Onte 632: A proeza da canteira

Os celtistas quedaremos sempre agradecidos pola vitoria da Real en Riazor, que nos permitiu conservar a categoría e vivir uns instantes de ledicia tan intensa coma fugaz. Mágoa que esta permanencia fose a costa do Deportivo do noso admirado Fernando Vázquez. Mais o malfado destas vidas galegas cruzadas só é explicable co sintagma «fútbol é fútbol» que define un deporte (tamén un formidable negocio) capaz de desbordar a emotividade colectiva co xogo inocente do azar e as súas combinacións. Dende ese punto de vista, a permanencia do Celta foi unha sorpresa, máis ben unha proeza, se temos en conta as súas escasas probabilidades matemáticas para evitar o descenso. Mais tamén, con maior acougo na análise, é un feito explicable, se valoramos a fe teimosa do equipo noso (sobre todo do adestrador Abel Resino) en confiar nas súas propias posibilidades e en evitar dar nada por perdido. Con todo, a pesar dos erros na xestión do cadro de xogadores (Pranjic, Demidov, Park, as fichaxes internacionais, quedaron no palco, fóra da convocatoria), o éxito deste Celta radicou na consolidación do proxecto da canteira da Madroa. Seis ou sete xogadores da casa por partido, once nesta convocatoria decisiva fronte ao Espanyol, explican tanto o éxito como a fraxilidade que arrastrou esta Celtiña das nosas angueiras. O mellor xogador de onte foi o porteiro Rubén Blanco, un rapaz que vai para figura e non rematou aínda o Bacharelato. O gol da permanencia naceu das biqueiras de fantasía de Iago Aspas, que agardo triunfe e madure como xogador desequilibrante na Premier League. A xestión dos inquedantes minutos finais correspondeu a Borja Oubiña, o cabezaleiro desta xeración de futbolistas galegos. A clave do éxito radicou nos canteiráns, aí está a orixe da proeza que onte celebramos. A pesar da marcha de Iago Aspas e Roberto Lago, a continuidade do proxecto de canteira a vindeira tempada está asegurada coa incoporación ao primeiro equipo de valores como Rubén, Santi Mina e Madinda, tres xogadores cunha fantástica proxección. A partir de finais de agosto, volveremos a emocionarnos en Balaídos. Arriba corazóns celestes!!!

Grazas ao pintor Antón Pulido que preparou esta imaxe para abeizoar aos celtistas.

Onte 631: Cambia de papel

No marco do excelente programa do II Festival Primavera do Cine de Vigo asistimos á proxección de Cambia de Papel, o documental (35 minutos) de María Reimóndez, Luís Tosar e Kutti Revathi. Fuxindo dos perigos do naturalismo exotizante, o equipo de dirección consegue unha narración desde dentro do proceso de transformación dun grupo de mulleres excluídas de Tamil Nadu. Utilizando as cartas como ferramenta narrativa, cada unha das once protagonistas desvela na súa voz a súa experiencia de transformación. No caso das nove mulleres do distrito de Salem, onde a ONG Implicadas leva traballado dende hai quince anos coa súa contraparte PDI, relátase o seu proceso de empoderamento; no caso de María Reimóndez e Luís Tosar, membros de Implicadas, a súa experiencia de «transformarse para transformar». Todas e cada unha destas testemuñas teñen o seu celme intransferible, persoal e único. En todas cóntanse en primeira persoa cousas importantes, nalgúns casos moi importantes para o contexto da sociedade tamil. En todas hai unha reflexión que interpela á espectadora, que remoe o seu conformismo. Ademais, grazas a o traballo de montaxe moi minucioso de Jorge Coira, cada unha das historias vai enlazando coa seguinte, construíndose dende a voz da outra, un procedemento que permite identificar ese fío polo que as mulleres en situacións moi complexas son capaces de saír delas utilizando estratexias de colaboración e axuda. Unha raíz inequivocamente feminista impregna esta película fermosa capaz de desmontar os prexuízos e os tópicos que temos da pobreza ou da imaxe da India de National Geographic. Dende o afortunado título, toda a película é unha metáfora do cambio sementando gromos de esperanza. Parabéns a todas as persoas que participaron neste traballo colaborativo.