Medicina en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a Facultade de Medicina:

Ricardo Cao Abad, profesor de Estatística, presidente do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus (2020), reitor da Coruña dende hai ano e medio, encabeza a reclamación dunha segunda facultade de Medicina para Galicia, implantada na súa Universidade. Cao considera que existe unha demanda social insatisfeita destes estudos e que a UDC ten capacidade e recursos suficientes para contar cun novo centro público para estas ensinanzas, utilizando o mesmo procedemento que levou á creación das facultades de Dereito e Informática, impartidas hoxe nas tres universidades.

O reitor coruñés reabre o debate sobre a ampliación das facultades de Medicina en Galicia, existente dende a segregación da Universidade de Santiago no curso 1989-1990 que, tras a aprobación da Lei 11/1989 de 20 de xullo de ordenación do sistema universitario de Galicia, supuxo a creación das universidades de Vigo e da Coruña, ao tempo que tras o acordo dunha comisión tripartita se implantou un mapa de titulacións das tres universidades en sete campus. Xa dende aquel inicio as dúas novas universidades aspiraron a incorporar Medicina a súa oferta educativa, que quedaba en exclusiva para a USC, que impartía estas ensinanzas dende 1648 e no seu emblemático edificio dende 1928. Máis en concreto, en 2009 o alcalde de Vigo Abel Caballero, que gobernaba en coalición co BNG, reclamou abertamente a creación dunha segunda facultade de Medicina como a pata que lle faltaba á Universidade de Vigo, considerándoa «unha das grandes demandas da cidade». Petición á que se sumou o reitor da Universidade da Coruña que estimaba que abrir a facultade custaría 9 millóns de euros.

Hai dez anos abriuse de novo a polémica, pechada tras a sinatura do convenio do 30 de abril de 2015, entre os tres reitores e as consellarías de sanidade e de educación, polo que a Universidade de Santiago se responsabilizaría da planificación e organización dos estudos do grao de Medicina en Galicia, ao tempo que se establecían as regras de deslocalización das ensinanzas clínicas de 3º a 6º cursos nos hospitais do Sergas da Coruña e Vigo, a cargo do profesorado asociado de Ciencias da Saúde (PACS) das Universidades de Vigo e da Coruña. Acordo vixente, polo tanto vinculante, que só foi implantado no chamado rotatorio de 6º, quedando sen explorar as súas posibilidades, semellantes ás do modelo formativo vasco ou madrileño, onde a docencia tanto a clínica como a académica é impartida nos hospitais públicos dende o 3º curso. Posibilidade que xa se contemplaba no proxecto orixinal do hospital de Vigo do goberno de Touriño, que contaba cunha unidade docente con seis aulas, unha biblioteca e un quirófano experimental, dotacións universitarias suprimidas no proxecto definitivo recortado polo goberno de  Feijoo.

Acordo de 2015 que con criterio construtivo e lealdade institucional Manuel Reigosa, o actual reitor da Universidade de Vigo, propón actualizar e mellorar, ao fío da evolución e progreso da rede hospitalaría pública galega como das ensinanzas das tres universidades galegas e das 56 facultades de medicina existentes en España. Avance na descentralización imprescindible e inevitable, como tamén o parece o incremento das prazas docentes do primeiro curso, que en 2025/2026 superan as 400. Deslocalización que debe ser iniciada, sen demora, nos tres vindeiros cursos e obriga á Xunta de Galicia a proporcionar os recursos necesarios para facela efectiva. Como as universidades de Vigo e da Coruña deben contar co profesorado acreditado suficiente (proceso complexo ao que non son alleas as presións dos colexios médicos e doutros lobbies) que, como o reitor vigués expresou, será necesario converter de asociado a vinculado, o que lle permitiría impartir tamén docencia teórica.

Avance sen volta posible na descentralización académica e clínica, que non supón renuncia ningunha da Universidade de Vigo a contar cunha facultade propia de Medicina, no marco do desenvolvemento estratéxico dun novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego para o período 2025-2050. Mapa de titulacións no que se deberán pechar as obsoletas ou as duplicadas que perderon a súa razón de ser. Mapa no que se deben abrir outras titulacións que dean resposta as novas necesidades formativas, de investigación e transferencia, como ás demandas sociais e territoriais. Un novo mapa universitario galego que procure máis a cooperación ca competencia, a descentralización ca xerarquía centralizadora e procure a excelencia formativa e os intereses xerais sobre os corporativos. Con eses criterios é moi probable que a descentralización dos estudos de Medicina reclamada polo reitor vigués sexa o embrión dunha futura facultade viguesa de Medicina con sede nun Cunqueiro ampliado.

Tolerancia

O anuncio da Consellaría de Educación de que as actividades complementarias, non incluídas na Programación Xeral Anual do centro, deben ser aprobadas polo equipo directivo e comunicadas ao Consello Escolar e a Inspección Educativa, abre a batalla ideolóxica educativa do goberno Rueda. Incluída no documento de instrucións de principio de curso, o que limita o seu alcance normativo, ao tempo que dificulta o funcionamento dos centros cun novo e disuasorio trámite burocrático, esta medida ensaia o discurso ayusiano de meter en cintura ao profesorado progresista, mobilizado en Galicia este curso polo futuro da lingua, de Altri ou do xenocidio palestino. Utiliza o argumento tan reseso de «neutralidade ideolóxica», coma se fora posible educar sen un sólido soporte de valores e sen que os centros abran as portas a artistas e profesionais diversas. Non esvararían en tan provocadora polémica, o conselleiro e a súa directora xeral de Ordenación e Innovación, se leran antes as dúas páxinas que Paulo Freire escribiu sobre o tema no artigo «A tolerancia unha das calidades fundantes da vida democrática». Se ben non é posible a neutralidade ideolóxica, na educación pública hai un compromiso irrenunciable cos valores republicanos de igualdade, liberdade e fraternidade, alicerces da convivencia co emprego do diálogo crítico e co rexeitamento de calquera tipo de discriminación. Iso que o brasileiro resume coa palabra «tolerancia». Instancia da propia existencia humana, a tolerancia non é sinónimo de indiferenza nin de pasividade, todo o contrario, é diálogo permanente, respecto a quen é diferente, aos seus soños, as súas ideas ou as súas opinións. Non hai convivencia posible nas nosas comunidades educativas sen persoas activistas (profes e familias) desta tolerancia virtuosa comprometida cunha educación como práctica da liberdade. Dar estoutra batalla ideolóxica nas aulas, aparentemente perdida, pode parecer outra torpeza de Rueda, que non quere perder nin un voto máis na dereita extrema.

Publicado en Nós diario: 18/06/2025

Híbrida

Tras a posta en marcha en 2010 do Proxecto Abalar como estratexia de dixitalización nas aulas, a Consellaría de Educación admite por vez primeira na súa Resolución de 13 de maio de 2025 que os centros participantes no proxecto E-dixgal, nacido en 2014/2015, poderán incorporar libros impresos, en tres materias no caso da Primaria e en dúas das obrigatorias de tres horas na ESO. Unha medida imprescindible para salvar in extremis un modelo de dixitalización educativa promovido por AMTEGA contra vento e marea, nunca debatido nin sometido a avaliación externa, cuestionado por profesorado e familias, do que desertan cada ano máis centros insatisfeitos pola baixa calidade dos materiais dixitais, fose pola súa escasa interactividade e orixinalidade como pola precariedade metodolóxica do seu deseño didáctico; sen menoscabo dos efectos nocivos do uso prolongado e único das pantallas como soporte lector e formativo neste alumnado en plena adolescencia. Modelo de educación híbrida, no que nas aulas se comparte o uso de recursos nas computadoras e pantalla dixital co de libros de texto e outros soportes impresos, defendido dende 2008 polas editoras galegas, que nunca fomos escoitadas nin consideradas á hora do desenvolvemento deste modelo dixital. Outra decisión traumática co libro galego do primeiro goberno de Feijoo, disposto entón a rebentar o que algún dos seus membros chamou «burbulla editorial galega» que, xunto co decreto de Plurilingüismo, levou case ao colapso do noso sector editorial educativo. Benvido este paso atrás do equipo do conselleiro Román Rodríguez, ao que non parece allea a intención de conter á hemorraxia prevista de abandonos do programa E-dixgal e incorporar outros vinte novos centros. Mágoa que por desgraza chegue tarde, cando as nosas editoras ofrecen a concorrencia máis reducida da súa historia na renovación desta oferta hibridada. Rectificar é de persoas sabias, o que en todo caso se agradece e abre o camiño para outras emendas pendentes aquí reclamadas.

Publicado en Nós diario: 11/06/2025

Será por cartos

Xa non estraña a ninguén a retórica barolenta empregada por Valentín García, o secretario Xeral da Lingua, para defender como un cara lavada as políticas do seu partido. Con todo, a súa máis recente deriva na polémica sobre a oficialización das linguas cooficiais na Unión Europea merece ser comentada polo novidoso argumento utilizado e pola audacia á hora de defendelo. Para García este recoñecemento de oficialidade do galego na UE constituiría unha imposición que custaría cada ano 44 millóns de euros, razón pola que se opón a que sexa referendada, a pesar de que o PPG apoiou unha proposta a prol da medida, hai dúas semanas. Un exercicio de coherencia de quen dende 2012 asumiu, entre outras responsabilidades, o deseño dos modelos de educación lingüística e de recoñecemento do galego nas institucións. Certo que nesta derrota, xa nos afixemos a escoitar o seu argumento de atribuír á poboación migrante, para el «xente de fóra», ou 155.000 monolingües en castelán, como as causantes da calamidade estatística do galego. Xaora, era difícil agardar a súa preocupación polo estado das finanzas do Parlamento Europeo, obrigado a asumir unha cantidade desorbitada para unha oficialización que apoiaría sen este custe económico. Galego si, pero sen que custe cartos, é a receita que García ofrece aos responsables europeos, avalada pola súa traxectoria inmaculada como xestor na que o fomento do galego nunca supuxo perigo ningún para cadrar as contas dos gobernos de Feijoo e Rueda. E se alguén o dubidase, abonda acudir ao portal da lingua galega e comprobar como continúa vixente a austeridade das axudas do seu departamento, xustificada coa crise de 2010. Velaí os dous euros por alumno/a das axudas anuais para proxectos de fomento do galego nos centros públicos, adxudicadas a finais de abril ou o importe das destinadas para a publicación de materiais didácticos (200.000 euros) conxeladas dende entón, tras unha redución do 80 %. Non vaia facer algún braghantón un negocio co fomento do galego!

Publicado en Nós diario: 04/06/2025

Exclusión

«Expulsan dun colexio público de Vigo a un neno de infantil pola súa agresividade» leo no xornal local. Non se trata dunha fake news, a noticia está contrastada coas familias do CEIP Emilia Pardo Bazán, coñecido en Vigo como Chouzo­. Trátase dun neno de 6º de Infantil “castigado” a non acudir á escola por “razóns disciplinarias”, que no curso pasado fora escolarizado nun centro concertado, onde tamén adoptara condutas agresivas continuadas co alumnado e co profesorado. Un alumno con claras necesidades de apoio educativo, escolarizado nun grupo de 13 alumnos, probablemente neurodiverso, aínda non diagnosticado en Neuroloxía Pediátrica, como centos doutros escolares nosos con problemas condutuais e emocionais. O extraordinario do caso do Chouzo é a decisión do centro, adoptada co amparo da Inspección e do Xefe Territorial, de expulsar temporalmente ao pícaro de 5 anos “cantas veces sexa necesario” e de xustificala co regulamento do centro na man. Exclusión á que se chega, despois de que a dirección solicitase unha coidadora máis para o centro (da que a consellaría di non dispoñer na bolsa de interinidades) e outra especialista en Pedagoxía Terapéutica (que a administración considera non lle corresponde por catálogo). É posible que non exista mellor solución que deixar o pícaro na súa casa? É isto admisible no actual modelo de educación inclusiva e acompañamento emocional individualizado do que presume a consellaría? Secasí, tras os parches conxunturais da pandemia dos programas Proa + e Acompaña, o persoal que asumimos a responsabilidade do Departamento de Orientación (DO) sabemos que non hai posibilidade de atención á diversidade dende un enfoque inclusivo sen reforzar os DO dos centros co persoal suficiente. Sen refacer (dende 2008) os catálogos obsoletos da rede de orientación educativa galega, que afectan as especialidades de orientación, PT, AL e persoal auxiliar, non hai inclusión educativa posible. O resto serán brindes ao sol ou solucións vergonzosas como a denunciada.

Publicado en Nós diario: 28/05/2025

Salvar a lingua

Non comparto a idea de facer un concurso de ideas entre «persoas expertas» como o convocado pola consellaría de lingua coa intención de salvar o galego da que semella plácida extinción, unha vez erradicado da escola e da transmisión familiar. Nin tampouco as posicións galeguistas que diante da incapacidade do sistema educativo público para garantir a dobre competencia nas linguas oficiais, asumen como alternativa posible en medios urbanos un modelo de educación lingüístico privado para as súas crianzas. Posicións, que comprendo no contexto actual, onde non hai políticas públicas activas co galego, tanto da Xunta como das administracións locais, mais que comparten o derrotismo para a causa da lingua. Pola contra creo que será decisivo para a socialización lingüística o que suceda no eido familiar como o que aconteza nas aulas e nos patios, sexan da rede pública como da concertada, relixiosa ou laica. Coma influirá nese porvir o seu peso nas comunidades dixitais, onde ten presencia insuficiente. Con todo, o futuro do idioma noso continúa residindo na súa resiliencia asertiva para xuntar vontades e compromisos familiares, para construír argumentacións sólidas na defensa dunha educación lingüística inmersiva nos patios e nas aulas. Ademais de ofrecer prácticas galeguistas atractivas nas que coincidan maiorías sociais, no deporte, na lectura, na música ou na literatura, onde o galego posúe espazos interxeracionais de tamaño suficiente para ser recibido con simpatía e fidelidade. Chamar polo enterrador da lingua, como fan algunhas voces, é inadmisible ao tempo que por fortuna innecesario. Asumir, como afirman outras agoreiras, como inevitable o modelo irlandés dunha Galicia sen lingua de seu, tampouco é unha posición nin realista nin esperanzadora para a causa da nación e o horizonte do seu autogoberno. Tócanos asumir a posición máis incómoda para salvar a lingua e o propio país: a de termar das propias forzas e transformar con intelixencia as debilidades en novas oportunidades.

Publicado en Nós diario:  30/04/2025

Discurso Premio Follas Novas

Queda para o arquivo o discurso que pronunciei o sábado 26 de abril de 2025 con motivo da aceptación do Premio Follas Novas honorífico da edición outrogado pola Asociación Galega de Editoras.

A miña beizón polos agarimos recibidos.

O texto pode baixarse en pdf aquí.

Piares da Lectura

Pechou o Salón do Libro de Pontevedra dedicado ao cine coa homenaxe a Xavier Senín e Isabel Soto, piares da tradución e activistas da lectura nas últimas catro décadas. Cun discurso literario fermoso e documentado, foi a bibliotecaria Ánxeles Roca quen debullou a súa traxectoria e méritos, salientando que concibiron a tradución como ferramenta capaz de desfacer fronteiras e indispensable para a normalización do galego. Ademais de conformar cadanseu impresionante currículo profesional e catálogo tradutolóxico, coma outro compartido non menos interesante, modelo de traballo colaborativo rigoroso e teimudo, con fitos senlleiros no cento de obras anosadas ao galego dende o francés, entre as que destacan as súas versións xeniais de Asterix (con Alejandro Tobar), Senín e Soto son activistas da lectura e facilitadoras con grande xenerosidade da construción de proxectos colectivos. Velaí as súas achegas a Galix e Oepli, a termar de publicacións como Golfiño ou O correo da Unesco, a proxectos como «Imos xuntos camiñar» ou á intensa colaboración literaria e acompañamento aos membros da Xeración Lamote (Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Paco Martín), sendo para min outros membros máis deste grupo fundador da nosa lix. Mención á parte merecen os seus compromisos e méritos individuais. Sexan os de Isabel Soto como crítica literaria, especialista en educación literaria e formación de mediadoras ou como biógrafa e coidadora da obra e legado de Fernández Paz, entre outros. Sexan os de Xavier Senín os de modélico xestor do público, ao longo de dezanove anos como subdirector xeral do libro na Xunta de Galicia, primeiro valedor do proxecto de modernización do sector editorial galego, ademais de teimosa intelixencia activa do consenso forxado na Mesa do Libro (2003-2004) arredor do texto inicial da Lei do Libro e da Lectura, aprobada despois en 2007, que continúa sendo referencia para a edición galega. Xustísimo recoñecemento para Senín e Soto, piares da tradución, da lix e da lectura.

Publicado en Nós diario: 09/04/2025

Sen bibliotecas públicas

Sendo capital editorial de Galicia dende hai 75 anos, Vigo padece unha grave carencia bibliotecaria. Con apenas dúas bibliotecas públicas, a Juan Compañel (1995), no edificio Ferro, xestionada pola consellaría de cultura, e a municipal Xosé Neira Vilas (2011), no barrio do Calvario e de xestión privada, Vigo padece un inédito negacionismo bibliotecario das autoridades locais que identifican as salas de estudo con acceso a Internet, sen libros nin outros fondos, coas bibliotecas públicas. Doutrina coa que se abriron os espazos de estudio do Auditorio e de Navia, que cumprindo un valioso servizo público a estudantes e opositoras, non poden entenderse de xeito ningún coma bibliotecas. Abonda con consultar o dicionario da Academia para saber que «unha biblioteca é un conxunto elevado de libros destinados á lectura do público», ao que cómpre engadir o seu carácter interxeracional e  a súa responsabilidade no fomento da lectura. Carencia que podería ser mitigada pola apertura dunha Biblioteca Pública do Estado, prometida dende hai dúas décadas polo ministerio de cultura, que por liortas entre Concello e Xunta, que por desgraza continúan, nunca acaba de arrincar. O de Vigo sen bibliotecas é unha anomalía que, por desgraza, desmerece a calidade de vida da propia cidade. Conviña revisala.

Publicado en A Movida, abril 2025.

Herdanza de Docampo

Na porta da casa na que viviu Xabier P. DoCampo na Coruña, a AELG colocou en 2019 unha placa na que aparece a confesión máis coñecida do escritor chairego: «Sen dúbida, o acto máis íntimo que coñezo é contar unha historia». Frase afortunada de quen fixo da súa viaxe relato, aprendida a carón da lareira onde o seu pai, o muiñeiro Raimundo, transmitiulle unha tradición e unha cultura na que a palabra oral era referente, e onde a mai mentres cosía recitaba a San Juan de la Cruz ou cantaba os cuplés do momento. Herdanza de infancia de quen viviu un mundo de historias ao pé dunha cerdeira enorme que pousaba as súas ramas no lousado da súa casa de Castro, árbore que escolleu para representar as súas raíces na homenaxe coa que foi recoñecido, outra vez pola AELG, cando lle entregou a Letra E. Homenaxe actualizada, dende o pasado ano, cada 5 de abril, arredor do día do seu nacemento, na Polavila Docampo, iniciativa itinerante das súas amizades para lembrar a súa figura e o seu activismo educativo e de fomento da lectura, ademais de compartir e poñer en valor o seu extraordinario legado literario de trinta libros e centos de textos ensaísticos. Serán no que, sobre todo, se pretende celebrar o desexo de que nos conten historias e a autoridade do narrador que a fai verosímil a, na cerimonia máxica da contada. Polavila Docampo 2025, que se celebrará mañá, 3 de abril, no edificio da sede da Deputación de Lugo, que se iniciará coa lectura de fragmentos da súa última novela A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), que dará paso a unha gala literaria na que de forma altruísta participarán as súas amizades lucenses, poetas, contadores e cantoras. Outro serán onde a lingua volverá ser escudo para o libro galego, como reclamou o mestre de Castro de Ribeiras de Lea na súa derradeira intervención o 19 de maio de 2018, cando recibiu o premio ao mellor libro de narrativa do ano, que finalizou denunciando aos que deixan a intemperie o libro e a cultura galega, outra herdanza de Docampo.

Publicado en Nós diario: 02/04/2025