Un pacto pola lingua?

Tras a presentación por parte de José López, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, do documento de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) –consensuado por PPG, PSdeG-PSOE e BNG en 2004– foi unánime o rexeitamento por parte da oposición, que xa tras dúas décadas de rotura daquel acordo, consideraba insatisfactorio o texto elaborado a partir das análises e propostas dunha comisión de expertos. Insuficiente para facer fronte a unha situación de emerxencia lingüística, un deterioro nacido na rotura da cadea de transmisión familiar que ameaza con situar o galego como lingua destinada a desaparecer.

PXNLG 2004 que puxo en marcha o goberno do socialista Touriño, o que provocou as protestas orquestradas por sectores galegófobos que, baixo a mentira da «imposición del gallego», conseguiron que cando Feijoo chegou ao goberno o plan quedase en auga de castañas. O que se fixo efectivo decontado, transformado o plan polo decreto 79/2010 en axente desgaleguizador, polo abandono do seu emprego en Educación Infantil e no inicio da Primaria, como lingua de aprendizaxe da lectoescritura. Outrosí sucedeu na Secundaria cando se prohibiu o seu uso como lingua vehicular no ámbito científico técnico, minguando o seu prestixio e deixando fóra a posibilidade da aprendizaxe das Matemáticas ou da Física e Química en galego. O que tivo outra inevitable vítima colateral a un sector editorial educativo que perdeu sen compensación ningunha da administración autonómica un 20 % da súa facturación e o 80 % das axudas que recibía para a edición de materiais didácticos en galego.

Por desgraza, o decreto 79/2010 nunca foi avaliado, como obrigaba a súa disposición adicional quinta, como tampouco nunca foi avalado polas diversas avaliacións da comisión de expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM), que solicitaron importantes modificacións. Como diversas instancias educativas e sociais solicitaron reiteradamente un novo acordo arredor do uso do galego na escola e a derrogación do decreto de plurilingüismo, que inzou o país de centros plurilingües nos que agoniza o emprego do galego nas aulas, nos patios e na propia sala de profesorado. Porén, nin os conselleiros Jesús Vázquez e Román Rodríguez nin a conselleira Carme Pomar, como responsables de Educación, cuestionaron o modelo de educación lingüística dos tres terzos, que deixa ao galego en inferioridade e non garante acadar a dobre competencia en ambas as dúas linguas oficiais, como de forma reiterada denunciaron os sindicatos do profesorado.

A chegada á consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude de José López Campos, por fin, trouxo a intención de mover o paquete do galego asumindo a necesidade de actualizar o PXNL de 2004 mais sen tocar unha peza do decreto 79/2010, o piar da política lingüística de Rueda, Feijoo e Tellado, que non poden ser considerados en Madrid como simpatizantes de calquera tipo de galeguismo. O triángulo inscrito na circunferencia da que José López, de talante municipalista, polo tanto máis negociador, sae moi ben parado, grazas, mira ti que sorpresa, a Besteiro e ao seu grupo parlamentario socialista que avalan finalmente o plan. Un documento que nin de lonxe respecta os mínimos defendidos hai dúas décadas polo presidente Touriño, tanto no referido ao modelo dobre competencial, á prioridade de uso do galego na comunicación e administración dos centros e a posibilidade da existencia de aulas de infantil e 1º ciclo de Primaria nas que se utilice o galego de forma preferente, como recomendan os expertos do CELRM.

Con semellante apoio, consolídase a deriva vergonzosa do PSdeG-PSOE, que hai tempo abandonou a do futuro do galego como unha das preocupacións da súa axenda. Abonda escoitar as rodas de prensa das alcaldías da rexión metropolitana viguesa que, coa honrosa excepción da de Nigrán, utilizan o galego apenas de forma ocasional, e non vehicular, habitual como sempre fixeron Manuel Soto como alcalde de Vigo ou Xaime Rey como o de Redondela. Un pacto que ten máis intencionalidade política ca sociolingüística, concibido polos socialistas coa intención de illar ao BNG como partido responsable e capaz para chegar a grandes acordos en termos de país.

Fóra de maquillaxes de última hora no Parlamento, o PSdeG-PSOE asume o modelo de educación lingüística do decreto 79/2010 ao tempo que afasta a posibilidade dun goberno alternativo ao do Partido Popular presidido por Ana Pontón, contando co apoio ou / e a presencia de Besteiro. Outra desgraza para o futuro da lingua galega como para a viabilidade dunha alternativa da Galicia sa, esa sen vicios e malos costumes, fronte ao conformismo do Partido Popular. Un tremendo erro de Besteiro, de quen sabemos nunca será presidente da Xunta.

Publicado en Faro de Vigo: 27/10/2026

Eu tamén navegar

Escasas veces un verso, «Eu tamén navegar», acada admiración e popularidade tan unánime na sociedade literaria galega até transformase en insignia da loita e empoderamento das mulleres, as que sosteñen a metade do ceo, coma tamén de esperanza de todas as persoas migrantes e excluídas pola súa diferencia, que sofren agardando. Verso inesquecible de Xohana Torres (Santiago 22 de novembro de 1929 – Vigo 12 de setembro de 2017), que pecha o poema «Penélope» do libro Tempo de ría (Espiral Maior 1992), empregado o 27 de outubro de 2001, polo tanto hai vinte e cinco anos, para titular o discurso de ingreso na Real Academia Galega presidida polo teimudo humanista Francisco Fernández del Riego.

Unha entrada moi celebrada nas letras galegas, a substitución da cadeira do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, cando na institución de Tabernas apenas participaban dúas mulleres fronte a 25 homes, a poeta e profesora, radicada na Coruña, Luz Pozo Garza, que ingresara en 1996, e a bibliotecaria ourensá Olga Gallego. Unha desigualdade tan vergoñenta, á espera dunha resposta contundente, que a nova académica ofreceu nun texto memorable e lúcido, sentencioso e irónico. Palabras dunha poeta chegada á Academia preparada para «rastrexar os fondos, aí onde a luz non chega». Unha confesión honesta de quen como poeta, en apenas tres libros breves, asumiu que a poesía é un exercicio exploratorio e cada un dos versos un acto decidido, espido de retórica e medos.

Vinte e cinco anos despois, neste tempo que nos sitúa, de perigos e incertezas provocadas pola IA, tamén de exclusións e de abusos dos poderosos, este discurso da poeta de querenza viguesa, nacencia compostelá e formación ferrolá, é unha Ría que gañou en emotividade e capacidade mobilizadora. EU TAMÉN NAVEGAR é un texto que podería lerse nas faixas das manifestacións destes días na procura «dunha certa esperanza», como escribe no seu poema memorable e emocionante «Laxeiro en Vigo».

Xohana sabe que non somos máis que o que recordamos, «ese ceo protector, que de maneira alterna nos cobre ou se desvela ou se nega a desaparecer». Roubándolle unha frase chave, desas susceptibles de ser considerada un aforismo, esparexidos por todo un discurso brillante: «A vida non sempre é unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas». Eis un chamamento poético a que as Penélopes nunca máis baixen os brazos agardando, a convidalas a espremer as oportunidades coas que conten, antes de darse por vencidas. E a súa consecuencia: asumir que Ulises e Penélope representan poesías diverxentes, dúas miradas distintas do porvir, nun mundo onde esmorece a natureza e a propia convivencia pacífica, amparada polos dereitos humanos.

«Eu tamén navegar» debe entenderse como a expresión dun mito reelaborado que outorga a todas as penélopes que agardan a capacidade de actuar. E o que é máis relevante: asumen que «existe a maxia e pode ser de todos / A que tanto nobelo e tanta historia?», como de forma retórica pregunta Xohana nos dous versos cos que remata a composición. Como lectores interpretamos que a poeta afirma a súa liberdade e o seu dereito a decidir que é o quere facer.

Despois de vinte e cinco anos, na poesía galega, tamén por ventura na narrativa, son moitas as autoras que poden ser declaradas fillas de Penélope (ou de Xohana ou de Queizán ou de Krukenberg ou de María Vitoria…). Poetas, narradoras, dramaturgas e ensaístas galegas desta determinada Xeración Penélope, que non agardan a chegada de ninguén nin o permiso de ninguén por que hai tempo que puxeron en marcha cadanseu proxecto propio. Autoras que asumen os riscos de intentar que cada novo libro chegue a formar parte dese «catálogo de boas lecturas», esas poucas que regresan sempre, nas que o poder das palabras asume o carácter de proeza artística, travesías nas que durante a noite os barcos non navegan polo mar, senón polos vieiros do ceo, roubándolle, outra vez as palabras, a autora de Do sulco (colección Salnés 1957) e Estacións ao mar (Galaxia 1980).

Xohana Torres chegou a Vigo, para ela capital do mar, en 1963, cando deixara a navegación real. Dende entón ate o seu pasamento foron máis de cincuenta os seus tempos de Ría, escenario básico e xeografía íntima na que atopou cicelada en pedra a brevidade como a súa expresión literaria máis persoal. Para Luciano Rodríguez, editor da súa Obra reunida (2004) en Tempo de Ría, «este aire contemplativo, entre o cotián e o transcendente, este ollar na superficie pero penetrando até o fondo da realidade imaxinada no corpo do poema, vai ser a tonalidade do conxunto». Outra forma de abordar a «Raíz e Tempo» (1965-1975), título do programa en galego que fixo en La Voz de Vigo, outro logro da autora de Adiós María (1971), que iniciou a renovación da novela contemporánea, mais iso queda para unha entrega futura.

Publicado en Faro de Vigo: 06/10/2026

A primeira industria cultural viguesa

En varias oportunidades, cando me preguntan sobre o estado da edición, as interlocutoras non me cren cando lles digo que o negocio dos libros non debe ir tan mal, xa que se anuncian novos proxectos editoriais e na metrópole (Vigo e comarcas da Louriña, Val Miñor e Morrazo) son 34 as editoras de libros impresos e dixitais, contando as pequenas independentes e as medianas, propiedade dun grupo editorial español ou transnacional. E se cren que é hipérbole, velaí a relación das editoras: Agoeiro, Belagua, Clío, Creotz, Cumio, Cuarto de inverno, Cydonia, Dismes, Dos acordes, Edimaes, Elvira, Engaiolarte, Euseino, Fosfatina, Galaxia, Instituto de Estudios Vigueses, Ideas Propias, Ir Indo, Lobito Bueno, Lusco e Fusco, MC Sports, Moléculas, Morgante, Nova Galicia edicións, Patas de peixe, Plutón Kids, Rinoceronte, Sept, Sushi Books, Solar de edicións, Tambre, Triqueta Verde, Trymar e Xerais.

E as que queren saber xa poñen cara de ferreiro cando lles digo que co estudo de comercio interior de libro do Ministerio Cultura na man entre todas as editoras viguesas facturan 18 millóns de euros a prezos de capa, dos que arredor de 8 pertencen ao libro galego impreso. Un sector con inequívoca vontade exportadora, na actualidade moi atomizado, e especializado onde hai editoras educativas, outras literarias, outras infantís e xuvenís, subsector moi destacado na proxección internacional e no mercado interior, outras dedicadas ás artes, centradas na fotografía, até algunha especializada no que atinxe a enigmas e misterios, outras en saúde e vida alternativa, outras dúas en lectura fácil, mesmo está radicada en Vigo a primeira editora deportiva en español referenciada no adestramento técnico futbolístico, cun catálogo dun cento de títulos…

Sector editorial privado, considerado estratéxico, pola Lei 17/2006 do Libro e da Lectura que ocupa a máis de 150 persoas con empregos directos, sobre todo nos eidos da creación editorial e xestión, promoción e comercialización e outras tantas como colaboradoras externas. Un sector empresarial resiliente, con tradicional mala saúde de ferro, que vive á intemperie, sen apenas axudas das administracións, afogado polas carencias de financiamento e polas dificultades de distribución e visibilidade no punto de venda, sobre todo nunha rede de medio centenar de librarías, un negocio que recupera o seu encanto de establecemento comercial e cultural de proximidade. Un sector vigués do libro que conta co soporte de medio cento de imprentas e empresas gráficas dixitais e unha rede de bibliotecas insuficiente, de oferta moi desigual e non exenta de problemas.

Este vínculo de Vigo co sector da edición conta apenas dous séculos de historia, cando en 1823 chegou a Vigo o moldeiro valenciano Pascual Arza, tipógrafo que se ocupou de imprimir o Semanario Patriótico, órgano político da provincia de Vigo. Dende entón foron case trescentas as cabeceiras xornalísticas publicadas en Vigo, das que 15 foron diarios, entre eles o Faro de Vigo (1853), actual decano da prensa española, La Oliva (1856), substituído por El Miño (1857), La Concordia (1873), o primeiro diario, La Propaganda (1881), consagrado á defensa da clase obrera, pasando pola monumental revista mensual Vida Gallega (1909) de Jaime Solá, polo diario Galicia (1922) e El Pueblo Gallego (1924), entre as do primeiro século. Como contou a cidade, pasado o período inicial dos tipógrafos ambulantes, con grandes editores: Ángel Lema Marina, primeiro impresor e logo propietario da cabeceira de Faro de Vigo; Juan Compañel, primeiro editor en galego e primeiro que fixo un catálogo literario e outro técnico; Manuel Fernández Dios, o primeiro editor dos folletíns da Biblioteca da Concordia, como foron as Monografías de Vigo (1878) de Vesteiro Torres.

Abriu o século XX, Eugenio Krapf (1890), que achegou o feitío clásico tipográfico que necesitaban as imprentas nosas. Calidade coidada nas edicións artísticas dos Catálogos de Vigo de PPKO (1905). Aposta pola edición popular de Eugenio Barrientos Tetilla, que montou na libraría de Elduayen a editorial Cíes (1943-1958), unha experiencia extraordinaria, máis alá da publicacións das novelas de vaqueiros de Marcial La Fuente Estefanía. Extraordinarios foron os proxectos de recuperación do libro galego de Galaxia (1950), cun papel chave de Francisco Fernández del Riego, o da editorial Monterrei (1848) de Luis Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, que en 1964 abriu o proxecto de Edicións Castrelos, onde fixou os criterios da edición comercial en galego, que continuaría Xerais en 1979, coa edición educativa como piar do sector.

Con esta memoria e atractivo actual, chama a atención o desinterese das administracións polo futuro da que continúa sendo a primeira industria cultural viguesa.

Publicado en Faro de Vigo: 29/09/2026

O mestre das apertas

Fun moi afortunado de ter amigado nas dúas últimas décadas con Antón Pulido, o artista que mellor se ten asomado á complexidade da condición humana. Fun moi afortunado de coñecer ao pintor que xa admiraba polos seus músicos asomados ao abismo, que quixen recoller nalgunha portada dos libros que editei, ou polos seus retratos serenos, como o que me fixo cando saín de Xerais, nos que é doado identificar a ollada do optimismo da vontade presente en cada trazo. Fun moi afortunado en compartir con este ser humano xigante de xenerosidade desbordada azos e vontades no proxecto colectivo dos Premios da Crítica de Galicia no que teimou con intelixencia e dedicación décadas e décadas a carón de Bieito Ledo, o seu amigo do corazón, que coñeceu hai setenta anos e o acompañou no seu tránsito co agarimo de Fina e da familia toda.

Se tivese que definir a Pulido cunha soa palabra, o que sei sempre resulta insuficiente nun artista dedicado á pintura, escultura, deseño gráfico, música ou performance, pero tamén ao relato oral, no que posuía enxeño e capacidade de engaiolar coma poucos, non resulta difícil escoller a de MESTRE, tanto por que este foi o seu primeiro e principal oficio, desde que tomou posesión na escola unitaria de Casaio en 1972, experiencia que recolleu naquela primeira paisaxe nevada de Pena Trevinca, como polo feito de que impregnou toda a súa vida e toda a súa obra de artista cos valores da escola humanista.

Abonda percorrer a súa obra pictórica para entender o maxisterio dun artista de formación académica moi sólida, mais tamén de inequívoca raíz popular, que en cada un dos seus cadros expresa a súa perplexidade diante dun mundo en tránsito e a súa confianza nos seres humanos para enxergar a esperanza e a confianza na plenitude da vida.

Tras cinco décadas de traballo artístico, despois de centos de pezas, Antón Pulido é un dos grandes mestres da pintura galega. Discípulo na Escola de Belas Artes de Barcelona de Joán Hernández Pijuan, desenvolveu un proxecto moi singular de creación artística no que poñendo no centro a fraxilidade da condición humana, eis o tema central de toda a súa pintura, a investigación plástica dialoga coa tradición.

Un proceso ao que non foi nunca allea a súa vocación docente e a súa afouteza creadora que o levou a experimentar, ás veces contra corrente, primeiro coas posibilidades do impresionismo figurativo de raíz popular, máis tarde de fauvismo, e xa de regreso a Galicia, asentado en Vigo como profesor de Secundaria, do expresionismo figurativo e máis tarde abstracto, a súa esencia pictórica actual, bautizada por el como «kermeses», como exaltación gozosa da enerxía da vida non exenta das doses de dramatismo e tristeza que lle son propias ao tempo que vivimos.

Nos anos noventa pasou con incrible naturalidade da expresión figurativa á abstracción de potencia colorista. Eis a razón das súas paisaxes urbanas do porto pesqueiro do Berbés (1987), ou das súas emblemáticas figuras en soidade, sexa as retratadas no medio do camiño da vida, a dos músicos tocando para si ou a de seres desconcertados ao pé do abismo, todas envoltas na plenitude da súa cor, na potencia dun trazo capaz de simplificar os detalles do contexto da traxedia. Cadros que son relatos breves, contos condensados, de grande forza narrativa como «Noite» (1992) ou «O sono» (1989), nos que na intimidade dos amantes nun cuarto ofrece elipses visuais envoltas en sombras, capaces de expresar a fraxilidade do cotián e a complexidade da relación humana. Ou esoutra formidable kermesse pulidiana de 14,5 metros de alto que ocupa a medianeira do edificio sobre a praza, de Peniche, un latexar cromático caracterizado pola dominancia das cores vermellas e negras, que se expande como unha máscara de abstracción figurativa sobre os muros ondulados laterais.

Xaora, a do mestre Antón Pulido é unha pintura de rostro humano, que a pesar da complexidade da existencia, evita a desolación, o desacougo e o pesimismo conformista e paralizante. Eis a potencia cromática das súas kermesses, dende aquelas primeiras nacidas a comezos dos noventa, características da produción pulidiana das dúas últimas décadas, que como sinala o crítico Antón Castro constitúen «un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas».

Antón Pulido conseguiu así devolverlle a emoción e a sinceridade á pintura galega, envolvendo o xesto gráfico con formas e cores, escrutando os límites das sombras e abrindo os cadros pola potencia da sinfonía da cor ao gozo e ao abraio do espectador. Antón Pulido é o pintor do vento, é o músico da cor cálida, é o poeta da abstracción emotiva, é o narrador da realidade no abismo, é un artista total e apaixonado que procura a beleza até a gorida onde se atope. O luns tomarémoslle un dos nosos cafés da mañá. Antón, MESTRE!

Publicado en Faro de Vigo: 12/09/2026

Eugenio Krapf editor

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do editor suízo Eugenio Krapf:

Os días de partido a rúa Eugenio Krapf, unha costiña que une a avenida da Florida co estadio de Balaídos, énchese de celtistas que celebran a previa. Un espazo rurubarno, tan característico do val do Fragoso, onde edificacións en altura comparten con casas unifamiliares coa súa horta cativa, o viario aberto hai tres décadas. Imaxino que a xente celtista reunida na Esmorga, no Ons, no Picoteo, os locais da rúa cuxo nome figura no rueiro como «Eugenio Kraff» [sic], descoñece quen é ese home con apelido de papel castaño, moi resistente, presentado como ecolóxico por non ter sido sometido ao proceso de albeado.

O paradoxal do caso, que podería explicar mellor Lalo Vázquez Gil, o cronista oficial da cidade entre 1986 e 2016, é que tras ese nome ocúltase un amante de toda clase de papelaría, un editor nacido en Zürich chegado a Vigo, arredor de 1890 para abrir unha papelaría, libraría e oficina de imprenta, primeiro na rúa Príncipe nº 37, despois, a partir de 1894, en Policarpo Sanz nº 17-19, fronte ao café Colón.

Krapf ten unha bonita historia que merece ser máis coñecida para orgullo da cidade que o acolleu. Procedente de Sevilla, despois de abrir a súa oficina de imprenta noutras cidades, o que era frecuente entre os impresores do século XIX, dedicábase a preparar e vender tarxetas postais, xeralmente de 9 x 14 centímetros, que no caso de Vigo e da súa ría fotografaba el mesmo e imprimía na fototipia dos tamén fotógrafos suízos Hauser & Menet, establecidos en Madrid. Krapf ofrecía as súas tarxetas no escaparate da súa libraría, consideradas as máis fermosas e reveladoras daquel Vigo finisecular. Cartaces de memoria que adoitaban enviar por correo os emigrantes e viaxeiros antes de embarcar nunha rota transatlántica.

Sabemos que foi o 12 de setembro de 1897 cando se franqueou na oficina de correos de Vigo a primeira postal fotográfica que circularía en Galicia. Estas tarxetas constituíron un dos mellores reclamos das librarías viguesas, como a do propio Krapf, a de Eugenio Barrientos Tetilla na rúa Elduayen nº 17, a de José Nieto en Príncipe nº 5; a de Buceta, en Policarpo Sanz nº 46 ou Las Artes Gráficas de P.P.K.O. de Príncipe, o establecemento do editor José Cao Moure, incansable promotor do fotogravado e de Vigo como porto cosmopolita.

Porén, Eugenio Krapf pasou ao rueiro de Vigo polas edicións de fermoso feitío tipográfico, adornos e axeitado papel de tres obras da literatura clásica. Tres libros extraordinarios.

O primeiro, La Celestina (1899), de Fernando de Rojas, a traxicomedia de Calixto e Melibea, editada con motivo do cuarto centenario da súa publicación, conforme á edición de 1514 feita en Valencia. Krapf fixo dúas edicións, unha de papel corrente e outra de inglés superior, nas que incluía o estudo que lle solicitou a Menéndez Pelayo, que pasado o tempo resultaría canónico ao que engadiu unha exhaustiva lista das edicións e estudos sobre a obra. Esforzo que o insigne catedrático lle recoñeceu con «mil prácemes».

O segundo libro de Krapf foi El Libro de Patronio o El Conde Lucanor (1ª edición 1898, dous tomos; 2ª ed. 1900), compuesto por El Infante Juan Manuel en los años 1328-1329. E o terceiro, El diablo cojuelo (1902), de Vélez de Guevara, reprodución da edición príncipe de 1641 por Adolfo Bonilla e San Martín.

Ademais, sabemos que imprimiu Ares da raya (1902), versos en portugués do miñoto João Verde. Como tiña previsto editar a Crónica Troiana, editada por Martínez Salazar, tamén con prólogo de Menéndez Pelayo, mais que vería a luz en 1900 a expensas da Deputación da Coruña. Así mesmo, Carré Aldao, dá noticia que tiña rematada a edición de Viaje por Galicia do pontarean Isidoro Bugallal, da que se descoñece paradoiro.

Economicamente a Krapf non lle foi ben. Pouco despois da súa morte, o 12 de abril de 1903, importantes editores suízos, acredores do editor lamentaban que o negocio financeiro do seu compatriota quedase en estado tan pouco satisfactorio. Segundo Gerardo González Martín como libreiro o suízo amosaba bo gusto no arranxo do seu escaparate da rúa Policarpo Sanz 17, onde dispoñía de artigos nacionais e de importación, ademais de organizar exposicións nos seus escaparates, polas que no verán de 1895 pasou unha obra de Serafín Avendaño. Tiña un depósito de libros en diversas linguas de difícil adquisición nunha cidade como o Vigo daquela.

Carré Aldao no seu traballo sobre a imprenta en Vigo (1819) escribiu que coas «coidadas e esmeradísimas edicións de clásicos españois, demostrou Krapf ser o home que precisaba Galicia para que retomando as tradicións dos editores Soto Freire e Compañel, fose a cidade de Vigo o berce dunha colección de Bibliófilos, que tan necesaria se fai para o noso desenvolvemento intelectual». Krapf foi o primeiro editor vigués do século XX e como tal forma parte destacada do mapa do Vigo literario.

Lustres e Lorca paseados

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar os asasinatos de Federico García Lorca e Manuel Lustres Rivas:

Hai hoxe 94 anos que Manuel Lustres Rivas e Federico García Lorca se abrazaron no parque das Cabañas de Vigo, un fito no seu destino, cando o andaluz acababa de chegar de Nova York e o galego como director de Hoja del lunes facía campaña a prol da xubilación dos xornalistas. Un encontro que se produciu o 25 de agosto de 1932, pouco antes das sete e media da tarde, hora na que comezou a función de La Barraca, a compañía teatral universitaria dirixida por Federico, que puxo en escena tres entremeses de Cervantes, diante dun público vigués moi numeroso. A representación sería cualificada por Faro de Vigo como «marabillosa» e abeizoada por un artigo de Lustres, «Estudiantina de generación en generación», na súa sección de «Actualidades viguesas», a máis lida do xornal.

Daquela segunda visita a Vigo de Federico –aos dezaseis anos viaxara a Galicia como estudante da Universidade de Granada– consérvanse as imaxes do poeta paseando pola viguesa rúa Príncipe, acompañado do elenco da compañía, filmadas por un dos seus membros, Gonzalo Menéndez-Pidal. Un serán memorable no parque de lecer de Peniche, que o segundo conde de Torrecedeira abrira con gran éxito no comezo dos anos vinte, bonito merendeiro popular con pista de baile e palco para orquestras, utilizado para combates ou representacións teatrais, como foi neste caso.

Lembrando aquel encontro en Peniche entre Lustres e Lorca, Ceferino de Blas atopa similitudes entre as súas vidas e o seu tráxico final, sobre todo polo entusiasmo compartido pola cultura naqueles anos da República. Da man das Misións Pedagóxicas, un Federico pletórico percorreu España de forma incansable cos mozos de La Barraca coa intención de levar o teatro clásico español ás prazas dos pobos para goce de maiores e cativos.

Nacido en Ribeira en 1888, Manuel Lustres Rivas foi unha das maiores figuras do xornalismo galego de hai un século. Vinculado moi cedo con Vigo, onde casou con Emilia Fernández, comezou a escribir no Faro de Vigo en 1909, colaborou co semanario Vigo marítimo (1911), dirixiu o primeiro semanario e logo diario Heraldo de Vigo (1912), antes de marchar a Madrid en 1913 onde foi redactor de España Nueva. Volveu a Vigo para dirixir o semanario La Crónica (1915) e, despois doutra estancia madrileña, se radicou en Vigo en 1917 como redactor xefe de La Concordia, colaborando con El Sol e co semanario vigués La Ráfaga. No diario Galicia (1922) foi a man dereita do director Valentín Paz Andrade, onde escribiu algúns dos seus máis interesantes artigos. Tras unha experiencia dun ano en Buenos Aires traballando nunha consignataria, onde colaborou coa revista Céltiga, volveu en 1925 para incorporase á redacción de Faro de Vigo até as vésperas da súa morte e colaborar de forma intermitente en Vida Gallega.

Autor de centos de páxinas sobre Vigo, Lustres teimaba en que «Vigo debía contribuír eficazmente a que os aluvións cos que se formou o seu corpo urbano, se sedimentasen para que a alma cívica nacese». O. 31 de outubro de 1928 publicou un dos cantos máis aguzados sobre Vigo: «O galeguismo vigués non rifou nunca co sentido deportivo británico, nin co método filosófico alemán, nin coa modalidade práctica catalá. Fixo seu o fútbol importado polos oficiais do Cable Inglés e bautizou o seu equipo representativo co nome de Celta. Aprendeu dos cataláns a salgar as sardiñas, e os netos dos salgadeiros, chegados de Massnou, de san Feliu, de Mataró son vigueses con apelido catalán…»

Tras o 18 de xullo, Lorca e Lustres foron detidos decontado polos facciosos. Federico na tarde do 16 de agosto na casa (que cría segura) das irmás do seu amigo o poeta Manuel Rosales, todos membros de Falanxe, da que saíu en pixama conducido por Ramón Ruiz Alonso, que fora deputado da CEDA. Lustres foino na súa casa da rúa Luis Taboada de Vigo, hai outra versión que afirma que na propia redacción de Faro de Vigo, semanas antes do 27 de agosto de 1936, data na que causou baixa en Faro de Vigo. Preso no frontón de María Berdiales, habilitado como cárcere, antes de que fora trasladado ao campo de concentración da illa de san Simón, Lustres recibía a visita diaria da súa dona que o informaba do que ía sucedendo, como a noticia que o 22 de setembro leu en Faro de Vigo do asasinato de Lorca.

Ambos os dous foron paseados. Federico con 38 anos, segundo diversos investigadores, entre o día 17 ao 19 de agosto, hai noventa anos, nun lugar aínda non aclarado, entre os termos municipais de Viznar e Alfacor. Manuel con 48 anos e 32 activo no xornalismo, sería dos presos da illa de san Simón paseados, que como Víctor Fraiz Castellanos (19 anos), Vicente Bautista García (44 anos) e outros seis máis, apareceron o 10 de novembro no alto da Concheira de Redondela. Afinidades de Federico e Manuel que hoxe nos conmoven e merecen honra, gratitudes e respecto.

Un plan do galego para Rueda

Cando Alfonso Rueda encargou ao dezao José López a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude sabía moi ben o que quería. Desactivar o conflito do galego e diluílo nun preparado desaborido para Feijoo e Tellado nos seus faladoiros madrileños. Con todo, Rueda, participante nas mobilizacións de imposición do galego de febreiro de 2009, pretendía que o seu goberno mantivese liña por liña o decreto 79/2010 de Plurilingüismo e ofrecese ao mesmo tempo «un pacto pola lingua», a semellanza do consenso histórico que se conseguira en 2004 no derradeiro dos gobernos de Fraga. En definitiva, unha cuadratura do círculo de cuxo inevitable fracaso se culpabilizaría á oposición, sobre todo ao BNG, e as organizacións galeguistas, como a Mesa pola Normalización Lingüística, ás que chama extremistas e promotoras da imposición do galego e das políticas de inmersión lingüística.

E dito e feito. José López con disciplina castrense e a colaboración do seu grupo de expertos conseguiu presentar un amplo documento de 388 páxinas e 700 medidas, nun acto multitudinario na Cidade da Cultura de formato electoral, na que sen a presenza de Rueda nin de Román Rodríguez, o estradense ofreceu a oposición e as institucións –Consello da Cultura Galega e academias– o «pacto pola lingua» que Rueda lle solicitara. Presentado como proposta de actualización do PXNLG de 2004, o documento recolle unha proposta de política lingüística embarullada e inoperativa, mais ben unha relación de boas intencións e propostas que se veñen xa ensaiando, mais sen calquera tipo de compromiso, sexa de calendario, de orzamento ou da súa valoración económica, así como das modificacións legais posibles, coa excepción da aprobación dunha Lei da lingua de contidos imprecisos. En definitiva, as cousas quedarían coma están e nalgúns casos aínda quedarían peor, mais sen esas molestas «arestas identitarias» que puidesen comprometer ao temesiño Feijoo. Todo un éxito do conselleiro José López, chegado a San Caetano con fama de bo xestor e negociador, mais de quen descoñecemos acordo relevante ningún no seu departamento.

O máis útil do documento son as vinte páxinas nas que se diagnostica o estado da lingua actualizado a 2023, como as mudanzas das dúas últimas décadas, incluídas as provocadas pola hibridación dixital, o impacto das redes sociais e da propia Intelixencia Artificial. Entre os datos novidosos chama a atención que en 2003 o 18 % dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos tiñan dificultade para expresarse en galego, mentres en 2023 son o 40 %. Como é de salientar que en 2003 fosen falantes habituais neste treito de idade o 40,3 %, mentres que en 2023 apenas sexan 16,2 %. Como contundente é nesta idade que o incremento de castelán falantes habituais chegase ao 83,8 %, cifra dramática no proceso de substitución lingüística.

O máis atrevido do texto é que apenas se cite dúas veces o decreto 79/2010 do Plurilingüismo, a cerna de calquera acordo transversal entre partidos e organizacións sindicais e socioeducativas. Como é significativo que o tema educativo sexa considerado como un sector máis, quizais por resultar incómodo para os expertos chamados, incapaces en todo o documento de abordar o debate sobre un modelo de educación lingüística garante da dobre competencia ao remate da escolarización obrigatoria; cuestión chave, desaparecida do documento, unha ausencia gravísima e de moi dubidosa legalidade. Como tamén o é a redacción do primeiro obxectivo educativo: «Harmonizar, na medida do posible (a negriña é nosa), o marco normativo sobre o uso escolar das linguas ás indicacións do CELRM e aos principios do plurilingüismo inclusivo que a inspiran». Ou desoutra referida á Educación Infantil na que se pecha a posibilidade da inmersión lingüística e de seguir o prescrito pola Carta das Linguas (CELRM): «garantir un contacto temperán equilibrado e positivo co galego e o castelán na educación infantil, favorecendo a valoración e o uso de ambas as dúas linguas». Unha volta de porca para volver pola porta de atrás a vella doutrina do «bilingüismo harmónico».

Entre o novidoso do texto, atopamos o concepto de PLE (Planificación Lingüística Escolar), que engadiría autonomía aos centros, como positivo sería a recuperación do nome dos «Equipos de Normalización Lingüística». Outrosí sucede coas apelacións ao aproveitamento do neofalantismo xuvenil e a utilización como vehicular das actividades extraescolares. Por desgraza, no documento non se utiliza o moderno concepto de lectura, como práctica social de acceso á información e de gozo da creación literaria.

Pobre balance do apartado educativo dun plan nacido mais como unha estratexia de enredo político en período preelectoral que como ferramenta para acadar un novo acordo social sobre o modelo de educación lingüística. Calquera debate sobre este documento, pasa pola derrogación do Decreto 79/2010 e o recoñecemento do dano causado pola súa implantación e ausencia de avaliación anual.

Publicado en Nós diario 28-07-2026

Gorgorito e o Vigo Ye-Ye

Ao fío da publicación do libro Vigo naqueles tempos. 1967 (IEV 2026) de Xoán Carlos Abad Galego, lembro en Faro de Vigo as funcións de Gorgorito no palco de Castrelos, que forman parte da memoria da infancia nosa:

Os adolescentes vigueses da Xeración do Polycommander, antes fomos crianzas de Gorgorito, que cada verán visitaba o palco de Castrelos. Presentaba este espectáculo de monicreques de fío e variña a compañía «Maese Villarejo» de Juan Antonio Díaz Gómez de la Serna, curmá do autor das greguerías, membro da Fronte de Juventudes e creador en 1940 do boneco «Juanín» e, dous anos despois, de «Gorgorito». Visitaba a nosa cidade dende 1955, cando montaron a súa función por vez primeira nas Avenidas e despois na Alameda, para nos sesenta converterse xa no espectáculo infantil dos «Festivais de España» no gran auditorio o aire libre de Castrelos.

O personaxe do afouto Gorgorito tiña un éxito tremendo, sobre todo pola súa capacidade para xogar co público nas súas leas continuas coa «Bruxa Ciriaca» ou co «Ogro Dentes Longos», os seus antagonistas, a maior parte das veces para defender a «Rosalinda», amiga do protagonista. Lembro que antes de aparecer en escena, xa se escoitaba aquela cantarea gorgoritiana do «parabá, parabá, parabá…», previa ao apoteótico recibimento do público vigués a aquel desfacedor de agravios, personaxe quixotesco que defendía aos bos, a pesar de que o facía a base de xarope de cachaporra, a esencia da resolución dos conflitos teatrais que cada temporada recreaba un argumento diferente, mais cunha estratexia narrativa idéntica.

O máis celebrado de Gorgorito era como a participación do público resultaba decisiva para o éxito do heroe, xa que os espectadores coas súas indicacións conseguían que, despois de moitas voltas, das que a bruxa Ciriaca sempre conseguía escapar, mais que finalmente a pillara e lle dera unha boa malleira de fungueirazos, aplaudidos co maior entusiasmo polo público infantil. Función que pechaban Gorgorito e Rosalinda cantando o inesquecible «Te, chocolate e café». Un espectáculo de monicreques que cos ollos de hoxe é reprobable, tanto polo cheiro machista e pola resolución violenta dos conflitos como pola polarización entre bos e malos, resolta a paos e máis paos. Con todo, son dos que cre que entón as funcións de Gorgorito tiñan o mérito de ofrecer unha narración teatralizada, utilizando o recurso orixinal das marionetas coa intención de disuadir aos malvados que se aproveitan dos máis vulnerables. Xaora, seis décadas despois, o éxito de Gorgorito radicaba no protagonismo do público, que coñecía tanto as palabras máxicas para desfacer os feitizos de Ciriaca como as instrucións para facer tolear ao propio Gorgorito, ás veces tan boíño coma un pouco paspán.

A lembranza de Gorgorito fíxoa con grande detalle e emoción Xaime Fandiño nestas páxinas de Faro de Vigo, recollida logo no seu libro memorialístico La acera volada. Agora, acaba de aparecer un novo Gorgorito, o presentado polo historiador Xoán Carlos Abad Gallego no seu extraordinario 1967 (Instituto de Estudios Vigueses 2026). Libro memorable, que desvela a vida máis íntima da cidade de Vigo ao longo do ano 1967; unha condensación emotiva de historias que depositan memoria cidadá, desvelada en base a trinta e cinco crónicas xornalísticas, a maior parte delas publicadas en Faro de Vigo, como tamén en La Noche e El Pueblo Gallego. Outro xeito moi orixinal de divulgar a historia da cidade, de indagar no seu ADN, contextualizando os textos da prensa con outros de síntese documental e un apartado gráfico artellado por imaxes de IA creadas tamén por un autor que sorprende con cada novo libro que incorpora ao seu amplísimo catálogo do Instituto de Estudios Vigueses, entidade da que é fundador e da que foi presidente durante catorce anos.

A crónica do «Triunfo de Gorgorito en Vigo», recuperada por Xoán Carlos Abad do Faro do 20 de xullo, forma parte do destacado daquel Sesenta e sete no que co beneplácito de Portanet se derrubou o edificio Rubira de Jenaro de la Fuente. Celebrouse o 7 de xullo o concerto Ye-Yé no estadio de Balaídos, pechado polos Pekenikes, o prato forte dunha convocatoria de sons eléctricos que xuntou a mocidade de ambos os sexos que, como conta Faro, «se puxeron a ton coa ocasión, vestindo as roupas máis modernas do seu vestiario». Crónica daquel Vigo Ye-Yé, no que as modernas cafetarías viguesas comezaban a servir pratos combinados e gin-tonic e a Asociación Cultural de Vigo, presidida por Camilo Nogueira, celebrou o 17 de maio dedicado a Curros Enríquez. Mais non se esquecen no libro as graves inundacións e a marea do século, a traxedia do bou Denís, o accidente na canteira das Roteas ou o triste desaloxo do histórico barrio do Areal… Crónicas que o autor vai enguedellando coma se de cereixas se tratase para ofrecer un dos libros máis emotivos, hipnóticos e atractivos da bibliografía viguesa de sempre. Imprescindible para as bibliotecas dos boomers (ou se prefiren Ye-Yés) vigueses.

Xabier P. DoCampo no «Álbum de Galicia»

Cando se fan 8 anos do pasamento de Xabier P. DoCampo preparamos a súa biografía para o «Álbum de Galicia» do Consello da Cultura Galega.

Pode baixarse en pdf na súa versión longa (36 páxinas) e na súa cronoloxía literaria.

Agustín Fernández Paz no «Álbum de Galicia»

Cando se fan 79 anos do nacemento de Agustín Fernández Paz se publica a súa biografía no «Álbum de Galicia» do Consello da Cultura Galega, que preparamos Isabel Soto e eu mesmo.