Beiras e o tempo dun salaio
Admiro a Xosé Manuel Beiras por asumir a responsabilidade política histórica de unir a lexitimidade do galeguismo que formou parte da Fronte Popular, na que militou o seu pai, co soberanismo galeguista anticapitalista actual. Tarefa pola que durante seis décadas loitou arreo nas formacións nacionalistas que liderou, o PSG, o BNG e Anova-Irmandade Nacionalista. Admiro ao Beiras escritor, tradutor e editor galego. Autor dun dos libros de ensaio máis relevante da segunda metade do século XX, O atraso económico de Galicia (1972), por ventura obra superada, o seu pensamento económico impregnou na facultade de Económicas da USC, da que foi fundador e catedrático, que durante a Reforma Política formou a futuros líderes da autonomía e do municipalismo.
Como participou do proxecto de Laiovento, a editora que fundou en 1990 con Manuel González Millares, o libreiro Xesús Couceiro e os editores Pepe Carreiro e Francisco Pillado, seu amigo do corazón, tamén pianista, responsable do nome da editorial traído do Pazo de Laiovento, que existía só nas páxinas dunha peciña teatral de Otero Pedrayo. Editora compostelá que abriu o seu catálogo cun título seu: Prosas de combate e maldicir (1991) e onde publicaría unha decena dos seus libros literarios.
Xaora, Beiras era feliz como tradutor, sentíase orgulloso deste catálogo onde tivo a fortuna de ir incluíndo títulos que nalgún caso retrataban o seu tempo vital e estado emocional. Con X.L. Franco Grande traduciu o «Venceremos nós» («We shall overcrome») e Antígona (1967) de Anouith. Anosou ao galego varias obras de Camus, Os xustos (1985) e Calígula (1992), as dúas publicadas nos Cadernos do Centro Dramático Galego, Catro cartas a un amigo alemán (2008, Trifolium) e A desfeita (2018, Laiovento). Traduciu As moscas (2008, Laiovento), peza teatral existencialista de Sartre, o Adolphe (1816, 2020, Laiovento), un clásico de Benjamin Constant, e o Espertemos! (2022, Laiovento) do filósofo Edgar Morin, entre outros textos, sempre vertidos do francés ao galego.
Corpus traducido por Beiras, que foi callando, onde destaca pola singularidade O tempo dun salaio (1988, Xerais), novela breve de Anne Philipe, escritora belga instalada en París, traducida a petición de Luís Mariño Pampín, director entón de Xerais, outra das súas amizades compostelás, texto do que non coñecemos edición en castelán, a pesar de ter transcorridos trinta e oito anos da súa aparición en galego. O tempo nun salaio non foi para Beiras un libro máis. Considerábao esencial para entender cuestións fundamentais da condición humana e da súa fraxilidade emocional. Non esqueceu o que sufriu na súa crise de saúde mental (1977-1981), tras o fracaso nas eleccións Xerais de 1977, cando encabezou a lista do PSG que fundara en 1963 de «socialismo galego sen etiquetas». Dor que inundou a Casa da Reboraina de Aguiar cando hai tres anos morreu Aurichu, a súa segunda muller, filla de Jesús Pereira, o mestre republicano que o formou nas artes da lectura e escritura, alleo aos ditados de Franco, que o fixeron un orador torrencial emotivo e convincente.
O tempo nun salaio transforma a experiencia da dó en materia literaria, unha meditación sobre o amor e a morte, un diálogo cunha sombra a medio camiño entre o monólogo interior e a elexía, onde o tempo e a escritura se dilúen, tamén a dun tradutor implicado como foi Beiras, para ofrecer un espazo de resistencia fronte a perda. Un texto fermoso e contido, traducido coa precisión requirida para que fose emotivo. Unha noveliña na que a memoria, o amor, a ausencia, temas que sempre foron preocupacións para Beiras, se entrelazan mais sen caer no sentimentalismo.
Un texto que impacta sobre o noso urdime de emocións onde a lucidez da escritura de Philipe (como da tradución de Beiras) non diminúen a dor, até chegar a facela máis intensa. Obra moi singular no corpus da literatura traducida ao galego non se limita ao testemuñal, aborda outros temas como o do paso do tempo e a imposibilidade de fixar o vivido. Unha boa novela na que aparecen momentos memorables: «Ameite demasiado para aceptar que o teu corpo desaparecese e proclamar que a túa alma abonda e vive».
Noutras páxinas, Philipe e Beiras, anticipan a experiencia da morte: «Ti fuches o meu máis firme vencello coa vida. Convertícheste no meu coñecemento da morte. Cando veña non terei a impresión de me xuntar outra volta contigo, senón a de seguir un camiño familiar, xa coñecido por ti». Tras o pasamento de Beiras esta tradución adquire carácter autobiográfico: «A morte é ren. Soamente o medo, o sufrimento físico e a dor daquelas persoas que un ama, ou a obra emprendida, fan atroz o seu achegamento». Traducións coma esta de Philipe ou interpretacións do Intermezzo de Brahms ao piano foron razóns da vida do Beiras que choramos.
Publicado en Faro de Vigo: 13/06/2026


Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir