A primeira industria cultural viguesa

En varias oportunidades, cando me preguntan sobre o estado da edición, as interlocutoras non me cren cando lles digo que o negocio dos libros non debe ir tan mal, xa que se anuncian novos proxectos editoriais e na metrópole (Vigo e comarcas da Louriña, Val Miñor e Morrazo) son 34 as editoras de libros impresos e dixitais, contando as pequenas independentes e as medianas, propiedade dun grupo editorial español ou transnacional. E se cren que é hipérbole, velaí a relación das editoras: Agoeiro, Belagua, Clío, Creotz, Cumio, Cuarto de inverno, Cydonia, Dismes, Dos acordes, Edimaes, Elvira, Engaiolarte, Euseino, Fosfatina, Galaxia, Instituto de Estudios Vigueses, Ideas Propias, Ir Indo, Lobito Bueno, Lusco e Fusco, MC Sports, Moléculas, Morgante, Nova Galicia edicións, Patas de peixe, Plutón Kids, Rinoceronte, Sept, Sushi Books, Solar de edicións, Tambre, Triqueta Verde, Trymar e Xerais.

E as que queren saber xa poñen cara de ferreiro cando lles digo que co estudo de comercio interior de libro do Ministerio Cultura na man entre todas as editoras viguesas facturan 18 millóns de euros a prezos de capa, dos que arredor de 8 pertencen ao libro galego impreso. Un sector con inequívoca vontade exportadora, na actualidade moi atomizado, e especializado onde hai editoras educativas, outras literarias, outras infantís e xuvenís, subsector moi destacado na proxección internacional e no mercado interior, outras dedicadas ás artes, centradas na fotografía, até algunha especializada no que atinxe a enigmas e misterios, outras en saúde e vida alternativa, outras dúas en lectura fácil, mesmo está radicada en Vigo a primeira editora deportiva en español referenciada no adestramento técnico futbolístico, cun catálogo dun cento de títulos…

Sector editorial privado, considerado estratéxico, pola Lei 17/2006 do Libro e da Lectura que ocupa a máis de 150 persoas con empregos directos, sobre todo nos eidos da creación editorial e xestión, promoción e comercialización e outras tantas como colaboradoras externas. Un sector empresarial resiliente, con tradicional mala saúde de ferro, que vive á intemperie, sen apenas axudas das administracións, afogado polas carencias de financiamento e polas dificultades de distribución e visibilidade no punto de venda, sobre todo nunha rede de medio centenar de librarías, un negocio que recupera o seu encanto de establecemento comercial e cultural de proximidade. Un sector vigués do libro que conta co soporte de medio cento de imprentas e empresas gráficas dixitais e unha rede de bibliotecas insuficiente, de oferta moi desigual e non exenta de problemas.

Este vínculo de Vigo co sector da edición conta apenas dous séculos de historia, cando en 1823 chegou a Vigo o moldeiro valenciano Pascual Arza, tipógrafo que se ocupou de imprimir o Semanario Patriótico, órgano político da provincia de Vigo. Dende entón foron case trescentas as cabeceiras xornalísticas publicadas en Vigo, das que 15 foron diarios, entre eles o Faro de Vigo (1853), actual decano da prensa española, La Oliva (1856), substituído por El Miño (1857), La Concordia (1873), o primeiro diario, La Propaganda (1881), consagrado á defensa da clase obrera, pasando pola monumental revista mensual Vida Gallega (1909) de Jaime Solá, polo diario Galicia (1922) e El Pueblo Gallego (1924), entre as do primeiro século. Como contou a cidade, pasado o período inicial dos tipógrafos ambulantes, con grandes editores: Ángel Lema Marina, primeiro impresor e logo propietario da cabeceira de Faro de Vigo; Juan Compañel, primeiro editor en galego e primeiro que fixo un catálogo literario e outro técnico; Manuel Fernández Dios, o primeiro editor dos folletíns da Biblioteca da Concordia, como foron as Monografías de Vigo (1878) de Vesteiro Torres.

Abriu o século XX, Eugenio Krapf (1890), que achegou o feitío clásico tipográfico que necesitaban as imprentas nosas. Calidade coidada nas edicións artísticas dos Catálogos de Vigo de PPKO (1905). Aposta pola edición popular de Eugenio Barrientos Tetilla, que montou na libraría de Elduayen a editorial Cíes (1943-1958), unha experiencia extraordinaria, máis alá da publicacións das novelas de vaqueiros de Marcial La Fuente Estefanía. Extraordinarios foron os proxectos de recuperación do libro galego de Galaxia (1950), cun papel chave de Francisco Fernández del Riego, o da editorial Monterrei (1848) de Luis Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, que en 1964 abriu o proxecto de Edicións Castrelos, onde fixou os criterios da edición comercial en galego, que continuaría Xerais en 1979, coa edición educativa como piar do sector.

Con esta memoria e atractivo actual, chama a atención o desinterese das administracións polo futuro da que continúa sendo a primeira industria cultural viguesa.

Publicado en Faro de Vigo: 29/09/2026

O valor dun penalti

Tras o fracaso de Nicosia co modesto Omonia, que nos encolleu o entusiasmo, agardabamos con certo temor a chegada do Racing de Santander, que non visitaba Balaídos dende febreiro de 2007. Un recén ascendido, que comezara ben o campionato, a pesar de que esta mesma semana recibira unha malleira de sete goles fronte a un Barcelona que pretende gañar esta liga por esmagamento. Os de José Alberto López fixeron unha primeira parte na que en liñas xerais superaron aos celestes, tan ansiosos como precipitados para facer efectiva a presión alta e para a que Giráldez ensaiara outra defensa inédita ao redor da fiabilidade de Yoel Lago, até agora a revelación da tempada, con Álvaro Núñez e Sebastián Cáceres, ambos os dous nun excelente nivel.

Con todo, os cántabros caeron nun erro frecuente nos debutantes. Á altura do minuto 31, competeron un penalti dubidoso, desas mans que non se saben onde están no barullo da área, que finalmente sería sinalado polo VAR, rectificando a Burgos Bengoetxea, até entón ilustrando ao público en que os empurróns non están incluídos dentro das dezasete regras establecidas pola IFAB. Ver para crer! Penalti executado por Hugo González, como mandou Giráldez dende o banco. Unha xogada que sería determinante para o devir do partido.

Sabemos que no lanzamento dun penalti a gran cuestión é quen aguanta mellor a respiración, neste caso un duelo de contención entre Julen Agirrezabala, o porteiro que soou para o Celta, e Hugo González, o canteirán con máis gol do equipo. Fóra dese duelo emocional, o lanzamento dun penalti non ten gran cousa técnica, abonda con bater a pelota con destreza para introducila na portaría. O que fixo Hugo, a pesar de que o porteiro visitante acertou o ángulo polo que entrou o seu xute. Tres minutos emocionantes de ires e vires, nos que se dirimiu o devir do partido pechando sombras e afastando os medos celestes. Despois de semanas de indecisión o Celta comezou a carburar.

Mesmo os máis atrasados en poñerse ao día como Williot colleron o fío. O sueco rouboulle ao porteiro un balón que Jutglá, traballador pero aínda fóra de foco da portaría, non foi capaz de aproveitar. Mais o Celta seguiu. Da man de Miguel Román e Illaix Moriba, os seus medios en estado de graza, o guineano ampliou o marcador no minuto 42. Unha xogada para lembrar, iniciada polo roubo en campo propio do gondomareño que Moriba conduciu entre rivais, e chegando ás portas da media lúa, mudando de perna, ensaiou un esquerdazo con toda a alma que superou ao gardameta visitante. Un golazo que anunciou que o Celta desta vez ía en serio e non admitiría erros, que ao final é do que se trata no fútbol, cometer menos que o teu rival. Saíu do vestiario, coa lección ben aprendida, con Rueda, que non tivo tampouco a súa mellor tarde, e con Hugo González, tamén na caseta, a pesar da execución perfecta do penalti.

Outra proba de que Giráldez non anda con andrómenas. Deu entrada a Carreira e Pablo Durán, coa intención de abrir o campo con maior velocidade. Pouco despois, a entrada de Borja Iglesias, con media hora por diante, liquidou o partido cun terceiro gol, xa que o 2-0 é sempre un resultado moi perigoso. Borja, entón, ofreceu unha master class de dirección do xogo, a pesar de que non marcou gol, pero creou as condicións para que chegasen outros tres tantos, unha dupla de Pablo Durán, loitador incansable, e o de Miguel Román, un cacheirón formidable, tras un roubo de Moriba, noutra alquimia extraordinaria entre eles dous. O noso campión do mundo amosou que o fútbol é un deporte que, como sinalaba Johan Cruiff, se trata de pasar e recibir o balón, para mellorar cada xogada, e completalas todas, mesmo as que sabemos non teñen a fortuna de atopar portaría. Borja amosou que para saber xogar ao fútbol hai que saber parar o balón, o que fixo de xeito maxistral, e levou ao Celta a esta infrecuente goleada.

Pechada a crise de gol arrastrada desde o pasado mes de maio, non lembramos en primeira un resultado en Balaídos tan avultado, para o que habería que chegar a 1959, na visita do Real Zaragoza. Goleada inesperada que proporciona a Claudio e ao seu cadro acougo e confianza para enfrontar o parón de tres semanas e reflexionar e reordenar as pezas. Polo visto no serán do sábado, a medula con Yoel Lago, Cáceres e Núñez pode ser unha alternativa fiable. A parella de Miguel e Illaix está consolidada no medio, contando coa participación de Hugo Burcio, canteirán con forza e criterio, que peta nas portas do vestiario. Queda por anovar a composición das bandas, onde está a liña máis frouxa do que vai de liga; onde están moi baixos xogadores como Hugo Álvarez, apático mesmo o sábado como capitán, ou como Javier Rueda, con escasa implicación na maior parte dos partidos, e Javi Galán, cun nivel defensivo precario. Solucións técnicas, todas, que pasan pola ausencia de Iago Aspas, por desgraza lesionado en Nicosia, cuxa participación se adiará uns meses, agardando estea preparado para o derbi no novo Balaídos.

Publicado en Faro de Vigo: 21/09/2026

Estatua de Oroza nas Avenidas

Unha das formas máis interesantes de afondar na calidade de vida dunha cidade e na súa autoestima para coidarse é mirar para as esculturas e murais instalados no espazo público. Algunhas desas pezas pasaron a ser iconas representativas da cidade. Pensemos no caso de Vigo no Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol ou nos Cabalos de Oliveira na Praza de España, que representan o Vigo de entre séculos, consolidado como capital urbana de Galicia. Patrimonio escultórico público vigués compartido, na maior parte das veces creado con intención conmemorativa, inventariado por Mercedes Bangueses Álvarez, actual presidenta do Instituto de Estudios Vigueses, en dous libros tan fermosos no visual como engaiolantes no literario: Catálogo. Bustos. Monumentos conmemorativos e placas de Vigo (IEV, 2022) e Escultura pública en Vigo (IEV 2025). Senllas obras que contribúen a poñer en valor este patrimonio, ao tempo que propoñen un paseo urbano cheo de pezas dispostas para o abraio da veciñanza e das visitantes. Miradas que, lendo a Bangueses, poden ser de temas tan diversas e sorprendentes, tan incitantes que conviden a novos paseos con propósitos específicos.

Velaí foi o meu caso co conxunto escultórico de Manuel Buciños, instalado na zona urbanizada onde durante décadas estivo a factoría Refrey en Bouzas, resignificado polo escultor de Carballedo nun sorprendente «Encontro imaxinario» entre Valle Inclán, Otero Pedrayo, Cunqueiro e Saramago, que convida a confrontar cada peza coas nosas lecturas. Un espazo literario creado polas esculturas, que conforman un xeito de estar e de ollar a cidade propia, tamén de presentala as visitantes. Noutras palabras, o Vigo literario non está constituído só por libros, bibliotecas e librarías, as esculturas e murais de temática lectora e literaria, por extenso monumentos e placas conmemorativas, achegan interesantes coincidencias que ofrecen a posibilidade de artellalas como itinerario. E no caso vigués, hai cerca de cincuenta pezas relacionadas co Vigo literario, concibido en toda a súa diversidade. Dende o monumento de Manuel Curros Enríquez, de Lorenzo Coullat Varela, promovido pola sociedade La Oliva, presidida por Manuel Gómez Román, e sufragado por subscrición popular, para ser instalado na Alameda en 1911, que sufriu as vicisitudes da ditadura, que en 1965 o agochou no Castro, baixo aquel espantallo do restaurante El Castillo. Pasando pola escultura do vendedor de xornais Manuel de Castro (2013) da rúa do Príncipe, feita polo xa falecido Jandro, membro do colectivo Nautilus, expoliada decote, que remite á necesidade de que a conservación deste patrimonio sexa compartida pola cidadanía e defendida polo concello. Até instalación máis recente, a de Domingo Villar (2024) nun dos bancos da Alameda, feita por Pedro Dobao, que convita a parolar co autor de Ollos de auga.

Un patrimonio literario de pedra ou bronce, onde están presentes todas as épocas da nosa literatura e tamén a evolución das formas arquitectónicas e escultóricas dos séculos XX e XXI. Eis a de Martín Códax e os trobeiros do mar de Vigo, no monumento de 1967 no Castro, unha pedra procedente de Monteferro, desgastada pola erosión do mar, a placa do Paseo do Cronista Álvarez Blázquez ou o monumento de Quessada (2006) no miradoiro (en perigo!) do Paseo de Afonso, a carón da Oliveira, en diálogo os tres co Pergamiño Vindel (1914), alfaia do noso patrimonio literario e musical. A dos Galeóns de Rande (1967) do arquitecto Desiderio Pernas, que no miradoiro do Castro dialoga co libro La escuadra de plata (1935) do cronista Rodríguez Elías. E a estatua de Rosalía de Castro (1995) de Armando E. Martínez en diálogo cos Cantares Gallegos impresos por Compañel no prelo da rúa Real nº 21. Ou, claro está, a escultura de Jules Verne de José Molares en diálogo co capítulo VIII de Vinte e mil leguas de viaxe baixo os mares.

Neste contexto vén ao fío a proposta da Asociación Évame Oroza de instalar nos xardíns da Laxe unha escultura en bronce de corpo enteiro de Carlos Oroza, que está finalizando Sergio Portela ecserá sufragada a tres partes, entre Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e a subscrición popular. Carlos Oroza, o noso poeta peripatético, autor de grandes poemas, como «Évame» e «América», editados con agarimo e precisión pola editorial Elvira de Xavier Romero, caligrafou cos seu pés un camiñar demorado por un Vigo insatisfeito, vangardista e demorado, coma tamén foi o seu poema oral. Oroza tras pasear a súa derrota, procurando a inocencia, a grinalda e o poema, fixo do paseo conversa e abrazo, lección moral e reflexión política intensa e fugaz. Merece que a súa palabra atope a súa forma en bronce. Merece formar parte do selecto catálogo de autores e autoras do Vigo literario en granito ou bronce.

Publicado en Faro de Vigo 20/09/2026

Miss Vigo e a editorial Atlántica

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á editorial Atlántica e a «Sección La Novela Viguesa»:

Remexendo nos fondos da almoneda de Joaquín Yáñez atopei un exemplar de Miss Vigo, noveliña de Salvador Quintero, ilustrada por Luis Gil Vicario, ambos os dous profesores do Instituto de Segunda Ensinanza aberto na finca A Areosa en 1927, prologada polo xornalista Ramón Fernández Mato e publicada por unha misteriosa editorial Atlántica. Enigma que pouco durou cando lin o artigo do historiador José Luis Mateo en Glaucopis nº 22 sobre o autor da obra. Unha referencia que nos leva a un texto publicado o 13 de marzo de 1929 en El Pueblo Gallego, no que un grupo de intelectuais vigueses anuncia que pretenden publicar nunha nova editora a «Sección La Novela Viguesa», obras cortas de 64 páxinas, coleccionables, de ambiente local, escritas polos autores vigueses e figuras máis prestixiosas do momento e ilustradas polos mellores artistas da cidade.

Adiantan que están xa comprometidos os seguintes títulos: La tragedia del delantero centro de Ramón Fernández Mato, Miss Vigo de Salvador Quintero, Príncipe Street de Luis Gil de Vicario, Las ondinas del Club Náutico de José Posada Curros, Sol-Colón-Urzaiz de José Signo, El hijo del mar de José Bethencourt, María Rosa (novela corta de ambiente colombiano) de Alfredo Gómez Jaime, En la Casa de Socorro (novela freudiana) de Federico de Angulo Vázquez e La novia repórter de Laureano Cao Cordido. Ademais, informan que continúan as negociacións con autores recoñecidos no ámbito vigués como Jaime Solá, Manuel Lustres Rivas, Herminia Fariña, Margarita Losada, Eugenio Arbones, Ramiro Fernández Valle, Avelino Rodríguez Elías, Valentín Paz Andrade, Gerardo Álvarez Gallego, Luis Peña Novo, Joaquín Pesqueira e Jerónimo Toledano. E que como debuxantes contarán con Sobrino, Requejo, Maside, «Cheché», Santaella, Torres, Padín, Oliveira e Federico Ribas, os mellores artistas daquela.

De aparición semanal, as novelas terían un formato de peto (10,5 x 15 centímetros), serían impresas pola Tipografía dos Sindicatos Católicos, da rúa Oliva nº 10, vendéndose a 30 céntimos cada título. Cumprindo estes requisitos aparecen o 16 e o 23 de marzo de 1929 as dúas primeiras entregas, a de Ramón Fernández Mato, creador do proxecto, e a do profesor canario, crítico de teatro de El Pueblo Gallego. Os editores presentaron Miss Vigo, como unha obra que «describe en trazos sobrios e sorprendentes o panorama da actual sociedade viguesa, detalla cos seus vicios e virtudes a vida das frívolas nenas ben, da mocidade feliz e confiada». O que resulta veraz xa que a noveliña de Quintero relata unha relación amorosa entre un mozo chegado a Vigo, Isidoro Rodas, e unha moza, Toni Rodríguez, que chegará a ser Miss Vigo. Cos temores por comprometerse nunha relación seria, Isidoro abraza a melancolía cando Toni gaña o concurso de beleza que lle permitirá viaxar a América para emprender unha carreira. O que hoxe máis pode interesar desta primeira novela viguesa do canario son as localizacións precisas naquel Vigo de 1929: o Castro, a Ribeira, a rúa Príncipe, o restaurante Las Colonias, o Hotel Moderno, o Hotel Continental, a cafetaría Brasil e o cine Royalti. Nesa liña Vicario debuxou unha serie de escenas de corte art decó, onde a figura feminina aparece tocada polo gusto da época no xeito de vestir e co novo estilo de vida da muller.

E a partir de aí, descoñecemos se continuou a colección «Sección La novela viguesa», da que non atopamos outras edicións. José Luis Mateo descoñece se editorial Atlántica chegou publicar algún título dos que tiña anunciados, mais sospeita que un dos proxectos acabaría publicándose fóra da colección. A novela escrita polo médico, diplomático e poeta Alfredo Gómez Jaime (1878-1946), cónsul de Colombia en Vigo, un dos animadores culturais da cidade desde a súa chegada en abril de 1927. Na noveliña, Bajo la máscara (novela corta de ambiente vigués), publicada en 1929 en Vigo, por La Nueva Prensa, onde o ano anterior aparecera Armonía y emoción, contou tamén coa colaboración de Gil de Vicario para a ilustración e a de Salvador Quintero para o prólogo.

Como sabemos do activismo de Ramón Fernández Mato, autor do texto «Vigo, proa dun continente», que pecha o álbum de PPKO Vigo en 1927. Artigo memorable a rescatar no que o xornalista de El Pueblo Gallego salienta que «o pobo de Vigo entre ciceis artesáns e brados das sereas navais pon no mapa de Galicia a máis resolta pincelada europea, o máis alto expoñente da civilización». Para rematar Mato, vigués de inequívoco carácter galeguista, que «o poema de Vigo está por escribir», «Vigo ascenderá á xerarquía exacta» e a «pérola dos mares engarzarase na cima do diadema de Galicia». Idéntica angueira coa que Mato pretendeu crear un formato editorial de novela viguesa, que se vai materializando na última década como «Vigo literario».

Desilusión

Tras un novo empate en Balaídos, é difícil ocultar para un celtista o seu chasco, tras un mes de competición ligueira e xa seis partidos xogados, de non ter visto gañar ao noso equipo. A desilusión, pretendo ser prudente no emprego das palabras que representan as emocións, a desilusión que sentimos cando algo que nos importa non obtén o resultado esperado. Sen máis, sen optimismos nin pesimismos. Imos a outra cousa, xa que confiamos que no futuro poidamos recuperar o entusiasmo, esoutra emoción decisiva para darlle cor ás nosas vidas, que sentimos cando o corazón latexa a un ritmo especial, unha enerxía nacida do noso interior que nos move a actuar, mesmo a tomar a iniciativa. Entusiasmo decote transformado en euforia, esa enxurrada de enerxía positiva, que fornece de forza para enfrontar adversidades ou para festexar os días felices con máis entusiasmo do que é habitual.

Onte saímos de Balaídos desilusionados, non tanto polo xogo, o mellor dos tres partidos do que vai de Liga, como pola dificultade de mellorar posicións na táboa clasificatoria, onde con apenas catro puntos de dezaoito posibles, a semellante ritmo obteriamos apenas 30 puntos, o que na fala viguesa expresamos como «este ano baixamos», o que non se produce dende hai quince temporadas, a nosa xeira máis longa en Primeira. Sei que faltan 32 xornadas, mais temos a memoria fresquiña e sabemos que non se produciu rectificación ningunha. O Celta o pasado curso como local foi un auténtico desastre, clasificouse na posición 19, superando só ao Real Oviedo pechacancelas da categoría. Conseguiu apenas 6 vitorias e sufriu 8 derrotas, encaixou 28 goles, que o converteu nun dos locais máis goleados. Certo que como contrapartida fixo unha tempada memorable como visitante, apenas 4 derrotas, 7 empates e 8 vitorias, e na que Radu encaixou só 20 goles. Noutras palabras, o Celta foi o equipo, coa excepción do pechacancelas, que máis fixo sufrir aos afeccionados no seu estadio, como foi, fóra dos dous tiburóns de sempre, o que máis satisfacción lles proporcionou aos seguidores que o acompañaron e a aqueles que pola tele gozaron dalgunha das súas exhibicións.

O caso tan singular do Celta, máis competitivo fóra que na casa, en todo o ano 2026, fóra dos resultados da Europa League, gañou só catro partidos (Sevilla en maio, Mallorca en febreiro, Raio e Valencia en xaneiro), ten todas as trazas de repetirse esta temporada. Comparadas as primeiras seis xornadas, anteriores ao comezo da competición europea, a puntuación é semellante: 5 puntos o ano anterior, 4 na presente. Cifras que aconsellan agardar, o que tamén é un certo xeito de asumir un comportamento conformista que percibimos no terreo de xogo como na sala de prensa, o que consideramos é incompatible coa gramática do fútbol celeste, asumida polo cadro de xogadores e técnicos, compartida polo celtismo desde que marchou aquel ghicho cargado de millóns. Esta anomalía do Celta de ser tan frouxo en Balaídos non ten remedio? A que obedece, cando conta cunha afección eufórica, que nunca vai abandonalo? De continuarmos así, non pode provocar unha perigosa frustración? Unha liña moi fina separa a desilusión da frustración, que se comezou a percibir cos silencios no partido do Athletic, repetidos tras finalizar o partido co Málaga, no que o equipo foi despedido con certa frialdade.

Cando tiñan case todo a favor, os de Giráldez onte non souberon gañar. Cando camiñaban nos minutos finais pola proximidade do cantil, como representaba o pintor Pulido os momentos decisivos, os de Giráldez foron incapaces de xestionar a vitoria. Erraron nun saque de recanto que ninguén soubo defender. Estragábase un partido, até entón correcto, quizais o mellor dos tres xogados no que vai de Liga. Na primeira parte deixou a pelota aos malacitanos e teceu un farrapo defensivo eficaz, no que volveu brillar Yoel Lago, polo seu compromiso e cada vez maior serenidade. Giráldez confiaba na velocidade de Rueda e Carreira polas bandas, cando fosen capaces de crear espazos. E non errou Claudio, cando tras o primeiro tempo morto acuífero, insistiu en apertar con máis intensidade. Foi Moriba quen nun duelo gañou un balón que coa biqueira pasou sobre Hugo González, que fixo parede con Jutglá, capaz de conducir vinte metros, canear a tres rivais, coarse na área e xutar ao pao longo, superando ao gardameta visitante. Golazo! Na segunda parte, Claudio introduciu o seu carrusel de trocos, no que brillou Burcio, chamado a ser a futura perola celeste. Houbo posibilidades de marcar, pero se estragaron, mentres o equipo semellaba esvarar por unha confianza que a bancada, despois do sucedido co Osasuna identificou como medo. E así nun saque de recanto innecesario, empatou Adrián Niño, cando faltaban sete minutos e o engadido. Mais coa preocupación dunha lesión de Aspas, tras un xute á escuadra, e a decepción do resultado, abondou con gardar os mobles para evitar males maiores.

Publicado en Faro de Vigo: 14/09/2026

O mestre das apertas

Fun moi afortunado de ter amigado nas dúas últimas décadas con Antón Pulido, o artista que mellor se ten asomado á complexidade da condición humana. Fun moi afortunado de coñecer ao pintor que xa admiraba polos seus músicos asomados ao abismo, que quixen recoller nalgunha portada dos libros que editei, ou polos seus retratos serenos, como o que me fixo cando saín de Xerais, nos que é doado identificar a ollada do optimismo da vontade presente en cada trazo. Fun moi afortunado en compartir con este ser humano xigante de xenerosidade desbordada azos e vontades no proxecto colectivo dos Premios da Crítica de Galicia no que teimou con intelixencia e dedicación décadas e décadas a carón de Bieito Ledo, o seu amigo do corazón, que coñeceu hai setenta anos e o acompañou no seu tránsito co agarimo de Fina e da familia toda.

Se tivese que definir a Pulido cunha soa palabra, o que sei sempre resulta insuficiente nun artista dedicado á pintura, escultura, deseño gráfico, música ou performance, pero tamén ao relato oral, no que posuía enxeño e capacidade de engaiolar coma poucos, non resulta difícil escoller a de MESTRE, tanto por que este foi o seu primeiro e principal oficio, desde que tomou posesión na escola unitaria de Casaio en 1972, experiencia que recolleu naquela primeira paisaxe nevada de Pena Trevinca, como polo feito de que impregnou toda a súa vida e toda a súa obra de artista cos valores da escola humanista.

Abonda percorrer a súa obra pictórica para entender o maxisterio dun artista de formación académica moi sólida, mais tamén de inequívoca raíz popular, que en cada un dos seus cadros expresa a súa perplexidade diante dun mundo en tránsito e a súa confianza nos seres humanos para enxergar a esperanza e a confianza na plenitude da vida.

Tras cinco décadas de traballo artístico, despois de centos de pezas, Antón Pulido é un dos grandes mestres da pintura galega. Discípulo na Escola de Belas Artes de Barcelona de Joán Hernández Pijuan, desenvolveu un proxecto moi singular de creación artística no que poñendo no centro a fraxilidade da condición humana, eis o tema central de toda a súa pintura, a investigación plástica dialoga coa tradición.

Un proceso ao que non foi nunca allea a súa vocación docente e a súa afouteza creadora que o levou a experimentar, ás veces contra corrente, primeiro coas posibilidades do impresionismo figurativo de raíz popular, máis tarde de fauvismo, e xa de regreso a Galicia, asentado en Vigo como profesor de Secundaria, do expresionismo figurativo e máis tarde abstracto, a súa esencia pictórica actual, bautizada por el como «kermeses», como exaltación gozosa da enerxía da vida non exenta das doses de dramatismo e tristeza que lle son propias ao tempo que vivimos.

Nos anos noventa pasou con incrible naturalidade da expresión figurativa á abstracción de potencia colorista. Eis a razón das súas paisaxes urbanas do porto pesqueiro do Berbés (1987), ou das súas emblemáticas figuras en soidade, sexa as retratadas no medio do camiño da vida, a dos músicos tocando para si ou a de seres desconcertados ao pé do abismo, todas envoltas na plenitude da súa cor, na potencia dun trazo capaz de simplificar os detalles do contexto da traxedia. Cadros que son relatos breves, contos condensados, de grande forza narrativa como «Noite» (1992) ou «O sono» (1989), nos que na intimidade dos amantes nun cuarto ofrece elipses visuais envoltas en sombras, capaces de expresar a fraxilidade do cotián e a complexidade da relación humana. Ou esoutra formidable kermesse pulidiana de 14,5 metros de alto que ocupa a medianeira do edificio sobre a praza, de Peniche, un latexar cromático caracterizado pola dominancia das cores vermellas e negras, que se expande como unha máscara de abstracción figurativa sobre os muros ondulados laterais.

Xaora, a do mestre Antón Pulido é unha pintura de rostro humano, que a pesar da complexidade da existencia, evita a desolación, o desacougo e o pesimismo conformista e paralizante. Eis a potencia cromática das súas kermesses, dende aquelas primeiras nacidas a comezos dos noventa, características da produción pulidiana das dúas últimas décadas, que como sinala o crítico Antón Castro constitúen «un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas».

Antón Pulido conseguiu así devolverlle a emoción e a sinceridade á pintura galega, envolvendo o xesto gráfico con formas e cores, escrutando os límites das sombras e abrindo os cadros pola potencia da sinfonía da cor ao gozo e ao abraio do espectador. Antón Pulido é o pintor do vento, é o músico da cor cálida, é o poeta da abstracción emotiva, é o narrador da realidade no abismo, é un artista total e apaixonado que procura a beleza até a gorida onde se atope. O luns tomarémoslle un dos nosos cafés da mañá. Antón, MESTRE!

Publicado en Faro de Vigo: 12/09/2026

Avelino Rodríguez Elías cronista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do cronista exiliado Avelino Rodríguez Elías:

O 9 de setembro de 1936 o xornalista e cronista oficial da cidade, Avelino Rodríguez Elías e a súa familia, a súa muller María Miguélez e os seus catro fillos xa maiores de idade, embarcaron no transatlántico alemán Monte Pascoal camiño do porto de Montevideo. Seis billetes polos que pagaron 4.000 pesetas e salvaron a vida de quen fora detido e trasladado ao Frontón de María Berdiales, improvisado cárcere, no que tamén estaba recluído Manuel Lustres Rivas, o seu compañeiro de redacción de Faro de Vigo, xornal no que traballaba dende 1904 e do que era redactor xefe, empresa que o 26 de agosto emitiu apenas unha nota lacónica anunciando a baixa dos seus redactores. Elías tivo mellor fortuna ca Lustres, paseado o 10 de novembro, grazas a contar coa axuda de José María Perelló, cónsul de Uruguai en Vigo que, tras oito días no Frontón, convenceu a Felipe Sánchez de que liberase a Elías, que era daquela cónsul de Paraguai en Vigo, para evitar así un conflito diplomático. Perelló acabou levando a Elías a súa casa, onde agardaría con temor a arribada do buque procedente de Hamburgo, no que abandonaría Vigo, a súa patria amada, á que nunca máis regresaría.

Avelino Rodríguez Elías cando marchou para Asunción, tiña 64 anos e xa escribira en Vigo unha obra poética, en castelán e galego, con libros como Aturuxos (Tipografía Carranque, 1895) e O miñato e mais a pomba poemas galegos (1909); dramática recollida en Obras teatrais galegas (1926) como de historia local. Publicou varios dos libros esenciais da historia de Vigo. La Reconquista de Vigo en 1809. Juicio crítico e histórico (Artes Gráficas PPKO, 1916) cuxa cuberta ilustrou o escultor e pintor Alejando Curty, no que en lugar destacado reflicte a unha muller vestida co traxe tradicional que sostén o escudo de Vigo nas súas mans. E, sobre todo, La escuadra de plata: estudio crítico y documentado sobre la famosa busca de los galeones de Vigo (Tipografía de Faro de Vigo, 1935), con cuberta ilustrada por Maximiliano Vidales Espinosa, profesor de debuxo da Escola Municipal de Artes e Oficio. Obra esencial que responde as preguntas chave sobre os tesouros dos galeóns de Rande: A canto chegaban? Que botín quedou en mans da frota anglo-holandesa? Canto recolleron as diversas empresas que para recuperalos se formaron? Sen esquecer a súa obra inédita na que destaca Historia da cidade de Vigo, orixinal enviado dende Paraguai, hoxe transcrito na Biblioteca García Barbón da Escola Municipal de Artes e Oficios, que aínda agarda ser publicado.

Na redacción de Faro de Vigo amigou co fotógrafo Pacheco e con Handicap, o redactor deportivo, xornal no que publicou centos de informacións sobre a vida local, algunhas tan novidosas como datar en 1895 os partidos iniciais de fútbol no Malecón. Na revista Alegría (1909) publicou moitos dos seus poemas. Creou e dirixiu a revista ilustrada Ecos de Vigo (1911) e colaborou en Letras y Deportes (1909), Vigo Marítimo (1911), Vida Gallega (1912), El Puerto de Vigo (1925), entre outras cabeceiras viguesas. De espírito activista defendeu sempre causas nobres: promoveu a creación dun corpo de bombeiros voluntarios, participou na creación da asemblea local da Cruz Vermella, promoveu a protección da Oliveira (1932) colocando un valado, defendeu a creación do Museo de Vigo no Pazo de Castrelos, recuperou o escudo da cidade (1922), loitou por aproximar Galicia e Portugal, participou nas actividades dos galeguistas e defendía o uso do galego (1923), lanzou a idea na revista Vida Deportiva (1924) da creación do estadio de Balaídos e da celebración en Vigo dun cross country, de solicitar a creación dunha escola de comercio ou propuxo instalar a Casa Concello na porta do Sol ou na Alameda, entre moitas outras iniciativas.

Avelino Rodríguez Elías foi o terceiro dos cronistas oficiais da cidade, electo polo pleno do concello o 24 de febreiro de 1926, tras Nicolás Taboada Leal, falecido en 1883, ao que sucedeu sete anos despois o seu fillo Nicolás Taboada Fernández até 1899. A praza de cronista quedou baleira durante máis de dúas décadas. Xaora tras ser asumida por Elías, a comisión xestora do concello, nomeada tras o levantamento militar, acordou o 14 de setembro de 1936, cando Avelino cruzaba o Atlántico, «deixar sen efecto o seu nomeamento». En 1937, exiliado o cronista para salvar a pel, a Comisión Municipal Permanente do 2 de xuño de 1937, a proposta do sacerdote Juan Domínguez Fontenla, acordou nomear a José Espinosa Rodríguez para tan alta responsabilidade institucional. Gerardo González Martín, o seu biógrafo, considera que foi a «paixón por Vigo», cidade á que gustaba chamar «Perla de los mares», á que moveu a vida de quen foi «o mellor cronista da historia» de Vigo. Merece ser recordado, como publicada unha edición crítica da súa Historia da cidade de Vigo.

Eugenio Krapf editor

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do editor suízo Eugenio Krapf:

Os días de partido a rúa Eugenio Krapf, unha costiña que une a avenida da Florida co estadio de Balaídos, énchese de celtistas que celebran a previa. Un espazo rurubarno, tan característico do val do Fragoso, onde edificacións en altura comparten con casas unifamiliares coa súa horta cativa, o viario aberto hai tres décadas. Imaxino que a xente celtista reunida na Esmorga, no Ons, no Picoteo, os locais da rúa cuxo nome figura no rueiro como «Eugenio Kraff» [sic], descoñece quen é ese home con apelido de papel castaño, moi resistente, presentado como ecolóxico por non ter sido sometido ao proceso de albeado.

O paradoxal do caso, que podería explicar mellor Lalo Vázquez Gil, o cronista oficial da cidade entre 1986 e 2016, é que tras ese nome ocúltase un amante de toda clase de papelaría, un editor nacido en Zürich chegado a Vigo, arredor de 1890 para abrir unha papelaría, libraría e oficina de imprenta, primeiro na rúa Príncipe nº 37, despois, a partir de 1894, en Policarpo Sanz nº 17-19, fronte ao café Colón.

Krapf ten unha bonita historia que merece ser máis coñecida para orgullo da cidade que o acolleu. Procedente de Sevilla, despois de abrir a súa oficina de imprenta noutras cidades, o que era frecuente entre os impresores do século XIX, dedicábase a preparar e vender tarxetas postais, xeralmente de 9 x 14 centímetros, que no caso de Vigo e da súa ría fotografaba el mesmo e imprimía na fototipia dos tamén fotógrafos suízos Hauser & Menet, establecidos en Madrid. Krapf ofrecía as súas tarxetas no escaparate da súa libraría, consideradas as máis fermosas e reveladoras daquel Vigo finisecular. Cartaces de memoria que adoitaban enviar por correo os emigrantes e viaxeiros antes de embarcar nunha rota transatlántica.

Sabemos que foi o 12 de setembro de 1897 cando se franqueou na oficina de correos de Vigo a primeira postal fotográfica que circularía en Galicia. Estas tarxetas constituíron un dos mellores reclamos das librarías viguesas, como a do propio Krapf, a de Eugenio Barrientos Tetilla na rúa Elduayen nº 17, a de José Nieto en Príncipe nº 5; a de Buceta, en Policarpo Sanz nº 46 ou Las Artes Gráficas de P.P.K.O. de Príncipe, o establecemento do editor José Cao Moure, incansable promotor do fotogravado e de Vigo como porto cosmopolita.

Porén, Eugenio Krapf pasou ao rueiro de Vigo polas edicións de fermoso feitío tipográfico, adornos e axeitado papel de tres obras da literatura clásica. Tres libros extraordinarios.

O primeiro, La Celestina (1899), de Fernando de Rojas, a traxicomedia de Calixto e Melibea, editada con motivo do cuarto centenario da súa publicación, conforme á edición de 1514 feita en Valencia. Krapf fixo dúas edicións, unha de papel corrente e outra de inglés superior, nas que incluía o estudo que lle solicitou a Menéndez Pelayo, que pasado o tempo resultaría canónico ao que engadiu unha exhaustiva lista das edicións e estudos sobre a obra. Esforzo que o insigne catedrático lle recoñeceu con «mil prácemes».

O segundo libro de Krapf foi El Libro de Patronio o El Conde Lucanor (1ª edición 1898, dous tomos; 2ª ed. 1900), compuesto por El Infante Juan Manuel en los años 1328-1329. E o terceiro, El diablo cojuelo (1902), de Vélez de Guevara, reprodución da edición príncipe de 1641 por Adolfo Bonilla e San Martín.

Ademais, sabemos que imprimiu Ares da raya (1902), versos en portugués do miñoto João Verde. Como tiña previsto editar a Crónica Troiana, editada por Martínez Salazar, tamén con prólogo de Menéndez Pelayo, mais que vería a luz en 1900 a expensas da Deputación da Coruña. Así mesmo, Carré Aldao, dá noticia que tiña rematada a edición de Viaje por Galicia do pontarean Isidoro Bugallal, da que se descoñece paradoiro.

Economicamente a Krapf non lle foi ben. Pouco despois da súa morte, o 12 de abril de 1903, importantes editores suízos, acredores do editor lamentaban que o negocio financeiro do seu compatriota quedase en estado tan pouco satisfactorio. Segundo Gerardo González Martín como libreiro o suízo amosaba bo gusto no arranxo do seu escaparate da rúa Policarpo Sanz 17, onde dispoñía de artigos nacionais e de importación, ademais de organizar exposicións nos seus escaparates, polas que no verán de 1895 pasou unha obra de Serafín Avendaño. Tiña un depósito de libros en diversas linguas de difícil adquisición nunha cidade como o Vigo daquela.

Carré Aldao no seu traballo sobre a imprenta en Vigo (1819) escribiu que coas «coidadas e esmeradísimas edicións de clásicos españois, demostrou Krapf ser o home que precisaba Galicia para que retomando as tradicións dos editores Soto Freire e Compañel, fose a cidade de Vigo o berce dunha colección de Bibliófilos, que tan necesaria se fai para o noso desenvolvemento intelectual». Krapf foi o primeiro editor vigués do século XX e como tal forma parte destacada do mapa do Vigo literario.

A afouteza foi a dos leóns

Confeso que se non fose de Vigo, teríame gustado Bilbao como cidade para vivir. Quizais por iso non lamentei en exceso a derrota do Celta, que na noitiña do domingo recibiu un baño de auga moi fría por un Athletic Club, que chegaba esixido como pechacancelas. Un Celta frouxo, irrecoñecible, triste e desganado, que ofreceu unha das peores imaxes desde que está dirixido por Claudio Giráldez. E abofé que foron feros os discípulos do alemán Edin Terzic que, a pesar de estar lonxe da catedral de San Mamede, superaron aos celestes en todas as facetas do xogo, mesmo na da afouteza e na determinación para levar os seus primeiros tres puntos do campionato.

Dous equipos con imaxinarios semellantes, dous clubs de canteira e afeccións con simpatías compartidas –deu gusto ver aos biscaíños coas súas camisetas vermello brancas, consumindo os pratos da nosa culinaria– que non entraran con bo pé nesta desordenada pre-liga de agosto e, polo tanto, xa arrastraban urxencias sobre o horizonte que enxergan para esta tempada, na que os vascos quedaron fóra da competición europea e os galegos a inician dentro de apenas quince días.

Athletic e Celta que comparten un significado semellante do que entenden por «afouteza», esa coraxe teimosa e determinación firme a non dar nunca un partido por perdido, como explica o xornalista bilbaíno Galder Reguera no seu libro Hijos del fútbol (Lince ediciones 2017). Unha actitude do cadro técnico e de xogadores, unha forma de instalarse no mundo por parte da afección, indemne á desesperanza, que fai que o vínculo do seareiro co seu club sexa tamén como «sufridor». Emoción máis frecuente na afección do Celta noso que a do Athletic, que explicou de marabilla Enrique Ballester no seu libro Infrafútbol (Libros del Kao, 2014), como unha paixón que pode meternos doses de desengano e pode «matarnos (en sentido figurado, claro está) lentamente».

Emocións que quizais poidan axudar a entender o que pasou en Balaídos na primeira parte do partido do domingo co Athletic e na segunda do xoves co Osasuna, onde os de Giráldez amosaron a súa peor versión. Unha preocupante debilidade deportiva, no que atende ao xogo, que non pode ser atribuída nin a decisións arbitrais nin ao axustado do calendario da Liga. Un nivel moi baixo das fichaxes, que polo visto até agora non melloran nin de lonxe o cadro do pasado ano, onde se bota moi en falta o bo pé de Mingueza e Fer López, para os que non parece existir recambio. Nin para Borja, unha incógnita o seu estado, nin para Iago Aspas, que na súa derradeira tempada, é máis necesario que a pasada.

A derrota diante do Athletic foi clarísima, o resultado 0-2 curto para os méritos dos visitantes, que perderon a oportunidade de golear. Edin Trizic escachizou o inxenuo plan de partido de Giráldez, que fixo até sete cambios no once de gala, que corenta e oito horas antes presentará co Osasuna. Tras unha boa saída do Celta, con Jutglá rapidísimo na boca do gol, o que fora adestrador do Borussia inmobilizou no centro do campo a Febas, moi desorientado, grazas a un Sancet moi poderoso, co que abondou para que o debutante Hugo González non tocara balón como un falso nove ou como se lle chame. Foi aínda peor a debilidade defensiva, onde o debutante Faye amosou carecer, polo momento, do nivel mínimo esixido nesta competición. Como, quizais o máis preocupante, foi a actitude conformista, a ausencia da presión, onde se perderon todos os duelos, onde algúns xogadores como Moriba e Rueda baixaron os brazos, como triste foi ver en cada saída de balón a Starfelt parar, iso si, incapaz de darse unha reviravolta, sen saber qué facer coa pelota. Incrible nun equipo dos de Claudio. En definitiva e resumindo o visto: en Balaídos, a afouteza foi dos leóns.

Ninguén é intocable, nin sequera Claudio Giráldez no Celta de Marián. Convenlle ao de Cans dar algunha explicación técnica para as súas aliñacións e trocos máis aventureiros, o domingo catro dun golpe, a comezos da segunda parte. Certo que melloraron o xogo e a actitude durante un cuarto de hora, en boa medida grazas a Miguel e Iago e ao compromiso de Yoel Lago, os únicos que parecían atreverse e querer. Explicacións que o público tamén solicitou co seu silencio, mesmo a grada de animación estivo caladiña nalgunhas fases, as máis tristes, onde nin sequera se enxergou unha raioliña de remontada. Houbo tamén asubíos, que o adestrador debe valorar.

Ao Celta nunca lle foi doado comezar, cústalle collerlle o ritmo a competición. O pasado ano foron empates consecutivos, os que crearon certa intranquilidade entre a afección. Este ano son dúas as derrotas e catro os goles recibidos en Balaídos. Hai tempo para reiniciar con humildade e corrixir erros. Antes de abrir a competición europea en Chipre, apenas dentro de quince días, conviña normalizar a situación na Liga.

Publicado en Faro de Vigo: 01/09/2026