#GrazasHemato

Abracei por vez primeira a Hematocrítico interrompendo unha sinatura multitudinaria na feira do libro da Coruña. Acababamos de publicar a edición de Feliz Feroz. O lobiño riquiño (Xerais 2016), que fixera Anaír Rodríguez, dende entón a voz da súa obra en galego. Confeseille atrapallado que era un seguidor das súas novelas gráficas e do seu perfil en Twitter, que como director da editorial agradecía as súas facilidades para incluír o seu primeiro libro infantil na nosa colección Sopa de Libros. Moito lembrei estes días aqueles tres minutos alborais con Hemato, como o seu sorriso que contaxiaba afecto, cando choramos incrédulos o seu pasamento. Unha dor que nos estremece mitigada apenas pola lectura do seu bosque dos contos, oito libros xeniais, extraordinarios, outras tantas trabes de ouro da nosa literatura infantil. Un legado literario con vontade de clásico onde identificamos a voz de autoridade do lobiño riquiño, que coas modulacións e as pausas do humor e do agarimo esnaquiza os prexuízos rancios dos personaxes do conto clásico europeo sen modificar o relato identificado de xeración a xeración. Voz do lobiño que utilizaba en todos os proxectos creativos nos que participaba, fosen literarios ou audiovisuais, para a infancia ou para público maior. A voz do mestre que coñece os temas e rexistros da conversa da súa picariñada (como hai tres décadas fixeran os mestres Agustín e Docampo), matizada polos contidos máis diversos do relato de quen leu durante dúas décadas un conto diario ao seu alumnado cativeiro. Foi a de Hemato unha obra subversiva, revolucionaria, como as obras proxectadas pola súa alcaldesa vermella, como disrutivo foi o seu perfil branco e violeta de Twitter, compartindo azos, beleza e retranca a esgalla, os mellores antídotos para protexernos do xurro de odio e falsidades que luxan as redes. Grazas Miguel por legarnos a voz do lobiño. Na túa memoria compartirei con Montse e Ledicia outro arroz con lumbrigante con recendo de Laredo. #GrazasHemato

Publicado en Nós diario: 06/12/2023

Culturgal

Desde a primeira edición de 2007 organizada no Pazo da Cultura de Pontevedra pola Asociación Galega de Editoras, Culturgal mantívose como lugar de encontro anual entre públicos, profesionais e creadoras das diversas industrias e manifestacións culturais galegas. Renomeada nesta décimo sexta edición como «Feira das Culturas Galegas», continúa mantendo o seu carácter de evento cultural de referencia en Galicia, grazas tanto a súa organización por parte da asociación Culturgal, formada por cinco entidades profesionais, como ao seu patrocinio por parte doutras tantas administracións (Xunta de Galicia, Ministerio de Cultura, Concello de Pontevedra e deputacións da Coruña e Pontevedra). Un tecido de acordos e achegas públicas e privadas, renovado en cada edición (nun país onde é pouco frecuente que callen os acordos intersectoriais e aínda menos entre administracións de cores diversas), capaz de consolidar un evento de calidade do que se senten orgullosos tanto as organizadoras e patrocinadoras como os públicos participantes. Culturgal entendeu que a súa maior forza residía nos seus públicos, dende o familiar ao profesional, que fixeron da feira pontevedresa un espazo amigable de encontro e de descuberta das novidades de cada sector (libro, música, escena, audiovisual, artes plásticas…) e das iniciativas culturais cada vez máis diversas e transversais. Como Culturgal arriscou a que os seus públicos asumisen o pagamento dunha entrada accesible como un exercicio corresponsable, o que comprometeu á organizadora a facer da feira un espazo máis confortable e cada ano novidoso nas súas programacións e propostas. Con estes vimbios e a experiencia acumulada por varias direccións e equipos de xestión, o Culturgal 2023 asume o reto da ampliación do seu perímetro con actividades en Vigo e co deseño de numerosas iniciativas hibridadas vinculadas a diversos soportes e artes. O de Culturgal é un éxito colectivo da nosa cultura e das súas industrias que ben merece ser recoñecido.

Publicado en Nós diario: 29/11/2023

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada «IIº Tecendo xornalismo», organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun «consello de informativos» ou «consello de redacción» como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de La noche 24 horas (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do «Consello de Informativos» e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijoo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galega, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.

Publicado en Nós diario: 22/11/2023

Librarías

Coincidindo con San Martiño (os trompos ao camiño) e os primeiros magostos, celebrouse o sábado o día das librarías, data incluída dende hai doce anos no calendario galego do libro e da lectura. Concibida como inicio da campaña de vendas de Nadal, anticipándose aos descontos do Black Friday (24 de novembro) que están en voga noutros sectores do comercio, a Federación de Librarías de Galicia convidou aos públicos lectores a visitar durante esta xornada calquera das súas 147 librarías asociadas (o 80 % das que estimamos abertas en Galicia) para participar en actividades de promoción de libro e de recomendación lectora. Unha xornada necesaria para o recoñecemento do papel esencial das librarías independentes tanto no desenvolvemento cultural e educativo de cadansúa comunidade local como do seu comercio de proximidade resistente á homoxeneización da distribución centralizada. Un sector que en Galicia facturou no pasado ano cincuenta nove millóns de euros (a prezos de capa), dos que estimamos sete (o 12 %) corresponden ao libro en galego, moi preto da metade das súas vendas. Onde hai unha biblioteca hai unha luz, escribiu o mestre Agustín Fernández Paz no seu manifesto en defensa da biblioteca pública (2009), o que podemos arremedar para cada libraría que aínda continúa aberta (mesmo as que sabemos ofrecen unha colección bibliografía cativa compartida con outros produtos impresos ou de papelaría). Onde hai unha libraría hai unha luz que agarima e orienta a súa clientela lectora, unha luz dun faro que atravesa os seus muros e na rúa ou na praza se fai aínda máis intensa entre bares, farmacias, panadarías, supermercados e outros comercios de primeira necesidade. Como incitaba o mestre de Vilalba, abramos as portas e entremos afoutos na libraría, non teñamos medo a perdernos entre os seus andeis e gozar remexendo entre os libros de temáticas, linguas e destinatarias diversas. Onde hai unha libraría hai unha comunidade portadora da luz dun mundo que non perdeu a esperanza.

Publicado en Nós diario: 15/11/2023

Educación dixital

Tras máis dunha década de educación dixital en Galicia, a Consellaría de Educación non presentou aínda a avaliación do seu modelo. O que chama a atención xa que dende 2009, inicio do programa Abalar,  leva investido 84 millóns de euros destinados na súa maior parte a dotar de infraestrutura informática (portátiles para o alumnado, carros de recarga, pizarras interactivas, puntos de acceso wifi e entorno virtual de aprendizaxe para as aulas) aos 469 centros que imparten 5º e 6º de Primaria e 157 de ESO participantes no curso 2023-2024 no programa E-dixgal, case un 60 % da rede de centros públicos. Unha estratexia dixital coa que desapareceron de raíz destas aulas de Primaria os libros de texto impresos, da que se descoñece se foi avaliada algunha vez polas autoridades educativas, tanto no referido ao nivel de adquisición das aprendizaxes e competencias do alumnado, como da súa adecuación ao proceso de hibridación dixital da sociedade galega. Programa, no caso de E-dixgal, iniciado en 2014, que obriga ao profesorado a escoller os contidos dixitais, as secuencias curriculares e a metodoloxía didáctica só entre as tres propostas ofertadas pola Consellaría de Educación  (Aula Planeta, Edebé e Netex), que supoñen apenas o 5 % dos fondos investidos no programa, deixando fóra as do resto das editoras. Máis alá da limitación da liberdade de cátedra que para o profesorado isto supón, os estudos académicos que se ocuparon de E-dixgal coinciden en que o profesorado participante sinala, entre outras propostas, a necesidade de introducir cambios no relativo á calidade dos contidos ofrecidos, mellorar a formación do profesorado, incrementar a calidade de conexión e renovar o deseño do Espazo Abalar, fomentando que as aulas compartan as súas actividades interactivas e obxectivos didácticos dixitais. Polo que se ve a educación dixital non vai só de contar con portátiles e pantallas. Urxe que a Consellaría lle dera unha volta, como comezan a facelo outras administracións educativas.

Publicado en Nós diario: 08/11/2023

Bieito Ledo

No acto de ditame da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia, no que se pronunciaron discursos de aceptación excepcionais, como os do profesor Carlos Callón, gañador da modalidade de Investigación, en defensa da lingua galega, da causa da paz no mundo e dunha Palestina libre, e o da arquitecta Teresa Táboas, gañadora en Artes Plásticas, a prol dunha arquitectura inclusiva ao servizo do benestar da comunidade, recoñeceuse tamén a traxectoria na institución de Bieito Ledo Cabido como presidente fundador da entidade promotora. Coincidindo co inicio dunha nova etapa na organización destes premios anuais á excelencia das producións culturais galegas, os máis antigos dos organizados no país, esta homenaxe ao veterano editor, xestor e activista cultural de Padroso, celebra o seu esforzo teimoso, incansable e xeneroso para manter a duración dun proxecto normalizador para a cultura galega, concibido dende o seu inicio (16 de maio de 1978) en man común, cando non existían as institucións autonómicas. Como salientou Víctor F. Freixanes no seu texto de adhesión á homenaxe en «Galicia sempre máis importante que poñer andar as ideas é conseguir que duren, medren e dean froitos». Efectivamente, recoñecer e agradecer a continuidade proporcionada por estas persoas-vértice de proxectos colectivos de construción nacional, como é o caso de Bieito Ledo cos Premios da Crítica de Galicia, ademais de fortalecer a comunidade de afectos e complicidades tecidas polo tempo, indispensable para o seu funcionamento, renova nos seus participantes azos e compromisos de futuro. Parabéns ao druída do carballo de Padroso que en fermosas palabras que lle dedicou a xornalista María Xosé Porteiro na súa laudatio «ensinounos que sempre hai un novo chanzo e novas metas que acadar, cando se fixan con acerto os obxectivos, se constrúen equipos fortes, se procuran alianzas e se traballa arreo». Unha receita saudable para tantos outros proxectos de construción do país de noso. Beizón, Bieito Ledo!

Publicado en Nós diario: 01/11/2023

Baixar as ratios

O principio do benestar emocional do alumnado no marco dunha escola inclusiva que atende a diversidade constituíuse tras a pandemia no eixo do discurso educativo do goberno Rueda. Mágoa que semellante proposta, un espazo seguro de acordo das comunidades educativas, se atendemos aos recursos destinados para ela pola administración galega, quedase xa ao comezo de curso en auga de castañas, apenas outra función dos gurús espectáculo da educación emocional. E se alguén o pon en dúbida, abonda con ler a letra pequena do acordo recente da Consellaría de Educación con tres sindicatos sobre a redución das ratios de alumnado por aula, alongado en nove cursos na Primaria, a raquítica redución do horario lectivo, que nin chega ao que rexía a comezos de 2020, ou nin sequera sobre a redución da carga burocrática, aumentada de forma considerable coa dixitalización administrativa. Decepción compartida polo profesorado mobilizado onte reclamando melloras da calidade do servizo educativo público, sobre todo no referido á redución efectiva do número de alumnado por aula, dende 4º de Educación Infantil a 2º de Bacharelato, como a medida máis efectiva de atención á diversidade, tanto para o alumnado con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo, como para facilitar aprendizaxes individualizadas e cooperativas na aula e no centro no contexto actual de hibridación e alfabetización dixitais e da transformación da biblioteca escolar en espazo de innovación, galeguización e desenvolvemento do espírito crítico. Redución de ratios que non admite adiamentos nin distraccións pola previsible baixa demográfica post-Covid e debería ser efectiva en cada un dos ciclos dos vindeiros cursos. Só así sería crible o discurso dos Plans de Benestar Emocional dos centros e efectiva a nova figura das coordinacións de benestar e convivencia. Baixar ratios, como ampliar a rede de Orientación Educativa e a duración de programas de apoio como Proa+ non admiten unha década de espera.

Publicado en Nós diario: 25-10-2023

Xaquín Marín

Coincidindo co seu 80 aniversario, Xaquín Marín recibiu a homenaxe nacional organizada polas asociación culturais galegas que merece un dos grandes cidadáns galegos do noso tempo. Xenio extraordinario e virtuoso do debuxo, da ilustración, da pintura e do humorismo gráfico, ademais de pioneiro e fomentador da banda deseñada galega, todo dende hai seis décadas e de forma ininterrompida, a súa obra gráfica monumental (xornalística, bibliográfica, cartelística, expositiva e pictórica) representa tanto o compromiso do artista coa creación dunha obra singular e coa innovación estética e de formatos e soportes como a súa condición de militante de Galicia e fomentador incansable da súa conciencia colectiva. Considerado por estudosos do humor, como Félix Caballero, como «o humorista galego máis relevante dende Castelao», de quen herdou a tenrura retranqueira da personalidade dos seus nenos, velaí os seus inesquecibles Gaspariño (Edicións do Rueiro 1978) e Lixandre, Marín desenvolveu a crónica gráfica das arelas e da crúa realidade dun país que coma el nunca se dobregou. Autor da primeira historieta galega, «O emigrante», publicada en marzo de 1971 no número 35 da revista Chan, como tamén do primeiro álbum de banda deseñada galega, que asinou con Reimundo Patiño como 2 viaxes (Brais Pinto 1975), ao que seguiu o seu primeiro libro en solitario, Ratas (Tres Catorce Diecisiete 1977), publicadas mentres o franquismo agonizaba, Xaquín contribuíu de forma decisiva a espallar a linguaxe do cómic e da narrativa debuxada e facelo de forma absolutamente orixinal en galego, a fala de todos os seus personaxes (Tonecho, Caitano, Don Augusto, Isolino, Sabeliña…), e cun trazo e un acento tamén netamente galego, «os seus debuxos de liña son románicos e saben a bola do patrón e das festas; mentres os outros son barrocos e saben a empanada», como salientou nun artigo recente o tamén humorista gráfico Siro López. Beizón ao noso admirado Xaquín Marín, mestre gráfico e artista irrepetible.

Publicado en Nós diario: 18/10/2023

Premiadas

Non obedece a azar ningún que nas últimas semanas catro creadoras galegas foran recoñecidas pola excelencia do seu traballo artístico. Refírome, claro está, á dramaturga Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática pola peza As alumnas (Galaxia, 2022); á poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía polo libro de poemas Materia (Xerais, 2022); á catedrática e directora de cine Margarita Ledo Andión, Premio Luís Porteiro Garea en recoñecemento ao seu traballo a prol da promoción e uso do galego na universidade; e á cineasta Jaione Camborda, Cuncha de Ouro do 71º Festival de Cine de Donostia polo filme O corno, protagonizado de forma brillante por Janet Novás. Unha proeza política e cultural destas mulleres arrichadas que co talento e afouteza da súa ollada superaron as convencións establecidas polo patriarcado, abordando temas transformadores ou rescatando memorias ocultas de mulleres rebeldes, por ventura, hoxe referentes. Velaí a reivindicación da mestra María Barbeito, símbolo da escola igualitaria da República, protagonista da obra de Carballeira. Velaquí os claroscuros da renuncia á maternidade e o diálogo coa memoria familiar e colectiva da proposta poética de Castaño, incansable activista da dignificación da nosa escrita. Eis a que definiu María Reimóndez como «experiencia visual» íntima e conmovedora de Camborda na procura do esencial das persoas, na que lonxe das olladas masculinas os corpos das mulleres expresan máis cas súas palabras a liberdade das súas escollas e renuncias. Propostas artísticas, como a de Ledo, nas que o emprego da lingua galega se constitúe en eixo normalizador, rachando cos prexuízos e superando barreiras, o que as converte en referentes para as súas artes como para os propios públicos. Beizón para as nosas premiadas tanto polos seus logros e fitos artísticos como polo comprometido das súas olladas e, o que creo tamén moi valioso, pola comunidade alternativa de lectoras e espectadoras que constrúen coas súas obras.

Publicado en Nós diario: 11/10/2023

Catálogo galego

Das cifras sobre a edición en galego, que presentei a pasada semana no XX Simposio o Libro e a Lectura da AGE, salientei tres que retratan o noso sector editorial nas últimas catro décadas. A primeira: os 16.600 títulos que en 2021 conformaban o catálogo do libro galego, cifra cinco veces superior á de hai trinta anos. A segunda: o 12,00 % como cota media do libro en galego no mercado do libro en Galicia, que se mantén con moi lixeiras flutuacións nas últimas dúas décadas. E a terceira: o millón e medio de euros que as editoras pagan cada ano en dereitos de autoría, cantidade, como a da facturación, entre os 15 e os 20 millóns, estable nos tres últimos lustros. Cifras que poderían completarse con outras significativas, sobre todo as referidas ao volume de edición e facturación por tipos de edición, que sitúan despois da pandemia á Literatura Infantil e Xuvenil como primeiro sector e á Literatura en continuo crecemento. Números que retratan o esforzo conxunto das editoras galegas (arredor das corenta empresas) por construír un catálogo colectivo amplo e atractivo, no marco da irrenunciable profesionalización dun sector con importantes problemas de visibilidade e autoestima. Sei que dos títulos do catálogo hai máis de 8.000 impresos dispoñibles nas librarías dixitais e outro milleiro en formato epub, atendendo ao proceso de hibridación, o que constitúe un éxito colectivo da sociedade lectora en galego. Non obstante, están cifras non poden ocultar as dificultades de sostibilidade dun sector con tiradas medias moi baixas e vendas cativas, que obrigan, non o esquezamos, a extremar o rigor e a austeridade na xestión das editoras e a necesidade para facer posible a súa continuidade de que sexan rendibles. O que é tarefa moi difícil nun mercado reducido a 180 librarías activas nun país carente dun plan de lectura e dunhas achegas públicas dignas para as súas creadoras literarias e para as empresas dunha cadea de valor considerada estratéxica para Galicia desde 2006.

Pubicado en Nós diario: 04/10/2023