Cultura dixital

Nacidos en Vigo o 17 de maio de 1978, adiantándose ás institucións da Autonomía, os Premios da Crítica de Galicia mantivéronse sen interrupción como manifestación da vitalidade cultural de Galicia e do desenvolvemento das súas industrias culturais. Nacidos con cinco modalidades –Creación literaria, Ensaio, Investigación, Música e Iniciativas culturais–, ás que na segunda convocatoria se engadiría unha sexta –Ciencias e artes da representación–, estes premios sen dotación económica, organizados por unha asociación plural e independente e outorgados por xurados especializados, pretenderon recoñecer cada ano a excelencia e a relevancia da produción cultural, dos labores individuais e colectivos máis destacados nos ámbitos da literatura, música, artes escénicas, artes plásticas, cine, cultura gastronómica e da investigación en Galicia e, singularmente, da realizada en galego. Case ás portas do seu cincuenta aniversario, tras a renovación da asociación organizadora, acaba de ser convocada a edición dos Premios da Crítica de Galicia correspondente a 2024 que, por vez primeira, contará con dez modalidades, de xeito que ás oito habituais na última década, se lle engade unha nova, –Cultura dixital–, e se desdobra a de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, por unha parte, e Ciencias Sociais e Humanidades por outra. Un fito novidoso nesta cuadraxésima sétima edición que expresa a vontade da cultura galega para hibridarse (e por tanto normalizarse) no paradigma dixital como a dimensión adquirida pola investigación científico técnica realizada ou promovida maioritariamente en Galicia e na lingua de noso. Modalidade de Cultura dixital, outorgada xa de forma pioneira no Carballo Interplay, coa que a organizadora pretende recoñecer a relevancia de iniciativas como a creación e produción de contido dixital en galego para redes, de videoxogos, podcasts, aplicacións e outras creacións hipertextuais. Actualizacións dos Premios da Crítica de Galicia que hoxe merecen ser compartidas.

Publicadoo en Nós diario: 29/05/2024

A lix, o libro en papel e o libro dixital

Queda no arquivo o texto da presentación que preparei sobre «A lix, o libro en papel e o libro dixital» nas xornadas de GÁLIX. Desfacendo a RAIA XII arredor do tema «A lix fronte aos novos formatos de lectura».

A presentación pode baixarse en pdf aquí.

A escola do Faro

Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo ao proxecto editorial Faro da Escola:

Teño participado en moitas entregas de premios, mais ningunha tan concorrida e participada polo público infantil como a que vivín o pasado 13 de xuño nas bancadas do pavillón municipal de Travesas, que pechaba a oitava edición de Faro da Escola, o proxecto editorial de Faro de Vigo que achega ao mundo da prensa aos centros educativos da provincia de Pontevedra, con especial incidencia na área metropolitana de Vigo, Pontevedra e Deza. Máis de 1.600 escolares e un cento de profesoras dos 47 centros educativos de Primaria, que publicaron este mes cadanseu faro, participaron nun acto, iniciado con moita música de moda (aspecto a mellorar, dende o punto de vista educativo, en edicións futuras) e coa acollida agarimosa do director do decano. Unha mañá de festa e moitas  fotos na que se recoñeceron os tres mellores periódicos escolares deste curso 2022-2023, tamén as tres mellores entrevistas, portadas, seccións de opinión, investigacións empregando a hemeroteca, reportaxes, fotografías de interior e portada, infografías, deseño, tira cómica, suplemento, pasatempos, entre outras modalidades e categorías deste singular certame de prensa escolar.

Unha entrega coa que remataban os case oito meses de traballo nas aulas necesarios para a elaboración integral do faro anual de trinta e dúas páxinas de cada centro. Tarefas iniciadas no mes de outubro co período formativo do alumnado e profesorado participante, a cargo dun equipo de profesionais de Faro de Vigo, que desprazados aos propios centros desvelaron os segredos da preparación dun xornal, tanto os referidos a planificación e distribución dos seus contidos, como da súa redacción e maquetación, empregando Scribus, a potente ferramenta coa que se fai o xornal. Unha escola de xornalismo infantil, polo tanto de escritura crítica e pegada ao cotián, que como corresponde ao actual proceso de hibridación da prensa utiliza soportes diversos, tanto impresos como dixitais. Unha escola de comunicación escolar que salienta o valor das imaxes (ilustracións, infografías e fotografías) que acompañan os textos das noticias, reportaxes ou entrevistas, nin esquece tampouco a relevancia dunha publicidade atractiva e da súa xestión para facer viable a publicación. Formación que o alumnado participante no proxecto completou nas visitas durante o inverno ás instalacións do xornal en Chapela e nas conferencias nos centros do persoal do CSIC e de autoras e autoras de literatura infantil de Xerais, entidades colaboradoras.

Unha escola a do Faro que promove o traballo colaborativo, tanto do equipo docente de cada centro como do alumnado de cada aula, planificado co obxectivo de elaborar un produto textual e gráfico do que todos os participantes se senten orgullosos e responsables. Unha tarefa xornalística, que ademais desta cooperación imprescindible, obriga aos escolares a poñer a proba a súa curiosidade e as súas competencias na localización e recollida de información en fontes diversas e fiables, utilizando nesta investigación tanto a dispoñible na propia hemeroteca do Faro (unha experiencia lectora extraordinaria), a existente na rede, na biblioteca escolar como na comunidade escolar e veciñal. Unha excelente oportunidade para que o alumnado realice un exercicio de lectura  e escritura crítica, o que esixe valorar e diferenciar en cada un dos textos o gran da palla, o que son noticias do que son falsidades, trolas ou dixomedíxomes. E, o que aínda é máis importante na construción do pensamento crítico e científico do alumnado de Primaria, obriga a debater e a argumentar, tanto oralmente como cando se redacta, empregando cada vez estruturas máis complexas e vocabulario preciso.

O Faro da Escola, pois, proporciona aos centros escolares de Primaria a posibilidade de achegamento directo a cada un dos xéneros periodísticos e propón que, utilizando as ferramentas do xornalismo actual, cada escola viva a experiencia de transformarse na redacción dun xornal que ao longo de todo o curso dialoga coa actualidade da contorna para informar a súa comunidade educativa. Seguido cada martes nas excelentes páxinas do suplemento Faro da Escola, este triunfante proxecto editorial e educativo, lembrounos as páxinas dos suplementos pioneiros A Pizarra, dedicado a información e opinión sobre temas educativos, e O Pizarrín, a contidos de literatura infantil e xuvenil, que Faro de Vigo comezou a publicar en galego en setembro de 1983, espazos ambos os dous onde tivemos a fortuna de comezar entón a publicar os nosos primeiros artigos naquel Faro da movida dirixido por José Armesto Faginas. Parabéns para o equipo de profesionais de Faro que cada curso fai máis atractiva e potente a experiencia educativa do Faro da Escola.

Onte 2139: Brétemas 17 anos

Tal día como o de onte de hai dezasete anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.331 anotacións das que 89 corresponden ao último ano, o de actividade máis cativa deste dietario dixital.

Unha diminución explicable tanto pola preferencia na miña actual actividade profesional pola lectura e escritura literarias como polo proxecto de chiografía de #XelaArias2021 que de forma diaria completei en Twitter. No entanto, continúo acreditando no blog como o soporte principal da miña identidade dixital, tanto polas posibilidades de acceso ordenado ao arquivo como polo marcado semántico dos contidos, dúas utilidades que non posúen ningún dos perfís das redes sociais.

Non asumo compromisos de novidades para o blog neste ano que comeza, máis aínda cando non abandonamos a pandemia, que tanto condiciona a comunicación dixital. Con todo, procurarei canto menos recoller os artigos semanais publicados en Faro de Vigo e os textos sobre algunhas das miñas lecturas que por diversas razóns chamaran a miña atención.

Xaora, ollando cara atrás continúo coa esperanza que expresaba con inxenuidade naquela primeira anotación de 2005, na que lembraba unha presentación de Xerais en Froxán, no corazón do Courel de Novoneyra,  lamentaba que no BNG puidesen prescindir do criterio de Camilo Nogueira e anunciaba un artigo sobre os cines de Vigo da memoria.

Beizóns e gratitudes para as persoas que dende aquela continúan con xenerosa paciencia lendo nestas brétemas, tamén para aqueloutras que se foron incorporando e agardo que para algunhas que puidesen facelo no futuro. Seguimos.

Onte 2110: Brétemas 16 anos

Tal día como o de onte de hai dezaseis anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.242 anotacións das que 141 corresponden o último ano, unha cifra semellante a do pasado, que expresa tanto a diminución do emprego do blog como soporte preferente da comunicación dixital, desprazado cada vez máis no meu caso ao perfil de Twitter, como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.

No entanto, continúo acreditando no blog como soporte principal da miña identidade dixital, xa que permite un acceso ordenado ao seu arquivo, ao tempo que un marcado semántico, utilidades que non posúen ningún dos perfís das redes sociais.

Este ano quedará marcado pola pandemia do Covid-19, razón pola que ten moita presenza nos contidos (sobre todo educativos) durante o período de confinamento, mais tamén polo interese en publicar de forma normalizada textos sobre as miñas lecturas (preferentemente da actual edición galega) e sobre o seguimento do mundo da edición (como un curioso editor xa retirado).

Gostei moito da liña cronolóxica sobre a dixitalización na comunicación cultural en galego publicada estes días por Marta Veiga Izaguire, un traballo extraordinario de investigación no que identifiquei case todos os avances compartidos por unha comunidade á que nos adscribimos (utilizo o plural polo feito de compartila co meu admirado Jaureguizar) tal día como onte de hai dezaseis anos. Continúo coa esperanza e inocencia coa que abrín aquelas primeiras brétemas que me propoño continuar. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas.

Onte 2075: A vampira 451 de Ledicia Costas

Ledicia Costas agasállanos nesta reentrada con Vampira de biblioteca, un novo libro da súa factoría creativa, ilustrado por Víctor Rivas. Unha aventura cen por cen ledicia que integra tres das súas principais liñas de traballo: a exploración de medos e perdas no inframundo paralelo, creado en Escarlatina; a indagación no eido do coñecemento e da tecnoloxía utilizando a estética steampunk, iniciada n’ A señorita Bubble e A balada dos unicornios; e a recreación do mundo dos animais estraños e a creación de sociedades compartidas cos seres humanos, presente n’ As peripecias de Extravaganzza Pérez. Tres esteos literarios que prenden nunha mesma trabe, a voz enérxica de Eleonora, a nena vampira chucha tinta e vegana que relata a súa historia como defensora dende hai máis dun século dos fondos da biblioteca de Coímbra ameazados pola terrible praga do couzón real que pretende papalos.

Nas páxinas iniciais, a narradora e protagonista propón á lectora que se quere gozar desta aventura literaria antes debe descalzarse e identificar e escribir os seus medos, aquelas cousas ou situacións que lle producen un profundo desacougo. Só despois poderá poñerse máis cómodo na cama ou no sofá e saber todo o que lle aconteceu a Eleanora e aos morcegos Xa e Mon cando coñeceron ao avó Mariano e a súa familia toda. Un pacto inicial coa lectora que tamén o é de exaltación apaixonada do valor dos libros e das bibliotecas, ameazados tanto polos perigos do temible couzón da morte como pola idiotez e alienación provocada polo uso doutros soportes onde procurar información, como internet, as redes sociais ou os videoxogos.

Vampira de biblioteca pertence a esa clase de grandes libros sobre o mundo dos libros. Unha defensa da cultura do libro protagonizada neste caso por unha vampira punki, tamén vixía dos libros e lectora letraferida, que como aquel bombeiro Montag de Fahrenheit 451 (parabéns a Xerais pola nova edición deste clásico), pretende poñer a salvo un por un os imprescindibles da  biblioteca ao seu cargo (como Drácula, o vampiro máis respectado de toda a historia) chuchando a tinta das súas páxinas para poder inxectalas noutro soporte e deixalas fóra de perigo. Unha xenerosa estratexia, como a de procurar as palabras perdidas na casa dos humanos, que leva a historia, nun xiro inesperado e moi brillante, á exploración do valor da amizade, como algo que medra se a alimentas e a cultivas. Lemos tamén para querer e ser queridos, o que obriga a considerar a lectura como unha actividade vinculada ao eido emocional.

Ledicia Costas acerta de cheo cando ofrece unha aventura literaria de amizade entre vampiros, humanos e animais dirixida a un lectorado autónomo (a partir de 9 ou 10 anos) cando comeza a compartir a experiencia lectora sobre libros impresos coa utilización do hipertexto da web, a iniciarse no uso da comunicación nas redes e adestrarse no uso dos videoxogos compartidos. Acerta Ledicia cando fai esta exaltación imaxinativa e atrevida do valor dos libros e da bibliotecas fuxindo das mexericadas do aroma ou cheiro dos libros e outras trapalladas propias dos que non entenden que a hibridación da lectura é hoxe un camiño sen volta. Ledicia por medio de Eleanora, a súa vampira 451, defende os libros por que como aquel Montag de Bradbury sinte que detrás de cada libro hai unha persoa que  fala . Velaí o milagre e a marabilla da lectura pola que paga tanto a pena vivir aventuras como cada unha que nos ofrece Ledicia, facernos humanos. Recomendo vivamente esta Vampira de biblioteca, libro importante.

Onte 2070:«Guía de campo da Galicia Encantada»

Un dos grandes proxectos da cultura galega dos últimos vinte e cinco anos foi a edición e actualización dunha parte do seu patrimonio de literatura oral. Unha iniciativa privada que colleu pulo e visibilidade coa publicación do monumental Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1998) a cargo de Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Cuba. Un proxecto editorial de longo alento que os tres mosqueteiros de Lugo continuaron coa publicación da colección de conto popular Cabalo buligán e coa de máis dunha ducia de libros monográficos de mitos, lendas e contos en diversos formatos e coleccións de Xerais. Un traballo etnográfico de recuperación e investigación traballado nas polafías, mais tamén de escritura literaria e de ilustración creativa (velaí o legado visual de Lázaro Enríquez e Noemí López), que nunca será suficientemente valorado polo que supuxo para o noso patrimonio inmaterial.

Dentro deste proxecto histórico, de idéntica transcendencia ao da conservación do patrimonio do románico popular ou de calquera das nosas catedrais, incríbese o traballo que Antonio Reigosa ven realizando dende o mes de marzo de 2005 como creador e coordinador de Galicia encantada, a enciclopedia da fantasía popular de Galicia en internet. Un proxecto pioneiro de edición colaborativa en liña que en 2015, coincidindo cos seus dez primeiros anos, fixose libro de papel (e tamén ebook), baixo o título Galicia Encantada. O País das mil e unha fantasías. Unha iniciativa que agora recunca, con motivo décimo quinto aniversario da web, cun segundo volume, Guñia de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan. Con caracterñisticas de edición semellante ao primeiro, Reigosa escolma aquí máis dun cento de relatos que descubren mitos ou lendas vinculadas a lugares singulares por razóns históricas, arqueolóxicas, naturais ou culturais, e tras dos que se agochan crenzas e ritos de todo tipo.

En vinte dous capítulos temáticos, Reigosa ofrece unha viaxe fascinante polos territorios da Galicia encantada: cocos e asustanenos, a morte, cousas de demos, lendas urbanas, extravagantes célebres, fenómenos, míticas, nubeiros, casas encantadas, remedios de medicina popular, pontes, santos e milagres, tesouros, mitoloxía dos animais, augas e plantas, orixe dalgúns topónimos… Un libro de vontade colaborativa, como o espazo web da súa orixe, froito das achegas de máis de oito informantes de todas as xeografías galegas, inserido nese labor colectivo de enorme transcendencia cultural de recuperación, coñecemento, coidado e difusión do noso patrimonio inmaterial, un dos eixos esenciais na preservación da nosa lingua e da nosa cultura. Mais tamén é un libro de espírito inequivocamente narrativo e literario, unha gozada para ler e compartir a lectura. Parabéns a Reigosa por este enorme e magnífico labor.

 

Sé xenial en Internet

Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE) colabora coa Policía Nacional e a Fundación de Ayuda contra la Drogadicción (FAD) no proxecto de Google «Sé Xenial en Internet». Unha iniciativa coa que se pretende axudar a nenos e nenas e a adolescentes a facer un uso seguro e responsable da tecnoloxía, así como apoiar a familias e docentes no aproveitamento educativo que ofrece Internet.

O portal «Sé xenial en Internet» ensina os conceptos fundamentais da cidadanía dixital e seguridade para que poidan explorar con confianza o mundo en liña.

As distintas actividades organízanse en cinco principios:

–. Comparte con coidado: Sé intelixente en Internet.
–. Non caias en trampas: Mantente alerta en Internet.
–. Protexe os teus segredos: Mantente seguro en Internet
–. Ser amable é xenial: Sé amable en Internet
–. Se tes dúbidas, pregunta: Sé valente en Internet

O portal conta cunha sección de recursos para o profesorado que inclúe unha guía para docentes, que achega os recursos para  ensinar na aula os conceptos básicos de seguridade e cidadanía dixital. Aínda que se enfoca para alumnado de terceiro a sexto de primaria, resulta útil tamén para o de secundaria.

Tamén hai un apartado específico con recursos para pais e nais, onde se pode consultar unha guía para familias, onde aparecen claves para fomentar dende a casa os bos hábitos e o diálogo sobre o uso da tecnoloxía. E como complemento no acompañamento dixital, o portal inclúe a ferramenta de supervisión Family Link, que xestiona as aplicación que pode usar os menores ou controla o seu tempo de xestión, entre outras.

O videoxogo Interland

Neste portal tamén dispoñible o videoxogo gratuíto Interland, con posibilidades de aproveitamento didáctico tanto na casa como no colexio.

A través de catro escenarios diferentes (Reality River, Tower of Treasure, Kind Kingdom, Mindful Mountain) trabállanse aspectos como: diferenciar entre o real e o falso, recoñecer os sinais dunha estafa, entender que é phishing e como reportalo, aprender a crear un contrasinal seguro que ademais debe ser recordable, non tolerar a intimidación, comprender que algunha información é sensible, así como as consecuencias de compartir certa información.

Teléfono 017

Un  complemento a esta campaña é o servizo que INCIBE ofrece a través da Línea de Ayuda en Ciberseguridad, onde é posible recibir axuda profesional acerca do uso seguro e responsable de Internet. Un recurso gratuíto e confidencial co que poden contar docentes, familias e menores todos os días do ano de 09:00 a 21:00h. Abonda con marcar o  teléfono 017 e despois, escoller a opción nº1, correspondente ao equipo de menores.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Poñémonos de netiqueta

Participar na comunicación dixital precisa da súa netiqueta. Ou noutras palabras, existen unha serie de regras de boas maneiras que regulan o noso comportamento cando utilizamos o correo electrónico, cando lemos e comentamos nos blogs ou cando participamos nunha conversa simultánea escrita (nun «chat» dun servizo de mensaxería instantánea) ou virtual («videoconferencia»).

A primeira netiqueta fixouse xa hai máis de vinte e cinco anos, cando aínda estaba nacendo a Internet comercial, no libro Netiqueta de Virginia Shea que fixou as dez regras básicas para comportarse no que se chamou ciberespazo.

O decálogo da Netiqueta (1995)

Regra 1: Lembre que a persoa que le a súa mensaxe é humana con sentimentos que poden ser feridos.
Regra 2: Respecte os mesmos estándares de comportamento que segue na vida real.
Regra 3: Recoñeza en que parte do ciberespazo se atopa.
Regra 4: Respecte o tempo e o ancho de banda das outras persoas.
Regra 5: Amose a súa cara mellor.
Regra 6: Comparta o seu coñecemento coa comunidade.
Regra 7: Axude a manter as discusións nun ambiente san e educativo.
Regra 8: Respecte a privacidade de terceiras persoas.
Regra 9: Non abuse do seu poder.
Regra 10: Perdoe os erros alleos.

O desenvolvemento de novas utilidades no ciberespazo (blogs, servizos de mensaxería, redes sociais…) e a incorporación ao seu uso por todo tipo de persoas, obrigou a actualizar as regras desta netiqueta. Velaí a nosa proposta:

10 regras de netiqueta actual

1-. Saúda, preséntate e despídete.
2–. Agradece e solicita as cousas por favor.
3–. Identifícate e completa o teu perfil con foto e nome reais, así como cunha breve biografía que permita coñecer quen es.
4–. Coida a túa privacidade, non facilites información persoal ou familiar.
5–. Escribe textos curtos e coida a corrección da ortografía, escribir ben di moito de ti.
6–.Comparte os teus coñecementos, ideas e materiais, se algún non é teu, enlaza ou cita a fonte de onde o tiraches.
7–. Axuda a crear bo ambiente sendo agarimoso e amosando a túa mellor cara, respecta o tempo dos demais e pensa que as túas mensaxes van ser lidas por persoas con sentimentos.
8–. Utiliza as emoticonas para expresar as túas emocións, pero ten coidado de non abusar delas.
9–. Conta ate dez, se estás anoxado/a, nese caso é preferible que non contestes. Non abuses do uso das maiúsculas, xa que é sinónimo de berrar.
10–. É preferible pecar de xenerosidade, non critiques os erros alleos, todos nos equivocamos, ten paciencia agardando as súas respostas, non todas as persoas se desenvolven igual no ciberespazo.

Esta netiqueta de carácter xeral, claro está, debe concretarse en función de cada utilidade dixital (correo electrónico, mensaxería, redes sociais…) ou do contexto de comunicación (educativo, profesional, familiar ou amical).

Poñemos dous exemplos, de boas maneiras para utilizar o correo electrónico e participar en videoconferencia.

Netiqueta no correo electrónico

1–. A cortesía sempre primeiro: non esquezas saudar, despedirte e asinar cada unha das mensaxes de correo.
2–. Evita o spam: cando haxa destinatarios múltiples, envía a mensaxe a cada un deles como copia oculta.
3–. Claridade: utiliza o campo asunto para resumir o contido ou a intencionalidade da mensaxe e para axudar a seguir o fío; cando agregues arquivos, fai unha descrición breve do seu contido.
4–. Ortografía: respecta as regras ortográficas como mostra de autoestima e de respecto ás persoas ás que vai dirixida a mensaxe.
5–. Verifica: antes de enviar comproba as direccións para evitar envíos innecesarios.

Netiqueta na videoconferencia múltiple

1–.Preparación: busca o espazo máis axeitado para colocarte, comproba que funciona correctamente a túa conexión e evita distracións e ruídos ambientais.
2–.Puntualidade: conéctate uns minutos antes da hora á que esta concertada, é preferible agardar un pouco que o fagan por un.
3–. Cortesía: saúda e despídete, non está de máis que utilices tamén a linguaxe de signos para facelo.
4– Respecto: mantén pechado o teu micrófono mentres non chega a túa quenda; solicita a palabra á persoa que modere a sesión, cando se abra outra nova.
5-. Empatía: mira á cara a quen está falando e evita realizar outras tarefas ao mesmo tempo.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Onte 2051: Brétemas 15 anos

Tal día como o de onte de hai quince anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.101 anotacións das que 138 corresponden o último ano, unha cifra moi baixa, semellante a do pasado, que expresa tanto a persistencia da miña fatiga dixital como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.

Xaora, neste ano teño moito que agradecer que o blog recibise o Premio da Gala do Libro Galego a traxectoria dun proxecto literario na rede, así como que Xerais incluíse no catálogo da colección Crónica Vigo, puro milagre, o libro onde escolmei setenta e cinco dos textos de Campo de Granada, a maior parte non presentes no arquivo do blog. Senllas razóns para continuar a publicación do blog, no que nas vindeiras semanas introducirei mudanzas na páxina principal para axeitala a tipoloxía de textos que publico con maior frecuencia. En todo caso, expreso a miña gratitude ás lectoras pacientes e xenerosas destas brétemas de esperanza, a maior parte delas por medio de Twitter e Fb, que continúan formando parte das miñas preocupacións diarias.