Celtiña celtista

Cunha vitoria clara sobre un Sevilla salvado, o Celta pechou a tempada, quizais a mellor das tres de Claudio Giráldez. Un Celta xiraldino que competiu con gran nivel na Liga, onde obtivo unha extraordinaria sexta posición, igualando a mellor conseguida hai unha década, como tamén foi excelente o desempeño na Europa League, onde chegou a cuarto finalista e fixo partidos memorables. Tempada na que o cadro técnico de Giráldez enriqueceu o seu xogo propositivo, con variantes e mesmo alternativas, ás que non foron alleos grandes triunfos como visitante, incluídos os do Bernabeu e do Metropolitano, un dos tres mellores do campionato, como non se poden esquecer a súas dificultades en Balaídos, como un dos peores locatarios, que fixeron rosmar a sempre esixente bancada do Fragoso.
Tempada, ademais, na que se consolidou o modelo de xestión da presidenta Marián Mouriño, enraizando o club na súa identidade de equipo de Galicia. Un modelo alternativo á deriva errática, na que o Celta caera co sobrevalorado Benítez, capaz de reconectar co proxecto deportivo de canteira como coa tradición galeguista dos fundadores. Unha arriscada viraxe comunicativa de 360 graos, non exenta de riscos e do pagamento de peaxes inevitables da xestión anterior.
Etapa da presidencia de Carlos Mouriño na que merecen ser destacadas as súas once tempadas consecutivas en Primeira que, coa vindeira, serán xa quince, superando aqueloutra xeira do Celta de posguerra de 45-46 á 58-59. Como, outrosí, colocar ao Celta na décima posición da clasificación histórica, entrando a formar parte do selecto grupo de equipos que superan os dous mil puntos e as sesenta participacións ligueiras. Logros que sitúan ao Celta como o club histórico do fútbol galego, moi por diante do Deportivo, ás portas de derbis futuros, que darán alicientes ao celtismo galeguista.
Na noite do sábado, o celtismo, como Claudio Giráldez e o cadro de xogadores, sabían que a madurez do proxecto esixía recuncar si ou si na Europa League, a competición favorita do Celta. E había que facelo gañando, sen agardar a calquera outro resultado, para continuar facendo historia. Con esa intención, o adestrador porriñés sacou un dos seus once preferidos: a súa defensa habitual de canteira con Marcos Alonso de referente, o tridente atacante de Williot, Borja e Iago e a estrutura media de carrileiros profundos, Carreira e Rueda, e medios potentes, Moriba e Fer López. Equipo que saíu decidido a construír dende as biqueiras de Javi Rodríguez e Yoel Lago, unha feliz revelación de madurez e carácter das oito últimas xornadas.
Por desgraza, ao Celta axiña se lle notou que chegaba ao derradeiro exame coas forzas xustas e non era capaz de saír en superioridade, coa excepción das carreiras de Javi Rueda que por desgraza nunca atopaban rematador. Foi a da primeira sesión un pobre balance para un Celta obrigado máis a defenderse ca de crear superioridades no eido sevillano. Durante o intervalo, Claudio debeu de erguer a voz e obrigou aos seus carrileiros a abrir todo o campo posible. Foron quince minutos excepcionais. Un Celta transformado en tsunami, dirixido por un potente Fer López, o mellor dos celestes, que activou as súas pezas e comezou a producir xogadas combinadas preciosas. Un fútbol electrizante e fermoso, que nos lembrou a de partidos memorables como o de Chamartín, un asedio atacante afouto e incansable, que puido traducirse en media ducia de tantos. Por ventura, gol chegou no 51’, froito dun xutazo de Moriba (por desgraza, probable primeira venda á Premiere) dende moi lonxe da frontal que bateu nun defensa, o que confundiu ao gardameta Nyland.
Co marcador por diante, baixo a treboada que a AEMET anunciara para catro horas antes, os de Claudio acurrularon aos sevillistas. Williot finalizou un ataque cun xute que se desviou uns centímetros do pao. Fer López non chegou a un gran centro de Carreira que, a seguir, recolleu un rexeitamento que transformou nun globo de precisión que bateu na cruceta. Aspas moi xeneroso deixou un balón para que Borja incrementase a súa conta goleadora… Con semellante avalancha, os visitantes, un pouco desmotivados, decidiron salvar os mobles para evitar males maiores. Certo que o Celta cos cambios tamén se organizou para defender o resultado. Xaora, os minutos finais foron incertos, xa que os visitantes tiraron de orgullo con chegadas que obrigaron a dúas grandes intervencións de Radu. O celtismo, sempre paciente e humilde, agardou ao desconto para expresar a súa ledicia e orgullo pola proeza europea cantando «A rianxeira», o himno reservado só para as grandes ocasións.
Así é o Celtiña de Claudio, afouto, humilde, paciente, responsable, intenso, disciplinado, xeneroso no esforzo, un «Celta europeo», sintagma equivalente a «Celta claudio» ou «Celtiña celtista». Gratitude para este Celta que tanto nos emocionou desde o mes de agosto. Coma sempre o de sempre: ala Celta!
Publicado en Faro de Vigo: 25/05/2026

Lemos máis, menos en galego

No esquecemento que sofre o sector editorial galego é doado comprender como foi tan pouco divulgado o informe sobre hábitos de lectura e compra de libros en Galicia (2024), promovido pola Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude. Elaborado cunha mostra de 1.200 entrevistas pola empresa Conecta, autora de informes semellantes para a Federación de Gremios de Editoras de España, ofrece datos de interese que axudan a interpretar as mudanzas de fondo da edición en galego tras a pandemia.

Increméntanse os índices de lectura

Quizais estrañe coñecer que o 69,9 % da poboación galega maior de 14 anos pode ser considerada lectora de libros impresos e que o 24,1 % de libros electrónicos. Como pode estrañar aínda máis que o 96,7 % da poboación lea textos en calquera medio e soporte (libros, xornais, revistas, comics, webs ou redes sociais), que case o 60 % lea e escriba en redes e o 86,2 % sexa o lectorado que utiliza pantallas para a as súas lecturas informativas. Porcentaxes que amosan, ademais dunha converxencia coas cifras da media española, 70,3 %, pechando unha fenda lectora histórica.

Indo ao detalle doutros datos, o índice de lectura por ocio (canto menos unha vez por trimestre) é do 66,2 %, mentres o das persoas que o fan por traballo ou estudos é do 26,5 %. Como está consolidado o fenómeno da hibridación lectora dixital en Galicia, xa que apenas o 43,3 % do lectorado de libros utiliza os soportes impresos, mentres o 6,5 % só libros electrónicos e o 20,1 % ambos os dous soportes; sen esquecer que a utilización de pantallas xa supera l o 95 % da media estatal.

Índices de lectura en galego

Fronte a este incremento do índice lector en Galicia, o referido á lectura en galego como práctica habitual é de 11,8 % da poboación galega maior de catorce anos, que se incrementa até o 59,8 %, se ten carácter ocasional. Ou dito doutra maneira: en Galicia a lingua habitual de lectura é o castelán para o 87,5 % das persoas maiores de catorce anos. Porcentaxe de lectura habitual en galego que diminúe con respecto ao ano anterior, que foi do 12,4 %. Datos que corrixidos co criterio de xénero sorprende que o índice sexa superior nos homes, 13,3 %, que nas mulleres, 10,7 %, o que non se corresponde cos índices da lectura habitual de libros en Galicia, o 76,2 % para as mulleres e o 63,3 % para os homes.

