaborar un documento normalizador estratéxico, periodificado con dotación económica suficiente no horizonte dunha década (2026-2036). Segundo: admitir que no caso galego, o modelo de educación lingüística é trabe do proceso normalizador, tanto pola súa responsabilidade na adquisición das competencias do currículo, como pola súa capacidade para desmontar prexuízos negativos ou pola súa transcendencia nos procesos de socialización externa dende idades temperás. E terceiro, admitindo que nas aulas un novo modelo de educación lingüística é incompatible co fracasado decreto 79/2010 de plurilingüismo, nada impide aos centros establecer, dende mañá mesmo, con carácter xeral a utilización do galego como lingua vehicular dos períodos extracurriculares, incorporándoa como marca de excelencia dos programas de recreos inclusivos e dinámicos ou das visitas a museos e teatros. Outrosí sucedería coas actividades complementarias e de socialización secundaria, organizadas polo centro ou polas ANPAs; tamén cos programas de extensión da xornada, como madruga, comedores ou colonias escolares urbanas. Outro tanto sucedería co emprego do galego nas comunicacións internas e externas dos centros, titoría e formación de familias, sinalética interior e externa, taboleiros de anuncios, webs e redes sociais… Reacción que pasa pola renovación do compromiso galeguizador do profesorado e a utilización vehicular do galego na titoría, nos claustros, informes de avaliación, actas de reunións de ciclos e departamentos. Recuperar o galego nos patios e nas salas do profesorado, centro a centro, non depende da Consellaría de Lingua que continúa coa súa política de engano para blindar o daniño modelo de educación lingüística de 2010, que denunciaremos de novo en Compostela o domingo 23 de febreiro.

Publicado en Nós diario: 19/02/2025

Galego cordial

Cando lin as declaracións do Conselleiro de Cultura con motivo da entrega ao coordinador do Plan xeral de normalización (PXNLG) dos resultados dunha Enquisa sobre percepción social do galego, elaborada sobre unha mostra de 1.200 familias, polo Instituto Sondaxe, empresa que forma parte da Corporación Voz de Galicia, convencinme de que o equipo de José López Campos colleulle definitivamente os talentos aos expertos convocados para facerlle fronte á crise de uso do galego. E quen me coñece sabe que nunca foi o meu estilo comerlle a figura a ninguén, forma elegante na fala viguesa de botarlle a alguén unha filípica ou poñelo podre. Máis desta vez a audacia de López pode saírlle furada na súa teimosa determinación de non modificar nin un grao a deriva da actual educación lingüística. E como pola arandela baila a cadela, o conselleiro non agocha o seu entusiasmo á hora de anunciar os datos do estudo dunha empresa privada –poñéndoos á mesma altura dos datos do IGE e dos incumprimentos do 5º e 6º informes do comité de expertos da Carta Europea das Linguas– que conclúe que «en xeral as familias galegas están moi satisfeitas ou satisfeitas co uso do galego no sistema educativo». Para seguir con toda a cara lavada que  sobre «as preferencias de uso do idioma no ámbito escolar, un 55,2 % considera que a situación actual do uso do galego no sistema educativo debía manterse sen cambios». Falou Varela, dicimos en Vigo. A crise do galego non era para tanto e o decreto 79/2010 non se toca, que para iso as familias están moi satisfeitas e «non queren que se impartan máis materias en galego ou seguir o modelo de inmersión lingüístico». Diante desta doutrina de quen paga manda, agoiro que os expertos contarán con marxe escasa para propoñer, fora da chegada xa anunciada de Xabarín aos patios. Regresa o discurso conformista da cordialidade, segundo capítulo daquel de imposición do galego. Mágoa que o equipo de López queira enfiarnos aos mestres galeguistas polo cu dunha agulla. Madia leva!

Publicado en Nós diario: 12/02/2025