Vigo líder de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día Nacional de Galicia:

A Camilo Nogueira e X.L. Méndez Ferrín

Se algo lamento da actual gobernanza municipal viguesa é o escaso entusiasmo co autogoberno galego, en detrimento da confianza non sempre xustificada co goberno amigo da coalición PSOE e Sumar. Unha práctica inverosímil que decote actúa coma se non existisen as institucións autonómicas creadas en 1981, en boa medida pola reclamación viguesa mobilizada de forma grandiosa na mañá do 4 de decembro de 1977 por un Estatuto pleno e unha Autonomía de primeiro nivel. Reclamación que corenta anos despois corroborara o apoio do 75 % do censo daquel referendo do Estatuto de Galicia votado o 28 de xuño de 1936, polo que accedemos á condición de nacionalidade histórica na Constitución.

Comportamento do goberno municipal vigués ao que non é allea a estratexia de polarización asimétrica coa que desafía a Xunta de Galicia, coa que intercambia reproches mutuos tanto sobre temas relevantes como outros propios dunha exhibición de esgrima. Mentres que para o concello de Vigo todos os males e carencias da cidade son responsabilidade de Rueda, para a Xunta de Galicia estas calamidades son atribuíbles só ao mal goberno de Caballero. Estratexia comunicativa que o concello vigués estende as súas relacións coa deputación provincial, coa que mantén polémicas tan pouco substanciosas como a recente da colocación dunha pantalla na praza da Estrela para ver a selección acompañado no centro de Vigo.

Con semellante estratexia de polarización, como corresponde aos tempos trumpianos que vivimos, mais que polo momento con prognósticos electorais moi favorables para a alcaldía, a axenda política viguesa acumula un atraso preocupante que vai en prexuízo da cidadanía. Queda na gabeta sine die a posta en marcha do transporte metropolitano, o que constitúe unha discriminación inxusta coa poboación da área funcional de Vigo. Non se fala da ampliación imprescindible do Hospital Álvaro Cunqueiro, cando vai apenas unha década da súa inauguración, como da rede de atención primaria. A Saída Sur ferroviaria e o servizo de tren de proximidade sofren un novo parón. O encoro de Eiras precisa de obras que eviten un problema grave de abastecemento. O aeroporto de Peinador precisa de rotas internacionais, se pretende evitar quedar reducido a dúas liñas como hai sete décadas…Apenas hai o acordo interinstitucional coa reforma da grada de gol en Balaídos, coma se fose o primeiro problema da cidade.

O pobrísimo balance da Xunta de Galicia en Vigo desvaloriza a entidade da Autonomía polo mal goberno de Rueda, que sendo difícil, empeora aos de Feijoo, sobre todo na calidade dos servizos públicos. Como tampouco presenta moito mellor balance a Deputación Provincial, que aparece máis como unha axencia de espectáculos e actividades culturais que como administración local prestadora de obras e servizos básicos. E uns e outros, nesta absurda carreira en dirección a ningures, pretenden afastarse de calquera sospeita de galeguismo, co emprego sistemático do castelán como a lingua vehicular de todas as rodas de prensa, evitando amosar o mínimo orgullo polas institucións e símbolos da Autonomía, asociadas co BNG, coma se do demo se tratase e onde quedamos clasificados todos os vigueses galeguistas, considerados, se fose necesario, como xente de pouco fiar. E así de desfeitiño está o Vigo entrañable de hai case cinco décadas para o que o socialista Manuel Soto coseu unha enorme bandeira galega para que sacasen os xogadores do Celta en Balaídos reclamando que o seu país fose país. Ou aqueloutro, máis recente, o Vigo de Carlos Príncipe das recepcións do Día Nacional de Galicia onde todos os partidos, sindicatos, asociacións e entidades tiñan a súa cadeira no xardín inglés de Castrelos para celebrar xuntos a nosa galeguidade.

Foi o mestre Ferrín quen escribiu que Vigo posuía o ADN de todas as galicias posibles, a cidade en bisbarra, simbiótica, industrial, atlántica, fervedoiro cultural, factoría artística, porto cosmopolita, orgullosa da lingua galega e da súa fala característica que mira sempre ao horizonte, máis alá das Illas Cíes, na súa fronteira co alén. Vaia como exemplo da galeguidade viguesa que o arquitecto Antonio Palacios cando deseñou o seu plan de reforma interior e ensanche (1932) reservou no cume do Castro a construción do Pazo Rexional, sede das institucións da futura autonomía republicana. Vigo estaba entón disposta a liderar o proxecto do autogoberno galego como a Barcelona Atlántica que se desenvolvía.

Vigo precisa reconciliarse co país e volver a recuperar o liderado político que lle corresponde por dinamismo demográfico, capacidade económica, de innovación e formación. Vigo precisa de Galicia e das súas institucións, mais aínda cando asoman tempos difíciles onde será necesario defendelas das poutadas que suporían os gobernos coa extrema dereita, se non os evitamos, tamén en Vigo e Galicia.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *