Avelino Rodríguez Elías cronista
O 9 de setembro de 1936 o xornalista e cronista oficial da cidade, Avelino Rodríguez Elías e a súa familia, a súa muller María Miguélez e os seus catro fillos xa maiores de idade, embarcaron no transatlántico alemán Monte Pascoal camiño do porto de Montevideo. Seis billetes polos que pagaron 4.000 pesetas e salvaron a vida de quen fora detido e trasladado ao Frontón de María Berdiales, improvisado cárcere, no que tamén estaba recluído Manuel Lustres Rivas, o seu compañeiro de redacción de Faro de Vigo, xornal no que traballaba dende 1904 e do que era redactor xefe, empresa que o 26 de agosto emitiu apenas unha nota lacónica anunciando a baixa dos seus redactores. Elías tivo mellor fortuna ca Lustres, paseado o 10 de novembro, grazas a contar coa axuda de José María Perelló, cónsul de Uruguai en Vigo que, tras oito días no Frontón, convenceu a Felipe Sánchez de que liberase a Elías, que era daquela cónsul de Paraguai en Vigo, para evitar así un conflito diplomático. Perelló acabou levando a Elías a súa casa, onde agardaría con temor a arribada do buque procedente de Hamburgo, no que abandonaría Vigo, a súa patria amada, á que nunca máis regresaría.
Avelino Rodríguez Elías cando marchou para Asunción, tiña 64 anos e xa escribira en Vigo unha obra poética, en castelán e galego, con libros como Aturuxos (Tipografía Carranque, 1895) e O miñato e mais a pomba poemas galegos (1909); dramática recollida en Obras teatrais galegas (1926) como de historia local. Publicou varios dos libros esenciais da historia de Vigo. La Reconquista de Vigo en 1809. Juicio crítico e histórico (Artes Gráficas PPKO, 1916) cuxa cuberta ilustrou o escultor e pintor Alejando Curty, no que en lugar destacado reflicte a unha muller vestida co traxe tradicional que sostén o escudo de Vigo nas súas mans. E, sobre todo, La escuadra de plata: estudio crítico y documentado sobre la famosa busca de los galeones de Vigo (Tipografía de Faro de Vigo, 1935), con cuberta ilustrada por Maximiliano Vidales Espinosa, profesor de debuxo da Escola Municipal de Artes e Oficio. Obra esencial que responde as preguntas chave sobre os tesouros dos galeóns de Rande: A canto chegaban? Que botín quedou en mans da frota anglo-holandesa? Canto recolleron as diversas empresas que para recuperalos se formaron? Sen esquecer a súa obra inédita na que destaca Historia da cidade de Vigo, orixinal enviado dende Paraguai, hoxe transcrito na Biblioteca García Barbón da Escola Municipal de Artes e Oficios, que aínda agarda ser publicado.
Na redacción de Faro de Vigo amigou co fotógrafo Pacheco e con Handicap, o redactor deportivo, xornal no que publicou centos de informacións sobre a vida local, algunhas tan novidosas como datar en 1895 os partidos iniciais de fútbol no Malecón. Na revista Alegría (1909) publicou moitos dos seus poemas. Creou e dirixiu a revista ilustrada Ecos de Vigo (1911) e colaborou en Letras y Deportes (1909), Vigo Marítimo (1911), Vida Gallega (1912), El Puerto de Vigo (1925), entre outras cabeceiras viguesas. De espírito activista defendeu sempre causas nobres: promoveu a creación dun corpo de bombeiros voluntarios, participou na creación da asemblea local da Cruz Vermella, promoveu a protección da Oliveira (1932) colocando un valado, defendeu a creación do Museo de Vigo no Pazo de Castrelos, recuperou o escudo da cidade (1922), loitou por aproximar Galicia e Portugal, participou nas actividades dos galeguistas e defendía o uso do galego (1923), lanzou a idea na revista Vida Deportiva (1924) da creación do estadio de Balaídos e da celebración en Vigo dun cross country, de solicitar a creación dunha escola de comercio ou propuxo instalar a Casa Concello na porta do Sol ou na Alameda, entre moitas outras iniciativas.
Avelino Rodríguez Elías foi o terceiro dos cronistas oficiais da cidade, electo polo pleno do concello o 24 de febreiro de 1926, tras Nicolás Taboada Leal, falecido en 1883, ao que sucedeu sete anos despois o seu fillo Nicolás Taboada Fernández até 1899. A praza de cronista quedou baleira durante máis de dúas décadas. Xaora tras ser asumida por Elías, a comisión xestora do concello, nomeada tras o levantamento militar, acordou o 14 de setembro de 1936, cando Avelino cruzaba o Atlántico, «deixar sen efecto o seu nomeamento». En 1937, exiliado o cronista para salvar a pel, a Comisión Municipal Permanente do 2 de xuño de 1937, a proposta do sacerdote Juan Domínguez Fontenla, acordou nomear a José Espinosa Rodríguez para tan alta responsabilidade institucional. Gerardo González Martín, o seu biógrafo, considera que foi a «paixón por Vigo», cidade á que gustaba chamar «Perla de los mares», á que moveu a vida de quen foi «o mellor cronista da historia» de Vigo. Merece ser recordado, como publicada unha edición crítica da súa Historia da cidade de Vigo.


Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir