Un pacto pola lingua?

Tras a presentación por parte de José López, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, do documento de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) –consensuado por PPG, PSdeG-PSOE e BNG en 2004– foi unánime o rexeitamento por parte da oposición, que xa tras dúas décadas de rotura daquel acordo, consideraba insatisfactorio o texto elaborado a partir das análises e propostas dunha comisión de expertos. Insuficiente para facer fronte a unha situación de emerxencia lingüística, un deterioro nacido na rotura da cadea de transmisión familiar que ameaza con situar o galego como lingua destinada a desaparecer.

PXNLG 2004 que puxo en marcha o goberno do socialista Touriño, o que provocou as protestas orquestradas por sectores galegófobos que, baixo a mentira da «imposición del gallego», conseguiron que cando Feijoo chegou ao goberno o plan quedase en auga de castañas. O que se fixo efectivo decontado, transformado o plan polo decreto 79/2010 en axente desgaleguizador, polo abandono do seu emprego en Educación Infantil e no inicio da Primaria, como lingua de aprendizaxe da lectoescritura. Outrosí sucedeu na Secundaria cando se prohibiu o seu uso como lingua vehicular no ámbito científico técnico, minguando o seu prestixio e deixando fóra a posibilidade da aprendizaxe das Matemáticas ou da Física e Química en galego. O que tivo outra inevitable vítima colateral a un sector editorial educativo que perdeu sen compensación ningunha da administración autonómica un 20 % da súa facturación e o 80 % das axudas que recibía para a edición de materiais didácticos en galego.

Por desgraza, o decreto 79/2010 nunca foi avaliado, como obrigaba a súa disposición adicional quinta, como tampouco nunca foi avalado polas diversas avaliacións da comisión de expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM), que solicitaron importantes modificacións. Como diversas instancias educativas e sociais solicitaron reiteradamente un novo acordo arredor do uso do galego na escola e a derrogación do decreto de plurilingüismo, que inzou o país de centros plurilingües nos que agoniza o emprego do galego nas aulas, nos patios e na propia sala de profesorado. Porén, nin os conselleiros Jesús Vázquez e Román Rodríguez nin a conselleira Carme Pomar, como responsables de Educación, cuestionaron o modelo de educación lingüística dos tres terzos, que deixa ao galego en inferioridade e non garante acadar a dobre competencia en ambas as dúas linguas oficiais, como de forma reiterada denunciaron os sindicatos do profesorado.

A chegada á consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude de José López Campos, por fin, trouxo a intención de mover o paquete do galego asumindo a necesidade de actualizar o PXNL de 2004 mais sen tocar unha peza do decreto 79/2010, o piar da política lingüística de Rueda, Feijoo e Tellado, que non poden ser considerados en Madrid como simpatizantes de calquera tipo de galeguismo. O triángulo inscrito na circunferencia da que José López, de talante municipalista, polo tanto máis negociador, sae moi ben parado, grazas, mira ti que sorpresa, a Besteiro e ao seu grupo parlamentario socialista que avalan finalmente o plan. Un documento que nin de lonxe respecta os mínimos defendidos hai dúas décadas polo presidente Touriño, tanto no referido ao modelo dobre competencial, á prioridade de uso do galego na comunicación e administración dos centros e a posibilidade da existencia de aulas de infantil e 1º ciclo de Primaria nas que se utilice o galego de forma preferente, como recomendan os expertos do CELRM.

Con semellante apoio, consolídase a deriva vergonzosa do PSdeG-PSOE, que hai tempo abandonou a do futuro do galego como unha das preocupacións da súa axenda. Abonda escoitar as rodas de prensa das alcaldías da rexión metropolitana viguesa que, coa honrosa excepción da de Nigrán, utilizan o galego apenas de forma ocasional, e non vehicular, habitual como sempre fixeron Manuel Soto como alcalde de Vigo ou Xaime Rey como o de Redondela. Un pacto que ten máis intencionalidade política ca sociolingüística, concibido polos socialistas coa intención de illar ao BNG como partido responsable e capaz para chegar a grandes acordos en termos de país.

Fóra de maquillaxes de última hora no Parlamento, o PSdeG-PSOE asume o modelo de educación lingüística do decreto 79/2010 ao tempo que afasta a posibilidade dun goberno alternativo ao do Partido Popular presidido por Ana Pontón, contando co apoio ou / e a presencia de Besteiro. Outra desgraza para o futuro da lingua galega como para a viabilidade dunha alternativa da Galicia sa, esa sen vicios e malos costumes, fronte ao conformismo do Partido Popular. Un tremendo erro de Besteiro, de quen sabemos nunca será presidente da Xunta.

Publicado en Faro de Vigo: 27/10/2026

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *