Cancións de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro de Cancións de Xela Arias e ao regreso do grupo Desertores:

A pasada semana celebrouse a terceira e derradeira sesión do Simposio Xela Arias co que a Real Academia Galega pecha as actividades do brillantísimo ano dedicado a homenaxear a escritora viguesa. Un serán literario no que se abordou a súa actividade profesional como editora e tradutora pioneira e na que se salientou o seu carácter como artenauta interesada polo diálogo creativo da poesía con outras artes. Unha pulsión interartística iniciada coas primeiras colaboracións de Xela Arias cos pintores Xosé Guillermo e Pedro Sardiña nas páxinas dos xornais A Nosa Terra (1982) e Faro de Vigo (1984), ampliada coas letras que escribiu para o grupo vigués de rock Desertores, na segunda metade da década de 1980, que chegaría ao seu cénit no libro e na exposición Tigres coma cabalos (Xerais 1990), o seu traballo a medias co fotógrafo Xulio Gil, e que tería o seu ramo coas colaboracións con Jandro, autor da escultura do vendedor de xornais Manuel Castro da rúa do Príncipe, no marco das mobilizacións de Burla Negra (2003), co pianista Alberto Conde (1999), co compositor Antonio Pulido Cid (2000) e co clarinetista Fernando Abreu (2003) cos que ensaiou diversas performances sobre os textos de Intempériome (Espiral Maior 2003, Xerais 2021), o seu derradeiro libro de poemas.

Diálogos creativos nos que Xela se achegou ás linguaxes da ilustración, da pintura e escultura, da música e da fotografía, tamén en menor medida e de forma máis ocasional do audiovisual e do teatro, coa intención de espallar o poema fóra dos límites do libro de papel, rebotándose contra a concepción do libro como un cadáver nun anaquel, explorando nos seus numerosos recitais até onde podería chegar a comunicación poética. Unha actividade literaria expandida e hibridada pioneira, rabiosamente contemporánea, na que a autora de Denuncia do equilibrio (Xerais 1986) arriscou a explorar con escasos complexos as posibilidades creativas achegadas por estas disciplinas no seu diálogo co texto poético, coa idea, nas súas palabras, de abordar dende unha posición de rebeldía a que entendía como «a única revolución pendente: a revolución dos afectos». Unha revolución creativa insurxente que xa emerxía nos seus primeiros poemas publicados en Faro de Vigo e fancines como Katarsis nos que experimentaba de forma provocadora coa disposición dos elementos gráficos e o manexo dos espazos, unha forma de indagación que, como sinala a profesora Chus Nogueira, editora da poesía completa (Xerais 2018), expresaba un rexeitamento a un concepto compracente de poesía que pon en dúbida a orde establecida.

E como outra das serendipias afortunadas deste ano, coincidiu o remate do simposio de estudos xelísticos coa aparición nos andeis das librarías do libro-disco Cancións (Xerais 2021) no que a xornalista Teresa Cuíñas Lavandeira recompilou, traduciu para o galego e contextualizou na música do seu tempo as letras que Xela Arias escribira para Desertores. Un volume que inclúe unha gravación discográfica actual dunha ducia de temas con letras de Xela Arias, tanto os seis incluídos no primeiro disco do grupo, El Desertor (1991), os catro do segundo, El vicio de la carne (1994), como outros dous, «Detrás de ti» («Boogie») e «Nena alcohol», que permanecían inéditos. Un traballo musical excelente do veterano grupo dos oitenta formado na actualidade por Humberto Díaz (Heredia), Juan Díaz, Valerio Araújo e Francisco Araújo, presentado en concerto no Auditorio de Chapela e no Culturgal desta fin de semana, cunha acollida entusiasta do público. Un libro-disco concibido como outra peza contra o esquecemento que actualiza aquelas cancións, cuxos textos Fernando Francio definiu «labrados na area da vida», zumegando o aroma daquel Vigo húmido e revolcado, aquel «lixo de cidade», ao que se refería en «Veña, brinca xa, que o imos rebentar», noutra das letras inéditas escrita para Desertores.

A publicación deste coidado libro-disco de Cancións de Xela Arias, como a do anterior de Intempériome, que incluía a gravación do espectáculo «Vencerse é cousa de se tratar» de Fernando Abreu, no que tamén emancipaba os seus versos utilizando a música como recurso escénico, constitúe un afortunadísimo peche bibliográfico deste ano dedicado á autora que confesou que lle gustaría reencarnarse en «Lou Reed feminino» e se sentía «moitísimo máis influída polo mundo do rock and roll que polos poetas galegos». Unha escritora na que descubrimos á Patti Smith das letras galegas, encarnando a fusión de poesía e o rock. Unha poeta na que toda comunicación con ela, en palabras de Teresa Cuíñas, «sucede no seu discurso do desasosego, experto nos confíns dos rueiros, efusivo, congruente, modelado consonte as súas inclinacións en cada momento e inseparable dos seus eixes vitais».

Darío de Saor

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento do escritor Darío Xohán Cabana:

A sexta feira X.L. Méndez Ferrín despedía nestas páxinas de Faro de Vigo ao seu amigo Darío Xohán Cabana Ianes nun artigo extraordinario no que salientaba a Grandeza do escritor que dende o pasado 17 de novembro é xa memoria. Un adeus dorido que compartimos para o que foi gran poeta nacional de Galicia, mestre e carpinteiro das palabras escollidas da estirpe popular, un dos nosos grandes escritores de todos os tempos, que como brillante ourive literario cultivou en solitario, lonxe de modas e vaidades, os territorios da beleza no poema, na novela, no relato, no ensaio, na divulgación histórica, na tradución e na propia edición dos seus libros máis amados. Saudade tamén para quen no pouso dos afectos foi un amigo agarimoso de xenerosidade desbordada, anfitrión de acollida entusiasta na casa de seu do núcleo lugués de Romeán, conversador de espírito retranqueiro, erudito e curioso, mais tamén para o militante comprometido dende rapaz, acreditando fidelidade inquebrantable coa causa da súa Terra, dos seus humildes e da súa lingua.

Nacido no berce dunha familia labrega partidaria da Frente Popular na parroquia de Roás (1952), que describe de forma memorable no comezo do relato «Rubén Cruzoi», publicado no seu libro Vidas senlleiras (Xerais 1992), como «verdadeiro corazón da Terra Cha, onde os carballos son máis fermosos ca en ningún outro lugar da terra, especialmente en primavera, cando comezan a follecer», Darío foi dende moi novo amante das novelas de Dumas e Verne que lle traía de Lugo o seu padriño. Querenza lectora que xa nunca abandonaría, como a da súa pulsión de poeta natural que alentou Manuel María, o primeiro dos seus mestres, tamén o seu primeiro editor daquel Home e terra na colección Val de Lemos das Edicións Xistral. Querenza que se multiplicou durante a súa estancia viguesa (1971-1975), na que traballou nas Edicións Castrelos de don Xosé María Álvarez Blázquez, a quen consideraba tamén o seu mestre e editor revolucionario en lingua galega, anos decisivos nos que afondou no coñecemento da literatura galega, casou con Amelia Outeiro Portela, a súa compañeira de vida, a quen coñeceu na viguesa Estación Marítima, e na que forxou a súa amizade e colaboración con X.L. Méndez Ferrín, o terceiro dos seus referentes literarios e políticos.

Estadía viguesa na que Darío se formou como editor na libraría Anticuaria Monterrey de Pi e Margall, a sede de Castrelos, dende a que don Xosé María en pleno tardofranquismo con múltiples iniciativas editoriais procuraba un novo rexurdimento literario, o de profesionalizar a edición do libro galego e ampliar o seu público. Velaí aquelas coleccións populares de libros de peto O Moucho e Pombal sobre as que tanto traballou o Darío, tanto na súa mesa de edición e distribución Galicia adiante nos máis diversos puntos de venda como na súa venda ambulante en feiras e vilas cunha furgoneta que levaba o rótulo de «Amigos das Letras Galegas». Unha experiencia editorial que sei foi marcante para o Darío, fundador de Edicións da Curuxa, nas que publicou algunha das súas traducións de clásicos como Os trobadores da Occitania (2014) e a reedición do Cancioneiro (2012) de Francesco Petrarca, pola que xunto a súa versión d’ A divina comedia de Dante recibiría a Medalla de Ouro do concello e Florencia (1991), un fito na súa traxectoria literaria e na da propia cultura galega. Espírito de editor moderno que impregnou a súa obra como narrador, na que desenvolveu un proxecto de grande calado para a novelística galega de fin de século XX ofrecendo títulos cimeiros, convertidos hoxe en clásicos, como Galván en Saor (Xerais 1989), O cervo na torre (Xerais 1994) e Morte de rei (Xerais 1996).

Darío volveu para sempre a Saor, o territorio literario do seu Roás natal, como fixera Galván, o sobriño do rei Artur, canso de andar polos camiños dacabalo dunha moto procurando castelos e princesas e ao vello Merlín, dono das forzas do mundo. Quedamos coa proeza deste texto que anosou a materia de Bretaña coma fixera o seu mestre Ferrín, mais tamén co resto da súa media ducia de novelas e coas súas habilísimas traducións da Vida nova (Espiral Maior 1994) de Dante ou dos Tres mosqueteiros (Xerais 2000) de Alexandre Dumas. Quedamos cos extraordinarios relatos de Vidas senlleiras (1992) ou a súas divertidísimas obras infantís, como O avión de Cangas (Xerais 1992) e Aventuras de Breogán Folgueira (Xerais 1990), que formaron o lectorado de varias xeracións. Quedamos cos seus sonetos e poemas de amor e morte que forman parte dos seus Vinte cadernos (Xerais 2003), libro esencial no seu catálogo que reúne a case totalidade da súa poesía (1969-2002). Unha memoria literaria amplísima, un legado para o lectorado do futuro. Os camiños da vida son longos e ancho é o voo do falcón, admirado Darío de Saor.

O espírito Airas Moniz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao ditame da XLIVª edición dos Premios da Crítica de Galicia:

Entre as sorpresas do acto de ditame e entrega dos Premios da Crítica de Galicia, celebrado en Vigo o pasado sábado, máis alá da contrastada excelencia das obras recoñecidas nas categorías literarias, outorgadas ao escritor Xesús Fraga por Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020) e ao investigador Miguel Anxo Seixas por Castelao. Construtor da nación. Tomo II (Galaxia, 2020), chamou a atención a singularidade e perfil novidoso do resto das súas oito modalidades.

Moi poucas das persoas presentes no Auditorio de Afundación sabían da figura extraordinaria de Manuel Ayaso, premiado na modalidade de Artes Plásticas, o pintor e debuxante de Aguiño (87 anos), emigrante durante seis décadas en New Jersey onde desenvolveu unha obra artística que forma parte de destacadas coleccións privadas e de museos e universidades estadounidenses. Autor dunha obra expresionista, con múltiples referencias surrealistas, a pintura de Ayaso non perdeu nunca os seus referentes primeiros no mundo do mar e nos mitos da terra natal da Barbanza que abandonou aos trece anos e a que regresou hai ben pouco.

Como tamén moi poucas seguían a Erregueté, a Revista Galega de Teatro, fundada hai corenta anos polo noso sempre admirado profesor Antón Lamapereira, hoxe a única publicación en lingua galega que se ocupa de forma monográfica das Artes Escénicas, modalidade dos premios da que foi gañadora. Dirixida na actualidade polo dramaturgo Afonso Becerra, superado o seu número 100, inicia unha nova etapa na que pretende continuar atendendo a todos os xéneros (teatro, danza e circo) e ofrecendo unha crítica seria e profesional, ademais de comezar a publicación, tan necesaria, de libros de e sobre teatro.

Tamén foi ben singular o premio da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas outorgado a Viñetas desde o Atlántico, o evento creado hai vinte e cinco anos na Coruña polo ilustrador Miguelanxo Prado coa pretensión de achegar a linguaxe creativa da banda deseñada ao público non especializado e dar visibilidade a creadores galegos emerxentes e consagrados. Un festival que cada mes de agosto durante sete días sitúa a Galicia e aos seus artistas no mapa mundial do cómic, a ilustración e a banda deseñada.

Outrosí sucedeu co premio da modalidade de música outorgado ao pianista Alejo Amoedo, un intérprete virtuoso, coleccionista, investigador e profesor do Conservatorio Superior de Vigo comprometido coa música e os músicos de Galicia. Membro do colectivo cultural vigués Pertenza, a sinatura de Alejo Amoedo é habitual nas páxinas de Faro de Vigo e de Nós diario, como divulgador da historia musical e da posta en valor deste patrimonio galego.

Secasí non foi sorpresa o premio da modalidade de Cine e Artes Visuais outorgado a cineasta e académica Margarita Ledo pola súa produción, dirección e guión do filme Nación, a película protagonizada polas obreiras de Pontesa, un entrenzado visual estremecedor de reflexións, afectos, voces e berros, a composición filmada da sororidade, da nación como sociedade, como espazo público da comunidade. Filme feminista épico de beleza desacougante, constitúe o mellor traballo cinematográfico da autora.

Con todo, foi quizais o derradeiro dos premios entregados na matinal, o da modalidade de Cultura Gastronómica, outorgado a Queixaría Airas Moniz de Chantada o que mellor pon de manifesto a amplitude, riqueza, potencia, excelencia e a diversidade da produción cultural galega actual. Espírito que encarna o proxecto empresarial da Queixaría Airas Moniz fundada no lugar de Outeiro de San Salvador de Asma, Chantada, por Ricardo Gómez, Ana Vázquez e Xesús Mazaira. Tres ganadeiros que hai unha década decidiron darlle unha volta ao carpín a súa granxa intensiva de vacas Holstein, apostando por un modelo antagónico extensivo, o de vacas Jersey de pastoreo. E despois de seis anos de aposta paciente para bautizar o seu proxecto precursor de elaboración de queixo cru de pastoreo da súa propia explotación rescataron a figura do trobador chantadés do século XII Airas Moniz de Asma, do que se conservan dúas cantigas: «Mia senhor, vin-vos rogar» e «Pois nin non val d’eu muit’amar». Un proxecto baseado na innovación, mais ancorado na tradición, que xa recibiu para o seu queixo azul Savel o recoñecemento como mellor queixo de España (2020-2021) entre 800 referencias.

De Aguiño a Chantada, da Coruña a Vigo, este espírito de innovación e tradición Airas Moniz, chantado de forma inequívoca sobre o piar compartido do emprego do idioma, –«Non hai lingua abondo para recoñecérmonos» foi o verso de Xela Arias escollido para enmarcar a XLIVª edición destes premios da crítica– percorre a cultura galega actual que queremos grande, diversa, orgullosa e sen límites para enxergar o futuro.

Gabanza da castaña

Ás portas do San Martiño dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a realizar unha gabanza da castaña galega:

Esta é a semana por excelencia dos magostos, na que a carón do lume rendemos culto ao froito do castiñeiro, a árbore milenaria, xunto ao carballo, da nosa paisaxe agraria. Festa de orixe pagá, acristianada como tantas outras, celebrámola vencellada ao 11 de novembro, festividade de san Martiño de Tours, coincidindo con ese tempo sempre ventureiro do pequeno verán de San Martiño, «que dura mentres o can avanta o porteliño» ou «que pode ser grande ou pequeniño» e no que «os trompos saen ao camiño». Unha festa popular que anuncia a chegada dos primeiros fríos da outonada e a necesidade de arrouparse dos rigores do inverno.

Xaora, foi Manuel Murguía o primeiro en sinalar a importancia dos magostos na nosa cultura, interpretándoos como un banquete funerario no que a castaña, o viño e o lume simbolizan a presenza da vida e tamén da morte: a castaña medra, incha e rebenta; o viño é o sangue da terra; e o lume, símbolo do deus da vida, é o elemento purificador e unificador desta cerimonia. Magostos reforzadores dos vencellos entre os membros de cada comunidade agraria, que celebran cos seus aturuxos o estoupido de cada castaña lume, tradición anovada hogano nos centros escolares e nas asociacións veciñais coas súas festas arredor do lume das castañas.

Magostos que formaban parte dos coidados comunitarios dos soutos que chegado o outono se repetían, cando a veciñanza da aldea soutaba, recollía as castañas bulladas e atoleiraba os castiñeiros coas baloiras ou taloiras para guindar os ourizos ao chan. Despois de ourizalas coa petela, un pau en forma de pinzas, levábanas aos sequeiros, pequenos edificios unidos á casa ou a unha parte dela e que tiñan un andar coas táboas do piso lixeiramente separadas e cheas de buratos. Alí permanecían, durante dúas semanas, ao coidado dunha persoa que as remexía cun rodo cada dous ou tres días. Cando estaban secas e logo de desbotar os picóns e as carabulecas, as mirradas ou de peor calidade, que se arredaban para cebar aos porcos, pasábanse ao canizo, de onde se ían collendo a medida que se necesitaban.

Non hai dúbida de que dende a chegada dos romanos, o noso foi un pobo de comedores de castañas, como amosa o feito de que Afonso X o Sabio xa as citara nun verso da súa cantiga 386 («A que avondou do vinno aa dona de Bretanna»: «que sól non lles minguou dele que valvéss’ ũa castanna”»). Na Idade Media, coa expansión da cultura dos mosteiros bieitos e cistercienses, e a conseguinte limpeza e cavadura dos montes, que facilitou a plantación de viñas e castiñeiros nos seus arredores, a castaña constituíu o alimento principal da poboación durante o inverno, un auténtico pan do pobres, até que co descubrimento de América foi substituída polo millo e, sobre todo, polas patacas, as chamadas castañolas, castañas mariñas ou castañas de terra.

No século XXI, no «país do millón de vacas» (arredor de 600.000) e do abandono das aldeas da Galicia interior, a castaña continúa tendo a súa importancia na nosa produción agraria e constitúe unha das súas potencialidades exportadoras (na actualidade a 60 países) polo seu prestixio como alimento saudable e de produción sostible. Secasí os arredor de 20 millóns de quilos recollidos cada ano nos soutos galegos, valorados no mercado en 35 millóns de euros, o 60 % da produción española, converten a Galicia nunha humilde potencia castañeira. Unha produción que, segundo os responsables da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, creada en 2009 para modernizar o sector e velar pola súa protección e promoción, podería ser incrementada de forma moi significativa se fosen recuperados e modernizados os cultivos dos soutos tradicionais, mecanizada a súa recollida e promocionado o seu consumo como alimento saudable, materia prima utilizada na cociña máis creativa e innovadora na preparación de fariñas, cremas, salsas, marmeladas, pans ou sobremesas.

No entorno da gravísima alerta climática mundial, a continuidade anovada das castiñeiras galegas permite a conservación dos soutos como ecosistemas autóctonos que achegan biodiversidade á paisaxe agraria sendo un dos cultivos agroforestais con maiores posibilidades de diversificación e economicamente máis rendibles e sostibles. Unha produción baseada na calidade do froito protexido, definido polo seu pericarpo fino, cor marrón, membrana fina, sabor doce e textura fina. Mais tamén pola diversidade das castiñeiras cultivadas de forma tradicional, na que a IXP recoñece até 23 variedades multiplicadas por enxertos dende hai séculos (amarelante, de presa, branca, calva, inxerta, de parede, negral, luguesa, loura, longal, garrida, famosa…), que ofrecen matices de formas e sabores.

Celebremos os magostos con castaña galega, o xeito noso de festexar a outonada!

Historia da cidade de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar a publicación de Breve Historia da cidade de Vigo, obra colectiva coordinada por J. Miguel González Fernández, publicada polo Instituto de Estudios Vigueses:

A publicación de Breve historia da cidade de Vigo, o libro colectivo coordinado por J. Miguel González Fernández e publicado polo Instituto de Estudios Vigueses, constitúe un fito na historiografía viguesa como no catálogo de publicacións da nosa entidade de estudos locais. Seguindo o fío diacrónico e cun afán de alta divulgación non exento de rigor, o libro ofrece en case trescentas páxinas as claves sobre as que se alicerza a historia de Vigo e a súa área xeográfica. Un percorrido «Dende o Vigo prehistórico ao do final do Imperio Romano», estudado por Ramón Patiño Gómez e Fernando J. Costas Goberna, que presentan o patrimonio de gravados rupestres, poboamentos castrexos, vilas e instalacións de salgadura romanas. Percorrido continuado polos vieiros pouco coñecidos do Vigo medieval do poeta Martín Codax e das igrexas románicas de Castrelos, Coruxo e Bembrive, enfiados no relato de Elisa Pereira García. Vila amurallada e próspero porto pesqueiro e comercial atlántico, presentada de forma moi documentada e atractiva polo coordinador do volume no capítulo esencial dedicado á Idade Moderna.

Xaora, a cerna da obra é a formación da cidade contemporánea abordada dende as perspectivas da súa evolución histórica (Xoán C. Abad Gallego), demográfica (Elena Durán Rodríguez), económica e infraestrutural (M. Pilar López Vidal), urbanística (Xosé Manuel Souto González) e social e cultural (Ceferino de Blas García). Vigo contemporáneo nacido como cidade (leal e valerosa) tras a Reconquista, episodio bélico que máis alá do seu carácter de mito iniciático, polo mérito de ser a última vila galega en ser ocupada polas tropas francesas e ao mesmo tempo a primeira que de xeito autónomo, grazas ao protagonismo das xentes da súa bisbarra, conseguiu sacudirse da bota napoleónica e comezou o proceso da súa independencia administrativa co señorío que o arcebispado de Santiago exercía dende había séculos sobre ela. Vigo que dende 1836 –coa nova lei de concellos, que crearía os de Vigo, Lavadores e Bouzas sobre o espazo xeográfico da ría e do Val do Fragoso– configurouse como municipio en bisbarra, do que forman parte as parroquias costeiras de Santa María de Vigo, Santiago de Vigo e San Salvador de Teis, penetrando cara o interior do Val do Fragoso, polas agrarias de Santo Tomé de Freixeiro, Santa María de Castrelos e San Pedro de Sárdoma.

Vigo contemporáneo desenvolto ao longo do século XIX como unha cidade portuaria cosmopolita, que medra cos empurróns das súas actividades vinculadas co mar cada vez máis diversificadas, sobre a pesca, a conserva e o tráfico transatlántico. Unha cidade que dende a segunda metade do século XIX duplicou en varias ocasións a súa poboación, construíu un impresionante perfil pétreo no seu ensanche burgués extramurallas, desenvolveu varios sectores industriais e comezou o proceso de transformación da súa morfoloxía urbana de núcleo portuario á actual cidade espallada sobre a ría e o val do Lagares. Acuñouse así o mito do Vigo como cidade puro milagre, como urbe única en Europa polo seu crecemento demográfico, industrial e inmobiliario espectacular en apenas un século, unha proeza colectiva que para os seus defensores pouco tiña que ver cunha historia reducida apenas á Reconquista, as pezas romanas e aos cadros do Museo de Castrelos. Mitos sobre os que reflexiona con ollada e coñecemento amplísimo Rafael Ojea Pérez, técnico superior de Cultura e Educación do Concello de Vigo, no extraordinario prólogo do libro que comentamos; un limiar iluminador que constitúe unha peza de ouro na defensa do patrimonio cultural vigués e no seu coñecemento histórico como alicerce sobre o que construír un sinal de identidade e de orgullo colectivos, en definitiva, un novo «viguismo» asentado na Historia propia.

E nesa proposta de Ojea de identificación sólida co pasado é onde cobra todo o seu valor a publicación desta Breve historia da cidade de Vigo, que actualiza cos criterios historiográficos sólidos dos expertos do Instituto de Estudios Vigueses, achegas bibliográficas de divulgación da historia viguesa como as realizadas por José de Santiago e Gómez (1896), o cronista Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez (1949) ou as recollidas naquel Vigo en su historia (1979), obra colectiva coordinada por Álvaro Cunqueiro e Xosé María Álvarez Blázquez. Estudos incrementados de forma exponencial polos membros do IEV, algúns xa falecidos como Lalo Vázquez Gil, Xerardo Sacau, Xaime Garrido, Moncho Iglesias e Gerardo González Martín, entre outros, cuxas monografías contribuíron ao coñecemento do pasado da nosa cidade. Recomendo vivamente esta oportunísima Historia de Vigo e parabenizo ao equipo de autores e autoras do IEV pola súa aposta polo futuro desta nosa cidade milenaria.