Xabier P. DoCampo no «Álbum de Galicia»

Cando se fan 8 anos do pasamento de Xabier P. DoCampo preparamos a súa biografía para o «Álbum de Galicia» do Consello da Cultura Galega.

Pode baixarse en pdf na súa versión longa (36 páxinas) e na súa cronoloxía literaria.

Lectura en galego e xénero

O informe Mujeres y Lectura (2019), elaborado polo Laboratorio Contemporáneo de Fomento de la Lectura achega datos fiables sobre o comportamento lector e o xénero.

Entendemos a lectura na súa diversidade, soportes, propósitos e contextos: dende a de libros de lecer, a de xornais impresos, as profesionais, a de actualidade, até lectura integrada en procesos de comunicación de redes sociais… Concibida así, a valoración do grao de interese da lectura nunha escala de 0 a 10, sitúa as mulleres no 6,7 e aos homes é 5,8.

No que atinxe a lectura de libros hai unha diferencia apreciable de 9,3 % entre o 66,9 % das mulleres de 57, % dos homes. Diferencia acentuada, cando se pregunta pola lectura de libros de lecer, onde as preferencias das mulleres son do 62,3 %, mentres as masculinas de 49,4 %, coa que a diferencia sobe ao 12,9 %.

Comportamento lector de libros en Galicia

Se atendemos ao caso galego contamos coa investigación Hábitos de Lectura e de Compra de libros en Galicia, Consellaría de Cultura, Lingua e Mocidade, que afina e actualiza o informe do LCFL.

Se analizamos os resultados da lectura de libros en Galicia (2024), o 69,9 % da poboación pode ser considerada lectora, o 76,2 % corresponde a mulleres e o 63,3 % a homes, soportando unha diferenza de 12,9 %, fenda de xénero máis ampla ca española de 2019. Marca tamén dos hábitos de compra de libros non de texto en Galicia, onde o 58,94 % corresponde a quen declaran ser mulleres e o 55,1 % a homes.

O que non vai coas cifras anteriores, son os índices lectores en galego como lingua habitual de lectura que chegan ao 11,8 % da poboación maior de 14 anos, sendo superior nas persoas que se declaran homes (13,3 %) ca que o fan mulleres (10,7 %). Marca de xénero que se mantén á hora de declarar en que lingua foi o último libro mercado, 5,7 %, correspondendo o 6,4 % aos que se declaran homes, é 5,17 % mulleres, sendo o segmento de idade máis comprador en galego o 14 a 24 anos. A pesar de que en Galicia son máis as mulleres lectoras e compradoras de libros, o son menos en galego.

Na lectura de revistas impresas, o 35,8 % son mulleres e o 28,8 % homes. Na de xornais invértense as preferencias, xa que os homes, 80,6 %, superan as mulleres, 75,5 %. Tamén son declaradas masculinas as de cómic, 19,6 % con respecto ao 10,2 femininas. Como sucede tamén na lectura de webs, onde as visitas de homes, 14,2 %, superan as que se declaran mulleres, 10,29 %. E por último, no referido a lectura en redes sociais, o 63,1 % das mulleres visitan con frecuencia estes perfís, por riba 56,39 dos homes.

En resume, as revistas e as redes sociais terían unha presencia maior de mulleres, con respecto a xornais impresos, cómics e webs, onde a terían os homes.

U-las escritoras

A antropóloga da lectura, Michel Pétit no seu libro Una infancia en el país de los libros (2008), pregúntase cales son as razóns que expliquen que sendo as mulleres, as lectoras, porén foran e sexan esquecidas, silenciadas ou ocultadas como autoras literarias por parte de autores e crítica que asumen unha actitude misóxena.

Sendo máis as mulleres lectoras, non están presentes na mesma proporción nos catálogos das editoras galegas. Outrosí sucede, como personaxes de ficción que aparecen decote ignoradas, vitimizadas, sendo escasas as que asumen o protagonismo e o empoderamento que lles corresponde. Particular importancia teñen os estereotipos machistas acuñados nalgunha literatura infantil, por ventura superados, polas accións coeducadoras e as doutrinas de equidade, inclusión e respecto a diferencia actuais.

Na narrativa galega houbo que agardar ao inicio do século XXI para que aparecesen as narradoras nos catálogos, na relación de premiadas nos certames literarios e nas preferencias das propias lectoras.

A pesar do que digan os índices lectores, hoxe as mulleres loitan por empoderarse no sistema lector en Galicia: enchen os clubs de lectura que len as súas autoras preferidas; os catálogos das editoriais abriron os seus catálogos a unha ampla xeración de narradoras moi talentosas, que acompañan a xeración de pioneiras de inicios de século (Reimóndez, Moure, Aleixandre, Costas…), que nos andeis das librarías ameazan a hexemonía da masculina xeración de narradores dos 80 e 90.

Con todo, apenas son sete as mulleres homenaxeadas en 62 edicións do Día das Letras Galegas. Na relación de premios nacionais de narrativa aínda aparece unha soa autora galega. A crítica literaria, coa excepción do activismo feminista da SEGA, continúa monopolizada por homes. Outrosí sucede na dirección das editoras, que agardan por ser ocupadas por máis mulleres.

Na lectura cómpre introducir unha perspectiva de xénero contra hexemónica, utilizando criterios de equidade na escolla de autoras nos planos de lectura e nas programacións dos clubes de lectura.  É de xustiza que ao liderado das mulleres como lectoras de libros corresponda tamén unha maior presencia do seu papel na creación literaria e nos labores de dirección do sector editorial galego.

Publicado en Nós diario: 19/06/2026

Festa do orgullo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Festa do Orgullo:

A raíz do artigo no que citaba os desfiles do «Destornillo de Peritos», unha boa amizade lembroume a importancia que tivo en Vigo, e continúa tendo, o «anfiteatro de Urzaiz», durante o medio século último, protagonista nas coleccións dos nosos fotoxornalistas contemporáneos como Magar, Cameselle ou Vitín de las Heras. Os momentos estelares da cidadanía, dende as conquistas dos dereitos e das liberdades, pasando pola reclamación do autogoberno para Galicia e a dignidade de Vigo como cidade que o lidere, durante o período da Reforma Política até a defensa meduliana dos postos de traballo industriais nos anos máis duros da reconversión, a reclamación da paz e o nunca máis da entrada deste século, dirimíronse todos nestas arterias do Vigo revolcado e rebelde comprendidas entre Urzaiz á Porta do Sol ou as Avenidas.

Abonda consultar a cronoloxía viguesa para comprobar que o Vigo actual nunca perdeu músculo cívico. Velaí aqueles primeiros saltos obreiros na Porta do Sol, na folga de setembro de 1972. Eis a contundente resposta da mañá do 4 de decembro de 1977, na maior manifestación da historia da cidade, reclamando autonomía para Galicia; reivindicación continuada pola tarde en Balaídos, o segundo dos nosos anfiteatros, onde o Celta saíu no seu partido fronte ao Granada levando unha enorme bandeira galega, confeccionada en Dresslock, factoría de pantalóns onde traballaba Manuel Soto, quen pouco despois sería alcalde da primeira corporación democrática, mentres que pola megafonía do estadio soaban «Os Pinos», o himno galego que entón descoñecía a maioría dos celtistas, mais que aplaudiron coa intensidade dos días decisivos. Dous anos despois, o mesmo 4 de decembro, Urzaiz volvería a dar unha nova resposta contra aquel «Estatuto da aldraxe», que negaba a Galicia como comunidade histórica.

Mónica Bar Cendón dá conta en Feministas Galegas. Claves dunha revolución en marcha (Xerais 2010) do que foron as primeiras mobilizacións feministas en Urzaiz, espazo tamén principal de loita a prol da liberdade, dos dereitos das mulleres e do recoñecemento dunha sociedade diversa en igualdade. Así, o 3 de xaneiro de 1977, a Asociación Galega da Muller (AGM) convocou unha manifestación  denunciando as violacións de tres nenas por empregados municipais, na que participaron, segundo informou Faro de Vigo, entre 1.200 e 1.500 persoas. O 8 de marzo do mesmo ano, as feministas volveron a rúa para denunciar un caso de acoso sexual, como en 1978 realizaron as primeiras manifestacións reclamando unha lei de divorcio, a despenalización do aborto e a legalización do uso dos métodos anticonceptivos, que entón estaban prohibidos. Como grazas ao libro de Mónica Bar, obra esencial na memoria do feminismo galego, podemos lembrar o primeiro Festival Feminista celebrado o 29 de xuño de 1980 no parque municipal de Castrelos, organizado pola Coordinadora Feminista de Vigo.

Corenta e seis anos despois, aquela festa unitaria das feministas viguesas, que presentaban o seu carácter lúdico e artístico, que reivindicaban a creatividade e a imaxinación, chamando a mozos e mozas, nenas e nenos, vellos e vellas «a enrollarnos con nós!», «a vivir novas formas de transformar a realidade», converteríase nun referente histórico para a actual comunidade LGTBIQ+. Na programación musical do festival, a cantora madrileña Julia León compartiu palco coa ferrolá María Manuela, con Begoña e o grupo de rockeras Las Chinas. As poetas recitaron, houbo teatro de monifates, xogos, exposicións de pintura e cerámica, venda de bocatas e tortas, e gaiteiras e gaiteiros que amenizaron o serán. Convocatoria aberta a toda a sociedade, que por vez primeira deu a oportunidade de presentarse publicamente a outros movementos incipientes, entón, como lesbianas e homosexuais, que presentaron os seus panfletos e reivindicacións.

A celebración en Vigo deste 28 de xuño 2026 –día do orgullo, creado en 1970 como «Día de liberación gay», tras a redada policial do 28 de xuño de 1969 no bar Stonewall de Nova York– terá exclusivamente carácter reivindicativo e memorialístico, de defensa dos dereitos e da visibilidade da comunidade. Prescindirase da parafernalia festiva de comitivas anteriores e da «Festa DiversXs do Orgullo», referente para a comunidade LGTBIQ+ viguesa, organizada dende 2009 pola asociación Nós Mesmas. Como é lóxico, Nós Mesmas lamenta a suspensión da festa, debido a dificultades económicas, organizativas e o desgaste do voluntariado; porén, non oculta que detrás están as pexas burocráticas cada vez maiores das asociacións cativas para organizar eventos no espazo público (solicitude de permisos, seguros e infraestruturas…), como da insuficiente implicación do concello e doutras administracións na organización desta festa do orgullo.

O novo Vigo vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a actuación do Consorcio do Casco vello de Vigo:

Aos meus pais non lles chistaba que con dez anos volvésemos do colexio pola Ferraría. Querían que os dous irmáns baixásemos xuntos pola moi pendente rúa Cachamuíña, bordeando a Panificadora e a Falperra, pola que colliamos a calella das Angustias para chegar a Pi e Margall. Con todo, nalgunhas ocasións acompañamos a un amigo até a súa casa, a primeira de Abeleira Menéndez, rúa que baixabamos até a Cruz Verde para logo coller a esquerda e a todo filispín percorrer a Ferraría toda até saír ao paseo de Afonso. No quiosco falabamos con Concha, que nos deixaba ollar por riba «os tebeos recén chegados de Barcelona». A de percorrer a Ferraría no inicio dos setenta foi unha das travesuras maiores da nosa infancia. E máis aínda cando pasamos por diante dos tres bares da rota dos Cacholis («Café, Chocolate e Licor» «Ca Cho Lis»): o Cacholi da rúa San Sebastián, o Cholica da Ferraría e o Lichoca de Abeleira Menéndez. Unha cadea de «puticlubs» da mesma familia, coa que chorabamos de risa, sendo tan piadosos.

Aquel Vigo prohibido, a parte alta do Vigo vello, un barrio esgazado pola rúa Calvo Sotelo (hoxe Elduayen) pola que transitaban os tranvías, degradouse de forma brutal durante as dúas décadas de fin de século. Á prostitución, engadiuse a perda da veciñanza tradicional, o abandono das vivendas e nalgúns casos a súa ocupación, a marxinalización provocada pola venda e consumo de drogas arruinaron o barrio. Nos movidos oitenta vigueses na Ferraría fíxose tristemente famosa Eduarda «A Maradona», que con apenas 15 anos lideraba unha banda que extorsionaba a rapazada da beirarrúa voada até Peniche.

Co goberno de coalición de Carlos Príncipe desenvolveuse de 1995-1999 o plan Urban, financiado no 70 % pola Unión Europea e o restante por fondos municipais, a primeira actuación rehabilitadora do barrio, que comezou a coñecerse como Casco Vello. Co Urban rehabilitáronse rúas e espazos públicos, renováronse infraestruturas de servizos, creáronse equipamentos sociais e culturais (Casa Galega da Cultura), programacións culturais e de festas estables e comezouse o control arqueolóxico de espazos públicos.

Mais, o que fóra o Vigo amurado, que se rexía dende 1991 polo Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Casco Vello, que preservaba a súa estrutura urbana e protexía o patrimonio cultural edificado, tivo que agardar dezaseis anos a que fose aprobado o actual Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI). Unha ferramenta urbanística que pretende unha actuación integral sobre o Casco Vello, considerado como un «Espazo Vivo de Memoria», atendendo tanto aos aspectos arquitectónicos como a recuperación económica e social do barrio. Actuación centrada na adquisición e posterior rehabilitación de terreos e inmobles como Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e como locais comerciais en réxime de alugueiro ou cesión por medio de contrato público. Actuación integral xestionada dende o inicio (2005) por un consorcio interadministrativo o «Consorcio Casco Vello de Vigo», que inicialmente contaba coa participación da Xunta de Galicia (50%), Zona Franca (40%) e Concello de Vigo (10 %). Porén, apenas dous anos despois, quedou coa composición actual na que corresponde o 90 % do Instituto Galego da Vivenda e o Solo da Xunta de Galicia e o 10 % ao concello.

Tras vinte anos de desenvolvemento do proxecto, a mudanza no Casco Vello, sobre todo no Alto, ao longo das rúas Ferraría e Santiago, como itinerarios principais, foi extraordinaria, tanto no arquitectónico como no comunitario. Investíronse 38 millóns de euros, adquiríronse 93 inmobles (a maioría en estado de ruína) dos que 81 foron rehabilitados en condicións óptimas por máis de 50 arquitectos da cidade, onde hoxe viven 140 familias que achegaron 20 nacementos de crianzas que encheron de entusiasmo e ledicia rúas e prazas. Ademais de propoñer un novo pulso comercial de enfoque cultural e creativo, para os 36 locais comerciais ocupados, boa parte deles desenvolvendo actividades artísticas ou propias da industria cultural independente, fuxindo da, perigosa terciarización provocada polo excesivo número de locais de hostalaría e lecer nocturno, un dos males endémicos dun barrio que chegou contar con 200 pubs. Modelo de rehabilitación que por ventura xa atrae a veciñanza viguesa ao novo Vigo vello emerxente.

A publicación do libro XX anos reconstruíndo o corazón da cidade (2005-2025) por parte do Consorcio Casco Vello de Vigo, en coidada edición da editorial Elvira, instalada no barrio dende a súa fundación, presenta esta transformación de pedra en vida como un paseo por trinta e tres construcións, iniciado en Abeleira Menéndez 13 (2009), presentando plano, fotos e memoria até San Sebastián 24 (2015). Parabéns ao CCV e a editorial por tan excelente traballo.

 

O Vigo que deixamos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o estado actual da cidade e a proposta de recuperación do planeamento estratéxico:

Vigo converteuse nunha cidade de desfiles, unha modalidade de turismo con poucos precedentes. Hai que chegar a 1877 para atopar o primeiro desfile da Sociedade Carnavalesca de Vigo, do Campo de Granada a Alameda. Comitiva que en 1892 a sociedade El Gimnasio, coincidindo coas festas de verán, argallou como «Batalla de Flores», que entón percorría Príncipe até a Porta do Sol. Tras os desfiles fascistas da guerra e posguerra, houbo que agardar a 1954 para atopar o primeiro «Des…tornillo», un desfile en ton crítico e divertido sobre temas locais, organizado polo alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial (Peritos), que desde Peniche á Porta do Sol chegaba a paralizar a cidade durante unhas horas. Comitivas á parte, de carácter relixioso, como a exaltación viguista da procesión do Cristo ou das distintas romarías anuais da bisbarra.

Desfiles, aos que hai cincuenta anos se incorporou o entroido, mais que dende hai tempo perderon o seu ferrete crítico. Hoxe manda en Vigo unha celebración hiperbólica do Nadal, baseada na instalación desaforada de leds e de ornatos kitsch de cartón pedra, como reclamo para o turismo interior e coa intención de que Vigo aparecese nos paneis publicitarios de Nova York e outras cidades globais. Modelo polémico nas voces baixas que, coas súas incomodidades, sacrifica durante tres meses a mobilidade no centro, nun balance de ingresos e perdas que cremos de dubidosa rendibilidade para o interese xeral da cidadanía.

Xaora, unha vez asumido este modelo de ocupación do espazo público, que converte a cidade en decorado e a veciñanza en figuración, non foi estraño que Vigo acollese o Día das Forzas Armadas, unha celebración de alardes que, para abraio noso, levou os tanques a rodar pola duna de Samil. Como tampouco parece xustificada a candidatura viguesa para optar a dous partidos do Mundial 2030, cun custe elevado para as arcas das administracións locais. E, se non abondase, apenas dentro de dous meses comezará a instalación da aparatoso Nadal 2026, coa promesa de incremento de lucerío e de altura da árbore, facendo caso omiso ás recomendacións de diminución de consumos enerxéticos. Vigo é sitio distinto.

Abonda poñer a orella no vitrasa para saber que hai unha parte da veciñanza que se pregunta se esta anomalía dunha cidade hipérbole é o Vigo que queremos; se ese Vigo de leds e papel maxé, será a herdanza que imos deixar as crianzas dos nosos netos. Presentarse no mundo como cidade portuaria atlántica nunha ría de beleza excepcional, cidade industrial do automóbil e da construción naval, cidade tecnolóxica e aeronáutica, cidade da literatura, cidade da música celta, cidade universitaria, cidade do club Celta, cidade da moda, cidade de cine… non abondaría?

Como urxe repensar o Vigo actual, no horizonte dos vindeiros cincuenta anos, unha cidade que debe recuperar o seu liderado na construción do proxecto galego e o seu papel de eixo do noroeste peninsular e rexión urbana de tamaño medio na fachada atlántica europea. Urxe recuperar os exercicios de prospectiva estratéxica, con referencias en 2050 e 2075, que obriga a forzas políticas, entidades empresariais, sindicais, veciñais e comunitarias a debater sobre unha axenda tan esquecida como alternativa. Como vai ser a mobilidade nunha rexión urbana funcional de 600.000 persoas? Como facer efectivo o acceso a vivenda, a conservación do patrimonio industrial (Panificadora, La Artística, Alfageme..) e a rehabilitación dos cascos vellos de Vigo, Bouzas e barrio de Casablanca? Como se vai conservar a integridade da ría e da coroa vexetal das parroquias do Fragoso? Como se vai contribuír a re-existencia da fala galega viguesa, peza primeira do patrimonio dunha cidade de orixe milenaria?

Como é extensa a relación de proxectos estratéxicos en marcha que precisan de apoio e acordos entre as administracións: saída Sur, centro de fotóns e aeronáutica, tren de cercanías, transporte rexional intermodal, redución do uso do vehículo privado, reordenación do espazo portuario, conservación dos bosques existentes, reforestación urbana e periférica, conservación do tecido territorial periurbano, ampliación do hospital Álvaro Cunqueiro, apertura do campus do mar da Guía, implantación de novas ensinanzas universitarias, incluída facultade de medicina, creación dunha rede de bibliotecas públicas, declaración de Vigo como cidade de literatura da UNESCO…

Ese Vigo que non veremos é o que hoxe por ventura comeza a alicerzarse. Recuperar a humildade da xusta medida para leds e desfiles e aplicarse con empatía e xenerosidade a acordar sobre esta extensa axenda 2075 parece razoable. A nosa obriga como xeración que se despide é deixar mellor futuro para todas as viguesas, de todas as idades, de todos os barrios e de todas as procedencias.

 

 

 

 

Alborada do fútbol vigués

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao coloquio organizado polo Instituto de Estudios Vigueses sobre os albores do fútbol en Vigo entre 1873 e 1923:

Rematada a gran campaña do Celta, con clasificación europea do primeiro equipo como sexto na Liga e playoff de ascenso do Celta Fortuna como subcampión de 1ª RFEF, a tempada deu tamén bos froitos para incrementar o acervo da cultura celtista. Entre as publicacións destaca o libro de Xavier Sánchez Pazos, Un equipo para un país. O Celta e a galeguidade (Rio 1923), coidada edición da que é a primeira historia social do Celta. Obra monumental de lectura aditiva, moi recomendable, froito dunha investigación que rescata numerosos datos de erudición celtista sobre un equipo potente creado para transcender o local e representar a Galicia nos campionatos de liga. Libro fonte de 464 páxinas supera aos catro volumes de Historia del Celta (Faro de Vigo 2012) de Fernando Gallego Arzuaga, referentes até agora.

Idéntica orientación de incrementar a nosa cultura futbolística tivo o animadísimo coloquio do Instituto de Estudios Vigueses sobre «Football e o Vigo moderno. Do Exiles ao Celta», na que intentamos reconstruír os cincuenta anos de fútbol vigués, anteriores a creación do Celta como fusión do Real Vigo Sporting CF (1913) e o Real Fortuna (1905). Ramón Cabanelas abordou a protohistoria do fútbol vigués. Defendeu o carácter de Vigo como porto onde primeiro se xogou ao fútbol en España, en base a noticia de Faro de Vigo de 8 de xuño de 1876 que anuncia «os ingleses [refírese aos empregados do Cable Inglés chegados en 1873] xogan a pelota»; no mesmo ano no que se funda o Académica de Coímbra, o club de fútbol máis antigo da península que está celebrando o seu sequiscentenario. Con todo, será o 7 de decembro de 1880 cando aparece en Faro de Vigo a que pode considerarse a primeira mención concreta ao fútbol en Vigo: «Moitos ingleses pasaron a tarde de onte xogando á pelota nos Cadros do Malecón». Noticias posteriores e fotografías identifican o Exiles F.C. (1903) de empregados do Cable Inglés como primeiro club de fútbol de Vigo.

Nos albores futbolísticos vigueses teñen importancia decisiva as dúas primeiras décadas do século XX, cando Vigo se industrializa como porto atlántico, duplica a súa poboación até os 78.000 mil habitantes, conta cun servizo metropolitano de tranvía, numerosas publicacións periódicas, unha punxente actividade do sport en diversas modalidades e ximnasios e dun asociacionismo de lecer diverso, expresión do movemento moderno. Non é de estrañar que fose na Escola de Artes e Oficios, prendesen en 1903 os dous primeiros gromos do Celta, o equipo Macht e despois Arte y Sport, do que nacería o primeiro club noso, o Vigo Football CF (1903-1905), semente de arte, cultura e fútbol, onde reside o ADN do Celta actual, que foi integrando a varios clubs, o News, o Español (1910) e o Sporting Vigo (1911), que formaron o Real Vigo Sporting Club (1913). Coa creación do Fortuna (1905-1906), só un ano despois da anexión de Bouzas polo concello de Vigo, aparecerá unha rivalidade interlocal entre os dous mellores equipos no campionato galego.

No proceso de fusión entre estes dous rivais, houbo xenerosidade e altura de miras de persoas diversas. Manuel de Castro «Handicap», xornalista conservador de Faro de Vigo, que dende 1915 a defendía nas súas columnas. Pepe Bar Vilaboa, auténtico modelo de sportman, presidente do Fortuna e facilitador do proceso. Xoán Baliño Ledo, o executor xurídico da fusión, probable responsable do nome, das cores da indumentaria e da orientación galega do club do que foi o primeiro secretario, como sería secretario do concello de Vigo o 18 de xullo de 1936, cando foi fusilado o alcalde Emilio Martínez Garrido, sendo depurado e apartado das súas funcións durante unha década.

O historiador José Luis Mateo propuxo no coloquio engadir ao tridente (Castro, Bar e Baliño) de fundadores a figura de José Sobrino González «Pepe de Vincios», xornalista e presidente do Real Vigo FC en 1910, fotógrafo do Eco de Galicia de Avelino Rodríguez Elías. Como eu reivindico no proceso de fusión o papel de Miguel Bezares Sillero, secretario do Fortuna, veterinario rioxano chegado a Vigo en 1912 para ocuparse do laboratorio municipal, xornalista de ideas progresistas, promotor da Asociación da Prensa, creador de Galicia Sportiva, cronista futbolístico do diario Galicia, La Concordia e Pueblo Gallego, mesmo participante no xuntoiro galeguista da Barxa (1930), abandonou Vigo dous anos despois.

Diante do interese por este tema clave na cultura celtista, podería facerse unha edición facsímile do libro de Celso González Villar Los albores del fútbol vigués 1905-1923 (Faro de Vigo 1959), precedida por un limiar contextualizador desta crónica, tamén gráfica, que contribuíu a fixar un relato dos primeiros clubs de fútbol autóctono. Unha edición asumible e reveladora, que poderían compartir o Instituto de Estudios Vigueses e Río 1923, editora do Celta.