A lámpada de Claudio

A clara derrota do xoves pasado na Selva Negra que, se non o evita esta semana un milagre deportivo de proporcións históricas, supón o remate da participación do Celta na actual competición europea, tras unha traxectoria excelente, ademais de causar un importante desgaste emocional dos cadros de xogadores e de técnicos celestes. Crise de confianza dun equipo roto no psíquico e cansado no físico causado por un calendario endiañado de partidos transcendentais. Desgaste que dalgunha forma desvelaba Claudio Giráldez nunhas declaracións rutineiras ao regreso de Friburgo nas que confesaba que o seu equipo non renunciaba a eliminatoria e que a necesidade de superar unha diferencia de tres goles faríao máis perigoso para os alemáns.

Con esa confianza inquebrantable nas posibilidades de competir do seu equipo, sexan cuns efectivos ou con outros, o adestrador celeste axitou onte a súa lámpada de rotacións para enfrontarse ao pechacancelas, o Real Oviedo de Guillermo Almada, ilusionado polos últimos resultados para evitar un descenso que hai un mes parecía inevitable. Claudio confiou nunha medula defensiva na que Aidoo e Álvaro Núñez acompañasen a Marcos Alonso, a pesar de que funcionara fatal diante do Alavés; colocou a Fer López de medio centro, cuberto pola experiencia de Vecino; deixou a Carreira e a Rueda a responsabilidade de correr as bandas; sendo a súa proposta máis arriscada a dunha dianteira inédita con Durán, Williot e Andrés Antañón, o habitual medio centro do Fortuna, colocado na banda dereita. Un once de gala con moitas novidades, mais que axiña lembrou pola súa resposta ineficiente e actitude medrosa ao que naufragara diante do Alavés.

Moi ben arroupados polos seus seareiros novos, que encheron a grada visitante, onde se escoitaron frecuentes berros de «Puta Balaidos», os carbayones non tiveron moita dificultade para adiantarse no marcador aos catro minutos de xogo. Gol nacido dun primeiro despexo fraco de Carreira na área propia, aproveitado por Vidal para xutar sobre as pernas dos defensores celestes que protexían a porta, o que provocou unha gran intervención de Radu, que porén non puido evitar que o seu despexo, coma se dun porteiro de balonmán se tratase, fose interceptado por un dianteiro visitante que entrou coma quixo polo outro pao. Outro accidente, semellante ao primeiro gol do Alavés, pensabamos, dun Celta dirixido por Fer López que controlaba o esférico, mais que comezou a demostrar unha perigosa incapacidade para superar a terceira liña e crear perigo real á meta visitante.

Secasí, cando remataba a primeira parte, como tamén sucedera co Alavés, Aidoo non foi capaz de gañarlle a cabezada a Viñas que conseguiu rematar un centro lateral. Outro erro clamoroso de Pepiño, que marcou o devir do partido. Daquel accidente inicial dos celestes no barullo da área, que podía ser desculpado, pasouse a un marcador que anunciaba outra nova goleada e un novo fracaso, cando todos os resultados permitían consolidar unha quinta praza con posibilidade de Champions League.

Desta volta de ben pouco serviu a filípica claudina do descanso nin como manexou a lámpada dos trocos dando entrada a Iago Aspas e a Moriba, que non melloraron apenas o panorama. E moito menos cando no minuto 56, un globo de Thiago dende a banda esquerda foi rematado na área pequena por Viñas que marcaba por segunda vez. Outra cantada de non sei cantos decibelios da defensa céltica que entregaba outro partido máis, diante da desolación do celtismo que outra xornada máis comprobaba as carencias do seu equipo, que xa non se poden agochar dende as lesións de Miguel Román e de Starfelt. De nada serviu que co terceiro tanto dos azuis e con medio hora de xogo por diante, Claudio sacase a súa artillaría pesada, Borja, Jutglá e Mingueza. Certo que se sucederon entón as chegadas á área, pero sen acerto e sen fortuna, tamén, como nun remate de Borja interceptado por unha man salvadora do porteiro visitante.

Asumida esta nova derrota en Balaídos cabe preguntarse como é posible continuar aspirando a unha praza europea, con resultados tan pobres como os que o Celta ven colleitando diante da súa afección afeita a padecer en Balaídos e a gozar diante da pantalla das súas proezas como visitante. Como é lexítimo preguntarse se a lámpada de Claudio, como a de Iago Aspas, teñen aceite suficiente para continuar iluminando coas súas xenialidades extraordinarias de xente humilde.

Tras esta derrota imprevista, certo que doe menos contando con 44 puntos (e permanencia, polo tanto), os celtistas podemos caer no desánimo diante do partido do vindeiro xoves co Friburgo, onde ademais da posibilidade (certo que remota) de acceder a outra semifinal europea, o equipo de Claudio Giráldez xoga tamén a credibilidade do seu proxecto deportivo e a súa resiliencia e madurez das súas promesas. Sabemos que Giráldez apostará por renovar o aceite da súa lámpada. Ogallá que desta vez faga con ela novas marabillas.

Publicado en Faro de Vigo: 13/04/2026

Reconquista fiel

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Fidelidade viguesa (Instituto de Estudios Vigueses, 2026) de Jorge Lamas:

A pasada festa da Reconquista foi un éxito: superou todas as cifras de participantes, postos e presenza do folclore, tanto na música popular galega como na exaltación e coidado do vestiario tradicional. Despois de trinta e dúas edicións, a Reconquista consolidouse como a festa popular primeira do Vigo do século XXI, debendo ser recoñecida con carácter internacional pola súa temática histórica e a cantidade de participantes activos. E quen llo ía dicir aos membros da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, presidida hoxe polo incansable Fiz Axeitos, que nos noventa co barrio moi deteriorado tiveron o gran acerto de representar o relato dos acontecementos da invasión francesa e reconquista da vila amurallada de 1809 como mito fundacional da cidade de Vigo.

Éxito veciñal indiscutible, froito da constancia activista teimosa desta asociación, tamén organizadora do entroido e da saída de manueles, tras meses de ensaios, do enriquecemento do argumento da festa e da incorporación de elementos etnográficos e folclóricos, sobre todo da música tradicional galega, onde Vigo é potencia mundial, como da ampliación da súa celebración ao paseo de Afonso e a rúa Elduayen, gañadas para sempre como espazo público peonil.

Reconquista estudada polos historiadores do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), como parte da guerra peninsular, entre Francia e Inglaterra, entre os que destacan as achegas do xornalista vigués Jorge Lamas Dono, autor de Historias de Vigo (Xerais 2018), O Vigo que viron os franceses na Reconquista (IEV 2021) e Da Calzada ao Casco Vello (Xerais 2023). Coincidindo coa Reconquista publica A fidelidade viguesa (IEV 2026), libro onde repasa a historia política de Vigo ao fío do seu título de cidade, o seu desenvolvemento de pequena vila á cidade, recoñecida como tal en 1810, tras derrotar ao exército de Napoleón, polo que foi distinguida cos títulos de «leal e valorosa» e, máis tarde, co de «sempre benéfica», a raíz da acollida solidaria a milleiros de soldados retornados en condicións deplorables da guerra de Cuba de 1898.

Lamas repara que no título non aparece documentado o adxectivo «fiel», a pesar de que foi aprobado en 1987 cando a corporación presidida por Manuel Soto aprobou, a instancias do informe de Lalo Vázquez Gil, o cronista oficial da cidade, a proposta de honras, títulos e símbolos. Lamas investiga no que chama a «lea do título», xa que comprobou que «fiel» non estaba presente nos documentos das concesións reais orixinais, sendo incorporada en 1837 e 1841 sen contar con apoio legal, aínda que máis tarde co apoio na súa difusión dos xornais Faro de Vigo e La Oliva. Primeiro esculca no uso deste adxectivo na bibliografía clásica viguesa e logo procura (sen fortuna) a súa presenza nos primeiros documentos vigueses: o do preito entre veciños de Vigo e Canadelo en 1097, onde aparece o nome de Vigo, pasando pola primeira referencia como vila (1234) e o paso da súa xurisdición ao Arcebispado de Santiago, até a súa primeira expansión como vila portuaria durante o reinado de Juan II e o aumento de poboación en 1497 cando Santa María de Vigo adquiriu rango de colexiata. Lamas identifica entre documentos privados do XVII e XVIII fórmulas que adornan o nome da vila de Vigo como «moi nobre e leal», mais sen carácter oficial.

Xaora, a cerna da investigación sobre a suposta fidelidade viguesa atópaa Jorge Lamas no documento do 27 de outubro de 1810 do Consello de Rexencia que lle outorga a Vigo o título de «cidade leal e valorosa», sen esquecer que esta condición a libera do pago dos impostos correspondentes por todos os servizos ao acceder á categoría de cidade. Distinción viguesa que provoca un preito con Tui, que se considera prexudicado economicamente, e se alongará case unha década na que Vigo contará cun apoderado en Madrid para representar os seus intereses na Corte. Lamas conclúe que se ben non hai respaldo legal nin documental para o inclusión de «fiel» no título da cidade, foi legalizada na sesión plenaria do 7 de abril de 1987, como sucedeu co escudo, no que se insire o lema da cidade. Peza heráldica cuxa evolución tamén nace das consecuencias políticas da Reconquista e das Cortes de Cádiz, que o 6 de agosto de 1811, aprobaron un decreto polo que «serían incorporados á Nación todos os señoríos xurisdicionais de calquera clase e condición». O que no caso de Vigo levou a que a corporación solicitase a substitución da cuncha, que representaba ao señorío de Compostela, por unha árbore, a oliveira, representación do novo mundo, onde Jorge Lamas, atopa a orixe do actual escudo vigués, ao que en 1949 se lle incorporaría un toque mariño.

Recomendo estoutra alfaia da historia viguesa de Jorge Lamas, outra chave para entender o Vigo contemporáneo e as raíces da vila milenaria e da cidade centenaria que é.

 

O galego, ben da humanidade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o futuro da lingua, a raíz doutro texto de Xosé Luis Barreiro Rivas, «Ningunha lingua é eterna»:

Un amigo fíxome chegar o artigo de Xosé Luis Barreiro Rivas «Ningunha lingua é eterna» publicado no xornal conservador da Coruña. Non fixo falta ser o inspector Caldas para concluír que o articulista quedou irritado coas enquisas pre-electorais, que aventuran un excelente resultado para o BNG. Pouco tardou o veterano político de Forcarei en coller o lanzachamas da «imposición do galego» e da utilización por parte dos nacionalistas do idioma. Xaora, baixo a aparente retranca e a pretensión delirante de contar cunha lingua universal co 60 % de palabras inglesas, chama a atención que quen foi vicepresidente da Xunta de Galicia, cando se aprobou a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e que foi principal responsable da apertura da Radio Galega (1984) e TVG (1985) e do carácter monolingüe das súas programacións, trasacordase e pretenda agora cun chaplaso nunha columna se desentendese das políticas públicas de uso e fomento do galego das que foi responsable.

Sen intención de enredar o palangre, agoiro que este texto non é só unha chiscadela de ollo aos electorados de Democracia Ourensana e VOX, partido fascista que esixe ao PPdeG a derrogación das políticas lingüísticas. Tras o fracaso do decreto 79/2010 de Plurilingüismo, que retirou xa ao galego das aulas das escolas infantís, os populares estarían dispostos a asumir un novo retroceso: a desregularización da utilización do idioma nas administracións públicas, incluídas as educativas e os medios de comunicación públicos. O galego quedaría a intemperie ao abeiro da escolla que cada falante. Noutros termos: «o galego só para quen o quera». Avalado polo vello argumentario da «imposición del gallego», xa utilizado (con éxito) polo PPdeG en 2009, con Rueda á cabeza, doutrina á que agora Barreiro engade a necesidade de «aforrar as subvencións» que reciben as editoriais, empresas que para el «editan libros con forceps» para «un nicho cultural». Barreiro traballa para quecer adiantando o discurso que poidan necesitar Feijoo e Rueda, sen importarlle utilizar afirmacións falsas, como as referidas as axudas de pouca monta que recibe o sector editorial galego, ou o que é máis grave, obviar o marco xurídico estatutario que recoñece a pluralidade lingüística, a cooficialidade e o galego como lingua propia.

Non é inocente este artigo de Barreiro, escrito para «darlle unha pensada» ao tema do galego. Un texto que nos devolve quince anos atrás, cando Feijoo decidiu rachar co consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua de 2004. E coma fixeramos entón non está de máis lembrar que o idioma non é de ninguén, porque é de todos, que o galego non é de onte nin de hoxe porque é de sempre. A lingua non se protexe nin se preserva para a cidadanía galega actual, senón que se garda e continúa –como lle escoitamos ao escritor Xabier DoCampo– para os de sempre, para os que foron, para os que son e para os que han ser. Como debería coñecer  Barreiro que a lingua nin sequera é patrimonio dos que a usan, senón que é un ben da humanidade enteira. Patrimonio inmaterial para preservar, coidar e estender no seu uso, como para entregar con xenerosidade e orgullo aos nosos fillos e fillas e os netos e netas, coa intención de que se fagan responsábeis da cadea que tamén eles haberán de transcender.

Falamos a lingua que recibimos con amor das nosas familias, a que levan as palabras de aloumiño da infancia nosa, as que conteñen as que expresan o noso xeito de estar no mundo. A alma dun pobo é a súa cultura propia e o seu instrumento é a lingua. Así dicimos na fala galega viguesa: barolo, berete, canicouva, chiflaso, feixón, lestre, meniña, pachán, pisco, raparigha, sudre, torreiro, vitrasa, ou xira, entre outras. E expresamos as nosas emocións en frases, como as recollidas por Moncho Seixo no libro Non todo o que cae na rede é peixe (Morgante 2026): «a Cidade da Oliveira» para referirse a Vigo ou «facer barro coas orellas» para expresar que unha actividade foi moi ben. Palabras e frases que fan de nós o que somos.

Doulle razón a Barreiro Rivas cando identifica un retroceso no uso do galego, mais xa non acredito que sexa inevitable a súa desaparición coma el imaxina. Os sociolingüistas reclaman para conservar un idioma unha cidadanía comprometida coa preservación do seu patrimonio inmaterial máis valioso. Argumentan que ninguén imaxina que a fachada do Obradoiro puidese botarse abaixo, tras identificar algunhas gretas na súa estrutura; abondaría para conservala contar con recursos suficientes para reparala. Outro tanto sucede coa lingua nosa, non imos deixala morrer porque identifiquemos algunhas fendas, certo que moi grandes; é imprescindible que tanto os poderes públicos como a comunidade de falantes asuma a obriga de reparalos. E non habería que darlle unha pensada a esta tarefa?

Lix primeiro piar da edición galega

Coincidindo co aniversario do nacemento do escritor dinamarqués Hans Christian Andersen o 2 de abril celébrase o día internacional do libro infantil e xuvenil. Promovido polo IBBY, do que Galix é a sección galega, neste 2026 correspondeu a oficina chipriota convocar o día co lema «Sementar historias e o mundo floreceu» que recoñece o valor dos libros e da lectura e a súa potencia para mellorar o mundo nun momento tan fráxil e complexo da historia do propio planeta.

Data que constitúe unha oportunidade magnífica para pulsar o estado da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) que tras a pandemia consolidouse como piar da edición galega, tanto polas cifras do volume de edición e facturación como pola calidade e diversidade da oferta das vinte editoras que publican libros infantís en galego, dende as especializadas dende hai case tres décadas (Kalandraka e OQO), pasando polas aparecidas nesta terceira década do século XXI (Aira, Algar, Antela, Boadicea, Bolanda, Cuarto de Inverno, Fosfamina, Patas de peixe, Pepa a Loba, Retranca, Triqueta Verde, Verdemar, entre outras), nun subsector onde continúan tendo un peso moi elevado as coleccións de lecturas graduadas das editoras xeralistas e educativas, como Baía, Cumio, Galaxia, Hércules, Galaxia, Rodeira, Tambre e Xerais.

Abonda con analizar os datos dos cadros, referidos a edición das editoras da AGE en 2024, para entender que a LIX, na que incluímos a edición de cómic, é o primeiro piar do sector xa que supón o 37,60 % dos títulos publicados (321), o 39,80 % dos exemplares impresos (máis de catrocentos mil) e o 39,40 % da facturación (10,84 millóns de euros), conformando ademais o 27,70 % do catálogo (con 6.489 títulos).

Liderado actual que se foi consolidando dende hai unha década, cando as editoras educativas da AGE aproveitaron a súa rede de promoción escolar e aumentaron a súa oferta de LIX coa intención de compensar a diminución do libro de texto e os recortes das axudas para compra de novidades e para a publicación de materiais didácticos.

Unha estratexia que levou a que en 2015 o que chamamos «edición educativa» (texto + lix) supuxo o 75,00 % e a «edición xeral» (literatura + non ficción) o 25,00 %. Porcentaxes de edición que se equilibraron un pouco en 2024 cando a educativa baixou un 70,60 % e a xeral 29,40 %, o que amosa que na última década se consolidou o peso decisivo da edición dirixida aos centros escolares.

Cifras da LIX que poden ser entendidas mellor se comparamos as de 2007, 2025 e 2024, nas que se aprecia que se ben diminúe o volume de edición, tanto de títulos (-31,26 %) como de exemplares  (-62,63 %), como da tirada media (-45,90 %), se duplican tanto os títulos de catálogo como a facturación, o que podemos entender como unha mellora da xestión editorial da LIX. Cifras todas elas que no marco da crise do conxunto do sector, que reduciu tanto vendas como volume de edición, expresan a resiliencia do mercado interior do libro infantil galego, que mesmo comeza a ser atractivo para editoras radicadas fóra de Galicia.

Non dispoñemos de datos do mercado de exportación, liderado de forma indiscutible por Kalandraka, premio nacional ao mellor labor editorial cultural 2012, que publica en sete linguas e posúe selos propios en Portugal e Italia, considerada unha das mellores editoras europeas de LIX. A ampliación deste mercado exterior é un dos retos do subsector, para o que é imprescindible contar cunha estratexia de proxección internacional da que carece a edición e a lingua galega.

Xaora, particular importancia ten na situación da lix actual o éxito do modelo de bibliotecas escolares, tanto no referido ao Plambe (Plan de Mellora) como a proxectos como Biblioteca Creativa ou Clubs de Lectura. Os fondos destinados a estes programas, sobre todo para adquisición de novidades e renovación de coleccións contribúen a incrementar a facturación do sector da LIX, como se reflicte nos cadros. Pola contra, a oferta de libro infantil e xuvenil en galego e en formato epub aínda está moi por baixo da oferta do libro de narrativa, como se pode comprobar consultando o catálogo de GaliciaLe. Outro tanto sucede no catálogo reducido dos programas de lectura inclusiva, sexa de audiolibros e de lectura fácil, para os que a Consellaría de Cultura destinou en 2025 unha partida específica de axudas para promover esta oferta.

Por último, afecta tamén ao desenvolvemento (e visibilidade) da LIX os festivais arredor do xénero e da lectura como O Salón do Libro de Pontevedra, Viñetas desde o Atlántico da Coruña, Hematofesti de Vigo e Culturgal de Pontevedra, xa consolidados e dirixidos a un público familiar. Outro tanto sucede coa proliferación de premios de lix, algúns de moi baixa dotación e edición pouco coidada, entre os que botamos en falta, porén, un premio ao mellor libro infantil e xuvenil do ano, como no seu día foi o Rañolas, que podería ser patrocinado polas catro deputacións e organizado por Galix, para presentalo entre os seus candidatos bienais da Lista de Honra do IBBY.

Publicado en Nós diario: 31/03/2026