Onte 2003: Brétemas 14 anos

Hai catorce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.963 anotacións das que 131 corresponden o último ano. A cifra mais baixa da xeira anual, á que non foi allea o desánimo sofrido tras o abandono da dirección de Xerais no mes de abril como tamén unha evidente fatiga dixital provocada polo ruído e a abafante banalidade cainita de Facebook, por desgraza hoxe o espazo central da conversa dixital da miña xeración. Consciente de que o blog tocara fondo, no verán pasado decidín mudar completamente a súa apariencia, utilizando un modelo de magazin coa intención de facer máis visible a diversidade dos seus contidos tanto nas súas seccións (Edición, Educación, Política, Cultura, Xerais, Artigos, Onte, Vigo…) como no acceso aos contidos do seu arquivo cronolóxico, temático e semántico.

Coincidindo co regreso as aulas no pasado mes de setembro, abrín unha nova etapa na que pretendo ir recuperando devagariño o espírito de hai unha década onde os blogueiros do blogomillo ensaiabamos as posibilidades de escritura de hipertextos en galego, como un xeito de construír espazos navegables utilizando palabras, imaxes e sons. Coa intención de continuar ensaiando a potencialidade comunicativa hipertextual e o seu aproveitamento didáctico, coincidindo co ano novo abrín a sección «Hipertextos», na que publicarei anotacións breves enriquecidas coas diversas utilidades hipertextuais.

Diante do retroceso que supuxo a escritura plana de Facebook e dos fíos de Twitter (sen enlaces nin accesos directos de busca), a hipertextualidade e multimodalidade reflexiva dos blogs permiten a identificación de sitios web, personaxes ou contidos relevantes na rede. Máis aínda cando se está configurando diante dos nosos ollos unha nova web macromedia, deseñada para ser consumida nas pantallas dos teléfonos e taboíñas, unha tendencia con presenza aínda cativa en galego, coas excepcións dalgúns contidos promovidos polo portal culturagalega.org, por Praza e sobre todo por esa marabilla recente que é Vinte, onde enxergamos un futuro que xa é presente.

Tras case tres lustros gozando do privilexio de contar con persoas incondicionais, que len, comentan e comparten estas brétemas, continúo acreditando en que os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais, tanto polas posibilidades comunicativas e creativas que ofrecen as súas utilidades como polas facilidades de acceder ao seus contidos. A miña gratitude a todas elas. Seguimos.

Onte 1910: Fatiga dixital no sector do libro estadounidense

Lin onte un interesante estudo do ICEX sobre a situación do mercado do sector editorial os Estados Unidos. Sometido a un intenso proceso de hibridación e reestruturación, promovido polas mudanzas tecnolóxicas como polas preferencias dos públicos, o primeiro dato, quizais un dos máis sorprendentes, é que en 2016 as vendas aumentaron nun 1,10 %, até acadar os 29.000 millóns de dólares, procedendo o groso da facturación dos libros impresos, fronte á caída da dos e-books. Diminución dun 5,70 % dun mercado do libro electrónico de case catro mil millóns de dolares (o 13,38 % do total do mercado), motivada tanto polo encarecemento dos e-books polo chamado “modelo de axencia”, no que os editores fixan o prezo de venda sen apenas marxe para os minoristas, como polo fenómeno bautizado como “fatiga dixital”, que fai que os consumidores prefiran dedicar o seu tempo de lecer a actividades que os manteñen afastados dos ordenadores, tabletas e dispositivo móbiles.

Outro feito que me pareceu salientable deste mercado é o liderado indiscutible acadado polos e-tailers, os distribuidores a través de internet, como Amazon, que se sitúan como a canle favorita dos compradores, o que afecta tanto ás redes de librarías como as distribuidoras. Como tamén chama a atención que este mercado sexa lidareado polo libro de texto (o 31,60 % das vendas), seguido dos libros técnicos e profesionais (27,50 %), os de ficción e non ficción para persoas adultas (24,00 %), mentres que os libros infantís, que dependen en boa medida dos orzamentos das escolas, supoñen apenas o 6,60 %. Pareceume significativo o feito de que o formato dixital non teña unha gran aceptación nos libros infantís (apenas o 20,00 %), o que os redactores do informe atribúen á preferencia dalgunhas familias a que os seus pequenos lean en libro impreso antes que o fagan en e-book.

Por último, un dato que non pode pasar desapercibido é que o 73,00 % dos estadounidenses leron polo menos un libro nalgún formato durante o último ano, sendo o 65,00 % os que fixeron nun libro impreso, o 28,00 % nun e-book e o 14,00 % nun audiolibro, formato que continúa o seu crecemento continuado, quizais porque lles permite compartir outras tarefas. Xaora, o estudo identifica unha mudanza dos hábitos de consumo dos lectores dixitais, aumentando os que len en dispositivos multiplataforma (smartphones e tabletas) fronte a aqueles que o fan en e-readers.

Datos interesantes que expresan unha certa fatiga do proceso de hibridación dixital no mercado estadounidense que poden axudar a identificar  e explicar tendencias no noso mercado.

Onte 1820: Liberdade de expresión

Facebook-Prisioneros-sovieticos-concentracion-Mauthausen_EDIIMA20170128_0193_19

Indignoume que Facebook censurase esta fotografía publicada con motivo do Día do Holocausto ao que nos referiamos onte. Trátase dunha foto histórica estremecedora, moi coñecida e difundida na rede, tomada por un vixiante nazi do campo de Mauthausen a prisioneiros soviéticos. Unha censura xustificada por Facebook polo feito de que esta rede social ten restrinxida a publicación de fotografías de persoas espidas, mais que para María Torres, a creadora  do blog Búscame en el ciclo de la vida, e da páxina de Facebook homónina, ten todas as trazas de ter unha motivación ideolóxica. Por incrible que poida parecer, nos tempos da disrupción dixital e da emerxencia da nova dereita, defender a liberdade de expresión e os dereitos humanos en Facebook, como no resto de espazos de Internet, constitúe un principio esencial para todas as persoas que os utilizamos. Esta foto de Mauthausen expresa con toda a crueza a desolación destes homes sometidos polo nazis ás violencias extremas da fame, os traballos forzados e o roubo da súa dignidade. Non debemos agochala.

Onte 1808: Bookout

bookout app

Txetxu Barandiarán descúbreme a existencia (dende o pasado 19 de decembro) de Bookout, unha aplicación (dispoñible polo momento só en IOS) para seguir o ritmo das nosas lecturas. Como outras aplicacións que controlan a nosa saúde, sexa o ritmo cardiaco, o noso número diario de pasos ou calorías consumidas, Bookout pode cronometrar a nosa velocidade lectora ou, se lemos en formato impreso, gravar citas e notas, coma se se tratase dun epub. No marco das aplicacións que cuantifican o noso rendemento e o converten en gráficos estatísticos, Bookout permite crear o noso perfil numérico como lectores e lectoras. Utilidades que quizais poidan semellar superfluas, mais que non dubido que poidan ter os seus seguidores.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1492: Amazon abre unha libraría

Header_FINAL._V289787686_

O feito de que Amazon, o xigante estadounidense da distribución de contido dixital, xunto a Apple e Google, abra unha libraría física en Seattle demostra que a hibridación é o que caracteriza hoxe o mundo da edición e do libro. Na fermosa libraría do estado de Washintong venderanse tanto libros impresos como produtos e servizos dixitais de lectura, como o Kindle ou a taboíña Fire, utilizando un modelo de comunicación co lectorado no que semella se pretende levar a experiencia de Amazon na rede . Tras vinte anos de actividade, o xigante estadounidense da distribución por Internet, non esquezamos que non vende só libros, dá un paso que pode ser decisivo para o futuro do mundo da libraría nesta década. Imaxinamos a Amazon abrindo este tipo de tendas en Europa? Unha nova a seguir e a ter moi en conta.

Onte 1434: Vítimas en Facebook

_318-49940Vexo que tanto no caso do accidente do ralli da Coruña coma no asasinato machista de Vigo de onte, os grandes medios impresos utilizan nas súas informacións os datos e fotografías publicadas nos perfís de Facebook das vítimas. Sen dúbida que ningunha destas persoas acreditaría nesta posibilidade cando abriu o perfil nesta rede social nin valorou as diversas posibilidades de privacidade. En todo caso, semella que tanto os medios como os usuarios de internet deberiamos ser moi respectuosos ccoa desgraza das súas familias e coa divulgación das súas vidas truncadas de forma tan inxusta como inesperada. Non estaría de máis reflexionar sobre o uso que facemos de Facebok e o nivel de privacidade do contido que publicamos.

Onte 1362: Tendencias de consumo cultural

evolucionconsumocultural

Cheguei onte a unha anotación esencial do meu admirado Txetxu Barandiarán sobre datos económicos e tendencias no consumo cultural en España. Non hai dúbida que os datos agoiran malas perspectivas para os sectores do libro e das publicacións periódicas: de 2006 a 2013, no entorno da chamada crise económica, o consumo cultural descendeu en España un 25 %, manténdose moito mellor os sectores dos espectáculos cos das publicacións e aumentando todo o relacionado con Internet. A pesar de que os datos apenas expresan tendencias, non é difícil identificar que a compra media por persoa de libros (30,00 euros en 2006, 19,00 en 2013) e publicacións periódicas vai á baixa, supoñendo en 2013 só a metade do gasto anual de cada persoa en Internet (88,20 euros). Tratándose de datos referidos estritamente ao consumo de produtos e servizos, descoñecemos se a lectura como actividade de lecer, adopta un perfil semellante, modificado polo incremento de uso das bibliotecas e polo acceso a contidos textuais dixitais gratuítos. Como tampouco sabemos se estamos diante dunha mudanza de hábitos do consumo cultural ou só do procedemento de acceso aos contidos. En todo caso, as consecuencias para a reorientación urxente do sector do libro parecen evidentes.

Onte 1323: O XXI, século da lectura

reimprimete_12-05-2015

O escritor César Antonio Molina, director da Casa del Lector, pronunciou a conferencia da terceira edición do Reimprímete, o foro que o Clúster do Produto Gráfico e a Asociación Galega de Editores organizan cada ano para facer un seguimento do proceso de hibridación do libro e do produto gráfico. As fermosas e documentadas palabras do que foi ministro de Cultura do primeiro goberno Zapatero destilaron un aroma de melancolía, que non impediu que Molina fixese un chamamento enérxico á mobilización dos axentes da cultura para transformar «o século XXI no da lectura e no dos lectores», «para o que cómpre rematar coa dicotomía excluínte entre o analóxico e o dixital, na procura da formación dun lector multisoporte e plurilingüe.»

César Antonio confesou que «sempre acreditara no feito que a loita pola democracia traería o hábito da lectura xeralizada e a cultura como ben esencial…» «Nos anos 70 e 80 estivemos a punto de conseguilo, mais agora entramos nun período de certa involución. Hoxe temos un problema severo de lectores, sen eles todo o demais sobra. Na educación básica non soubemos facer difusión da lectura, crear ese hábito. As humanidades foron relegadas no sistema educativo, como proba que a Filosofía fose relegada pola programación de ordenadores. A marcha atrás é xigantesca. O feito de non ter sementado lectores leva a que agora chegan á madurez as primeiras xeracións de non lectores. Comprendemos agora que a lectura é un elemento democrático esencial.»

Para Molina «o futuro da cultura está nos arquivos dixitais. O 72 % dos usuarios das bibliotecas americanas buscan información nos soportes dixitais, que se fose necesario profundizan despois no soporte papel. Hoxe o aire que respiramos componse de osíxeno, nitróxeno e información.» Insistiu o coruñés na importancia da lectura: «Ler é unha condición inseparable do ser humano. A lectura é unha forma de relación coa vida, un nutriente da especie humana. Somos homo videns que aprendemos ao longo de toda unha vida que depende da variedade e potencia da nosa lectura. Ler permite interpretar o mundo que nos rodea e os espazos interiores que nos constrúen como persoas.» «Sigo crendo na validez da afirmación “amosarme as vosas bibliotecas e direivos como sodes”», concluíu no seu alegato a prol da lectura como forma de humanización.

Despois de definir o proceso de hibridación da lectura, como «a convivencia do sólido e do líquido», César Antonio afirmou que «estamos no abrente dun novo descubrimento lector, no albor dun novo paradigma, dunha nova oportunidade para abrir un novo ciclo cultural.» Un novo modelo de lectura no que identificou diversos perigos: «a dificultade de centrar a atención e realizar unha lectura silenciosa; e a pulsión excesiva pola velocidade, contraditoria coa lentitude que require o proceso lector.» «Ler con concentración, atención e silencio non depende do soporte.»

Dedicou a última parte da súa intervención a comentar algúns contidos de Smart, o ensaio recente de Frederic Martel sobre a cultura e o fenómeno de internet e as redes sociais. «Para Martel o novo modelo económico da cultura virá polas suscricións ilimitadas.» «Desenvolverase unha nova cultura onde a crítica será reemprazada polas recomendacións dos usuarios e polas conversas nas redes sociais. A conexión permanente entre os usuarios marcará os gustos e as tendencias dos contidos dixitais distribuídos polas multinacionais. Os dereitos de autor desaparecerán. A cultura será un sector sen ánimo de lucro, ond eo mecenado terá maior importancia que a cultura pública. A cultura mudará o produtor polo servizo.» Para César Antonio Molina o preocupante panorama presentado por Martel levará «á desintermediación educativa e cultural, realizada por profesionais como editores, xornalistas, profesores e bibliotecarios, para ser substituída polas recomendacións elaboradas por algoritmos descoñecidos en mans de Amazon, Google ou Apple, empresas que controlan os nosos movementos, as nosas consultas, intereses, a través dunha espionaxe a todas luces ilegal.»

 

Edición hibridada

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de hibridación dos soportes de edición.

descargaNas entrevistas que me fan como editor en lingua galega é frecuente que me pregunten sobre como enxergo o futuro do libro e, máis en concreto, o do libro electrónico. Dende hai ben tempo asumín que a dixitalización no eido da edición provocaría unha disrupción, unha ruptura abrupta, un cambio determinante no concepto de libro e na forma de entender a lectura, na medida que as utilidades hipertextuais e multimodais dixitais son capaces de desenvolver un novo paradigma de comunicación cultural, unha auténtica revolución na lectura. Teño reiterado nas miñas intervencións que toda a edición hoxe é hibridada na medida que coexisten os soportes impresos e os dixitais, os libros en papel e os libros electrónicos (en formato epub), os xornais impresos e os que lemos na web ou na aplicación dun teléfono ou taboíña.

Porén, hai cada vez máis indicios de que a evolución do proceso de dixitalización editorial, que concebiamos sería disruptiva e veloz, semella se está ralentizando. Son cada vez máis numerosos os indicadores que amosan que o libro electrónico non acaba de consolidar nin o seu formato nin chantar raíces sólidas no seu mercado. Semellaría que polo momento o libro eléctrónico non pode co libro en papel, a pesar de contar co formidable soporte publicitario dos seus distribuidores estadounidenses case oligopólicos (Amazon, Apple e Google) e co apoio incondicional das empresas de telefonía móbil, as primeiras interesadas no incremento do tráfico que a lectura electrónica provoca.

As vendas de libro electrónico non se incrementan na progresión que hai apenas dous anos semellaba imparable. Nos Estados Unidos, até agora o mercado que marcaba as tendencias no proceso de dixitalización, onde existe un 6 % de lectores e lectoras que declaran ler só en formato dixital, o pasado ano o libro electrónico medrou apenas o 4 %, freándose o devalo do mercado dos libros impresos que en 2014 medraron un 2,4 %. No Reino Unido no pasado nadal nas grandes cadeas de librarías tamén aumentaron as vendas de libros impresos. Mentres no máis recente observatorio do libro do Ministerio de Educación e Cultura sinala que en 2014 a edición dixital diminuíu en España nun 1,9 % mentres que a impresa medrou nun 3,7 %. Un retroceso para o mercado do libro dixital que a Federación de Gremios de Editores de España estima supón apenas arredor do 4 % da súa facturación (porcentaxe semellante a de Francia e Alemaña) de máis de dous mil millóns de euros a prezo de capa. Un fenómeno que no caso do libro en lingua galega supón unha porcentaxe aínda máis modesta, apenas o 1%, a pesar de que nos dous últimos anos se incrementou o catálogo de libro electrónico en galego até os 400 títulos.

Cifras modestas para o libro electrónico, nas que inflúe o gravame que supón o disuasorio 21 % de IVE e o comportamento irresponsable con autores e editores daquelas persoas que baixan de forma indiscriminada milleiros de títulos electrónicos considerando que todo o contido dixital debe ser gratuíto. Como outro síntoma da crise do actual modelo de libro electrónico é a diminución das vendas en todo o mundo dos e-readers, os lectores de tinta electrónica concibidos especificamente para ler, mentres que aumentan as das taboíñas e smartphones, a pesar de ser aparellos incómodos para lecturas prolongadas. Unha tendencia que se consolidou cando a empresa Sony, a pioneira no deseño de lectores electrónicos, anunciou que deixaba de fabricar os seus aparellos para o mercado europeo, incapaz de competir co Kindle de Amazon e coas taboíñas con pantallas de cor capaces de ofrecer máis posibilidades de lectura e acceso ás redes sociais. Unha tendencia que obriga aos editores a redefinir o actual produto electrónico e orientalo cara o dos “libros enriquecidos” coas utilidades hipertextuais de texto, audio e vídeo.

A edición hoxe é hibridada. Probablemente as publicacións impresas e dixitais convivirán durante máis tempo que o anunciado polos gurús da dixitalización nas súas profecías interesadas. Xaora, iso non nega o carácter disruptivo desta mudanza hipetextual da edición nin a necesidade que os sectores do libro e da prensa desenvolvamos novos produtos e novos modelos de negocio sostibles para unha nova cadea de valor. Fenómenos novidosos como o servizo de préstamo de libro electrónicos na rede de bibliotecas públicas ou as experiencias de emprego de materiais didácticos dixitais nas aulas expresan que esta hibridación da lectura xa non ten volta atrás. Como tamén cómpre ter en conta o éxito actual dalgúns xéneros de edición impresa, como o dos libros de fotografía, arte, cómic, os álbums ilustrados ou mesmo (para romper tópicos) o dos libros xuvenís, que demostran que no futuro os libros impresos máis fermosos continuarán sendo imprescindibles.

Onte 1295: «Citizenfour»

Citizenfour-824927245-largeGustoume Citizenfour, o documental de Laura Poitras sobre as revelacións de Edward Snowden e a súa publicación en 2013 por parte de The Guardian, O Globo e The New York Times. Durante case dúas horas pareceume asistir a un episodio gravado da historia máis recente, mesmo duns acontecementos que sabemos en curso, amosando así o papel tan poderoso do cinema documental para ser o soporte privilexiado do xornalismo da sociedade dixital. Xaora, quedei fascinado coa narrativa escollida por Poitras, montando o relato coas técnicas do thriller sobre unha atmosfera moi fría de non lugares (cuartos de hoteis, salas de prensa, redaccións de xornal…) e un acabado visual semellante ao das series de HBO, unha das coprodutoras da peza. Recursos axeitados para presentar un mundo dixital onde todos, sen excepción, somos vixilados e onde apenas quedan fendas para a liberdade informativa e o pensamento crítico de profesionais e cidadáns.

Con todo, o final aberto do documental, os casos de Snowden e Assenge non están resoltos, enxerga un chisco de esperanza. Accións afoutas como as do analista estadounidense son propias dun heroe contemporáneo, un novo cabaleiro do Grial na súa loita pola conservación dos valores de privacidade e liberdade que pretenden ser erradicados de forma desapiada polo Gran Irmán sempre á esperita. Citizenfour é unha película recomendable para todas aquelas persoas que non queren deixarse acubillar no colo do conformismo.