Onte 2003: Brétemas 14 anos

Hai catorce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.963 anotacións das que 131 corresponden o último ano. A cifra mais baixa da xeira anual, á que non foi allea o desánimo sofrido tras o abandono da dirección de Xerais no mes de abril como tamén unha evidente fatiga dixital provocada polo ruído e a abafante banalidade cainita de Facebook, por desgraza hoxe o espazo central da conversa dixital da miña xeración. Consciente de que o blog tocara fondo, no verán pasado decidín mudar completamente a súa apariencia, utilizando un modelo de magazin coa intención de facer máis visible a diversidade dos seus contidos tanto nas súas seccións (Edición, Educación, Política, Cultura, Xerais, Artigos, Onte, Vigo…) como no acceso aos contidos do seu arquivo cronolóxico, temático e semántico.

Coincidindo co regreso as aulas no pasado mes de setembro, abrín unha nova etapa na que pretendo ir recuperando devagariño o espírito de hai unha década onde os blogueiros do blogomillo ensaiabamos as posibilidades de escritura de hipertextos en galego, como un xeito de construír espazos navegables utilizando palabras, imaxes e sons. Coa intención de continuar ensaiando a potencialidade comunicativa hipertextual e o seu aproveitamento didáctico, coincidindo co ano novo abrín a sección «Hipertextos», na que publicarei anotacións breves enriquecidas coas diversas utilidades hipertextuais.

Diante do retroceso que supuxo a escritura plana de Facebook e dos fíos de Twitter (sen enlaces nin accesos directos de busca), a hipertextualidade e multimodalidade reflexiva dos blogs permiten a identificación de sitios web, personaxes ou contidos relevantes na rede. Máis aínda cando se está configurando diante dos nosos ollos unha nova web macromedia, deseñada para ser consumida nas pantallas dos teléfonos e taboíñas, unha tendencia con presenza aínda cativa en galego, coas excepcións dalgúns contidos promovidos polo portal culturagalega.org, por Praza e sobre todo por esa marabilla recente que é Vinte, onde enxergamos un futuro que xa é presente.

Tras case tres lustros gozando do privilexio de contar con persoas incondicionais, que len, comentan e comparten estas brétemas, continúo acreditando en que os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais, tanto polas posibilidades comunicativas e creativas que ofrecen as súas utilidades como polas facilidades de acceder ao seus contidos. A miña gratitude a todas elas. Seguimos.

2 comentarios
  1. A Profa
    A Profa Dice:

    Mil parabéns un ano máis pola constancia e a calidade.
    Concordo plenamente contigo en que “os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais” xa que transcenden o carácter efémero das redes sociais e se configuran como espazo nos que poder ofrecer reflexión e contidos de calidade máis aló do meme, do gif e do spam.
    Precisamente quería eu facer unha nova sección semanal na Profa de Hipertextos coas miñas boas descubertas da semana e ando que non sei que nome lle poñer. Admítense suxestións 😉
    Moitísima forza para estas Brétemas que lonxe de reducir a visibilidade nos fan máis claro o camiño, especialmente neses días en que o voluntarismo decae e aínda así segues alimentándonos de posts interesantes.
    Unha aperta inmensa.

    Responder

Trackbacks y pingbacks

  1. […] O 4 de xaneiro Manuel Bragado publicaba o seu post Onte 2003: Brétemas 14 anos […]

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará