Chega a vacina (conto de nadal)

Na sección semanal de Faro de Vigo publico o tradicional conto de nadal do Campo de Granada:

A Ledicia Costas

Benquerida avoa Rita:

Mamá díxome que non poderás saír da residencia nin o día de noiteboa nin o de fin de ano nin tampouco poderemos ir alí a darche un abrazo e levar a proba do leite fritido que facemos coa túa receita. As responsables da residencia dixeron que, cando chegue a túa quenda, na tarde do vinte e catro faredes unha vídeo chamada con nós e coa tía Olaia coma a do abril pasado o día do teu oitenta e seis aniversario. Eu, avoíña, non teño tanta paciencia e prefiro escribir hoxe que rematan as clases este correo, que sei vas ler no teu móbil, para contarche algunhas cousas importantes que sucederon estes días na miña clase preparando o Nadal. Eu dígolles as miñas amigas Iris e Mariña que teño unha avoa tic toc que aínda que non grava vídeos co teléfono é capaz de enviar audios e ler mensaxes e correos coma se fose unha rapaza nova.

Non mo vas crer, avoa, Ledicia Costas, a miña escritora favorita, asinoume o seu último libro. Titúlase Baixo cero, é a segunda entrega da serie protagonizada pola Señorita Bubble, unha inventora xenial que reivindica o papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. Ledicia veu ao noso colexio a ter uns encontros co alumnado de terceiro e cuarto de Primaria. Cando rematou, tres persoas do club de lectura de quinto fixémoslle unha entrevista para a Radio da Biblio. Ledicia foi moi riquiña con nós, non paraba de rir e darnos azos. Contounos que comezara a escribir cando estaba no colexio e que fixo varias novelas cando ía ao instituto. Pareceume incrible esa facilidade para inventar historias tan bonitas e divertidas como son todas as súas. Non fixo falta que nos dixera que lle gustaba moito o Nadal, Ledicia vestía un xersei vermello de punto cunha mamá Noel choscando un ollo, unha prenda preciosa. Confesounos que neste libro, a señorita Bubble faille unha trasnada a Papá Noel, enfrontándoo a unha folga dos elfos que traballan na súa central de distribución e entrega de agasallos. Nunca me parara a pensar no moito que traballan todas esas persoas nestas datas. Todas teñen dereito a unhas condicións de traballo e retribución dignas acorde coa importante tarefa que desenvolven.

Acabamos a entrevista con Ledicia cantando as súas panxoliñas revolucionarias: «choran, choran, non deixan de chorar, os elfos en Laponia non queren traballar». Quedamos contentos coa nosa primeira entrevista a unha escritora. Xa sabes como podes escoitar o podcast na páxina do meu cole. Agardo que che guste e desculpes algún fallo, sei que me atrapallei un pouco cando lle fixen a primeira pregunta, estaba moi emocionada por falar cunha persoa tan importante. Nese momento Ledicia díxome: «Lúa, entendín a túa pregunta, é moi interesante». Foi alucinante, avoa, que curriña é esa muller.

Nestes días non foi todo tan divertido. Na nosa clase de quinto presentamos todas as semanas os datos do Observatorio Covid sobre a evolución da pandemia. É un traballo que actualizamos cos datos que recollemos da páxina do Ministerio de Sanidade, que contabiliza o número de casos en todo o mundo (máis de setenta e dous millóns), en Europa (máis de vinte e tres millóns) e en España (mais dun millón setecentos mil), e da web da Consellaría de Sanidade, que ofrece os de Galicia (case sesenta mil). É un traballo escolar colaborativo de investigación moi interesante que segundo Xiana, a nosa mestra, nos axuda a entender a evolución da pandemia e a comparar os datos oficiais en cadansúa gráfica colocada no taboleiro de cortiza. E, avoíña, non quero asustarte, pero ás portas da noiteboa os datos din que a pandemia por agora non remite. Xiana insiste en que todas as precaucións seguen sendo poucas e este ano o mellor é quedar na casa celebrando as festas cos seus conviventes. A min paréceme triste, non poder estar con Antón e Hugo, os meus curmáns, nin sequera na merenda de Reis despois da cabalgata. Xiana di que é preferible pasar este nadal así, lendo e xogando na casiña, e poder celebrar o seguinte, agora que xa comeza a chegar a vacina.

E da vacina tamén quero falarche, porque aí si que teño boas noticias. As persoas que vivides nas residencias seredes as primeiras en poñer a vacina, en toda a Unión Europea, a partir do 27 de decembro. Xa non vós queda nadiña, avoa. Xiana di que este procedemento é o máis xusto xa que as persoas maiores, as coidadoras e o persoal sanitario sodes as mais expostas a este noxento coronavirus. Xa me contarás se a picada doe moito, que dentro duns meses tamén nos tocará a nós. Paréceme extraordinario que todas as persoas do planeta, vivamos onde vivamos, poidamos volver facer vida normal grazas ao esforzo das investigadoras nos seus laboratorios. É algo extraordinario o valor da ciencia para a humanidade. Con todo, Xiana di que o Covid 19 veu para mudar as nosas vidas, que a partir de agora para evitar que apareza outra pandemia semellante deberemos vivir dunha forma diferente, respectando a saúde do propio planeta como propón Greta Thunberg, a rapaza sueca que dixeches un día que me imitaba.

Non sei, avoa, a min todo o que ven sucedendo dende os meses do confinamento provócame moita tensión, o que o libro do Emocionario, ao que tantas veces recorro, identifica como «estrés», xa que temos que enfrontarnos a situacións que sentimos como ameazas. Sabes, avoa, teño saudades dos teus abraciños e de ver contigo outra vez Matilda, a nosa película favorita. Sei que cando estou contigo son unha persoa serena e tranquila. Agardo que cando pase todo isto, poidamos volver exercitar con Antón e con Hugo o que ti chamaches un día o músculo dos afectos, un exercicio que fai medrar a nosa felicidade. Quérote, avoa Rita.

Unha década de plurilingüismo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á década do Decreto 79/2010 do Plurilingüismo:

Non me pasaron desapercibidas as palabras de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, no colofón institucional da celebración do ano Carvalho Calero, reclamando diante do presidente da Xunta de Galicia «o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén nos educativos, en todas as materias, sen excepcións, pensando moi especialmente nas novas xeracións». Unha reivindicación oportuna cando tamén se comeza a celebración do centenario da Xeración Nós e se cumpre unha década do Decreto 79/2010 do 20 de maio para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Un decreto Feijoo que supuxo unha viravolta na orientación da nosa educación lingüística, estragando o consenso e a progresividade da utilización do galego, respectada en todos os decretos que até entón desenvolveron a Lei de Normalización Lingüística (1983). Un decreto que a efectos prácticos expulsou ao galego das aulas dos centros de educación infantil, erradicou o ensino en galego das matemáticas e das ciencias experimentais dos nosos colexios e institutos, ao tempo que introducía a lingua estranxeira, o inglés, como instrumento de ensino e aprendizaxe de materias non lingüísticas (sociais, naturais, plástica…). Unha década de política lingüística dos gobernos feijoistas na que, segundo os expertos, incluídos os dos cuarto (2014) e quinto (2019) informe sobre o cumprimento en España da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, se acelerou o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán como lingua inicial, non estando xa garantida a transmisión da lingua no entorno familiar, ademais de reducirse de forma alarmante o emprego do galego tanto no sistema educativo como na vida económica, social e nos propios medios de comunicación.

O chamamento do presidente da RAG a reconsiderar a orientación desta política lingüística, tampouco foi alleo ao protagonismo do presidente da Xunta na polémica sobre a desaparición do sintagma «linguas vehiculares» na LOMLOE. E abofé que Feijoo non estivo moi afortunado nesta lea aliñándose a pé fixo cos sectores máis ultras, como xa fixera en febreiro de 2009 cando era candidato á presidencia coa andrómena aquela da «imposición do galego», asumindo agora outra «fake» lingüística de manual, unha mentira coma un cesto roto, a do perigo que corre a aprendizaxe do español no sistema educativo das comunidades con linguas propias. Unha polémica promovida polo sector máis carca da prensa que coa lectura dos textos aprobados non se sostén de xeito ningún. Abonda lembrar que o sintagma «linguas vehiculares» fora introducido en 2013 polo inefable Wert na súa LOMCE (aprobada en solitario cos votos do PP) coa intención de pór paus nas rodas ao modelo catalán de inmersión e nas súas palabras «españolizar aos alumnos cataláns». Como só abonda ler o texto aprobado na nova LOMLOE para comprobar que a lei aprobada por un amplo espectro parlamentario garante que todo o alumnado deberá acadar «un dominio pleno e equivalente na lingua castelá e, no seu caso, na lingua cooficial correspondente».

Con todo, o máis triste deste conto é que o sucedido ao longo desta década coa educación lingüística en Galicia xa o anunciamos os que en 2009 denunciamos que Feijoo rachaba o consenso acadado no derradeiro goberno Fraga arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004) aprobando un decreto baseado nunha ideoloxía lingüística alicerzada sobre o piar do carácter hexemónico do castelán en todos os territorios do Estado. Non tiñamos dúbida ningunha que para o presidente o castelán é a lingua importante e o inglés a lingua franca, quedando o galego, no mellor dos casos, para o espazo privado das persoas maiores. Como máis desolador aínda é que ningún dos seus tres responsables da Consellaría de Educación se preocupasen o máis mínimo en avaliar o funcionamento do Decreto 79/2010 nin dos resultados acadados, como quedaba obrigado nas súas Disposicións adicionais. Descoñecemos cales son os beneficios, se é que os houbo, do modelo para a adquisición efectiva das linguas estranxeiras e mesmo se foi garantida ao alumnado que remata a ESO e o Bacharelato a adquisición en igualdade (sería preferible utilizar «en equidade») de idéntica competencia en castelán e en galego, como figura nos documentos curriculares vixentes.

Nunha situación crítica para o galego, non é doado reorientar a deriva da educación plurilingüe en Galicia. Xaora, sería posible sempre que se asumise un discurso alternativo e se deseñase un modelo de plurilingüismo inclusivo dende a lingua galega, capaz de integrar o castelán, o inglés e o portugués, ademais de garantir con instrumentos de control e a avaliación a dobre competencia das linguas cooficiais establecida na LOMLOE.

Onte 2100: Debate sobre a educación plurilingüe en Galicia


Moderei onte o debate da segunda xornada do ciclo Educación Plurilingüe: achegas para un debate organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo dunha década do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. Hora e media moi interesante  na que Valentina Formoso, María López Sández e Xaquín Loredo abordaron a situación da educación pluringüe en Galicia e achegaron liñas de esperanza para o futuro do idioma. Un documento moi valioso para o noso arquivo, sobre o que sen dúbida volveremos.

Erradicar a violencia machista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 25-N, xornada contra a violencia machista:

Mañá, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, convocadas polos colectivos de feministas galegas, celébranse diversas mobilizacións e actividades coa intención de combater a lacra da violencia machista como unha prioridade de saúde e visibilizar o que continúa sendo invisible nesta causa. Aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, escolleuse a data do 25 de novembro en memoria das irmás Mirabel (Patricia, Minerva e María Teresa) asasinadas ese día de 1960 na República Dominicana por orde do seu ditador Rafael Leónidas Trujillo. Unha data de sensibilización sobre a violencia contra a muller que a Declaración das Nacións Unidas de decembro de 1993 define como «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico», así como «as ameazas deses actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen no ámbito público como na privado». Violencia machista contra a muller que conforma tamén en España un feminicidio incesante con 1.074 vítimas dende 2003, ao que segundo o Ministerio de Igualdade se engaden 41 no que vai de ano, dúas delas en Galicia. Cifras dramáticas ás que no mesmo período hai que engadir 37 vítimas menores e 301 orfas e orfos.

Violencia machista que, segundo datos da Delegación do Goberno en Galicia, contabiliza na nosa comunidade 3.733 casos activos de violencia de xénero e nos nove primeiros meses do ano 2.561 chamadas ao 016, o teléfono institucional de atención a vítimas de malos tratos por violencia de xénero. Datos inquietantes que se completan coas 1.188 ordes de protección ditadas en Galicia, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, das que case un milleiro contaron no primeiro semestre de 2020 con medidas de atención por parte da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Cifras que apenas supoñen a punta do iceberg dunha lacra que, a pesar do Plan de Continxencia contra a violencia de xénero ante o Covid 19, durante os meses de confinamento obrigou á convivencia forzosa das vítimas cos seus agresores, o que dificultou as súas posibilidades de solicitar axuda e paradoxalmente levou a unha diminución durante o segundo trimestre do ano do número de denuncias por malos tratos presentadas no Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo, aínda que se incrementasen as ordes de protección.

Data a do 25N que como outras efemérides cívicas se celebra con particular intensidade nos centros educativos coa intención de sensibilizar ao alumnado sobre esta problemática e vencellalo emocionalmente na loita colectiva contra a violencia de xénero e a prol da igualdade real e dos dereitos humanos. Unha intervención educativa necesaria dende os niveis primeiros de Educación Infantil, onde segundo Amada Traba, profesora de Socioloxía da Educación da UdV, é preciso desmontar o sutil modelo de desigualdade acuñado desde antes do nacemento das criaturas. Un enfoque igualitario que as familias poden abordar dende o propio berce desbotando os códigos diferenciados a través dos sentidos, dos xogos e xoguetes, da actividade física e do propio vestiario, nos que se forxa dende os primeiros meses un pensamento moral diferenciado. Intervención coeducativa que debe abranguer tamén a educación afectiva e sexual e a navegación segura por internet como primeiras ferramentas para a prevención da violencia sexual. Sabemos que o consumo de contidos pornográficos e violentos dispoñibles na rede, dende idades cada vez máis temperáns, así como as condutas de ciberacoso por motivos de xénero, sobre todo por parte dos nenos, reforza o desenvolvemento de condutas machistas e violentas que se van perpetuando dende a mesma preadolescencia.

Erradicar a lacra da violencia de xénero e das agresións sexuais de todo tipo é unha tarefa revolucionaria xa que supón fender a cultura e estrutura do patriarcado, onde abrolla a semente de todas as violencias machistas e homófobas, e propoñer unha igualdade real nunha sociedade de mulleres libres e empoderadas. Unha causa que no actual entorno da pandemia require da disposición de máis recursos das administracións públicas, que fagan efectivas as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e outras formas de violencia sobre a muller. Mais tamén obriga, como tamén se fixo evidente coa actual crise Covid, a deseñar unha nova política pública de coidados, que veñen recaendo até agora sobre as mulleres, tanto das criaturas como das persoas maiores ou doentes. E, sobre todo, require do compromiso de toda a cidadanía para denunciar calquera tipo de conduta violenta, explícita ou sutil, contra as mulleres facendo visible o que até entón era invisible.

Onte 2097: Brava, Lady Bubble!

Hai apenas dous meses que Ledicia Costas sorprendeu as súas seguidoras cunha nova volta de porca ao Outromundo coa publicación da primeira entrega dos Minimortos. Agora volve facelo noutro dos seus mundos de ficción, o da inventora Lady Bubble, que creara co ilustrador Andrés Meixide, A señorita Bubble Baixo cero, (Xerais 2020) probablemente, a súa novela infantil máis atrevida e rabuda das publicadas até hoxe. Desta volta, Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, a capital da Laponia finesa onde ten a súa residencia oficial Papá Noel, onde acollerá na súa casa a unha ampla comunidade de pinguíns, os animais favoritos do seu inseparable Vicent, o neno do corazón mecánico. Xaora, fóra do seu medio natural a vida dos pingüíns non é doada, mais aínda cando sufren os efectos dos vertidos tóxicos ao mar da fábrica de xoguetes de Noel, na que traballan milleiros de elfos en condicións deplorables e con salarios de miseria.

Sen abandonar o espírito steampunk nin perder unha miga do interese pola temática científica e tecnolóxica da primeira entrega, en Baixo cero Ledicia Costas bota man dos recursos da utilización do diálogo como estratexia narrativa e do conto de Nadal dickensiano e do humor atolado de estirpe roaldahliana para relatar a revolta sindical de pingüíns e elfos e cuestionar así a crueldade e arbitrariedade machista de Noel, transformando a procura da igualdade e da dignidade nos valores máis xenuínos do Nadal. Unha revolta alternativa, tamén nas formas e na distribución dos agasallos, na que non faltan nin as panxoliñas reivindicativas nin as referencias aos magos e outros personaxes. Baixo cero abre así novas perspectivas temáticas para unha serie protagonizada pola Señorita Bubble que se consolida como outro dos universos creativos singulares de Costas, ao que tampouco é alleo o extraordinario traballo de ilustración dun Meixide en estado de graza, que entende o espírito steampunk e transgresor da autora viguesa, sobre todo no deseño arquitectónico e na creación dunha atmosfera propia dos contos de inverno.

Fermosísimo este conto de Nadal de Costas e Meixide, que supón a consolidación dunha serie, convertida xa en colección pola editora, que promete engaiolar e formar a milleiros de novos lectores e lectoras autónomos. Recomendo vivamente.

Onte 2096: «A lavandeira de San Simón», comezo de Pequena Memoria

A publicación d’ A lavandeira de San Simón, texto de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores, que abre a colección Pequena Memoria de Xerais, supón un fito tanto para a historia da edición galega como na causa da memoria, a da recuperación das voces silenciadas, ocultas, exiliadas e castigadas da historia. Seguindo o fío temático que Eva Mejuto iniciara na novela Memoria do silencio (Xerais, 2019) e de precedentes como Mexique. El nombre del barco (Libros del Zorro Rojo 2017), Mejuto e Gregores artellan un relato dende a voz e a ollada de Teresa, unha rapaza filla dun desaparecido e dunha lavandeira que viaxa cada mércores á Illa de San Simón a levar a roupa limpa e unha empanada a algún dos alí encarcerados. Unha historia que empregando os recursos visuais da linguaxe do álbum ilustrado dá voz ás crianzas como vítimas invisibilizadas daqueles días de horror.

Un relato dirixido ao público infantil que homenaxea á rede de solidariedade tecida por unhas mulleres anónimas e afoutas, as lavandeiras ou madriñas, que se arriscaron a axudar aos presos da Illa de San Simón ou do buque Upo Mendi, fondeado na ría e utilizado tamén como cárcere, persoas que elas na súa maior parte descoñecían (procedentes en boa parte de Asturias) e que non cometeran máis delito ca defender a República e os seus valores.

Historia das lavandeiras, rescatada por investigadores e escritores redondeláns como Gonzalo Amoedo, Carlos Antuña Souto e J. Ángel Xesteira, e pola asociación de mulleres A Xanela de Redondela, na que Mejuto e Gregores apostan por dotar dunha forte pegada visual, combinando o primeiro plano coas imaxes panorámicas cenitais ou de grande angular, coa intención de crear a atmosfera de terror dunha historia entrañable narrada en clave íntima. Texto e imaxes complementadas pola documentación fotográfica das gardas e por un coidado texto informativo publicado como epílogo, estendido no espazo web creado por Mejuto, que permiten ao lectorado novo coñecer o que foi un dos episodios máis heroicos da guerra civil en Redondela.

Recomendo vivamente esta primeira e tan prometedora entrega da colección Pequena Memoria, un proxecto editorial que pola súa calidade temática, formal e editorial constitúe unha das achegas máis destacadas da lix galega dos últimos anos. Parabéns ás autoras e á editora.

Onte 2094: Presentación do libro «Escuela Digit@l», un informe sobre transformación dixital educativa


Participei onte na presentación de Escuela digit@l. Los materiales didácticos en la Red (Grao 2020), o libro coordinado por Manuel Area Moreira, catedrático de Tecnoloxía educativa da Universidad de la Laguna e investigador principal do Laboratorio de Educación e Novas Tecnoloxías (EDULLAB). Todo unha honra para min acompañar aos profesores Jesús Rodríguez Rodríguez (USC) e José Peirats Chacón (Universitat de Valencia), ás profesoras Tania Braga (Universidade do Paraná do Brasil) e Mariana Maggio (Universidade de Bos Aires), xunto ao editor Antoni Zabala, na presentación internacional dun libro-informe froito dunha ampla investigación universitaria sobre a situación da transformación dixital educativa en España. Unha obra que aparece nun momento decisivo, en plena pandemia covid 19, que precipitou a educación mixta, a que se desenvolve de forma presencial e a distancia (formalmente dixital).

Un libro que na miña opinión aborda de forma innovadora a escola dixital, xa que a identifica coa rede, e polo tanto coa utilización da hipertextualidade e as súas utilidades. Un alicerce sobre o que Manuel Area organiza os conceptos básicos desta transformación dixital e propón unha clasificación dos materiais dixitais educativos, chamada a convertirse en referencial. Este carácter hipertextual, xustificado polo feito de que hoxe a comunicacion en todos os ámbitos deixou de ser alfabética para transformarse en hipermedia e transmedia, obriga a unha alfabetización nas utilidades da lectura e escritura hipertextuais. Transformación, polo tanto de tecnoloxía educativa como do propio currículum.

O carácter e o ritmo desa hibridación dos materiais didácticos, así como a posibilidade do carácter disruptivo para o sector editorial privado da transformación dixital educativa en marcha é unha das cuestións mais controvertidas do informe. De seguiren así as cousas, terán algún papel as editoras comerciais? Os actuais materiais dixitais educativos, que supoñen apenas o 3% dun mercado de 800 millóns anuais do libro de texto (datos 2019), amosan tanto a insuficiencia e atractivo da oferta como a ausencia dun modelo de negocio alternativo, que entendo pasa por abandonar o modelo de libro de texto como secuencia curricular anual dunha materia para adaptarse ao modelo dos repositorios dixitais educativos institucionais e de suscricións por accesos.

Ademais de presentar por extenso sete experiencias de bos prácticas doutros tantos centros de Primaria e Secundaria, o libro ten un interesante carácter prospectivo achegando orientación para a elaboración de materiais educativos dixitais para editoras e produtoras, para o profesorado como para o alumnado e as súas familias. Entre estas orientacións é de salientar que a elaboración dos materiais dixitais debe ser considerada como unha actividade procesual, aberta, colaborativa, experimental e hipertextual, incorporando os avances da realidade virtual e aumentada, da big data como da Intelixencia Artificial.

En resume, un libro clave para entender o proceso de transformación educativa dixital, o que se está facendo nas escolas e institutos e o que debería acometerse no futuro. Parabéns a Manuel Area e ao seu amplo número de colaboradores.

Moncho Iglesias, mestre

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Xosé Ramón Iglesias Veiga

Ao longo da semana foron varios os obituarios dedicados nestas páxinas de Faro de Vigo a Xosé María Ramón Iglesias Veiga, «Moncho Iglesias», o mestre e doutor en Historia da Arte homenaxeado de forma unánime e emotiva pola súa dedicación ao ensino durante trinta e oito anos e á defensa do patrimonio do Vigo metropolitano. Abofé que non abondan as palabras para agradecer o labor dun dos nosos auténticos sabios, eses sabios humildes, sempre disposto a compartir con xenerosidade e espírito didáctico tanto os seus coñecementos e pescudas como a súa visión de grande angular sobre a historia local e galega. Unha ollada de arcea que xa o singularizaba cando iniciaba a profesión de mestre no Colexio Público de Atios do Porriño, onde xa non paraba de argallar iniciativas galeguistas e renovadoras que era capaz de compartir co seu labor como formador nos contidos de Xeografía e Historia de Galicia daqueles curso de Especialización en Lingua Galega, onde tantos mestres nos formamos a comezos da década de 1980, e como redactor dalgúns dos primeiros materiais didácticos en galego destas materias para Anaya.

Activismo teimoso de mestre, da xeración do profesorado de EXB, que despois desenvolvería ao longo de dúas décadas como profesor de Xeografía e Historia no IES Pino Manso do Porriño, onde se xubilou hai un par de cursos, sendo despedido polo seu alumnado como un heroe moderno, entre aplausos e manteos, o que el considerou o mellor e máis valioso dos recoñecementos recibidos. Activismo como historiador centrado na Historia da Arte de Galicia, sobre todo da arquitectura, á que dedicou todas as súas angueiras e a súa extraordinaria tese de doutoramento dirixida por J. Melero e presentada na UNED, «A tendencia rexionalista na arquitectura galega das primeiras décadas do século XX». Un traballo académico exhaustivo, referente para investigacións posteriores, que compartiu co seu activismo como defensor e divulgador do patrimonio arquitectónico, publicando ducias de artigos na prensa e en revistas especializadas e as súas grandes monografías e exposicións sobre Manuel Gómez Román (Xerais 1995) e Antonio Palacios (Deputación de Pontevedra 1993, Ir Indo 1995, Engaiolarte 2019), arquitectos aos que sempre quedará vinculado como o principal dos seus estudosos. Traballos sobre o arquitecto porriñés que lle valeron os premios Zoco outorgado en 1995 polo concello do Porriño e o ano seguinte o de Educación e Cultura do Círculo Recreativo e Cultural da capital da Louriña.

Nacido en 1957 na parroquia de Sanguiñeda do concello de Mos, traballou como docente no Porriño e residiu en Vigo, Moncho dedicou moitas ansias á defensa do patrimonio da que foi a súa cidade amada. Membro moi activo do Instituto de Estudios Vigueses (1998), entidade da que foi secretario conservador, Iglesias é coautor xunto ao seu amigo o arquitecto Xaime Garrido, dos dous monumentais volumes de Vigo. Arquitectura Urbana (Caixa Galicia, Concello de Vigo 2000), así como do Recorrido pola arquitectura histórica de Vigo (Caixa Galicia, Concello de Vigo 2003), obras referenciais e aínda non non superadas no coñecemento e divulgación do catálogo arquitectónico da nosa cidade. Foi autor tamén de Arquitectura e indianos na cidade de Vigo e bisbarra (IEV 2013) e máis recente participou no libro colectivo Alfageme. Historia e memoria (IEV 2020), xunto a Xoán Carmona e Mariña López, no que se reclama a protección da fábrica de conservas proxectada por Manuel Gómez Román.

Moncho Iglesias soubo interpretar o valor do patrimonio arquitectónico na conformación da memoria e da identidade do Vigo contemporáneo. Para el a suntuosidade da arquitectura ecléctica de hai cen anos, inspirada na parisina daquel momento, era froito tanto dos excedentes da industria conserveira e das achegas dos indianos, velaí o edificio Botín do Areal, como do seu carácter portuario e cosmopolita. Nas súas intervencións orais máis recentes, Moncho alertaba da desprotección da arquitectura racionalista viguesa, quizais por non realizarse en pedra, como do perigo que corre o patrimonio da arquitectura industrial, onde se conserva parte do ADN da propia cidade. Posicións que Moncho expresaba con gran brillantez nos seus discursos e entrevistas, utilizando os datos precisos do historiador e o espírito didáctico e entrañable do mestre que sempre foi. Lembraremos a Moncho Iglesias, ademais, como un dos defensores principais da causa do Vigo metropolitano, da cidade portuaria alongada sobre a ría, gabeando sobre o monte do Castro e estendida sobre os vales do Fragoso e da Louriña, como tamén soñaba o arquitecto Palacios, un dos seus principais referentes.

Vigo, cidade onde nunca foi distinguido, débelle a Moncho Iglesias un recoñecemento público.

Onte 2091: «Superavoa» de David Rodríguez

Esta quincena que estou de garda de porta e autobús, dou fe que a escola e os centros de traballo están abertos tamén grazas aos avós e ás avoas que traen e levan as crianzas. Apenas a punta do iceberg da axuda intrafamiliar e interxeracional que, á falta de medidas de conciliación públicas, alicerza hoxe o sistema de coidados dos picariños e evita que a familia se vaia a pique, máis aínda en tempos de pandemia e profunda desigualdade. Un traballo altruísta e unha responsabilidade social escasamente recoñecida que o escritor e ilustrador vigués David Rodríguez saca do armario en Superavoa (Xerais 2020), un valioso álbum de pequeno formato concibido para a nova serie Primeiras lecturas da veterana colección Merlín, que supera os 300 títulos en 32 anos de publicación. Un libro tributo a todas aquelas avoas como Rita capaces de facer mil cousas á vez, de curar a dor de barriga apenas poñendo a man enriba da neta ou de contactar coas suas maxestades na víspera de reis.

Superavoa, inevitablemente, levoume a outros títulos da nosa literatura infantil e xuvenil protagonizados por avós, como dous dos meus preferidos do catálogo de clásicos contemporáneos, O estanque dos parrulos pobres (Rodeira 1996) de Fina Casalderrey ou Todo o tempo do mundo (Xerais 2016) de David Pérez Iglesias. Porén esta de David Rodríguez é unha avoa feminista e empoderada, unha superheroína para as súas netas e netos, á que non lle falta nin capa nin botas con ás. Unha avoa á que non lle faltan habilidades de todo tipo e comparte doses de humor e tenrura a eito.

Benvida esta Superavoa chamada a axudar a fender a pedra dos prexuízos de xénero e micromachismos temperáns de tantos homiños e mulleriñas, como adoita dicir a socióloga da educación Amada Traba. Un álbum de escritura e composición magnífica que amosa a versatilidade estilística do autor, de quen coñeciamos os seus excelentes traballos como a ilustración do libro-disco da Banda dos Cueiros e de Eu ben vin, virivín. Cancioniero infantil para dicir, contar e cantar (Xerais 2018).  Unha obra que non debe faltar no catálogo das bibliotecas dos centros de Infantil e Primaria, útil tamén para animar as sesións de formación sobre igualdade e xénero das escolas de familias.

Custe cero no regreso á escola

No Luzes 84 publico un 7 estralos sobre o regreso ao escola Covid-19:

Tras a videoconferencia de presidentes do 7 de xuño, na que se estableceu a fórmula de reparto do fondo de 16.000 millóns de euros para ás CC.AA., dos que serían destinados a educación 2.000 millóns, Feijoo foi o único participante que solicitou liberdade para destinar o fondo educativo «ao que o Goberno Galego considerase». O presidente fixaba así a doutrina do seu gabinete: a pesar de poder contar con máis de 100 millóns procedentes do estado, o regreso ao ensino presencial faríase nos centros non universitarios galegos a custe cero adaptando os protocolos aprobados polo Ministerio de Educación. Nin máis recursos nin ideas propias nin negociación ningunha co sector educativo.

Tras o abandono dos sindicatos docentes da mesa sectorial en xullo, as condicións fixadas no «Protocolo de adaptación ao contexto do Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2011» (a partir de aquí, o protocolo), publicado o 22 de xullo e asinado polas consellarías de Sanidade e Educación, foron rexeitadas pola comunidade educativa, tanto polos sindicatos, plataformas de profesorado e movementos de renovación pedagóxica como pola confederación de ANPAS.

Un escenario de incerteza e ausencia de diálogo co sector escolar, coidadosamente abonado polo propio Feijoo, que se presentou, antes da xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación de 27 de agosto, como o promotor do uso obrigatorio da máscara nos centros educativos a partir dos 6 anos, reclamando fose incorporado a un «protocolo básico» para todo o estado, que, iso si, puidese ser «complementado» por cada comunidade.

1-. Queda asegurada no protocolo da Xunta a etiqueta sanitaria das 3M (Metros, Máscara e Mans)?. A Organización Mundial da Saúde (OMS) traduciu a súa etiqueta sanitaria Covid-19 (distancia social entre 1,5 e 2 metros, uso de máscara e hixiene de mans) nunha receita específica que servise para o reinicio das actividades docentes presenciais en todos os sistemas educativos: un metro de distancia entre pupitres, toma de temperatura, desinfección diaria e ventilación das aulas… Medidas que a Xunta interpretou de forma moi restritiva no seu protocolo do mes de xullo (cuxa actualización quedou pendente para setembro) xa que utilizando a fórmula de manter «un metro entre o centro de cada unha das cadeiras» reducía a distancia social entre cada estudante á metade da recomendada tanto pola OMS como ao metro e medio como mínimo establecido con carácter xeral no acordo do 27 de agosto do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en coordinación coa Conferencia Sectorial de Educación (publicado no DOG ao día seguinte). Como aparente contrapartida a esta redución da distancia interpersoal de seguridade, a Xunta estableceu unha rutina de hixiene corporal frecuente e meticulosa do alumnado e de ventilación das aulas baixo responsabilidade dos docentes, así como o uso obrigatorio da máscara a partir dos 6 anos, mesmo nos chamados «grupos de convivencia estable», burbullas de até 25 alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria e a súa titora, nas que poderán socializarse dentro e fóra da aula sen necesidade de manter a distancia interpersoal estrita.

2-. A quen corresponde a responsabilidade de facer respectar o modelo? O protocolo delega no profesorado e na dirección do centro a responsabilidade para poñer en marcha as medidas de información e seguimento dos procedementos de prevención, tanto no que atinxe ás rutinas de hixiene nas aulas como o mantemento da etiqueta sanitaria no centro. Como responsable é o profesorado da «xestión dos abrochos», o que obriga a que cada centro constitúa o seu equipo Covid e elabore un «Plan de adaptación á situación Covid no curso 2020-2021» e un «Plan de continxencia» para enfrontar unha (probable) suspensión da actividade lectiva.

3-. Cos recursos dispoñibles nos centros, é posible respectar o protocolo? A pesar do esforzo que se lle solicita ao profesorado, todo o modelo está orientado a modificar o menos posible a organización dos espazos dos centros e manter o cadro de profesorado nos límites estritos de reposición administrativa. Non se contempla nin a posibilidade de redución do número de alumnado por aula nin incremento do cadro de profesorado nin modificacións no horario nin a dotación de persoal de enfermaría. En todo caso, a incorporación prometida en agosto pola conselleira de novos docentes non é tal, xa que este profesorado adianta en dous meses o inicio dos contratos-programa ARCO e Reforza-t, que xa formaban parte dende o curso pasado da iniciativa de diminución das taxas de repetición sufragada polo Fondo Social Europeo.

4-. Será toda a actividade presencial? Nun escenario condicionado polas mudanzas imprevisibles da situación sanitaria, o máis probable é que ao longo do curso, canto menos a partir da Educación Secundaria, as ensinanzas teñan carácter dual, tanto presencial como a distancia, utilizando os recursos das aulas virtuais e webs dos centros e os medios dixitais do alumnado e do profesorado. Como xa sucedeu no período de confinamento do curso anterior, a ampliación da «fenda dixital» de desigualdade para o alumnado máis vulnerable é un risco real. Cos recursos hoxe dispoñibles é imposible organizar con carácter xeral nos centros de Infantil e Primaria, se fose precisa unha corentena, un modelo educativo non presencial inclusivo e satisfactorio para todo o alumnado.

5-. O protocolo sostén un modelo didáctico? O protocolo está concibido para unha disposición espacial dunha aula de até 25 (na Infantil e Primaria) ou 30 (na Secundaria) alumnos e alumnas, aliñada e centrada sobre a figura do docente e do encerado ou pantalla dixital. Un modelo pedagóxico, que en moitas aulas fora superado, incompatible coas dinámicas innovadoras de ensino cooperativo baseadas na experimentación e manipulación en pequeno grupo. O perigo dunha involución didáctica está aí.

6-. Como afecta aos programas de conciliación? O protocolo modifica as condicións esixidas para o funcionamento dos programas de conciliación laboral e familiar que se se desenvolven nos centros xestionados polas ANPAS: aulas matinais, comedores escolares e actividades extraescolares. O incremento dos custes de prestación destes servizos achegados por estas entidades sen ánimo de lucro e a ausencia de recursos públicos para mitigalo ameaza coa súa suspensión e o conseguinte colapso da conciliación en milleiros de familias.

7- Nesta situación, que medidas son prioritarias? No escenario de risco sanitario motivado pola aparición de continuos gromos do Covid-19 e coñecendo xa as experiencias de incorporación á ensinanza presencial noutros sistemas educativos ou os acordos noutras comunidaades, como a valenciana, o primeiro requisito para o regreso ás aulas en Galicia continúa sendo garantir a seguridade sanitaria dos 412.065 alumnos e alumnas, 38.216 profesores e profesoras e varios milleiros de persoal non docente de administración e servizos, cociña e limpeza dos diversos niveis non universitarios. Como tamén é imprescindible crear espazos educativos hibridados (presenciais e a distancia, analóxicos e dixitais), inclusivos e seguros que permitan o desenvolvemento de aprendizaxes significativas en igualdade, con especial atención para o alumnado máis vulnerable socialmente ou con necesidades educativas especiais ou de apoio educativo. Sen menoscabo de que este regreso aos centros facilite a conciliación no seo das familias nun contexto de grave emerxencia social e laboral. Seguridade, igualdade e conciliación, tres retos que para ser afrontados con garantías requiren de máis recursos económicos como dun amplo acordo da administración educativa e sanitaria cos membros da comunidade educativa (docentes e familias) e cos concellos como responsables das competencias de limpeza e mantemento dos centros de Infantil e Primaria.