A edición literaria entre a precariedade e a resiliencia

Non hai análise posible do estado da edición en galego sen reparar na a modalidade literaria que funciona como o seu cativo escaparate en medios e redes, inducindo ao erro de identificala co conxunto do sector. A efectos de análise do seu estado, continuando a entrega anterior sobre a literatura infantil e xuvenil, seguiremos a convención dos estudos de Comercio Interior do Libro da Federación de Gremios de Editores, que considera catro modalidades: a primeira, a Literatura, que abrangue as publicacións de narrativa, poesía e teatro, ademais de ensaio e crítica literaria; a segunda, a Literatura Infantil e Xuvenil; a terceira, o Libro de Texto e materiais didácticos; e, por último, a de Non Ficción, un caixón de xastre no que se inclúen os textos de ciencias e tecnoloxía, ciencias sociais (a máis relevante na edición galega), ademais dos libros e divulgativos (gastronomía e guías de viaxe), así como as enciclopedias e dicionarios impresos, que na actualidade sofren unha crise gravísima, mitigada con algunhas reimpresións das súas versións escolares, prescritas e 3º de Educación de Primaria ou 1º de ESO.

Os datos máis recentes dos que dispoñemos, aínda do Comercio Interior do Libro de 2024, amosan que a edición de Literatura supón o 25,5 % dos títulos impresos publicados en galego polas editoras da AGE, 199, aos que estimamos habería que engadir outros 30 publicados por editoras que non forman parte da AGE. Como os exemplares de Literatura, 232.000, supoñen 25,4 % dos impresos en galego e os 1.707 títulos, o 19,30 % do catálogo dispoñible nas librarías. Por último a tirada media da edición literaria é de 1.165 exemplares e a facturación, apenas 1,6 millóns de euros a prezos de capa, supón o 18,30% do conxunto do sector.

Datos de 2024 que comparados cos do ano 2007, tras a aprobación da Lei do Libro e a Lectura, momento do maior fulgor da edición galega na Autonomía, indican que a edición de Literatura retrocede en todos os eidos: en títulos o 25,18 %; en exemplares o 46,10 %; en tirada media no 28,39 %, a pesar de que está por riba do sector, 1.099; en catálogo o 49,26 %, froito das descatalogacións masivas, que afectan a todas as modalidades, coa intención de reducir custes de almacenamento, sobre todo, das editoras tractoras do sector (Xerais e Galaxia); e mesmo en facturación o 11,10 %, tras acadar en 2015 o 2,8 millóns de euros, o que na última década acentuaría a perda de vendas literarias nun 42,85 %. Cifras que non poden agochar o paso atrás, compartido coas modalidades de Libro de Texto e de Non Ficción, sufrido pola edición literaria impresa en galego, a pesar da súa resiliencia. Descenso mitigado polo desenvolvemento dunha edición dixital, atenta a ofrecer a posibilidade de lectura en pantallas, sobre todo, de novela, como se pode comprobar no catálogo dispoñible do programa «GaliciaLe», que supera os dous mil títulos, sendo xa superior ao dispoñible en formato impreso.

Ademais, ten interese coñecer a composición desta edición literaria que, como podemos comprobar consultando os datos, está liderada pola edición de Narrativa (novela e relato), con tendencia continuada de crecemento, en termos relativos, dende o 51,12 % en 2007 ao 66,83 % en 2024. Noutras palabras máis de seis de cada dez libros literarios en galego son narrativos, unha cuarta parte de poesía e teatro (dos que carecemos de datos desagregados) e o resto, correspondente a ensaio e crítica, nunha proporción cada vez máis reducida. Primacía da Narrativa a que non é allea a continuidade da publicación das novidades das coleccións Xerais Narrativa e Galaxia Literaria, tractoras da modalidade, que superan no seu catálogo histórico os cincocentos títulos de cada unha delas, ofrecendo entre 15 e 25 títulos novidades cada ano, xeralmente xa de forma simultánea en edición impresa e en formato epub.

Oferta á que se suman as novidades da colección «Narrativa actual» de Aira editorial, ademais da importante achega das editoras especializadas en tradución literaria: Rinoceronte (2005), que publica 15 novidades ao ano e chegou a 214 títulos de catálogo de obras traducidas de 40 linguas; Huguin e Munin (2011), que ofrece 8 novidades ano, 2 cada trimestre, e chegou a 142 títulos en catálogo de 18 linguas; e Irmás Cartoné (2014), que publica a un ritmo de 4 novidades anuais e chegou a un catálogo de 51 títulos. Obras literarias traducidas das que se ocupan tamén as editoras xeralistas e as especializadas en poesía, que estimamos chegan ás 40 novidades por, arredor do 20 % da totalidade da edición de Literatura.

Como é imprescindible sinalar a fenda de xénero existente na edición de Narrativa, onde no ano 2024 as novidades das narradoras non superaron o 30 % da oferta. Outrosí supón a publicación de libros de relatos, que representa apenas o 10 % dunha oferta monopolizada pola novela. Sen esquecer, nesta ollada de grande angular, que son apenas 50 as novidades de poesía editada polos membros da AGE, que acadan unha facturación de 100.000 euros, moi por baixo das 67 e dos 250.000 euros facturados en 2007. Atendendo a que o 60 % das vendas de literatura galega se efectúa nas librarías, o 25,9 % son vendas directas das editoras a centros escolares, o 3,30 % en hipermercados, sendo pouco significativas as realizadas en Internet .

Por último, convén reparar en que os dereitos de autoría da edición literaria galega supuxeron en 2024 apenas 160.000 euros, cantidade moi por baixo do pagamento de autorías de 2007. Retroceso comercial que no caso do libro literario galego ten tamén que ver coa súa escasa visibilidade nas propias librarías, a pesar de estar máis presente nos medios e nas redes ca outras modalidades do libro galego.

Publicado en Nós diario: 22/04/26

A edición galega á intemperie

A situación crítica da edición galega, que perdeu nunha década o 39,05 % da súa facturación, non se explica sen sumar as axudas directas achegadas pola Xunta de Galicia durante ese período, como polo impacto sobre o sector editorial do modelo de (falsa) gratuidade do libro de texto no ensino obrigatorio, mediante préstamo e banco de libros (renovados cada seis anos), e a redución das materias nas que se emprega o galego como lingua vehicular obrigada polo decreto 79/2010 de plurilingüismo. Unha intervención pública que, coma se da aperta do oso se tratase, obrigou a reconverter á primeira e máis estable das (cativas) industrias culturais galegas.

E para explicalo non se pode esquecer que a lei 17/2006 de 17 de decembro do libro e a lectura de Galicia recoñeceu no preámbulo que o libro e a súa industria precisan axuda. Razón pola que no artigo 2 se recoñece «o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica…» e no 7 regúlase o apoio ás editoras, concretado na «existencia dunha liña de axudas anual ou bienal, que atenda a todos os tipos de edición, que asegure tanto a presenza das novidades editoriais na rede bibliotecaria pública como a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas área nas que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.»

Para evitar falsas interpretacións, á hora de analizar as axudas actuais da Xunta de Galicia (consultar o cadro), convén seguir a serie dende 2007, cando entrou en vigor a Lei 17/2016 da man do bipartito de Touriño e Quintana. Nese ano a totalidade das axudas ás editoras chegaron a 2.554.000 euros, dividas en tres liñas, que se manterían dende entón: a de compra de novidades editoriais impresas (1.300.000 euros) e as de tradución (204.000 €), xestionadas pola Dirección Xeral de Cultura; e a da edición de materiais didácticos (1.050.000 euros), pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Axudas que representaron entón un 11,61 % das vendas do sector, porcentaxe nunca superada. Non contabilizamos as axudas a promoción da lectura e creación literaria, feiras do libro e participación en feiras internacionais, que abordaremos nunha análise futura.

Cos gobernos de Núñez Feijoo chegaron os recortes, desapiadados e xustificados polo discurso das políticas de consolidación fiscal que, se ben afectaron a todas as administracións, no caso do sector do libro galego nunca tiveron unha volta atrás. Significativo foi o ano 2010, cando a totalidade das axudas baixaron até os 1.672.267 euros (un 34,5 % con respecto a 2007). Aínda que o sería moito máis no 2015, cando quedaron en 510.000 euros (un recorte á brava do 80 %), reducíndose a compra de novidades editoriais a 250.000 euros e modificándose o sistema de adxudicación, vinculado a solicitude das bibliotecas públicas nunha plataforma, o que reduciu a diversidade das novidades galegas das coleccións, sobre todo no eido do libro literario de poesía e ensaio, privilexiando o infantil e xuvenil e as coleccións narrativas. Como é moi significativo que as axudas á edición de libros de texto quedasen reducidas a 170.000 euros (un recorte do 83,8 %), si, leron ben, máis do oitenta por cento, ao que sei non foi allea a posición crítica que adoptamos as editoras no conflito do decreto de plurilingüismo.

Con todo, resulta novidoso comparar os datos de 2007 cos actuais, cando a Consellaría de Cultura e Lingua anuncia un novo plan de dinamización da lectura, con «cifras millonarias». Secasí a comparativa non pode ser máis clara: continúan os recortes. En 2025, as axudas directas a industria foron de 888.000 euros (un 65,22 % menos que en 2007); as compras de novidades de libro impreso de 200.000 euros (un 84,61 % menos); as axudas a materiais didácticos de 200.000 euros (un 81 % menos). Certo é que en 2025 houbo novas partidas: 150.000 euros á edición de audiolibros, 87.500 a mellora de títulos galegos das coleccións de bibliotecas e estimamos que 50.000 euros á adquisición de licenzas de libro electrónico para o programa «GaliciaLe», iniciado con carácter experimental en 2014, que axudou a consolidar o catálogo literario galego dixital, ben acollido polo lectorado. Apenas as axudas á tradución mantiveron nestas case dúas décadas a súa dotación, arredor dos 200.000 euros, o que sabemos habería que imputarlle a inflación. Dubida alguén que os gobernos de Feijoo e Rueda quixeron deixar á intemperie ao sector empresarial do libro galego?

Publicado en Nós diario: 27/02/2026

A mala saúde de ferro da edición en lingua galega

Xa non é novidade que a cota de mercado do libro en galego acadase en 2024 un novo teito negativo, o 7,00 %. Hai máis de trinta anos, era do 9,30 %, sobre unhas vendas de 12 millóns de euros a prezos de capa. Cifras que en 2007 medraron até o 13,33 %, con vendas de 22 millóns, coincidindo co goberno de coalición de PSdeG-PSOE e BNG e a aprobación da Lei do libro e da lectura, apoiada por toda a cámara. A cota baixou a 11,36 % en 2021 coa pandemia e o impacto brutal do decreto de plurilingüismo de Núñez Feijoo, iniciando o retroceso actual. No entanto, se revisamos a serie anual, a media desta cota foi do 12,00 %, na que se inclúe todos os tipos de edición e canles de comercialización. Tras a pandemia, a Asociación Galega de Editoras, desagregou a cifra, excluíndo os libros de texto e as canles de venda directa, até fixar no 8,00 as vendas de libro galego nas librarías, 6,13 millóns de euros, porcentaxe que comparaba coa do libro en éuscaro, 17,00 % e catalán, 24,00 % en cadansúa comunidade. Cota galega que volveu reducirse en 2024 até o 7,00 %, último Informe do Comercio Interior do Libro dispoñible, no que as vendas foron de 13,4 millóns, un decrecemento do 20,00 % con respecto aos tres anos anteriores. O que contrasta co crecemento do sector no estado que volveu superar a cifra de facturación dos tres mil millóns.

Xaora, a cifra de vendas e a cota de mercado non son os únicos indicadores fiables no estado da nosa edición. Particular interese ten coñecer a distribución desas vendas polos tipos e xéneros editoriais. Antes da pandemia, os libros de texto lideraban a edición en galego, o 49,60 % da facturación en 2007, o que mudará a partir de 2021, cando a literatura infantil e xuvenil supuxo o 35,20 % das vendas, o que se incrementou en 2024 até o 39,10%. Cifras que en todo caso amosan a continuidade da primacía das «vendas educativas» (libro de texto + libro infantil e xuvenil): 46,70 % (2003), 67,80 % (2007), 71,80 % (2011), 68,00 % (2021) é 72,00 % (2024), a cifra máis elevada nas tres últimas décadas. A diferenza, as vendas do libro literario, cunha participación que veu flutuando entre o 13,00 % e o 15,00 %, reducíronse en 2024 até 11,80 %, apenas un millón seiscentos mil euros, dos que un millón corresponde a narrativa, un dos peores resultados do que vai de século. Retrato actual do libro galego actual que resumimos en tres cifras: 40,00 % edición escolar, 30,00 % libro literario (do que o 20 % é narrativa), 30,00 % libro de non ficción. Cifras que expresan o esforzo das editoras galegas de continuar publicando unha oferta diversa, que non corresponde coas súas vendas previsibles. Outro tanto sucede coa tirada media, reducida na última década á metade, facilitada polas posibilidades da impresión dixital actual con tiradas de novidades entre 150 e 300 exemplares, e posibilidades de reimpresión case a demanda. Procedemento que permite manter vivo en librarías un catálogo de 10.267 referencias, das que a edición escolar supón o 47,00 % dos títulos e a literaria o 16,60 %.

Non entenderiamos tampouco, o estado actual da edición, sen ter en conta que a obra traducida publicada supón o 15,00 %, sendo o número de traballos de tradución de 250 por ano. Nin tampouco que á hora de analizar a edición en galego apenas o 60,00 % está publicada por editoras galegas, 1.095 títulos en 2024, dun total de 1.924, o que só se entende pola importancia que está collendo o libro publicado en galego por editoras de Madrid e Barcelona, 829 títulos. Fenómeno sen parangón nas editoras galegas, cuxa publicación en castelán é de apenas o 6,00 %. Sen menoscabo de que as vendas do sector continúan privilexiando a canle da libraría, o 55,40%, a pesar do incremento no último ano de case o 10,00 % das de Amazón e que ofrece unha oferta anual de libro dixital do 20,00 %, que fixo un catálogo de dúas mil referencias, a maior parte accesibles dende o programa «Galicia le».

Retrato do estado actual da edición en galego no que para entender o debate sobre a profesionalización das autoras e autores é preciso coñecer que os pagamentos por dereitos de autoría representan un millón e medio de euros, realizados polas editoras agremiadas á AGE, máis de corenta, con douscentos empregos nos cadros de persoal e outros tantos de colaboradoras, tras unha década horribilis de perdas continuadas.

Publicado en Nós diario: 31/01/2026

Visibilidade

Hai dous meses adiantabamos as cifras máis significativas do informe de hábitos de lectura e compra de libros en Galicia 2024, entre elas o 5,70 % que supoñen as compras habituais de libros en galego e o 3,80 % de persoas que prefiren o galego como lingua de lectura. Situación precaria que corrobora un informe sobre o estado da edición en galego, presentado no Consello da Xunta do pasado 15 de setembro, no que se estima que a facturación do conxunto do sector editorial galego é de 27,72 millóns de euros, da que a metade, 13,86 millóns, corresponde ao libro en galego, o que supón unha diminución do 17 %, con respecto aos 16,80 de 2023 e unha redución do 37 %, se lembramos os 22,00 millóns de 2007, coincidindo co goberno bipartito. O libro galego continúa perdendo cota de mercado e presenza nas librarías, unha pésima noticia, xa que a «visibilidade situada» no punto de venda (o 68,00 % nas librarías) constitúe a primeira estratexia de descubertabilidade das novidades das editoras galegas, á que se suma a segunda, a súa promoción nos medios de comunicación impresos e audiovisuais (xornais, revistas, emisoras e televisión pública), ben baixo a fórmula de propaganda gratuíta ou da publicidade pagada, ao alcance só duns poucos selos, o que podemos chamar a «visibilidade mediada». Hoxe, ademais da situada e da mediada, en claro devalo, cómpre engadir a terceira, a «visibilidade virtual», conformada coa presenza das novidades nas redes sociais de lecer e na conversa das novas mediadoras de lectura, en tendencia ascendente e con clara simpatía por parte dalgunhas creadoras de contido dixital cultural en galego. Superar as cifras cativas de lectura e edición en galego, ademais de requirir dun plan estratéxico de apoio ao sector e do deseño dun plan galego de lectura, obriga as editoras a espelir e abordar estratexias de visibilidade transversais das súas novidades, na libraría, nos medios e nas redes, para que se coñezan, se vexan, se comenten, se recomenden e se compren por impulso.

Publicado en Nós diario: 01-10-2025

Booktrailers

Hai case dúas décadas que en Xerais esforzabámonos por facer publicidade das novidades literarias empregando a linguaxe audiovisual, procurando a visibilidade da que carecían na propia TVG. Así naceron en 2006 os anuncios de Home sen nome de Suso de Toro e d’ Os libros arden mal de Manuel Rivas. Dúas pezas de 21 segundos, producidas por Lúa films, que serían os precedentes dos primeiros booktrailers galegos, os de Todo é silencio de Manuel Rivas e Asasinato no consello nacional de Diego Ameixeiras, que en 2010 comezamos a producir en paralelo aos pioneiros contidos educativos dixitais en galego. Iniciábase así un catálogo de máis dun cento destas pezas audiovisuais publicitarias de entre un e dous minutos de duración, creadas polo departamento de promoción dirixido por Celia Torres e realizadas en boa parte por David Rodríguez. Catálogo de pezas hoxe memorables, como as dos lanzamentos de Dragal (2012) de Elena Gallego, d’ Os televisores estrábicos (2014) de Ramón Villar, de Cabalos e lobos (2015) de Fran P. Lorenzo ou de Galería de saldos (2016) de Diego Xiráldez, que chegaba a introducir unha utilidade interactiva. Creados para compartir nos blogs, o desenvolvemento das redes sociais comezou a popularizalos, sobre todo, nas bibliotecas escolares e clubs de lectura, que con intencionalidade didáctica comezaron a crear estas pezas, entre o publicitario e a recomendación lectora. O festival de Cans recoñeceunas como xénero de seu, convocando dende 2018 o concurso «O ollo de vidro», que na recente edición de 2025 contou con cincuenta participantes. Aqueles booktrailers son hoxe «reels» para IG, TikTok, Fb e X, competindo como noutrora pola atención do público que no seu teléfono fai scroll de xeito interminable. Ademais do seu éxito como recurso didáctico para compartir experiencias lectoras, os booktrailers amosaron o compromiso da nosa edición por comunicar con públicos contemporáneos diversos. Unha oportunidade de visibilidade que a edición galega non pode desaproveitar.

Publicado en Nós diario: 25/06/25

Audiolibros

Cando se van facer quince anos da publicación por Xerais dos primeiros libros dixitais en galego en formato epub, Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Sete palabras de Suso de Toro, o sector editorial anda as voltas cun novo intento de popularizar o audiolibro. Un formato dixital en auxe nos mercados editoriais próximos, que  conta cun catálogo de 25.000 títulos en español e unhas vendas do 3 % das do sector. Foi a publicación da magnífica edición de Pel de cordeiro (Xerais 2024) de Ledicia Costas, nas voces de Ana Lemos e Chelo Díaz, á que se engadiu á oferta pioneira iniciada en 2011 por Rinoceronte, abandonada pola editora do Morrazo hai unha década. Catálogo en galego ao que en 2021 se sumaron tres títulos de María Reimóndez, O club da calceta, Corredora e Usha, na voz da autora e distribuídos en Audible, a plataforma de Amazon, onde está publicada Beleza vermella de Arantza Portabales. Publicacións ás que tamén tras a pandemia se engadiron dez títulos en dominio público de Léocho?, a primeira editora galega só de audiolibros. Oferta mínima e fragmentada explicable polos custes de produción elevados, que poden superar os 3.000 € por título, o que fai imposible ás editoras recuperar o investido. Con todo, a problemática introdución deste novo formato nun mercado lector xa hibridado, volve residir nos baixos índices de lectura en galego, abaixados até o 3,90 %, outra cifra dramática para o futuro da lingua, a metade da cota de mercado do 8,00 % para o libro galego, considerada até hoxe fiable. De moi pouco axudan os discursos triunfalistas dos que alardean do momento excepcional da literatura galega cando o seu público non ten conta dela. No caso do audiolibro, como sucedeu hai quince anos coa ampliación dun catálogo suficiente do formato epub, para saír do enredo de se é antes a oferta ca demanda, é imprescindible que as editoras privadas conten con axudas públicas atractivas para producir títulos de calidade e promocionalos na canle bibliotecaria de GaliciaLe.

Publicado en Nós diario: 12/03/2025

FIl Guadalaxara

Das feiras internacionais do libro nas que teño participado, sempre foi a miña preferida a Fil de Guadalaxara, no estado de Jalisco, organizada dende 1987 pola Fundación Universidade de Guadalaxara, durante nove días, a partir do derradeiro sábado de novembro. Unha feira de venda e compra de dereitos e licenzas editoriais de luns a mércores, a maior das de fala castelá, mais onde os públicos lectores son sempre benvidos, o que a converte nunha impresionante e entusiasta festa da lectura en todas as súas modalidades, diversidade de linguas, formatos editoriais e expresións artísticas. Feira que cada edición conta cun país, rexión ou cidade convidada, que ofrece o seu desembarco literario, nesta de 2024 España e en 2025 Barcelona, como cada día homenaxea a un profesional da industria do libro, comezado coa entrega do Premio FIL de Literatura de Linguas Romances, dotado de 150.000 dólares, outorgado este ano ao novelista mozambicano Mia Couto, que entre outras actividades manterá un encontro estrela cun milleiro lectoras e lectores novas. Actividades que se suceden nun programa de vertixe artellado para dar resposta aos distintos públicos, dende o literario e o infantil e xuvenil até o dos promotores de lectura, sen menoscabo da atención específica para a edición científica, de pensamento ou temática de actualidade. Aposta pola lectura pública, concibida como competencia transformadora de cidadanía, na que por ventura este ano a nosa edición estará representada polas intervencións dos editores Henrique Alvarellos, que ditará a conferencia «Cen anos de edición moderna en galego», e Xosé Ballesteros, que presentará o Premio Internacional Compostela de Álbums ilustrados. Como autoras en lingua galega como Ledicia Costas, Ismael Ramos, Antía Otero, Dores Tembrás, Bea Lema ou Eva Mejuto participarán en diversas actividades e encontros co lectorado mexicano. Como imaxinamos foi memorable o concerto de Sés no Foro da Fil, un palco musical de privilexio, sempre empático e cheo a rebentar.

Publicado en Nós diario: 04/12/2024

Sant Jordi

Os datos do Sant Jordi continúan sendo espectaculares. Tras o baixón da pandemia, segundo os datos de GfK, a consultora que audita semanalmente a venda de libros en España, a facturación do 17 ao 23 de abril de 2023 foi en Catalunya de 23,7 millóns de euros e 1,45 millóns de exemplares, dun catálogo de 80.600 títulos, dos que case dez millóns de euros (40 %) corresponden a libros en catalán (apenas o 18 % do catálogo), o que expresa unha envexable diversidade lectora e unha posición forte da edición catalá. Vendas realizadas nun 71 % na rede de librarías, para a que esta semana supón un terzo da súa facturación anual (máis aínda para as pequenas), concentrándose nun 44 % nas novidades lanzadas no ano, supoñendo os títulos de ficción o 37 %, non ficción 30 % e infantil e xuvenil o 26 %. Cifras ás que se engade a venda de máis de 5 millóns de rosas, segundo o gremio de floristas, nunha xornada de exaltación da lectura, o amor e a identidade catalá, celebrada dende 1929 (coincidindo coa Exposición Universal de Barcelona) e declarada pola Unesco en 1995 como día mundial do libro e dos dereitos de autor. Transformada hoxe en semana das letras e da lectura, con grande presencia nos centros escolares, veciñais e culturais, o Sant Jordi é unha institución cultural consolidada, á que dende Galicia ollamos con envexa, pola impresionante capacidade mobilizadora interxeracional da fórmula «libro e rosa» (factúrase en catalán nunha semana o que o libro galego en todo un ano)  como pola atención que os medios proporcionan a súa programación. Estratexia de éxito que en Galicia a Federación de Librarías, apoiada polo resto de subsectores do libro e da lectura, podería volver a ensaiar saíndo con entusiasmo a rúa o 17 de maio ou o 23 de febreiro, con fórmulas de sedución propias como a do «libro e flor (de toxo ou caravel…)» ou a miña preferida, «libro e molete de pan» (en colaboración coa Federación de Panadarías de Galicia (FEGAPAN), como xa se fai na Praza dos libros de Carballo.

Publicado en Nós diario: 24/04/2024

Onte 2035: La Campana Llibres mercada por Penguin Random House

Souben onte da compra da editora catalá La Campana Llibres por parte de Penguin Random House Grupo editorial. Unha noticia moi significativa tanto polo feito de que o xigante editorial alemán, despois da recente adquisición de Ediciones Salamandra, agranda moi significativamente a súa oferta de ficcion e non fición en lingua catalá (xa o 30 % do mercado catalán), como pola continuidade da tendencia de concentración do sector editorial arredor dos grupos transnacionais, que controlan a distribución do libro impreso en España.

A historia de La Campana Llibres sempre me interesou, sobre todo polo tándem que durante máis de tres décadas formaron o veterano escritor Josep María Espinás, autor principal da editora (con trinta títulos), e a editora Isabel Martí, alma mater dun proxecto emblemático na edición en catalán. Eles son os editores de Albert Sánchez Piñol, o autor de éxitos impresionantes como os de  La pell freda (2004) ou Victus (2013), como dunha longa nómina de narradores e narradoras cataláns contemporáneos, cos que conformaron un catálogo de referencia. Mais iso non impediu que apostasen por algunhas traducións internacionais de calidade, moi ben escollidas, outra das claves do seu éxito comercial, entre as que estivo como única galega Herba d’ enamorar de Teresa Moure.

Gustei sempre do lema publicitario de La Campana, «Libros de calidade, pero para todos», asumindo así sen complexos a necesidade de ampliar a dimensión do lectorado mais sen renunciar ao rigor na escolla dos textos nin na comunicación editorial. Sei que coa súa incorporación ao grupo Random poderán gañar capacidade de distribución e presenza inmediata nas mesas de novidades e nalgúns escaparates, mais iso non debería supoñer que La Campana perdese nin a independencia na definición na escolla e na confección do seu catálogo nin o rigor no proceso de edición e comunicación. O que ben sei, como debuxar  triángulos inscritos na circunferencia, non vai ser doado neste novo rumbo para o seu magnífico cadro de profesionais. Sorte para La Campana Llibres!

A lei zombi do libro

No artigo de Luzes reflexiono sobre A lei do libro e da lectura de 2006 ao fío da xornada organizada a pasada semana no Consello da Cultura Galega:

Na xornada organizada polo polo Consello da Cultura Galega para avaliar unha década da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, cualificouna de «lei zombi, irrelevante, que camiña sen vida e que non achega nada substantivo ás políticas públicas da cultura en Galicia». Responsable da preparación do anteproxecto desta lei para ser presentada no Parlamento de Galicia, onde sería aprobada por unanimidade, na súa calidade de Secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura do goberno bipartito, foi a de Amoedo unha das voces autorizadas que durante a xornada miraron atrás utilizando o retrovisor e reclamaron a actualización dos contidos da lei do libro no marco dunhas políticas públicas integrais para o sector cultural e especificamente para o do libro e da lectura en galego.

Xaora, foi a presentación do informe Datos da edición en Galicia (2006-2016), elaborado polo Observatorio da Cultura Galega o que acendeu todos os pilotos vermellos sobre a precariedade da situación do sector dende a aprobación da lei. Un diagnóstico que o responsable do Observatorio, Hokam Casares, resumiu en catro tendencias: descenso importante do volume de produción de exemplares impresos e aumento dos editados en formato dixital; mantemento á baixa do número de títulos editados en galego, que supoñen a metade dos editados en Galicia; diminución severa do consumo de libros non de texto; resultados negativos dos balances das empresas do sector, tanto editoras, librarías como empresas de artes gráficas, a maioría delas en números vermellos ao longo da década.

Unha situación crítica, á que os diversos gobernos de Núñez Feijoo deron as costas, xa que a partir de 2009 se reduciron o conxunto das achegas ao sector do libro e da lectura nun 50 %, porcentaxe que Carlos Amoedo estimou no 70 % (pasando dos 7,5 millóns de euros de 2009 aos 2,30 millóns de euros do orzamento deste 2018), chegando até o 82 % no caso da partida anual de compra de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas. Un diagnóstico dramático avalado polas intervencións na xornada dos representantes das editoras, librarías e autoras que denunciaron a renuncia da Consellaría de Cultura a contar cun nivel de gasto acorde coas necesidades dun sector á intemperie que a lei considera estratéxico para Galicia.

O fracaso da lei do libro e da lectura de 2006 (como do plan de lectura a ela asociado), elaborada co consenso e o entusiasmo (inxenuo) do sector (proceso que na xornada reconstruíron con detalle Xavier Senín e Cristina Novoa, secretarios do grupo de traballo), reforzado polo consenso da propia cámara galega, obriga a repensar a propia estratexia do sector en Galicia, sometido ademais a retos tan complexos como os da hibridación dixital, a concentración da distribución e a banalización da cultura do libro incorporada ao sector da industria global do lecer. Como obriga a reconsiderar o papel deste tipo de «leis promesa», tamén palabras certeiras de Amoedo, sen instrumentos  xurídicos e sen reservas orzamentarias que aseguren a súa posta en vigor, mais aínda cando os compromisos adquiridos polo Gobierno de España coas políticas de consolidación fiscal obrigarán a continuar reducindo os gastos en educación e cultura. Ou noutras palabras, sen un compromiso político e social moi firme e amplo será moi difícil parar a tendencia esmorecente do sector da edición galega que, a pesar de todo, continúa sendo a primeira das nosas industrias culturais.

Moi lonxe de renderse, o sector galego do libro e da lectura esixe estes días a recuperación da lei e do seu espírito de consenso e corresponsabilidade para deseñar actuacións urxentes e imprescindibles que eviten o seu colapso. Medidas que pasan por acordar cos actuais responsables da Consellaría de Educación e Cultura un novo marco arredor das políticas de gratitude e dixitalización do libro escolar (no período autonómico o piar sobre o que se alicerzou a viabilidade do sector da libraría de proximidade e dunha boa parte das editoras), do incremento da dotación bibliotecaria e da proxección internacional do libro e da literatura galega, con atención preferente ao apoio á participación do sector nas feiras profesionais e á tradución a outras linguas. Marco que obrigaría á Consellaría de Cultura e Educación, como ao propio presidente Feijoo (que continúa sen recibir aos responsables do sector) a asumir un incremento plurianual do seu nivel de gasto nun sector sen o que non é posible falar de Galicia como país e como cultura con lingua de seu. Pasar de ser unha lei zombi, rara e decorativa a unha lei activadora do sector profesional do libro e da lectura é un reto que aínda podería ser afrontado no que queda desta lexislatura de abafante conformismo.