O novo Vigo vello
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a actuación do Consorcio do Casco vello de Vigo:
Aos meus pais non lles chistaba que con dez anos volvésemos do colexio pola Ferraría. Querían que os dous irmáns baixásemos xuntos pola moi pendente rúa Cachamuíña, bordeando a Panificadora e a Falperra, pola que colliamos a calella das Angustias para chegar a Pi e Margall. Con todo, nalgunhas ocasións acompañamos a un amigo até a súa casa, a primeira de Abeleira Menéndez, rúa que baixabamos até a Cruz Verde para logo coller a esquerda e a todo filispín percorrer a Ferraría toda até saír ao paseo de Afonso. No quiosco falabamos con Concha, que nos deixaba ollar por riba «os tebeos recén chegados de Barcelona». A de percorrer a Ferraría no inicio dos setenta foi unha das travesuras maiores da nosa infancia. E máis aínda cando pasamos por diante dos tres bares da rota dos Cacholis («Café, Chocolate e Licor» «Ca Cho Lis»): o Cacholi da rúa San Sebastián, o Cholica da Ferraría e o Lichoca de Abeleira Menéndez. Unha cadea de «puticlubs» da mesma familia, coa que chorabamos de risa, sendo tan piadosos.
Aquel Vigo prohibido, a parte alta do Vigo vello, un barrio esgazado pola rúa Calvo Sotelo (hoxe Elduayen) pola que transitaban os tranvías, degradouse de forma brutal durante as dúas décadas de fin de século. Á prostitución, engadiuse a perda da veciñanza tradicional, o abandono das vivendas e nalgúns casos a súa ocupación, a marxinalización provocada pola venda e consumo de drogas arruinaron o barrio. Nos movidos oitenta vigueses na Ferraría fíxose tristemente famosa Eduarda «A Maradona», que con apenas 15 anos lideraba unha banda que extorsionaba a rapazada da beirarrúa voada até Peniche.
Co goberno de coalición de Carlos Príncipe desenvolveuse de 1995-1999 o plan Urban, financiado no 70 % pola Unión Europea e o restante por fondos municipais, a primeira actuación rehabilitadora do barrio, que comezou a coñecerse como Casco Vello. Co Urban rehabilitáronse rúas e espazos públicos, renováronse infraestruturas de servizos, creáronse equipamentos sociais e culturais (Casa Galega da Cultura), programacións culturais e de festas estables e comezouse o control arqueolóxico de espazos públicos.
Mais, o que fóra o Vigo amurado, que se rexía dende 1991 polo Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Casco Vello, que preservaba a súa estrutura urbana e protexía o patrimonio cultural edificado, tivo que agardar dezaseis anos a que fose aprobado o actual Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI). Unha ferramenta urbanística que pretende unha actuación integral sobre o Casco Vello, considerado como un «Espazo Vivo de Memoria», atendendo tanto aos aspectos arquitectónicos como a recuperación económica e social do barrio. Actuación centrada na adquisición e posterior rehabilitación de terreos e inmobles como Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e como locais comerciais en réxime de alugueiro ou cesión por medio de contrato público. Actuación integral xestionada dende o inicio (2005) por un consorcio interadministrativo o «Consorcio Casco Vello de Vigo», que inicialmente contaba coa participación da Xunta de Galicia (50%), Zona Franca (40%) e Concello de Vigo (10 %). Porén, apenas dous anos despois, quedou coa composición actual na que corresponde o 90 % do Instituto Galego da Vivenda e o Solo da Xunta de Galicia e o 10 % ao concello.
Tras vinte anos de desenvolvemento do proxecto, a mudanza no Casco Vello, sobre todo no Alto, ao longo das rúas Ferraría e Santiago, como itinerarios principais, foi extraordinaria, tanto no arquitectónico como no comunitario. Investíronse 38 millóns de euros, adquiríronse 93 inmobles (a maioría en estado de ruína) dos que 81 foron rehabilitados en condicións óptimas por máis de 50 arquitectos da cidade, onde hoxe viven 140 familias que achegaron 20 nacementos de crianzas que encheron de entusiasmo e ledicia rúas e prazas. Ademais de propoñer un novo pulso comercial de enfoque cultural e creativo, para os 36 locais comerciais ocupados, boa parte deles desenvolvendo actividades artísticas ou propias da industria cultural independente, fuxindo da, perigosa terciarización provocada polo excesivo número de locais de hostalaría e lecer nocturno, un dos males endémicos dun barrio que chegou contar con 200 pubs. Modelo de rehabilitación que por ventura xa atrae a veciñanza viguesa ao novo Vigo vello emerxente.
A publicación do libro XX anos reconstruíndo o corazón da cidade (2005-2025) por parte do Consorcio Casco Vello de Vigo, en coidada edición da editorial Elvira, instalada no barrio dende a súa fundación, presenta esta transformación de pedra en vida como un paseo por trinta e tres construcións, iniciado en Abeleira Menéndez 13 (2009), presentando plano, fotos e memoria até San Sebastián 24 (2015). Parabéns ao CCV e a editorial por tan excelente traballo.



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir