Onte 658: Sobre o estado da edición

Miss IPE tivo a deferencia de facerme unha entrevista para publicar no seu blog da editorial Ideas Propias. Agradecín a iniciativa tanto pola xenerosidade de incluír as miñas opinións no blog dunha das empresas do noso sector coma polo feito de obrigarme a volver a reflexionar sobre a actual situación do sector. Transcorrido xa a metade deste horribilis 2013, ás portas da preparación dos orzamentos do vindeiro ano e da posibilidade do comezo da implantación da lei Wert, non é doado expresarse coa mesura e o optimismo da vontade que a min me prestan. Todos os datos dos que dispoñemos amosan que nos últimos dezaoito meses se profundizou o retroceso nas vendas do conxunto do sector do libro, tamén do libro en galego, ao tempo que aumentou de forma moi significativa a oferta dixital. Senllas tendencias que consolidan a situación crítica do sector da edición neste momento de tránsito, xunto á práctica renuncia das administracións públicas de asumir as súas responsabilidades na promoción das políticas de lectura. Con todo, tras a paréntese do verán e das feiras do libro de Vigo e da Coruña, e xa cos datos do estudo de Comercio Interior do Libro 2012, que se publicará no vindeiro mes de setembro, poderemos facer un diagnóstico máis preciso dunha crise cada vez máis disruptiva.

2 comentarios
  1. María Costa
    María Costa Dice:

    Non nos cansamos de agradecerche a túa colaboración. Grazas polas túas reflexións sobre o estado do sector editorial en Galicia (tan crítico nestes intres).
    Está claro que precisamos de apoios gubernamentais que non temos… Cando cambiará a situación?
    Agardamos a ver os datos desalentadores da FGEE en septembro.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará