Gorgorito e o Vigo Ye-Ye

Ao fío da publicación do libro Vigo naqueles tempos. 1967 (IEV 2026) de Xoán Carlos Abad Galego, lembro en Faro de Vigo as funcións de Gorgorito no palco de Castrelos, que forman parte da memoria da infancia nosa:

Os adolescentes vigueses da Xeración do Polycommander, antes fomos crianzas de Gorgorito, que cada verán visitaba o palco de Castrelos. Presentaba este espectáculo de monicreques de fío e variña a compañía «Maese Villarejo» de Juan Antonio Díaz Gómez de la Serna, curmá do autor das greguerías, membro da Fronte de Juventudes e creador en 1940 do boneco «Juanín» e, dous anos despois, de «Gorgorito». Visitaba a nosa cidade dende 1955, cando montaron a súa función por vez primeira nas Avenidas e despois na Alameda, para nos sesenta converterse xa no espectáculo infantil dos «Festivais de España» no gran auditorio o aire libre de Castrelos.

O personaxe do afouto Gorgorito tiña un éxito tremendo, sobre todo pola súa capacidade para xogar co público nas súas leas continuas coa «Bruxa Ciriaca» ou co «Ogro Dentes Longos», os seus antagonistas, a maior parte das veces para defender a «Rosalinda», amiga do protagonista. Lembro que antes de aparecer en escena, xa se escoitaba aquela cantarea gorgoritiana do «parabá, parabá, parabá…», previa ao apoteótico recibimento do público vigués a aquel desfacedor de agravios, personaxe quixotesco que defendía aos bos, a pesar de que o facía a base de xarope de cachaporra, a esencia da resolución dos conflitos teatrais que cada temporada recreaba un argumento diferente, mais cunha estratexia narrativa idéntica.

O máis celebrado de Gorgorito era como a participación do público resultaba decisiva para o éxito do heroe, xa que os espectadores coas súas indicacións conseguían que, despois de moitas voltas, das que a bruxa Ciriaca sempre conseguía escapar, mais que finalmente a pillara e lle dera unha boa malleira de fungueirazos, aplaudidos co maior entusiasmo polo público infantil. Función que pechaban Gorgorito e Rosalinda cantando o inesquecible «Te, chocolate e café». Un espectáculo de monicreques que cos ollos de hoxe é reprobable, tanto polo cheiro machista e pola resolución violenta dos conflitos como pola polarización entre bos e malos, resolta a paos e máis paos. Con todo, son dos que cre que entón as funcións de Gorgorito tiñan o mérito de ofrecer unha narración teatralizada, utilizando o recurso orixinal das marionetas coa intención de disuadir aos malvados que se aproveitan dos máis vulnerables. Xaora, seis décadas despois, o éxito de Gorgorito radicaba no protagonismo do público, que coñecía tanto as palabras máxicas para desfacer os feitizos de Ciriaca como as instrucións para facer tolear ao propio Gorgorito, ás veces tan boíño coma un pouco paspán.

A lembranza de Gorgorito fíxoa con grande detalle e emoción Xaime Fandiño nestas páxinas de Faro de Vigo, recollida logo no seu libro memorialístico La acera volada. Agora, acaba de aparecer un novo Gorgorito, o presentado polo historiador Xoán Carlos Abad Gallego no seu extraordinario 1967 (Instituto de Estudios Vigueses 2026). Libro memorable, que desvela a vida máis íntima da cidade de Vigo ao longo do ano 1967; unha condensación emotiva de historias que depositan memoria cidadá, desvelada en base a trinta e cinco crónicas xornalísticas, a maior parte delas publicadas en Faro de Vigo, como tamén en La Noche e El Pueblo Gallego. Outro xeito moi orixinal de divulgar a historia da cidade, de indagar no seu ADN, contextualizando os textos da prensa con outros de síntese documental e un apartado gráfico artellado por imaxes de IA creadas tamén por un autor que sorprende con cada novo libro que incorpora ao seu amplísimo catálogo do Instituto de Estudios Vigueses, entidade da que é fundador e da que foi presidente durante catorce anos.

A crónica do «Triunfo de Gorgorito en Vigo», recuperada por Xoán Carlos Abad do Faro do 20 de xullo, forma parte do destacado daquel Sesenta e sete no que co beneplácito de Portanet se derrubou o edificio Rubira de Jenaro de la Fuente. Celebrouse o 7 de xullo o concerto Ye-Yé no estadio de Balaídos, pechado polos Pekenikes, o prato forte dunha convocatoria de sons eléctricos que xuntou a mocidade de ambos os sexos que, como conta Faro, «se puxeron a ton coa ocasión, vestindo as roupas máis modernas do seu vestiario». Crónica daquel Vigo Ye-Yé, no que as modernas cafetarías viguesas comezaban a servir pratos combinados e gin-tonic e a Asociación Cultural de Vigo, presidida por Camilo Nogueira, celebrou o 17 de maio dedicado a Curros Enríquez. Mais non se esquecen no libro as graves inundacións e a marea do século, a traxedia do bou Denís, o accidente na canteira das Roteas ou o triste desaloxo do histórico barrio do Areal… Crónicas que o autor vai enguedellando coma se de cereixas se tratase para ofrecer un dos libros máis emotivos, hipnóticos e atractivos da bibliografía viguesa de sempre. Imprescindible para as bibliotecas dos boomers (ou se prefiren Ye-Yés) vigueses.

Vigo líder de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día Nacional de Galicia:

A Camilo Nogueira e X.L. Méndez Ferrín

Se algo lamento da actual gobernanza municipal viguesa é o escaso entusiasmo co autogoberno galego, en detrimento da confianza non sempre xustificada co goberno amigo da coalición PSOE e Sumar. Unha práctica inverosímil que decote actúa coma se non existisen as institucións autonómicas creadas en 1981, en boa medida pola reclamación viguesa mobilizada de forma grandiosa na mañá do 4 de decembro de 1977 por un Estatuto pleno e unha Autonomía de primeiro nivel. Reclamación que corenta anos despois corroborara o apoio do 75 % do censo daquel referendo do Estatuto de Galicia votado o 28 de xuño de 1936, polo que accedemos á condición de nacionalidade histórica na Constitución.

Comportamento do goberno municipal vigués ao que non é allea a estratexia de polarización asimétrica coa que desafía a Xunta de Galicia, coa que intercambia reproches mutuos tanto sobre temas relevantes como outros propios dunha exhibición de esgrima. Mentres que para o concello de Vigo todos os males e carencias da cidade son responsabilidade de Rueda, para a Xunta de Galicia estas calamidades son atribuíbles só ao mal goberno de Caballero. Estratexia comunicativa que o concello vigués estende as súas relacións coa deputación provincial, coa que mantén polémicas tan pouco substanciosas como a recente da colocación dunha pantalla na praza da Estrela para ver a selección acompañado no centro de Vigo.

Con semellante estratexia de polarización, como corresponde aos tempos trumpianos que vivimos, mais que polo momento con prognósticos electorais moi favorables para a alcaldía, a axenda política viguesa acumula un atraso preocupante que vai en prexuízo da cidadanía. Queda na gabeta sine die a posta en marcha do transporte metropolitano, o que constitúe unha discriminación inxusta coa poboación da área funcional de Vigo. Non se fala da ampliación imprescindible do Hospital Álvaro Cunqueiro, cando vai apenas unha década da súa inauguración, como da rede de atención primaria. A Saída Sur ferroviaria e o servizo de tren de proximidade sofren un novo parón. O encoro de Eiras precisa de obras que eviten un problema grave de abastecemento. O aeroporto de Peinador precisa de rotas internacionais, se pretende evitar quedar reducido a dúas liñas como hai sete décadas…Apenas hai o acordo interinstitucional coa reforma da grada de gol en Balaídos, coma se fose o primeiro problema da cidade.

O pobrísimo balance da Xunta de Galicia en Vigo desvaloriza a entidade da Autonomía polo mal goberno de Rueda, que sendo difícil, empeora aos de Feijoo, sobre todo na calidade dos servizos públicos. Como tampouco presenta moito mellor balance a Deputación Provincial, que aparece máis como unha axencia de espectáculos e actividades culturais que como administración local prestadora de obras e servizos básicos. E uns e outros, nesta absurda carreira en dirección a ningures, pretenden afastarse de calquera sospeita de galeguismo, co emprego sistemático do castelán como a lingua vehicular de todas as rodas de prensa, evitando amosar o mínimo orgullo polas institucións e símbolos da Autonomía, asociadas co BNG, coma se do demo se tratase e onde quedamos clasificados todos os vigueses galeguistas, considerados, se fose necesario, como xente de pouco fiar. E así de desfeitiño está o Vigo entrañable de hai case cinco décadas para o que o socialista Manuel Soto coseu unha enorme bandeira galega para que sacasen os xogadores do Celta en Balaídos reclamando que o seu país fose país. Ou aqueloutro, máis recente, o Vigo de Carlos Príncipe das recepcións do Día Nacional de Galicia onde todos os partidos, sindicatos, asociacións e entidades tiñan a súa cadeira no xardín inglés de Castrelos para celebrar xuntos a nosa galeguidade.

Foi o mestre Ferrín quen escribiu que Vigo posuía o ADN de todas as galicias posibles, a cidade en bisbarra, simbiótica, industrial, atlántica, fervedoiro cultural, factoría artística, porto cosmopolita, orgullosa da lingua galega e da súa fala característica que mira sempre ao horizonte, máis alá das Illas Cíes, na súa fronteira co alén. Vaia como exemplo da galeguidade viguesa que o arquitecto Antonio Palacios cando deseñou o seu plan de reforma interior e ensanche (1932) reservou no cume do Castro a construción do Pazo Rexional, sede das institucións da futura autonomía republicana. Vigo estaba entón disposta a liderar o proxecto do autogoberno galego como a Barcelona Atlántica que se desenvolvía.

Vigo precisa reconciliarse co país e volver a recuperar o liderado político que lle corresponde por dinamismo demográfico, capacidade económica, de innovación e formación. Vigo precisa de Galicia e das súas institucións, mais aínda cando asoman tempos difíciles onde será necesario defendelas das poutadas que suporían os gobernos coa extrema dereita, se non os evitamos, tamén en Vigo e Galicia.

Isaac Fraga, unha vida para o cine

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro de Pilar López Vidal sobre a figura de Isaac Fraga:

As figuras do cine vigués do século XX son mellor recoñecidas. Velaí a biografía de José Gil Gil –publicada no libro de Manuel González Nos anos encantados de agosto (Galaxia 2022)– o fotógrafo de Rubiós, creador de Galicia Cinegráfica (1923), autor de Miss Leyda (1916), a primeira curta galega de ficción, e da nosa «saída de traballadoras da fábrica» (1928, La Artística e Talleres Alonarti). Eis a biografía de José Antonio Durán de Cesáreo González, propietario Suevia films, produtora en cuxa imaxe ondeaba a bandeira viguesa sobre a ría. Velaí os artigos recentes reivindicando a figura do distribuidor Emilio Baños Santos, do que se di comezou a súa carreira nos cines Royalty e Rosalía de Castro vendendo caramelos e despois se iniciaría como axudante de cabina no Tamberlick. Sen esquecer os libros de Xoán Acuña (1999) e Francisco Rozados (2003) sobre Chano Piñeiro, pioneiro do cine galego, director de Sempre Xonxa (1989).

Sen embargo, faltaba na bibliografía viguesa unha biografía protagonizada por Isaac Fraga Penedo, o exhibidor que contou en Vigo con dez pantallas de proxección. Baleiro pechado pola aparición recente do libro Isaac Fraga. Una vida dedicada al espectáculo (Instituto de Estudios Vigueses 2026) do que é autora María Pilar López Vidal. Coidado retrato vital e profesional deste empresario do Carballiño (1888), que emigrou adolescente a Buenos Aires, cidade da que regresou en 1906 para dende entón e durante cinco décadas facer da exhibición de cine e da produción teatral a súa forma de vida. Actividades iniciadas como exhibidor ambulante de películas mudas que presentaba en festas, romarías e feiras dos arredores de Compostela e da súa vila natal, acompañado por Constante Fernández Pasín, o seu primeiro empregado e persoa de confianza, que se ocupaba das tarefas de proxección.

Actividades ambulantes que a partir de 1909, coincidindo coa Exposición Rexional Galega, mudou pola apertura das primeiras salas estables en Compostela, o Gran Cine Fraga do paseo da Ferradura ou o Teatro Principal, onde mesturaba a oferta teatral coa proxección das estreas das curtas da compañía Pathé Freres ou de exclusivas para Galicia de longas de ficción como Quo vadis? ou Los últimos días de Pompeya, nos que adoitaba participar unha persoa que explicaba o argumento. Foi en Compostela onde casou con Mercedes Framil e cando comezou a desenvolver a súa rede de salas estables, primeiro en Galicia, despois en Madrid, Valladolid, Bilbao, Xixón, León, Zamora, entre outras cidades. Fraga entendeu o impacto social do cinema e dos espectáculos de variedades, entre 1920 e 1940, como da importancia dunha publicidade gráfica de calidade, que encargou a Camilo Díaz Baliño, como dunha publicación, a Revista Fraga que se distribuía en todos os cines da empresa.

A autora, con bo criterio, detense na relación de Isaac Fraga con Vigo, onde competiu no interese do público coas salas do empresario Méndez Laserna. En concreto, en 1917 encargouse do Ideal Cinema da Alameda, en 1918 do Odeón de Urzaiz e en 1921 do Teatro Circo, chamado logo Tamberlick, onde chegaría o cine sonoro o 14 de marzo de 1930. Pertenceron a empresa Fraga, tamén, nalgún momento, o García Barbón, o Rosalía de Castro, o Capitol (1942, logo Cinema Radio) de María Berdiales, o Casablanca (1949, logo Ronsel), o Vigo (1961) da rúa López de Neira e o Plata (1968) de Urzaiz 81. E, naturalmente, do Teatro Cine Fraga, a alfaia das salas, concibido como auténtico centro cultural, con teatro e cine de 1.758 localidades, sala de festas no soto, sala Velázquez dedicada na primeira planta a exposicións de pintura, ademais de taberna e cafetaría. Salas todas que constitúen o espazo principal dos soños e da educación cinéfila de varias xeracións viguesas.

A magnífico biografía de Pilar López Vidal aparece cando se anuncia o proxecto da Consellaría de Cultura de recuperación do coliseo da rúa Uruguai a cargo do arquitecto César Portela, coa intención de transformalo en referente cultural en Vigo para as vindeiras décadas. Particular interese ten a iniciativa da que se fai eco a autora de recuperar o funcionamento do órgano da sala. Construído en 1948, e tras o incendio de 23 de setembro de 1988, danado e esquecido, mais afortunadamente restaurado en 2010, adherímonos a proposta de que formase parte da dotación do moderno coliseo cultural, onde cremos non debería faltar unha sede da Filmoteca de Galicia, á que Vigo ten dereito.

Esta biografía de referencia de Isaac Fraga incorporase ao apartado cultural e cinematográfico da bibliografía viguesa, mais tamén forma parte daqueloutro capítulo de emprendedores laboriosos, afoutos e modernos que creron en Vigo como auténtica Barcelona atlántica. Parabéns a autora e ao Instituto de Estudios Vigueses que continúa o seu gran labor editorial.

As da Industria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a asociación sociocultural As da Industria:

A Ángel Vila, activista do movemento veciñal

Das paisaxes urbanas viguesas poucas son máis expresivas do carácter industrial da cidade como a do barrio fabril construído na parroquia de Coia. Iniciado en 1900, cando no areal se instalou a conserveira de Cerqueira, primeira fábrica á que seguiron a de envases metálicos litografados La Artística (1906), fundada polo coruñés Eugenio Fadrique e os irmáns Suárez Pumariega. Na súa proximidade chantáronse en 1918 os primeiros guindastres dos estaleiros de Viuda e Hijos de J.Barreras, onde comezaron a fabricarse pouco despois os primeiros barcos con casco de aceiro. Un perfil fabril marítimo, ao que se lle foron engadindo as instalacións de Alonarti (1921), obradoiro de construción de maquinaria para a industria conserveira; os estaleiros de Cardama e Armada (os dous de 1924), as conserveiras Sacco (1920), Alfageme e Albo (1929), Orbe (1934), os laboratorios do Instituto Bioquímico Miguel Servet (1935), por citar apenas as iniciativas anteriores a Guerra Civil. Memoria do patrimonio industrial vigués defendida pola iniciativa cidadá Beiramar da Xente constituída por diversos colectivos veciñais do barrio.

Espazo industrial que compartía territorio co que foi o primeiro campo regulamentario de fútbol da cidade, a coñecida durante dúas décadas como «catedral de Coia», situado na actual rúa Coruña, nunha parte do Parque Joaquín García Picher, onde no comezo dos noventa aínda se instalaban os circos ambulantes que visitaban a cidade. Inaugurado o 9 de febreiro de 1908, sendo dende entón o campo oficial do Vigo F. C. (logo do Vigo Sporting Club), equipo que o 12 de abril daquel anos perdería na capital de España o título nacional do campionato de España ante o Real Madrid por 2-1, unha das derrotas, ao tempo que proezas, esquecidas do fútbol vigués. Campo no que en 1913 e 1915 se organizaron as primeiras competicións atléticas internacionais e algunha exhibición aérea. Coa fundación do Celta, pasou a ser o seu campo, até a inauguración de Balaídos o 30 de decembro de 1928. O de Coia, onde chegaron a asistir 25.000 persoas, pasará a historia, tamén, polo derrube do tellado dunha conserveira dende o que varias ducias de afeccionados seguían por unha peseta (que lles cobraba un chaíñas emprendedor), o partido amigable que o 5 de marzo de 1925 xogaron o Celta e o Boca Juniors de xira por Europa. Morreron dúas persoas e dez resultaron feridas, vítimas dun aproveitado.

Espazo industrial,ampliado no franquismo coa apertura da avenida Beiramar e a súa paralela Jacinto Benavente, onde se instalaron as fábricas vinculadas á pesca de altura (como casa Mar) e as súas plantas frigoríficas. Foi só a partir dos sesenta cando se iniciou a transformación en residencial. Hoxe é un barrio popular artellado arredor da rúa Coruña, sometida a un intenso tráfico pesado, que une a Praza de América coa de Eugenio Fadrique (popularmente Praza da Industria, onde está instalado dende 1975 o monumento ao Ferreiro de Guillermo Steinbrügger Lago) e a Praza da Industria Conserveira (rotonda onde se instalou un guindastre Derrick, fabricado por Vulcano, outra icona deste Vigo Industrial). Nese espazo urbano de fronteira, entre fábricas e vivendas, que conta apenas con dous espazos públicos de lecer, os parques da praza da Industria e do máis recente Joaquín García Picher, naceu hai nove anos a Asociación Sociocultural As da Industria coa intención de crebar soidades e fomentar o encontro da veciñanza de todas idades, arredor das festas do calendario popular, ademais de reclamar melloras para o barrio e a conservación do seu densísimo patrimonio arquitectónico industrial.

Actividades promovidas por As da Industria para todos os públicos, con atención preferente para as crianzas e persoas maiores, que contan cunha grande participación. A fogueira do pasado 23 de xuño contou con música e sardiñada, coa súa correspondente opción vegana, criterio inclusivo co que fan todas as súas convocatorias, sendo a súa cacharela unha das máis animadas da cidade toda. Outrosí sucede con «O son da industria», festival musical gratuíto, xa na sétima edición, cun cartel de música e artes escénicas en galego excelente. Palco do parque García Picher, polo que este ano pasaron Ugia Pedreira e convidados e a representación teatral da Compañía Keimakasas. É triste que a moi escasa colaboración económica das administracións locais, tanto do concello de Vigo como da deputación de Pontevedra, como a escasa empatía municipal nos aspectos referidos á xestión de autorizacións de usos dos espazos públicos obrigue aos responsables da Asociación As da Industria a tirar a toalla e anunciar o cese da súa actividade cultural. Beizón e gratitude merecen As da Industria por esta década de traballo veciñal alternativo e comprometido coa memoria e co futuro do barrio.

Feira do libro na Alameda

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Feira do Libro que dende hoxe está aberta na Alameda:

A relación da Alameda como espazo público co sector do libro iníciase en 1942 cando se instala na praza de Compostela nº 22 baixo, a Biblioteca Popular de Vigo, á que en agosto de 1945 se lle deu o nome de Jaime Solá, vigués de 1873, prolífico novelista popular, xornalista, fotógrafo notable, a quen se lle debe a gran obra que foi a revista Vida Gallega. A cativa biblioteca municipal en 1979 foi trasladada de forma «provisional» a uns baixos da rúa Romil, onde funcionou durante década e media, ata que no ano 1995 foi inaugurada no edificio Ferro da rúa Joaquín Compañel a chamada «Biblioteca Pública Central de Vigo».

En 1969 foi cando se celebrou a que pode ser considerada como primeira feira do libro de Vigo. Até entón, as mostras do libro eran organizadas de forma ocasional polo Ministerio de Información y Turismo e o Instituto Nacional del Libro Español (INLE), que instalaba na rúa do Príncipe diante do Pazo de Xustiza e cárcere os seus postos. Robles Piquer, presidente do INLE, quixo que o circuíto profesional de feiras do libro de España pasase por Galicia, alternándose, con carácter bienal, entre Vigo e A Coruña. A primeira edición celebrouse a finais de xullo de 1969 na Alameda, con cincuenta casetas. Na segunda de 1971, participaron corenta expositores, dos que unha ducia eran librarías viguesas. A terceira, de 1973, modificou o seu calendario para facela coincidir coa celebración da Exposición Mundial da Pesca, a instancias de don Antón Patiño Regueira, o inesquecible libreiro de Librouro e animador da feira dende a súa primeira edición.

Patiño e os libreiros vigueses do seu tempo, sendo alcalde de Vigo Joaquín García Picher, desexos de levar á rúa os aires de liberdade, galeguismo e democracia dos que eran portadores os libros, tiveron a coraxe de conseguir que a partir da cuarta edición, a de 1975, a convocatoria fose xa anual. Dende entón, os libros ocuparon o corredor lateral da Alameda, onde colocaron os seus postos, coa intención de facelos visibles diante de toda a cidadanía que, en moitos casos, nunca se atrevera a franquear a porta da libraría, concibida daquela como un templo sagrado destinado só ás minorías de intelectuais e afeccionados á lectura. Naquela edición, na que venderon case doce millóns de pesetas, asinaron na feira da Alameda Celso Emilio, Eduardo Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro, sendo o autor máis solicitado Gonzalo Torrente Ballester.

Daquela, nos anos difíciles do Tardofranquismo e da Reforma Política, o libro constituía unha ferramenta de afirmación cívica e galeguista indispensable para conquistar as liberdades, a democracia e a recuperación da lingua e cultura galegas. Como xa fixera Coruña antes, Vigo incorporábase ás cidades pioneiras que contaban con feiras do libro organizadas por libreiros locais, recuperando así iniciativa e o espírito que en 1933 os libreiros madrileños tiveran de levar ao Paseo de Recoletos a luz dos libros.

O libreiro don Antón Patiño Regueira, figura cultural esencial e memoria cívica de ferro, a quen a cidade de Vigo aínda debe un recoñecemento, axudou a descubrir que camiñar devagar a Alameda viguesa, seguindo a liña conformada polas casetas da feira do libro, permitía ignorar o estrondo de automóbiles e, porén, identificar o canto dos paxaros. Para el, así o contaba, pararse diante dos mostradores facilitaba descubrir os múltiples matices da luz que reflicten as edificacións pétreas que rodean este rectángulo natural.

Con semellante sintaxe, durante catro décadas a Feira do Libro de Vigo se celebrou na primeira decena do mes de xullo no paseo lateral, a que semanas despois continuaba a Feira do libro vello e de ocasión. O libro protagonizaba o verán da Alameda coa montaxe das casetas de García Olloqui a Concepción, nas edicións que chegaron a participar cincuenta expositores. Como arredor da fonte deseñada por Bugallo se fixeron centos de actividades literarias, coa presenza das firmas máis acreditadas das nosas letras.

Coincidindo coa crise de 2008 e coa Covid 19, que provocou un descenso do número de expositoras, a Feira do Libro desenvolveu unha traxectoria errática buscando acubillo na Porta do Sol, na rúa do Príncipe, na rúa Progreso até o paseo do Calvario, que nunca resultou suficiente e atractiva para o lectorado e para a cidadanía. Por ventura, en 2024, a Feira do Libro de Vigo regresou con éxito á Alameda abrindo unha nova etapa de entusiasmo. Mañá abre a LIIª edición cun atractivo programa de presentacións e sinaturas dun cento de escritoras e escritores. Excelente noticia para o lectorado vigués como para a propia Alameda, que recupera un dos seus paseos laterais arborados para usos estritamente culturais, espazo amable de encontro de autores e autoras co seu lectorado, tamén de acougo e frescor, o que co bochorno que vai é unha beizón.