Onte 658: Sobre o estado da edición

Miss IPE tivo a deferencia de facerme unha entrevista para publicar no seu blog da editorial Ideas Propias. Agradecín a iniciativa tanto pola xenerosidade de incluír as miñas opinións no blog dunha das empresas do noso sector coma polo feito de obrigarme a volver a reflexionar sobre a actual situación do sector. Transcorrido xa a metade deste horribilis 2013, ás portas da preparación dos orzamentos do vindeiro ano e da posibilidade do comezo da implantación da lei Wert, non é doado expresarse coa mesura e o optimismo da vontade que a min me prestan. Todos os datos dos que dispoñemos amosan que nos últimos dezaoito meses se profundizou o retroceso nas vendas do conxunto do sector do libro, tamén do libro en galego, ao tempo que aumentou de forma moi significativa a oferta dixital. Senllas tendencias que consolidan a situación crítica do sector da edición neste momento de tránsito, xunto á práctica renuncia das administracións públicas de asumir as súas responsabilidades na promoción das políticas de lectura. Con todo, tras a paréntese do verán e das feiras do libro de Vigo e da Coruña, e xa cos datos do estudo de Comercio Interior do Libro 2012, que se publicará no vindeiro mes de setembro, poderemos facer un diagnóstico máis preciso dunha crise cada vez máis disruptiva.

Onte 657: O anxo de Marina Mayoral

Acompañamos a Marina Mayoral na presentación en Couceiro da súa novela máis recente O anxo de Eva. Foi Xesús Alonso Montero, o presidente da Academia Galega, quen glosou a novela e os escritores Berta Dávila e Alberto Ramos os que pecharon a presentación coa lectura do primeiro capítulo da obra.

Comezou o seu discurso Alonso Montero confesando que «eu non son lector de novelas». A seguir, expresou que «a novela como xenero hoxe non me atrae poderosamente. Cando alguén chega a certa altura da súa vida coma min, a literatura narrativa que frecuento é a que visitei cando era novo da man do meu profesor do Bernardino Graña. Eu fun dos que leu o Quixote á lus do candil, en 1942, cando na miña casa aínda non había luz eléctrica. Dende entón lino sete veces e media. Gústame abrir o Quixote ao chou e escoitar falar a Quixote e Sancho. Os vellos deben ler poesía e ensaio. Porén, hai circunstancias que aconsellan tamén ler narrativa actual, como é o caso de cada unha das novas novelas de Marina Mayoral». Continuou o presidente da Academia expresando o seu entusiasmo pola obra, «estou encantado coa novela» e aventurando que «vai ter éxito entre os lectores esixentes e tamén a aqueloutors que lle piden á novela amenidade e un pouco de entretemento».

Lembrou despois cando coñeceu a Marina Mayoral, con motivo da presentación da súa tese de doutoramento sobre Rosalía de Castro, prologada por Rafael Lapesa, «o que me produciu unha emoción especial, xa que é un dos meus filólogos máis admirados». Considerou afortunado O anxo de Eva, «un título atractivo e acaído». »É unha novela coral escrita co esmero e minucia coa que se fai un tratado de reloxaría, como fixo Cela coa Colmena». «Ademais de Eva, unha rapaza de trece anos superdotada con algúns problemas, hai unha chea de personaxes, entre os que o meu preferido é Evarista, a avoa, unha muller que le o texto da realidade, o personaxe máis sensato, capaz de converter a novela en exemplar». Rematou Alonso Montero cualificando O anxo de Eva como «gran novela» e salientando que a súa lingua «constituía unha festa filolóxica». «Como construción lingüística é perfecta, tanto pola pulsión coma pola vitalidade do idioma utilizado».

Pola súa banda, Marina Mayoral centrou a súa intervención en reflexionar sobre a construción do personaxe, «un tema central na escrita de calquera novela». «Cada personaxe ten que aparecer na cabeza do narrador. Debe posuír raíces». Salientou que n’ O anxo de Eva, como noutras novelas súas anteriores, «están moi presentes dúas amigas, xa que creo que o amor normalmente non dura toda a vida, mentres que a amizade é perdurable». Rematou insistindo na súa convicción de que «é o lector quen debe sacar conclusións». Con todo, sinalou que «pretendeu coa presenza do ser alado expresar a irrupción do misterio no devir do cotián». «Acredito na frase de Unamuno, “no fondo da conciencia máis consciente de quen non cre, sempre hai unha voz que di: quen sabe? “, é coma un mosca que zoa na tempestade», rematou.

656: En Pontevedra coa «Causa Lueiro»

A presentación en Pontevedra do libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey concitou grande interese. Como sucedera o sábado no Grove a libraría Paz quedou pequena para acoller aso asistentes nun acto no que se lembrou en repetidas ocasións a relacións de Lueiro coa cidade de Pontevedra, na que traballou como funcionario de Facenda.

Foi Ramón Nicolás, o coordinador do volume, quen primeiro lembrou este vínculo afectivo de Lueiro coa cidade de Lérez retratado en artigos inesquecibles en Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Tras a lectura de varios fragmentos dun deses artigos, Nicolás rematou as súas palabras lendo un texto autobiográfico de tres páxinas preparado por Lueiro nos anos oitenta. Uns minutos de intensa emoción prolongada por un aplauso moi longo.

Despois interviu Luís Cochón que leu o texto titulado «Lueiro na crista do galo», onde gabou a importancia da figura literaria do autor d’ O sol na crista do galo e a súa dimensión humana. Rematou Cochón con estas fermosas palabras: «Meu amigo era un home de ben, de peso, ponderado, honrado por demais, entregado á amizade da xente boa do seu tempo, e á boa xente nova que tanto lle quixemos. Manolo Lueiro pasounos o testigo da vella lexitimidade dos homes de ben da República. Canto de valor sucede na humana condición. Soubo estar sempre por riba das circunstancias, no nivel de excelencia que para el comportaba o feito de ser persoa. Cando nun individuo se dan excelencia da persoa e supremacía da palabra: o home íntegro, e a creación admirable que nos deixou en herdo, non se pode pedir máis. Convén que se saiba e que o saiban nesta terra que foi a súa».

A próxima parada da »Causa Lueiro» será en Fornelos de Montes, o berce natal de Lueiro, no mes de xullo, en data aínda por derterminar, onde se presentará este libro dos amigos que tanta emoción e intererese está suscitando.

Onte 655: 6,5

A posición aparentemente teimosa do ministro Wert defendendo un corte social no acceso á universidade é coherente coas opcións máis ortodoxas da política educativa liberal onde non teñen cabida os principios de equidade e a igualdade de oportunidades. Amparado tras os conceptos de «esforzo» e «excelencia», coma outros roubados á esquerda, Wert coa súa «inocente» política de bolsas pretender ir diminuíndo progresivamente o alumnado das universidades españolas, redireccionándoo cara á nova formación profesional. Non esquezamos que a LOMCE, coa súa segregación temperá en 4º de ESO e coa creación dunha formación profesional paralela aos bacharelatos, camiña en idéntica dirección. En definitiva, o 6,5 non se trata só da teimosía dun ministro atrevido, simboliza a ruptura co modelo actual dunha educación universitaria pública para toda a cidadanía e a aposta por unha educación superior cada vez máis privatizada e de menor equidade.

Onte 654: A noite das cacharelas

Debatemos hai un par de días arredor da grande diversidade de nomes que recibe no país de  noso o lume novo da noite de san Xoán. Semella que para os meus amigos Galicia divídese entre os territorios das «cacharelas» e  o das «lumeiradas». Entre os participantes na conversa «cacharelas», «cachelas», «cachadas», «cacheiras», «fogueiras» ou «fogueiradas» serían as denominacións máis populares dos lumes nas Rías Baixas e nas Terras de Santiago; mentres que «lumeiradas», «lumeradas», «laradas», «lumaradas» ou «luminarias» o serían nas terras ártabras. En todo caso, sexa cuns nomes ou con outros, a do lume novo é unha festa popular que mantén en todo o país o seu maior pulo para celebrar a chegada do verán, que desta volta semella quedará con nós (polo menos durante unha semana). Alá foron na noite de onte coas cancelas e coa cachifallada toda, os peores agoiros deste tempo ruín. Os mellores desexos e as mellores lecturas para o verán!

A luz de Díaz Castro

No artigo da semana en Faro de Vigo fago un primeiro achegamento a Xosé María Díaz Castro, o poeta chairego que será homenaxeado o 17 de maio de 2014.

A elección pola Real Academia Galega de Xosé Manuel Díaz Castro como figura do 17 de maio de 2014 homenaxea a un poeta de formas clásicas de orixe chairega e a un libro, “Nimbos”, considerado como un dos maiores logros da literatura galega do século XX.

Nacido en 1914 na casa de Cidre de Vilariño dos Cregos, unha das aldeas da parroquia dos Vilares de Parga, no concello lucense de Guitiriz, formou parte do que Carballo Calero chamou “Escola de Cantores de Natal” do Seminario de Mondoñedo, onde se forxou como ávido lector e alicerzou a súa cultura humanística. Para Alfonso Blanco Torrado, o seu primeiro biógrafo e valedor á fronte da Asociación Cultural Xermolos, aqueles sete anos mindonienses, nos que amigará con Aquilino Iglesia Alvariño e coñecerá a poesía de Noriega Varela e Crecente Veiga, período formativo no que recibirá tamén o impacto do latinista Francisco Fanego Losada, “axudaron a Díaz Castro a perfilar e madurar a súa vocación de escritor”.

Será naquel Mondoñedo da Segunda República, impregnado polos aromas das conversas da barbaría do Pallarego, onde o poeta dos Vilares comezou a recoller os seus primeiros versos nuns “cadernos de poesía” titulados “Follas verdes” (cantares e romances, 1934) e “Follas ao vento” (1932-35), que quedarían “perdidos”, en realidade nunca editados, aínda que “sempre activos e vivos no seu arquivo nostálxico”. Senllos “libros perdidos” aos que acudiría decote “para resgatar da memoria algún poema na busca da luz e da aurora”, como salientou o seu biógrafo.

Cando estoupou o levantamento militar de 1936, como membro da quinta do 35 foi destinado ao Corpo de Sanidade Militar da Coruña. Durante apenas unha semana serviu como practicante na fronte de Asturias, para ser trasladado despois á clínica militar do Hospital de Pontevedra. Rematada a Guerra, abandonou de forma definitiva o seminario mindoniense. Chamado por Iglesia Alvariño, en 1940 trasládase a Vilagarcía de Arousa, onde durante sete anos exercerá como profesor no colexio León XIII, ensinando latín e inglés e continuando a aprendizaxe doutros idiomas, unha das súas maiores paixóns, que o levará a dominar unha decena de linguas.

Tras abandonar Arousa, procurará en Madrid un novo futuro. Durante tres anos traballará en centros privados como profesor de linguas, incorporándose como tradutor do Ministerio da Gobernación. En 1952 ingresou no Instituto de Cultura Hispánica, onde se encargaría durante catorce anos dos servizos de tradución de francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas. Traducirá profesionalmente tamén para o Instituto do Frío do CSIC e para diferentes editoriais privadas textos de poetas como Yeats e Rilke. Durante a súa estancia en Madrid nunca perdeu o contacto coa súa terra nin coa escrita en galego. Colaborou coa viguesa revista “Alba” e mantivo en “La hoja del lunes” da Coruña a sección “Anecdotario humorístico”, protagonizado por un paisano bautizado como “Antón do Foxo”, asinando co alcume de “Castelo”.

O fito fulcral da súa traxectoria literaria será a publicación en 1961 por parte da editorial Galaxia de “Nimbos”, onde recolleu trinta e dous poemas escritos ao longo de varias épocas, mais todos eles, en palabras de Otero Pedrayo, “reflexos da unidade dun vivire”. Pezas que o poeta de Guitiriz definía como “fragmentos de min mesmo perdidos”, “Díaz Castro perdido no traxeito dun recordo moi longo”. “O poema é só un nimbo de lus” lemos no primeiro verso da segunda composición deste libro de poemas extraordinario, no que autor concibe a poesía “como unha actividade puramente artística, que constitúe a forma máis perfecta de expresión dos seres humanos e as súas relacións”. Fuxindo do descritivismo paisaxístico e de calquera xeito de costumismo, sen perder unha miga da fala popular chairega e brañega, Díaz Castro condensa en palabras de xigante e metáforas de luz e sombra a súa ollada sobre a vida e a morte, sobre o amor e a emigración, sobre a xustiza e a beleza, sobre o paso do tempo e a súa patria galega. Poemas inesquecibles como “Monumento á ausencia”, “Terra achaiada”, “A cerna” ou “Penélope”, onde quizais atopamos a definición poética máis emocionante, tamén a máis dolorosa e actual, das que se teñen feito sobre o país noso: “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se espreguiza. / Aran os bois e chove”.

Tempo haberá para continuar cernando sobre un poeta esencial e austero, un clásico humilde, que escribiu algúns dos versos máis inesquecibles agromados en galego: “A luz do mundo é a que arde nunha bágoa”, “Cruel, cruel, cruel, realidade!”, “O verdadeiro amor enferra en neve”… Como tempo haberá ao longo dos meses vindeiros para afondar na traxectoria humana e literaria de quen na súa lápida no cemiterio de Guitiriz reza: “A beleza feriume para sempre”.

Onte 653: No Grove coa «Causa Lueiro»

A presentación no Grove de Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, o libro de homenaxe ao autor d’ O sol na crista do galo, foi un éxito rotundo. A Galería Besada quedou moi pequena para acoller a máis dun cento de persoas que vibraron de emoción coas palabras de Ramón Nicolás, o coordinador do volume no que colaboraron cincuenta persoas, e de Luís Cochón e o profesor Xesús Alonso Montero. Ademais de agradecer a colaboración dos autores e autoras dos textos do libro e o compromiso da familia Lueiro Lores, os oradores salientaron a vixencia da «Causa Lueiro», tanto pola importancia do conxunto da súa obra literaria e o seu latexo popular como polo o modelo da súa figura moral e política. O vindeiro martes, repetirase a presentación na Libraría Paz de Pontevedra ás 20:00 horas. Alí estaremos.

Onte 652: Díaz Castro

Aledoume o serán coñecer o nomeamento do  poeta chairego Xosé María Díaz Castro como figura do 17 de maio de 2014. O autor de Nimbos e de poemas inesquecibles como «Penélope», «Monumento á ausencia», «Terra achaiada» ou «A cerna» ben merecía esta homenaxe, maís aínda no ano do seu centenario. Tempo haberá para continuar cernando sobre un poeta  esencial que escribiu algúns dos versos máis inesquecibles agromados na nosa lingua: «A lus do mundo é a que arde nunha bágoa». No cemiterio de Guitiriz, na súa lápida pódese ler a frase: «A beleza feriume para sempre». Beizóns a Alfonso Blanco Torrado, presidente de «Xermolos», primeiro biógrafo do poeta dos Vilares, á comunidade educativa do IES Díaz Castro de Guitiriz e a todas aquelas persoas que teimaron pacientemente da candidatura diazcastriana. Volveremos decote sobre  o poeta dos nimbos de luz.

Onte 651: O consumo de papel

Leo que o consumo de papel para prensa e impresión de libros caeu un 36% dende o inicio da crise en 2008. Unha porcentaxe elevadísima, mais cribel se temos en conta a redución das vendas de xornais e libros no mesmo período. A información, achegada por Aspapel, asociación de fabricantes de papel, atribúe o descenso de 2009 aos bruscos efectos da crise económica, mais o do pasado ano «á irrupción dos novos formatos electrónicos». Porén, o sector papeleiro compensa esta baixa co incremento da produción de tisú e cartón para embalaxe e produtos hixiénicos e sanitarios. Unha radiografía ben interesante do díficil tránsito que vive o sector da edición, da prensa e das artes gráficas no entorno da crise deflaccionaria e da disrupción da comunicación dixital.

Onte 650: Messi

Tras a imputación de Messi por fraude fiscal, o seu xogo da serpe paréceme moito menos excitante e fermoso. A partir de agora, inevitablemente, cada vez que Lionel canee aos seus defensores a velocidade de vertixe, non só estarei vendo a un extraordinario futbolista, quizais o mellor do noso tempo, tamén a un cidadán que semella non respectou as súas obrigas colectivas. Todos os servidores públicos, tamén as persoas que gozan do aprezo social (como os artistas e deportistas de elite), teñen a obriga engadida de ser referentes sociais (e mesmo morais), xa que funcionan como «modelos» para a opinión pública. Non se pode diferenciar o deportivo do público e do político. Eis a cerna desta presunta fraude coa que Messi perdería a súa inocencia e candidez.