Dous aeroportos, catro terminais

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación aeroportuaria en Galicia:

Cando viaxamos a un destino europeo, temos como primeiro referente os ofrecidos polo aeroporto Sã Carneiro. Utilizáronos moitos celtistas para voar de Porto ao euroaeroporto compartido por Basilea (Suíza) e Mulhouse (Francia), cidades a 30 km de distancia e a 70 km do Europa-Park-Stadion de Friburgo (Alemaña). Primeiro aeroporto binacional do mundo, construído por Suíza en territorio francés, dispoñendo de tres saídas a outros tantos países na proximidade da Alsacia e da Selva Negra. Unha idea de colaboración aeroportuaria moi rendible para tres cidades de tres estados diferentes.

A diaria con Basilea é outra conexión excelente do aeroporto do Porto que pechou 2025 con 17 millóns de pasaxeiros e 120 destinos directos, o que triplica a actividade dos tres aeroportos galegos xuntos (5.507.587), ocupando unha das corenta prazas de terminais europeas con máis tráfico e sendo a principal entrada á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e do Camiño Portugués. Aeroporto para o que está prevista unha ampliación, que incremente as 24 operacións por hora actuais e permita superar os 20 millóns de viaxeiros.

Expertos da información aeroportuaria estiman que entre o 10 % e o 12 % dos viaxeiros da terminal do Porto son galegos ou van a Galicia, o que supón 2.000.040 de asentos, que se nun exercicio especulativo engadiramos as cifras das terminais galegas, acadarían os 7.507.627 de viaxeiros. Cifra que, en todo caso, estima de forma verosímil a actividade aeroportuaria galega en 2025, distribuída entre as catro terminais do noroeste peninsular: Rosalía de Castro, 3.107.587 (41,39%); Sã Carneiro (26,64%); Alvedro, 1.300.000 (17,32%) e Peinador, 1.100.000 (14,65%). Datos que expresan tanto a situación crítica dos nosos tres aeroportos, como a existencia dunha importante demanda de mobilidade aérea en Galicia, sobre a que pretende continuar medrando a terminal portuense que, ademais, prepara a súa estación intermodal de Maia, que formaría arte do previsto eixo atlántico ferroviario, o que pasaría por Vigo Urzaiz.

Xaora, os datos son aínda máis concluíntes se tomamos en conta os traxectos internacionais, onde o liderado de Porto é avasalador, xa que dos 2.766.413 destes viaxeiros con orixe ou destino a Galicia, o 72,30 % entra ou sae por Portugal. Os aeroportos galegos confórmanse con 766.373 destes clientes, dos que 585.886 corresponden a Santiago (o 21,18 % do mercado do noroeste peninsular e o 76,45 % do galego); 127.335 a Alvedro (9,60 % e 16,61 %); e 52.952 a Peinador (1,91 % e 6,90 %). Cifras dunha situación crítica dos tres aeroportos galegos, incapaces de competir coa terminal internacional portuense, na que o Goberno luso leva investido moitos cartos. Colapso da política aeroportuaria galega, baseada nas subvencións dos concellos ás aeroliñas, unha chantaxe continua, que nada tiña que ver cos resultados dun servizo de transporte aéreo sostible. Peches abruptos, como os da base de Ryanair en Compostela ou a de liñas rendibles como as de Vigo-Londres (Stansted) ou A Coruña-Londres (Heathrow), obrigan a repensar ese modelo de promoción de destinos, no que outros gobernos autonómicos continúan confiando.

Nesta situación tan precaria do modelo aeroportuario galego, incapaz de facerlle fronte ao xigante portugués, aparece a proposta fóra de lugar do Cluster do Turismo de Galicia, entidade empresarial regada con axudas públicas da Xunta de Galicia. Proposta disparatada a deste lobby compostelanista que, porén, obriga a intentar desnobelar esta madeixa de tres terminais con tráficos, sobre todo, nacionais, no que cada quen pretende salvar a súa, sen importarlle que esta sexa unha cuestión de país, á que cómpre darlle unha saída compartida. E para iso é imprescindible sentar na mesma mesa a AENA, xestora aeroportuaria do Goberno de España; a Xunta de Galicia, coa competencia na promoción turística, e os tres concellos con aeroporto para valorar recursos, necesidades e tempos.

Sabendo que me chamarán inxenuo, ese sería o foro axeitado onde debater e acordar as bases para a creación dun único aeroporto de Galicia, que contase coas tres terminais actuais (Vigo, Compostela e A Coruña), unidas por autoestrada por traxectos dunha hora e media. Idea desrutiva e estruturante de colaboración e competencia coma a do citado euroaeroporto de Basilea e Mulhouse. Só cunha oferta única, ao tempo que acaroada ao que cada territorio precisa, se podería aspirar a incrementar destinos internacionais, roubándolle viaxeiros galegos a Sã Carneiro, ao contarmos con conexión cos hubs principais, Madrid, Barcelona, Lisboa, Londres, París, Frankfurt… O futuro serían dous aeroportos competindo sobre o territorio da vella Gallaecia con catro terminais en funcionamento para sete millóns de persoas. Será posible?

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *