Eu tamén navegar

Escasas veces un verso, «Eu tamén navegar», acada admiración e popularidade tan unánime na sociedade literaria galega até transformase en insignia da loita e empoderamento das mulleres, as que sosteñen a metade do ceo, coma tamén de esperanza de todas as persoas migrantes e excluídas pola súa diferencia, que sofren agardando. Verso inesquecible de Xohana Torres (Santiago 22 de novembro de 1929 – Vigo 12 de setembro de 2017), que pecha o poema «Penélope» do libro Tempo de ría (Espiral Maior 1992), empregado o 27 de outubro de 2001, polo tanto hai vinte e cinco anos, para titular o discurso de ingreso na Real Academia Galega presidida polo teimudo humanista Francisco Fernández del Riego.

Unha entrada moi celebrada nas letras galegas, a substitución da cadeira do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, cando na institución de Tabernas apenas participaban dúas mulleres fronte a 25 homes, a poeta e profesora, radicada na Coruña, Luz Pozo Garza, que ingresara en 1996, e a bibliotecaria ourensá Olga Gallego. Unha desigualdade tan vergoñenta, á espera dunha resposta contundente, que a nova académica ofreceu nun texto memorable e lúcido, sentencioso e irónico. Palabras dunha poeta chegada á Academia preparada para «rastrexar os fondos, aí onde a luz non chega». Unha confesión honesta de quen como poeta, en apenas tres libros breves, asumiu que a poesía é un exercicio exploratorio e cada un dos versos un acto decidido, espido de retórica e medos.

Vinte e cinco anos despois, neste tempo que nos sitúa, de perigos e incertezas provocadas pola IA, tamén de exclusións e de abusos dos poderosos, este discurso da poeta de querenza viguesa, nacencia compostelá e formación ferrolá, é unha Ría que gañou en emotividade e capacidade mobilizadora. EU TAMÉN NAVEGAR é un texto que podería lerse nas faixas das manifestacións destes días na procura «dunha certa esperanza», como escribe no seu poema memorable e emocionante «Laxeiro en Vigo».

Xohana sabe que non somos máis que o que recordamos, «ese ceo protector, que de maneira alterna nos cobre ou se desvela ou se nega a desaparecer». Roubándolle unha frase chave, desas susceptibles de ser considerada un aforismo, esparexidos por todo un discurso brillante: «A vida non sempre é unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas». Eis un chamamento poético a que as Penélopes nunca máis baixen os brazos agardando, a convidalas a espremer as oportunidades coas que conten, antes de darse por vencidas. E a súa consecuencia: asumir que Ulises e Penélope representan poesías diverxentes, dúas miradas distintas do porvir, nun mundo onde esmorece a natureza e a propia convivencia pacífica, amparada polos dereitos humanos.

«Eu tamén navegar» debe entenderse como a expresión dun mito reelaborado que outorga a todas as penélopes que agardan a capacidade de actuar. E o que é máis relevante: asumen que «existe a maxia e pode ser de todos / A que tanto nobelo e tanta historia?», como de forma retórica pregunta Xohana nos dous versos cos que remata a composición. Como lectores interpretamos que a poeta afirma a súa liberdade e o seu dereito a decidir que é o quere facer.

Despois de vinte e cinco anos, na poesía galega, tamén por ventura na narrativa, son moitas as autoras que poden ser declaradas fillas de Penélope (ou de Xohana ou de Queizán ou de Krukenberg ou de María Vitoria…). Poetas, narradoras, dramaturgas e ensaístas galegas desta determinada Xeración Penélope, que non agardan a chegada de ninguén nin o permiso de ninguén por que hai tempo que puxeron en marcha cadanseu proxecto propio. Autoras que asumen os riscos de intentar que cada novo libro chegue a formar parte dese «catálogo de boas lecturas», esas poucas que regresan sempre, nas que o poder das palabras asume o carácter de proeza artística, travesías nas que durante a noite os barcos non navegan polo mar, senón polos vieiros do ceo, roubándolle, outra vez as palabras, a autora de Do sulco (colección Salnés 1957) e Estacións ao mar (Galaxia 1980).

Xohana Torres chegou a Vigo, para ela capital do mar, en 1963, cando deixara a navegación real. Dende entón ate o seu pasamento foron máis de cincuenta os seus tempos de Ría, escenario básico e xeografía íntima na que atopou cicelada en pedra a brevidade como a súa expresión literaria máis persoal. Para Luciano Rodríguez, editor da súa Obra reunida (2004) en Tempo de Ría, «este aire contemplativo, entre o cotián e o transcendente, este ollar na superficie pero penetrando até o fondo da realidade imaxinada no corpo do poema, vai ser a tonalidade do conxunto». Outra forma de abordar a «Raíz e Tempo» (1965-1975), título do programa en galego que fixo en La Voz de Vigo, outro logro da autora de Adiós María (1971), que iniciou a renovación da novela contemporánea, mais iso queda para unha entrega futura.

Publicado en Faro de Vigo: 06/10/2026

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *