Leiro no Marco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do Leiro antropomórfico instalada no Marco:

Na madrugada do 7 de novembro de 1991 colocáronse as catro toneladas de peso do Sireno sobre dúas columnas de granito negro de 12 metros de altura. Dende entón a escultura deste home-peixe creada por Francisco Leiro (Cambados 1957) preside a Porta do Sol, un espazo sagrado para a cidadanía viguesa, converténdose nunha das iconas da cidade, probablemente tamén a que mellor representa o Vigo de fin do século XX daquelas catro grandes pezas encargadas nun exercicio político de grandilocuencia por Manoel Soto, alcalde de Vigo de 1979 a 1992, coa intención de modernizar e transformar puntos nodais do espazo público: os cabalos de Juan Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas na Praza de América e o Monumento ao traballo (popularmente «Os redeiros») de Ramón Conde na encrucillada de Urzáiz coa Gran Vía.

Un Sireno que o escultor cambadés, entón residente en Nova York, concibiu en altura a partir do encargo de Soto e do seu concelleiro Francisco Santomé, que lle solicitaran unha escultura metálica para unha fonte de 12 metros de diámetro e outras tres illas máis pequenas, unha solución creativa alternativa que confesou ideara pensando na cabeza do león alado da praza de San Marcos en Venecia. E así foi como a partir da figura clásica do Tritón, un centauro de mar, coa parte superior dun corpo de home e a  inferior dun golfiño, Leiro desenvolveu unha peza de aceiro inoxidable puído de sete metros de lonxitude de rostro humano e corpo mariño, dotada de aletas cubertas de escamas brillantes, que cando a contemplamos non sabemos se voa ou nada. Unha figura coa que o arousán pretendía representar o vínculo permanente de Vigo co mar, dende as primeiras factorías de salgadura romanas e as cantigas de Martín Códax, pasando polas primeiras instalacións de conserva no Areal e as escalas dos transatlánticos nos que embarcaron milleiros de emigrantes, até a cidade portuaria actual, coa súa industria pesqueira, naval e automobilística de Berbés a Bouzas.

Unha escultura antropomorfa que Leiro chamaba «Home-peixe», mais que sería bautizada de forma casual polo concelleiro Santomé nunha roda de prensa na que pretendía explicar o proxecto e acabou dicindo que o que preparaba Leiro para a Porta do Sol era «un sireno». E a verdade é que o traspés do edil foi tan afortunado que superou ao nome previsto polo artista. Sireno foi un nome capaz de recoller as intencións do creador de converter a esta figura híbrida, metade humana e metade animal, nun ser mitolóxico único e orixinal que posuíse os principais trazos do carácter da cidade. Como co tempo, pasada a polémica inicial, Sireno foi un nome suficientemente orixinal e provocativo para representar a capacidade da estatua para imantar a propia praza e dialogar cos seus edificios máis emblemáticos, o Simeón do arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, o Galoya do madrileño Romualdo Madariaga e o Hotel Moderno do polaco vigués Michel Pacewicz, sen menoscabo da súa ollada melancólica contemplando a propia ría de Carral á Laxe.

Case tres décadas despois de instalar as pezas do seu Nadador na Laxe e nos xardíns da Estrela, Francisco Leiro volve a Vigo cunha grande mostra no Marco comisariada por Miguel Fernández-Cid, tamén director do museo vigués de arte contemporánea. Unha exposición de produción propia centrada no Leiro antropomórfico (1986-2022), na que sen constituír unha retrospectiva e renunciando a unha presentación cronolóxica, reúne dende pezas de hai máis de tres décadas até algunhas de nova produción concibidas para ser instaladas nas salas da planta baixa do museo de Príncipe. Esculturas de granito, bronce e madeira e de moi distintos tamaños nas que como sucedera co Sireno o artista outorga calidades o trazos humanos a animais e obxectos. Unha mostra impactante polo xogo de escalas que se propón en cada unha das salas, nas que se dispoñen series de pezas como Escorredoiras (2021), Pavitas (1992-1999), Ceboliños (2019), Androias (1998) ou a recentísima Agrelados (2022), así como estimulante para o visitante pola variedade de temáticas, rexistros e materiais.

Sorprende a capacidade do cambadés para reinterpretar, como xa fixera no Sireno ou en pezas como Pájaras (1987), a mitoloxía clásica e a popular, sexa galega ou da tradición azteca. Como asombra a súa capacidade para ocupar os espazos expositivos con pezas de diversas escalas, sexan as enormes como Dama de Navalcarnero (2006), instalada na galería panóptico, ou os impoñentes Lacazán (2002), Winter (2021) e O home de pau (2021), até as máis pequenas e delicadas de menos dun metro de altura, como as memorables Danzantes (2020), Mameluco (2019), Escarranchada II (2019) ou Revirosa (2019). Recomendo vivamente a visita e parabenizo ao artista e comisario por tan magnífica mostra.

Ás portas do centenario

Rematada a tempada dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á encrucillada que enfronta o RC Celta SAD:

Finalizada a décima tempada consecutiva en Primeira cunha posición discreta na metade da táboa mais con alicerces sólidos na categoría dos mellores, ás portas da celebración do seu centenario (2023), o proxecto do Real Club Celta SAD non acaba de conectar coa súa masa social que, tras a pandemia, semella moi remisa a acudir ao estadio e en boa medida insatisfeita coas decisións de Carlos Mouriño, o seu dono e principal voceiro.

Unha desconexión co contorno celeste aparentemente incomprensible se temos en conta que tras dezaseis anos en mans de Ges, o grupo empresarial da familia de Mouriño, o Celta acredita contas saneadas e nas dúas derradeiras tempadas se mantivo sen abafos, probablemente grazas aos goles e liderado de Aspas, o mellor xogador da historia da canteira viguesa. Sen esquecer que nese período puxo en marcha o proxecto formativo de canteira, unha das punteiras do fútbol profesional, dotouse dunha sede no corazón da cidade e iniciou unha cidade deportiva de seu. Logros considerables, mais que non ocultan unha xestión carente de empatía tanto co seu propio cadro de profesionais, coa comunidade celtista como co Concello de Vigo.

U-las razóns desta desconexión paradoxal? U-las claves para recuperar o entusiasmo nas dúas vindeiras tempadas, no ano do centenario? O debate arredor destes interrogantes continúa aberto e moi acendido nas redes, situando en todo caso ao RC Celta SAD nunha encrucillada da que debe saír nos vindeiros meses.

O certo é que para normalizar a relación co Concello de Vigo moi pouco axudan as periódicas ameazas de Mouriño de abandonar Balaídos que, sen dúbida, forman parte da súa estratexia de confrontación persoal con Abel Caballero, primeiro responsable da corporación que, contando só coa axuda de Deputación de Pontevedra, leva varios exercicios reconstruíndo a anacos con gran esforzo financeiro e discutible resultado o vello estadio. A cidade sabe que o Celta non ten outra alternativa que continuar en Balaídos, o que inevitablemente obrigará a Mouriño a negociar co propietario desta instalación pública as condicións para os seus usos, deportivos e de lecer, procurando a maior comodidade e seguridade para abonadas e espectadoras. Como acontece coa finalización da cidade deportiva Afouteza de Mos que, por moito que se procure o amparo da Xunta de Galicia, só será posible contando tamén co acordo da propietaria dos terreos, a Comunidade de Montes de Tameiga.

Mais esta encrucillada non só é política, ten tamén un forte carácter comunitario e afecta á relación do club con todas as súas persoas abonadas, tamén os seus primeiros clientes, sometidas as máis diversas incomodidades, barreiras e desprezos dunha empresa case sempre insensible as súas demandas. Ausencia de agarimo acuñada na errática política de comunicación e redes, esencial para manter a cohesión e o entusiasmo de toda a comunidade celeste, que nalgunhas ocasións resultou allea á identidade e á historia do propio club, nacido para representar o fútbol galego en todo o mundo. Como a estas alturas está fóra de lugar a renitencia a contar cun cadro feminino, como o resto dos clubs de primeira, un empoderamento deportivo que por ventura sabemos imparable.

Xaora, está encrucillada do club celeste tamén afecta ao propio proxecto deportivo que non acaba de contaxiar o entusiasmo previsto. A xestión autoritaria do cadro de xogadores, cuxa peores expresións son a vergonzosa expulsión presidencial de Denís, o director de xogo na lameira, cen por cen celeste, máis tamén as barreiras case insuperables de acceso dos canteiráns da Madroa ao primeiro equipo ou a incomunicación entre o actual adestrador e os dos cadros filiais explican a perplexidade dunha afección que ve como non arrinca o proxecto do que debera ser a primeira canteira cen por cen galega.

Sei que moitas destas eivas da xestión RC Celta SAD son as propias do maldito fútbol moderno que transformou este xogo de pelota nun negocio multimillonario da industria do lecer audiovisual que conta co maior número de seguidores do planeta. Sei que o Celta non é alleo a esta dinámica e ás presións do mercado audiovisual e publicitario que comporta, mais iso non debería impedir que ás portas do seu centenario, máis alá da intención de vender máis camisetas, intentase recuperar a confianza da súa amplísima comunidade, dende as persoas abonadas, as peñas organizadas, as seareiras e simpatizantes viguesas e galegas até a diáspora celeste presente nos cinco continentes. Como o centenario obriga a que nas dúas vindeiras tempadas o club, sempre consciente da súa humildade e das súas posibilidades, intente acadar un logro colectivo, un obxectivo que volvese a facer soñar a un celtismo que nunca vai deixar só ao seu equipo. Pagaría moito a pena intentalo.

Domingo, bo e xeneroso

Unhas palabras sobre o escritor Domingo Villar publicadas hoxe en Faro de Vigo:

O inspector Leo Caldas insístelle ao seu axudante Rafael Estévez que non hai casualidades. E non lle falta razón ao policía vigués que resolveu o complexo asasinato do saxofonista da torre de Toralla xusto durante as mesmas noites de maio nas que enfermou o seu creador, Domingo Villar, cando coidaba da súa nai na casa familiar. Unha tráxica casualidade, na que se mestura o calendario coa ficción que define a un ser humano bo, a un home feliz de entusiasmo e vitalidade contaxiosa, disposto sempre a escoitar e abrazar. Mais tamén a esoutro narrador humilde e elegante, a ese vigués fachendoso da súa cidade en ría, retratada nas súas tres novelas como o seu espazo emocional primeiro e, polo tanto, celme da súa  identidade; sen esquecer, a ese escritor de espírito verniano, que reclamou a reconstrución do Nautilus como peza sobre a que explicar Vigo como cidade literaria; como, e non menos relevante, a ese celtista de canteira, militante da afouteza celeste, soñador dun Celta de once galegos, contando cos da diáspora da galeguidade, coma foi el mesmo nas últimas tres décadas.

Non, non hai casualidades que expliquen como o camilleri vigués teceu máis de mil cincocentas páxinas coa paciencia do ourive e coa precisión e o detalle dun luthier da Escola de Artes e Oficios, tres novelas negras que crearon unha rede de complicidade lectora espontánea organizada en múltiples comunidades, primeiro en galego e castelán, estendida despois a outros quince idiomas. Un escritor que quixo o seu oficio como o do artesán, discreto e teimoso, capaz de recomezar de cero unha novela, O último barco, despois de anos de duro traballo, até atopar o nivel de emoción da voz narradora capaz de contaxiala ao seu lectorado. Mais tamén un creador afouto e destemido, comprometido co carácter terapéutico dos seus textos, consciente de que coa súa autoesixencia e humildade contribuía a modernizar na nosa literatura o xénero policial.

Tranquilo, tolerante, un pesimista alegre, ademais de entreter ao seu lectorado non renunciou a propoñerlle preguntas con respostas ás veces perturbadoras arredor da soidade e da morte, obxecto sempre das investigacións de Leo Caldas, un personaxe que pasará á historia literaria e a da propia cidade de Vigo. Porque Villar fixo da literatura o seu espazo de resistencia, razón pola que as súas novelas tiñan que doer, como provocar o sorriso e o sarcasmo, como mellor estratexia para achegarse ao celme da condición humana.

Se non abondase, coma fixera Camilleri con Vigata, Montalbán con Barcelona o Lehane con Boston, Domingo fixo de Vigo unha cidade literaria. Deseñou a paisaxe dunha xeografía literaria con paradas na Taberna de Elixio, no Bar Puerto de Areal, na Escola de Artes e Oficios ou no xardín histórico da Alameda. Como exaltou o coidado artesanal das vides, o traballo heroico dos mariñeiros ou as mellores receitas da nosa culinaria popular como outras expresións emocionais. Mais tamén, e quizais sexa o máis relevante, destilou o espírito máis xenuíno de Vigo como cidade metropolitana, portuaria e mariñeira, estendida sobre a ría, posuidora dun elixir propio presente no recendo do salitre. Domingo fixo de Vigo un espazo emocional, unha cidade de fronteira e unha comunidade de afectos, que hoxe chora a perda dun dos seus veciños máis leais. Obrigado, prezado Mincho, bo e xeneroso!

Florencio no Faro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Florencio Delgado Gurriarán e a súa presenza en Faro de Vigo en 1968:

O 12 de xuño de 1939 levantou o áncora do porto de Pauillac-Burdeos o Ipanema, un dos tres barcos da liberdade fretados polo goberno mexicano de Lázaro Cárdenas, no que viaxaban 998 refuxiados sobreviventes da guerra contra a República española. Un daqueles mozos, náufragos da historia, que cando pasaron á altura de Fisterra crese que cantaron o himno galego e leron un agarimoso saúdo antifascista de esperanza escrito na lingua nosa, foi o avogado e poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen hoxe se dedica o Día das Letras Galegas. Unha homenaxe a este poeta monolingüe, errático e circunstancial, comprometido e dionisíaco, militante do Partido Galeguista, co que tamén se recoñece a outros activistas galegos que reconstruíron a vida persoal e colectiva en México sen renunciar á defensa tanto da cultura e lingua propia como aqueloutra da patria que os abrazou.

Aquel mesmo Florencio regresará no verán de 1968 para despedirse dos seus maiores e explorar as posibilidades dun retorno definitivo que nunca se produciría. Florencio que visitará Vigo nuns días de agosto para atoparse con Paco del Riego, o seu referente no grupo Galaxia, e chorará emocionado identificando algo novo nunha daquelas misas en galego do padre Seixas. Aquel mesmo poeta que aparecerá até en dúas ocasións nas páxinas de Faro de Vigo dirixido por Álvaro Cunqueiro. A primeira o domingo 25 de agosto, cando foi entrevistado por Bene na sección «Gallegos por el mundo». Baixo o título, «Un poeta visita la tierra natal», Florencio salienta o nivel cultural elevado do México onde vive, dá noticias da publicación dos seus libros Bebedeira (1934) e Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, en colaboración con Plácido Castro, editada en Buenos Aires pola Federación de Sociedades Galegas, para rematar gabando o patriotismo do editor galego Alejandro Finisterre, un dos fundadores do Ateneo Galego de México, que dende editorial Menhir fai o que considera un labor marabilloso publicando a obra Compostela, anuario da emigración galega.

Días despois, o xoves 5 de setembro de 1968, a sinatura de Florencio Delgado Gurriarán aparece en Faro de Vigo na páxina 13, na sección de Galicia, nun texto en galego, o que constituía entón unha rara avis, titulado «Labor dos galegos na Nova España». Un texto literario que comeza coas súas primeiras impresións no regreso a súa terra, tras aquela fuxida abrupta cara Porto e Burdeos de 1936 para trasladarse á Barcelona leal e máis tarde en 1939 para viaxar no Ipanema, até o porto de Veracruz, iniciando o seu exilio de case cinco décadas, interrompido apenas por tres viaxes a Galicia. Escribe Florencio: «Vou paseniño, de vagar, cara ao Porto do Río, e van os meus ollos bébedos coa paisaxe da bocarribeira corgomesa, paisaxe chea de gracia […] que entra en min por todos os sensos, pois é panorama, sinfonía, recendo e alamio…». Un artigo que tras o devezo liminar Florencio transforma en crónica comprometida do labor do exilio galego en México, citando a publicación en 1942 da revista Saudade. Verba galega das Américas, na que participou xunto a Carlos Velo, «hoxe sonado director de cine», Illa Couto e Cabanillas fillo, entre outros.  Como a seguir dá conta da segunda etapa da mesma revista, á que lle deu pulo Roxelio Rodríguez de Bretaña.

Continúa Florencio no seu histórico artigo de Faro de Vigo lembrando a importancia da creación en 1950 do Padroado da Cultura Galega en México, da publicación do libro Presencia de Galicia en México, que recolle os textos das conferencias radiadas polo Padroado no seu programa dominical Hora de Galicia. Non esquece salientar o valor da publicación en 1958 de Vieiros, revista que cualifica como «espléndida mostra en forma e contido da galeguidade», da que foi codirector dos dous primeiros números, xunto a Carlos Velo e Luís Soto. Remata a súa substanciosa crónica, volvendo citar a Alexandre Finisterre, «home de rexo pulo e de forte sentimento galego» así como aos membros da Irmandade da Fala en Mexico, entre os que cita a Elixio Rodríguez, o aviador galeguista de Bande, autor do libro de memorias Matádeo mañá (Xerais 1994), activista en case todas as iniciativas deste comprometido exilio galeguista mexicano que Florencio Delgado Gurriarán recupera en pleno 68 para os lectores de Faro de Vigo.

Unha primeira viaxe de regreso que, tras a visita aos galeguistas de Santiago e da Coruña e a gravación dun programa en Radio Nacional, rematará coa publicación o 15 de setembro de 1968 nas páxinas de La Región dos  «Poemas da terra asolagada», escritos no seu berce de Córgomo, nos que renova a mensaxe de esperanza que guindara ao mar dende a cuberta do Ipanema: «Galicia é unha dínamo, a espallar forza por vieiros de aramio; Galicia é unha matriz, a inzar o mundo de nobres proletarios».

O Cristo da Guía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a instalación dun Sagrado Corazón de Xesús na ermida da Guía:

Coñecemos hai poucos días o busto do Cristo da Guía, unha das seis pezas que formará parte da escultura do Sagrado Corazón de Xesús que esta semana se colocará sobre a ermida da Virxe da Guía, dedicada a Nosa Señora das Neves. Unha imaxe de granito de seis metros de altura e oito toneladas de peso realizada pola Escola de Canteiría de Poio da Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio co Concello e a Diocese de Vigo, que setenta anos despois pretende rematar o proxecto que para a igrexiña da Guía fixo o arquitecto Manuel Gómez Román. Cun custe de 84.000 euros, pagados entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, esta escultura relixiosa está chamada para os seus promotores e patrocinadores a converterse nunha nova icona da cidade de Vigo marcando o perfil da ría dende os cen metros de altura do outeiro do castro da Guía, dende os que se pode enxergar tanto o horizonte das illas Cíes como o estreito de Rande e a enseada de San Simón e das salinas do Ulló. Unha instalación promovida inicialmente polo párroco de Teis que considera, segundo as súas declaracións á web infocatolica.com, «será a escala como unha especie de Cristo de Corcovado de Río de Janeiro», e que a propia alcaldía de Vigo considera «moi importante» porque «será visible dende toda a cidade».

Mais lonxe de tratarse doutra escultura instalada polo concello no espazo público, a colocación desta imaxe do Sagrado Corazón de Xesús (SCX) na ermida da Guía ten nun estado constitucionalmente aconfensional coma o noso unha dimensión crítica na orientación da política cultural da cidade tanto por tratarse dunha peza inequivocamente relixiosa como polas connotacións históricas que o SCX tivo para lexitimar ao bando dos sublevados en 1936, e a súa manipulación para dotar de “sobrenaturalidade” á guerra civil e a Francisco Franco como o seu líder e despois consolidar o seu goberno. Exaltación do SCX cunha forte pegada belicista, estudada polo historiador Pablo Baisotti (Cultura Latinoamericana, 2015), que dende o inicio da guerra civil se realizaba nas súas cerimonias de consagración e entronización presididas por xenerais e autoridades civís e relixiosas en igrexas ou nos locais de Falanxe, Sección Feminina ou Acción Católica. Como nas bandeiras do Requeté ondeaba a imaxe do SCX e os combatentes desfilaban cun distintivo de tea que levaba bordado o SCX coa palabra “detente”, transformando o simbolismo do corazón en protección contra as balas inimigas.

Culto ao SXC introducido en España polo xesuíta Bernardo de Hoyos  no século XVIII coa intención de conseguir a adhesión popular á devoción, que ao longo do século XIX se politizou intensamente sendo considerado en España como un símbolo da restauración do absolutismo monárquico e unha vía para consolidar a plena confesionalidade do Estado.  Tras o agravamento da chamada cuestión social a comezos do século XX e das políticas secularizadoras dos réximes liberais, a estratexia de procurar unha lexitimación relixiosa para a reconstrución cristiá da sociedade foi culminada coa consagración de España ao SCX no Cerro de los Ángeles o 30 de maio de 1919, estendéndose como devoción a Cristo rei durante a ditadura de Primo de Rivera como antagonista da cultura política democrática republicana que triunfaría nas eleccións de 14 de abril de 1931. Culto ao SCX que tras o Alzamento representaría a estratexia do nacional catolicismo que unía nun mesmo discurso os conceptos de Cruzada, relixión e Franco como Caudillo de España. Estratexia infelizmente recuperada no comezo da Reforma Política da década de 1970 cando o berro de “¡Viva Cristo rei!”, converteuse no identificador da extrema dereita.

Con semellantes antecedentes históricos é incomprensible e inédito que dúas administracións, concello de Vigo e Deputación de Pontevedra, custeen con fondos públicos unha imaxe relixiosa que representa a estratexia do nacional catolicismo de mesturar os cultos relixiosos coas súas implicacións políticas. Como é aínda máis desafortunado facelo na proximidade do espazo onde foi paseada o 11 de abril de 1937 unha parella de veciños de Teis, Ángela Iglesia Rebollar e José Niebla García, baleados de costas, cuxo único delito foi ser protestantes e desafectos ao réxime. Como tampouco cremos que a instalación da imaxe poida ser xustificada para completar o proxecto de Gómez Román, abandonado en 1951 por falta de recursos, nin tampouco para transformar o miradoiro en corcovado emblemático, cando apenas precisa de maior coidado do seu espazo natural e de regular o estacionamento de vehículos. Como é absurdo recorrer á instalación dun abuso de ostentación do nadal e a sufragar imaxes e procesións relixiosas coa intención de converter a Vigo nunha postal atractiva da que se sinta tamén orgullosa a súa veciñanza.

O caso do oceanográfico

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do Institto Oceanográfico de Vigo:

Tras as declaracións da ministra de Ciencia Tecnoloxía nas que anunciaba unha «descentralización» por razóns técnicas e científicas do Instituto Español de Oceanografía (IEO) voces autorizadas do sector como as de Alberto González-Garcés Santiso, membro do Instituto de Estudios Vigueses (IEV) ou a de Edelmiro Ulloa, xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), explicaron nestas páxinas de opinión de Faro de Vigo o desprezo que isto supón para o Instituto Oceanográfico de Vigo, instalado en Cabo de Estai, o maior dos centros oceanográficos españois. Unha decisión á que non foi allea a absorción desta rede de investigación mariña pola estrutura do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e que de facto supón afastar de Vigo a dirección dos tres departamentos do IEO: Pesqueiras, Acuicultura e Medio mariño e protección ambiental. Unha decisión ministerial que marxina ao IEO de Vigo e creou malestar tanto no Vigo portuario, onde está instalado o ecosistema industrial pesqueiro e naval e de investigación mariña máis potente do estado, como nas forzas políticas viguesas, a pesar de ser incapaces de aprobar por unanimidade unha denuncia desta aldraxe no pleno do concello.

Unha relación de Vigo co IEO que xa ven dende a súa creación en 1914 da man de Odón de Buen y del Cos e das primeiras campañas de investigación que este científico aragonés en 1916 desenvolveu na ría de Vigo sobre as chamadas «mareas vermellas». Actividades que levarían a instalación no porto de Vigo do primeiro laboratorio oceanográfico español do IEO, inaugurado o 2 de setembro de 1917 nuns locais portuarios das Avenidas pertencentes á Sociedade de Salvamento de Náufragos, dotado co equipamento científico doado por Alberto de Mónaco, o príncipe navegante, que recalaría no porto vigués en diversas ocasións para estudar as características das augas da ría, a pesqueira da sardiña e os modos de pesca tradicionais. Centro oceanográfico vigués que mantería a súa actividade ininterrompida ao longo dun século, sempre coa intención de investigar sobre o medio mariño e axudar a industria pesqueira e conserveira nosa. Instalado no Areal durante a difícil década dos corenta, máis tarde na avenida Beiramar, dende 1986 consolidouse como o maior centro oceanográfico costeiro español nas actuais instalacións de Cabo Estai. Sen esquecer que dende 1971 o porto de Vigo foi tamén a base do Cornide Saavedra, o primeiro buque oceanográfico moderno con capacidade oceánica.

Trasladar a sede central administrativa e de coordinación do IEO a Vigo, así como potenciar e coordinar todos os recursos públicos de investigación mariña, reclamación unánime do sector pesqueiro e científico vigués, é unha medida sensata e razoable, se nos atemos á hexemonía viguesa ao longo dun século tanto en materia pesqueira, acuícola como de investigación mariña. Tradición viguesa á que habería que engadir outras circunstancias máis recentes que avalarían esta candidatura como a especialización dalgúns estaleiros vigueses na construción dos máis modernos (e fermosos) buques de investigación mariña para estados de todo o mundo, que cada ano son botados das atarazanas de Coia. Como a ter en conta é o feito de que a Axencia Europea de Control da Pesca teña dende 2005 a súa sede en Vigo e a Universidade de Vigo promova xunto ao CSIC o Campus do Mar, un campus de excelencia internacional de carácter transfronteirizo, constituído como polo de investigación no ámbito das ciencias e tecnoloxías do mar, no que tamén participan o resto de universidades galegas e do norte de Portugal. Sen esquecer, e non semella o menos importante, que é unha incongruencia política que un organismo oceanográfico continúe tendo a súa sede central en Madrid, como sucede tamén co Museo Naval dependente do Ministerio de Defensa, outro anacronismo centralista que merecería unha análise de seu.

O caso deste menoscabo ao centenario centro oceanográfico de Vigo é apenas outro síntoma do fraco peso político da cidade de Vigo máis alá da ponte de Rande, tanto para os responsables do Goberno de España como da Xunta de Galicia, cegos para entender o posicionamento dunha cidade á que dende hai séculos todo chegou e saíu polo mar e converteu a súa actividade portuaria e naval no celme da súa identidade sen renunciar nunca a que continúe sendo o motor do seu futuro. Como tamén amosa que a doenza do teimoso centralismo madricentrista, tras catro décadas de estado das autonomías, non só non acaba de ser superada, se non que adopta novas fórmulas de aparencia máis benigna, como esta descentralización sectorial do IEO, mais que consolidan un modelo da máis resesa uniformización. O centro oceanográfico de Vigo debe ser a sede coordinadora da rede do IEO, Vigo non pode pasar por menos.