Chegan as reválidas

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre a situación da reválida de 6º, que está prevista que se realicen en Galicia esta semana:

tres-diasEsta semana vinte e un mil escolares galegos de once e doce anos realizarán durante tres días as probas de avaliación final de 6º de Educación Primaria. Implántase así a bautizada como “Reválida de sexto”, unhas probas individualizadas que ao amparo da LOMCE, a famosa Lei Wert apoiada só polo Partido Popular, teñen exclusivamente carácter informativo e orientador para o alumnado, os centros, as familias e a propia Administración Educativa coa intención de coñecer o grao de adquisición das competencias e a detección de problemas de aprendizaxe. Unha proba, pois, que carece de efectos académicos, razón pola que a súa superación non será imprescindible para o acceso do alumnado de 6º de Primaria á Educación Secundaria Obrigatoria. Probas que, segundo anuncia a Consellaría de Educación, a encargada de organizalas, confeccionalas e achegar os materiais e soporte informático a cada centro, terán unha estrutura semellante ás implantadas con carácter diagnóstico o pasado curso en 3º de Primaria coa intención de comprobar o grao de dominio de destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita e en cálculo e resolución de problemas, se ben nestas de 6º engádese a avaliación das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e se avalían por separado o coñecemento e destreza das competencias de comunicación lingüísticas en galego, castelán e inglés.

Segundo a Consellaría de Educación, estas probas individualizadas serán corrixidas por profesorado do centro adscrito as áreas de Lingua e Matemáticas de Educación Primaria, pero que non imparte docencia ao alumnado avaliado. A normativa que regula as probas, cuxa aplicación e corrección será supervisada pola Inspección Educativa, contempla que cada alumno ou alumna recibirá un informe de carácter orientativo no que constará o nivel obtido en cada unha das competencias e destrezas, así como a existencia dun informe para cada grupo e para cada centro escolar onde se recollan os resultados globais da avaliación do seu alumnado. A Consellaría de Educación contempla, ademais, a posibilidade de que as familias soliciten a revisión dos resultados, así como a obriga por parte dos órganos colexiados de cada centro (claustro e consello escolar) de realizar unha análise dos resultados do seu alumnado e unha reflexión interna de cara ao establecemento de futuros plans de mellora, se fose necesario.

A implantación desta “reválida diagnóstica de sexto” non está exenta de polémica xa que son apenas cinco as comunidades que a implantarán (Galicia, Castela-León, Madrid, A Rioxa e Murcia); mentres que outras (Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria, Castela A Mancha, Estemadura, e Valencia), todas elas de presidencia socialista, acordaron realizar probas ou informes individualizadas, que non se ateñen ao disposto no Real Decreto que regula con carácter xeral as probas, que algunhas destas comunidades mesmo teñen recorrido no Tribunal Constitucional. Xaora, as restantes, Navarra e Canarias anunciaron a súa intención de realizar tamén probas alternativas de diagnóstico; Cataluña a continuidade do seu modelo de diagnóstico de competencias básicas, mentres que o Goberno Vasco reiterou a súa negativa a facelas este curso. Un auténtico caos, outra mostra do fracaso sen paliativos dunha lei imposta polo Partido Popular, contra o criterio do resto do arco parlamentario e da propia comunidade educativa, cuxa implantación é rexeitada pola maioría das comunidades autónomas, que son as que teñen as competencias nesta materia.

Tras este rexeitamento da proba de 6º, que afecta a case tres cuartas partes da poboación escolar deste nivel, utilízase decote argumentos baseados na importancia na Educación Primaria da avaliación continua e cualitativa por parte do profesorado de cada grupo e do equipo docente de cada centro, o que faría innecesarias a realización de probas externas de diagnóstico, que só contribuirían á homoxeinización dos currículums escolares e á perda de autonomía pedagóxica de cada centro. Mais tamén rexeitanse estas probas por fixar un modelo de avaliación externa que invadiría competencias que son propias das comunidades autónomas, como e sobre todo polo carácter segregador que suporía o establecemento de ránkings entre centros e comunidades despois de coñecer os resultados das probas, posibilidade que o ministro Íñigo Méndez de Vigo nega agora, probablemente presionado polo fracaso da implantación da medida. En todo caso, aventuro que esta proba diagnóstica de 6º que agora se implanta en Galicia terá o mesmo curto percorrido dunha lei educativa que dunha ou doutra maneira será modificada tras as eleccións do 26 de xuño. Mágoa da confusión innecesaria que provoca na comunidade educativa.

 

Onte 1640: Gardner e a intelixencia ética

Gustei moito da entrevista que na “Última” de La Vanguardia fixeron a Howard Gardner, o psicólogo de Harvard formulador da teoría das intelixencias múltiples, á que tanto nos referimos nos materiais didácticos de Educación Infantil. Gardner afirma o que moitos intuiamos: “as malas persoas non poden ser persoas excelentes”. Para Gardner “os mellores profesionais son sempre ECE: Excelentes, Comprometidos e Éticos”. Unha afirmación esencial para reorientar a tarefa educativa, xa que ademais da “formación técnica” o alumnado debe asumir uns valores “que van máis alá das súas necesidades para servir ás de todos”. Como tamén é admirable a súa confesión, “vou a clase a desaprender de min e aprender dos mozos”, coa que alerta sobre os prexuízos na construción das aprendizaxes. No día no que volve Mario Conde, estas declaracións son un antídoto esperanzador para a rexeneración cívica dende a educación en valores.

Onte 1631: «Fuxiamos», a nova canción de Manuel

12931257_981891321848690_6408358570847822781_nPareceume impresionante «Fuxiamos», a Canción de Manuel deste ano. Como fixeran en edicións anteriores, con motivo das efemérides do 2 de abril,Día internacional de concienciación sobre o autismo, tamén Día internacional do libro infantil e xuvenilOlga Lalín e Seso Durán, profesores de ensino secundario, pretenden desfacer prexuízos e proporcionar visibilidade ao trastorno do espectro autista que padece o seu fillo Manuel. Recomendo vivamente compartir esta peza fermosa que expresa a sinceirdade dunha familia que afornta o TEA con sensibilidade e determinación. Como recomendo seguir a páxina de Facebook «Alto Alto como una montaña» dedicada a reclamar o compromiso das autoridades educativas e sanitarias para mellorar e implementar un modelo de atención integral para as persoas con diversidade funcional, respectándoas como cidadáns de pleno dereito.

Onte 1612: Día do número pi

1457956699_783314_1457957076_portada_normalFoi onte, 14 de marzo (3/14 no formato de data anglófono), o día do número pi, unha efeméride recente que pretende achegar o coñecemento matemático ao conxunto da sociedade. Non fai falta ser profesor de ciencias para saber que pi é a razón entre o perímetro dunha circunferencia e o seu diámtero, resultando unha cifra decimal de innumerables díxitos (que algúns tolos recitan en internet durante horas). Sexa ou non pi eterno, non hai dúbida da súa utilidade na vida cotián, incrementada hoxe polo mundo da computación e da telefonía. Como tampouco pode dubidar ninguén que é un número ben popular, con presenza no cine e na literatura, ao que lle acaen coincidencias ben simpáticas como a de que onte fose tamén a data do nacemento de Albert Einstein (1879) e do pasamento de Karl Marx (1883). Cousas do número pi.

Onte 1608: Ombú senlleiro

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O ombú, a árbore centenaria do Instituto do Castro, é moi fermosa e queirda. Traída desde Arxentina, a finais do século XIX, probablemente, por un indiano, é a árbore máis antiga de todo o monte do Castro, unha das máis vellas de Vigo e a de máis porte das da súa clase existente en Galicia. O ombú de Hispanidade é un monumento natural que merece ser catalogado como «árbore senlleira». Unímonos á iniciativa da comunidade educativa do IES do Castro, da que sempre formaremos parte, para que o noso ombú sexa recoñecido e protexido como merece.

Oito de marzo ou a loita pola igualdade

No 20100302014512-8marzo2 artigo da semana en Faro de Vigo abordo a efeméride do 8 de marzo:

Dende a proclamación en 1910 do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora, a instancias de Clara Zetkin, que propuxo na reunión da Internacional Socialista de Copenhagen lembrar ás obreiras téxtiles que en 1857 saíron a rúa en Nova York para reclamar melloras nas súas condicións de traballo, esta efeméride serviu de referente na loita pola igualdade impulsada polos movementos feministas. Transcorrido máis dun século, conquistados polos feminismos algúns dereitos das mulleres en moitos países (voto, acceso á educación e ao traballo, sexualidade…), recoñecidos dende 1945 pola ONU na Carta das Nacións Unidas e materializados cincuenta anos despois na Plataforma de Beijing, o 8 de marzo continúa sendo unha data de loita a prol da igualdade real entre homes e mulleres e de avaliación dos retos, estratexias e avances no proceso de empoderamento da muller en todo o planeta.

Neste 2016, a ONU acordou como lema do 8 de marzo, “Por un Planeta 50-50 en 2030”, coa intención de que a consecución da paridade de xénero en todos os ámbitos da vida centrase a estratexia das políticas de igualdade na vindeira década. Unha proposta estratéxica internacional, bautizada como “Demos o paso pola igualdade de xénero”, que pretende pechar a fenda de xénero existente (dunha ou doutra maneira) en todas as sociedades, impulsar o empoderamento das mulleres nos máis altos niveis de toma de decisións, eliminar a disparidade de xénero nos eidos educativos e laborais, fomentar a igualdade na vida cívica e social, así como contribuír a mudar os roles e estereotipos de xénero. Unha estratexia paritaria global que reclama a todos os gobernos que asuman compromisos para abordar as dificultades que impiden as mulleres progresar, ao tempo que se responsabilicen de que as políticas de igualdade sexan, e continúen sendo, unha das súas prioridades.

Unha fenda de xénero e desigualdade presente na sociedade galega baixo a forma máis brutal da violencia machista, ese terrorismo doméstico de aparente baixa intensidade, un auténtico feminicidio xerado nos espazos do privado, cuxo número de asasinatos se incrementou de forma alarmante no noso país durante os dous últimos anos. Mais tamén expresada por outras formas visibles e explícitas do machismo (como as agresións, violacións ou abusos sexuais) e outras que semellan invisibles ou máis sutiles, dende os denominados “micromachismos” (tan en voga entre os adolescentes e o modelo do amor romántico e controlador), até as chantaxes emocionais que levan a anulación da muller, desde a linguaxe e publicidade sexista até a humillación e desvalorización que estes milhomes de tres patacos intentan provocan nas súas compañeiras. Violencias machistas, onde está a orixe de moitos asasinatos e agresións, sobre os que a sociedade debería adoptar tolerancia cero.

Mais esta fenda de xénero continúa sendo tamén unha fenda laboral e salarial. Os datos do estudo sobre o emprego feminino, elaborado polo sindicato de CC.OO. sobre estatísticas oficiais de 2012 a 2015, amosan as claras que a desigualdade, o desemprego e a precariedade caracterizan o traballo das mulleres en Galicia durante ese período. A taxa de actividade das mulleres (48,9%) é inferior ao dos homes (58,2%), fenda de case dez puntos que se mantén en todos os tramos de idade, mesmo entre os 16 e 24 anos, onde a das rapazas é de 29,3% e a dos rapaces é do 31,7%, o que quere dicir que traballan sempre máis homes ca mulleres puidesen facelo. Xaora, as mulleres desempeñan o 76,0% dos empregos a tempo parcial (xeralmente para dedicarse ao coidado de menores ou persoas adultas dependentes), sendo a súa taxa de temporalidade do 28,4%, fronte a do 25,6%, como tamén é superior (en 2015) a taxa de desemprego, 18,6% fronte ao 17,0% dos homes.

Xaora, os datos que máis chaman a atención no estudo son os que expresan a desigualdade nos postos de alta cualificación nas empresas, onde hai un 21,0% de ocupación feminina e un 13,0% masculina, mentres que nos de dirección e xerencia supoñen o 2,4% das ocupadas e o 4,9% dos ocupados. En definitiva, hai máis mulleres cualificadas, pero máis homes directivos. Con todo, onde se manifesta aínda máis claramente esta desigualdade laboral en Galicia é que continúa sen pecharse a fenda salarial no sector privado, xa que o salario das mulleres é o 78,06% do dos homes. En definitiva, existe unha importante fenda laboral e salarial en Galicia que precariza a vida das traballadoras con salarios máis baixos, penaliza as súas posibilidades de promoción laboral e do acceso á maternidade. A consecución da paridade en todos os ámbitos da vida social, laboral e política e a erradicación das violencias machistas constitúen, pois, os eixos da loita pola igualdade que neste oito de marzo convoca a homes e mulleres.

Onte 1571: Reivindicación dos mestres de Pedro Feijoo

Premio_San_Clemente_02-02-2016

No discurso de aceptación do premio San Clemente, que recibiu por segunda ocasión, o escritor Pedro Feijoo reivindicou o papel esencial dos mestres. Nun acto no que tamén recolleron cadanseu premio Javier Cercas e Colm Tóibín, o autor d’ A memoria da choiva gabou a Suso de Toro («sempre un verdadeiro profesor para min») de quen, confesou, aprendera nos anos oitenta e noventa «na lectura das súas páxinas que outro xeito de facer literatura galega era posible».

A seguir, Feijoo insistiu na importancia da figura dun bo profesor («sei que poucas carreiras arrancan se non hai no comezo un bo mestre detrás, unha boa profesora que nos aprenda como vai o choi este do mundo») e denunciou o duro que foron estes últimos anos para o profesorado desorientado polo «ruido das reformas», «forzado a traballar cunha lei máis parecida a un rodillo que a unha verdadeira inquedanza educativa». Feijoo reclamou «saír en apoio dos nosos mestres» para evitar «a consagración da burocracia sobre a educación» e impedir «o afundimento do noso sistema educativo».

Rematou lembrando de forma agarimoso a Agustín Fernández Paz e convidando ao alumnado a protagonizar o traballo de «volver a poñer en valor a figura do mestre». «Seredes vós os encargados de recuperar e defender a súa valía.»

Aquí pode descargarse en pdf o texto completo do discurso.

Onte 1561: «Gabanza da lentitude»

LB00381201Despois dunha semana a ritmo de vertixe, demoreime onte nas páxinas de Alabanza de la lentitud, o recentísimo ensaio de Lameberto Maffei publicado por Alianza Editorial. O neurocientífico italiano reivindica nun cento de páxinas gorentosas outra forma de vida que recupere o valor do tempo e un ritmo máis acougado onde as artes e a sletras teñan un espazo de seu. Maffei reflexiona sobre os mecanismos cerebrais que guían o «pensamento rápido» ou dixital e analiza as vantaxes e desavantaxes da civilización actual na que predomina a rapidez das relacións e das decisións, prevalencendo o facer sobre o pensar. Maffei convida a recuperar o «pensamento lento», baseado na linguaxe e na escritura, sobre todo no eido educativo, propoñendo unha educación humanista, promotora da curiosidade e da paixón por coñecer. Fronte á bulimia consumista e a anorexia de valores actual é posible vivir baixo o principio de festina lente (bule devagariño), Eis unha gabanza da lentitude.

Onte 1454: Triste Día Europeo das Linguas en Galicia

1024px-Image-Languages-Europe

Coincidiu a celebración onte do Día Europeo das linguas coa notificación recibida na Real Academia Galega na que o Tribunal Constitucional comunica que inadmite o seu recurso de amparo sobre o recurso de casación relativo á sentenza do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia sobre o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario. Un texto de apenas un par de liñas que  sen expresar motivación xurídica ningunha liquida o recurso da Academia e deixa sen dereitos lingüísticos aos picariños galegofalantes escolarizados en castelán.

Unha decisión do Constitucional, na que non é moi difícil identificar intencionalidade política, que como sinalou o secretario da RAG deixa en papel mollado a Carta Europea das Linguas Rexionais e MInoritarias, que obriga ao estado español a garantir unha oferta educativa suficiente en cada unha das linguas cooficiais nos niveis educativos non universitarios. Non hai dúbida de que a Academia Galega debe continuar a súa batalla xurídica e recorrer ás instancias xudiciais europeas o Decreto para o plurilingüismo sexa por vulnerar o texto da Carta Europea como por excluír o uso do galego en materias científicas como as Matemáticas ou a Física e Química, como por fomentar os prexuízos sobre o noso idioma.

Neste contexto magooume que nunhas declaracións radiofónicas recentes de Alberto Nuñez Feijoo a Jiménez Losantos, primeiro responsable político do Decreto 79/2010, recoñecese sen arroibarse que a Xunta considera vinculante a polémica consulta ás familias, a pesar de que fose anulada por unha sentenza do TSXG. Para o presidente da Xunta «se a maioría dos pais queren que os seus nenos empecen a ler e a escribir en castelán, empezan a escribir e a ler en castelán a totalidade da aula». U-los dereitos, entón, dos picariños galegofalantes recoñecidos pola Carta Europea das Linguas? U-lo cumprimento do establecido sobre a consulta ás familias na sentenza do TSXG sobre o Decreto para o plurilingüismo? Xaora, con este criterio da Administración educativa galega, do que fachendea Feijoo, estáse erradicando o galego destas aulas de Educación Infantil e do primeiro curso de Primaria, mais tamén o seu seu emprego como lingua de instalación coloquial destes picariños.

Triste celebración do Día Europeo das Linguas en Galicia, cando o retroceso do uso do galego no sistema educativo está sendo promovido polo goberno do propio país. Triste e indignante.

Onte 1447: Plan de fomento do libro

sybillineDo debate cos partidos políticos organizado pola Federación de Gremios de Editores sobre a súa proposta de poñer en marcha un plan de fomento do libro e da lectura recollo apenas as posicións do partido do goberno sobre as bibliotecas e as librarías. Non me sorprende que o Partido Popular continúe teimando, como ven facendo dende 2012, en suprimir a partida dos orzamentos do estado destinada a compra de novos fondos para bibliotecas públicas, deixando toda a responsabilidade deste caso ás comunidades autónomas e administracións locais. Sen dotación, as bibliotecas públicas non poderán transformarse no corazón da actividade lectora e de acceso á información nos diversos soportes de cada comunidade local. Porén, semella que o partido de Rajoy está máis preocupado polo futuro das librarías, asfixidas pola perda dun terzo da súa facturación dende 2008, para as que promete poñer en marcha un selo de calidade que identifique aquelas que realicen un papel dinamizador no seu entorno local.

Medidas de apoio ás bibliotecas e ás librarías necesarias, mais moi insuficientes para que o sector do libro no seu conxunto poida facer fronte aos efectos do seu proceso de hibridación disrutiva. Levo tempo defendendo que só un plan transversal de fomento da lectura, desenvolvido no sistema educativo regrado e na rede de educación non formal, financiado por todos os poderes públicos e apoiado por diversas iniciativas privadas, permitirá incorporar a lectura como un dos temas preferentes da axenda pública, utilizada polos partidos políticos e polos medios de comunicación. Sen o compromiso por unha revolución lectora, temo que medidas illadas como as comentadas queden en auga de castañas.