Índices de lectura en galego que, se os desagregamos por idades, poden ser máis esperanzadores, xa que entre a poboación de 10 a 13 anos le habitualmente en galego o 20,7 % e o fan con carácter ocasional o 66,3 %, idade de fronteira entre a infancia e a adolescencia que é a máis lectora da poboación galega. Índice que nas persoas adultas, entre os 25 e os 34 anos, chega ao 15,0 %. Mais se adoptamos un criterio territorial, é a poboación de Pontevedra, co 17,3 %, a máis lectora en galego.

Nembargante, as respostas á pregunta «cal foi o idioma do último libro lido?» ofrecen porcentaxes máis estremas, 6,66 % para un libro en galego e o 91,5 % para un en castelán. As razóns confesadas polas persoas consultadas sobre un comportamento tan desfavorable para a lectura en galego van desde que «o título escollido non estaba editado en galego» (38,6 %) ou que «lle resulta máis sinxelo ler en castelán» (26,9 %). “Razóns”, en ambos os dous casos, que son prexuízos lingüísticos, xa que tanto o catálogo actual do libro galego ofrece onde escoller, xa que conta hoxe con quince mil títulos dispoñibles na rede libreira, como tres xeracións foron alfabetizadas en galego e deberían contar cunha competencia lectora semellante nas linguas oficiais.

Índices da compra de libros

Semellante é o cantar da porcentaxe de compra de libros en Galicia. Así o 57,1 % da poboación galega mercou libros que non fora de texto, unha media de 8,7 ao longo do ano, o que sitúa este índice por riba da media española. Na compra, como na lectura, son máis as mulleres (58,9 %) ca homes (55,1 %), sendo o perfil máis comprador de libros non de texto as mulleres entre 25 e 44 anos, que superan o 67 %. Acorde co sucede na lectura, a provincia de Pontevedra é a que ofrece un índice de compra máis elevado, 63,39 %, mentres a de Ourense, a que menos, 47,5 %. Libros que se mercan nas librarías, nun 71,3 %, mentres os que o fan en Internet acadan o 19,5 %, canle dominada por Amazon, posuidora do 78,79 % deste mercado.

A compra de libros en galego

Este índice correspóndese co da lectura habitual en galego. Así o 16,1 % das enquisadas declara que o último libro que comprou estaba en galego, mentres máis do 80 % o fan en castelán. Porén, cando se pregunta sobre cal é lingua habitual dos libros mercados, apenas son 5,7 % os que o fan en galego (en liña co 6,69 % do índice lector en galego), mentres que o 93,4 % os merca en castelán. Índice no que se mantén a marca de xénero, 6,4 % os homes, 5,17 % mulleres, sendo o segmento de idade máis comprador en galego o 14 a 24 anos.

A investigación complétase cunha serie de datos sobre a lectura das persoas menores de 14 anos. O 85,7 % das familias recoñece que lle le a súa cativada, un 73,1% tamén en galego. Como tamén son elevadas as cifras de lectura da rapazada entre 10 e 13 anos, na que a lectura de libros non de textos acada o 76,4 % (case 11 libros ao ano), 20 % en galego, a de webs e blogs o 85,4 % e a de redes sociais, a pesar de idade tan temperá, o 76,8 %.

Publicado en Nós diario: 22/05/2026

Begoña Caamaño, escritora viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á homenaxe que o 17 de maio se lle fixo á escritora Begoña Caamaño:

A celebración do día das letras galegas dedicado á xornalista e narradora Begoña Caamaño Rascado non estivo exento de polémica. O fraco entusiasmo dos responsables da Consellaría de Cultura pola autora de Circe ou o pracer do azul (Galaxia 2009), chegando a modificar un dos carteis premiados da exposición enviada aos centros escolares, deseñados polo alumnado do IES Castelao do Calvario, uniuse a lamentable negativa do pleno do concello de Vigo a outorgarlle a Medalla da cidade á escritora nacida en 1964 na rúa de Cataluña. Ademais de non contar, polo momento, con resposta á proposta do grupo municipal do BNG de Vigo de lembrar co nome da activista viguesa a praza do Calvario onde conflúen as avenidas de Jenaro de la Fuente, Aragón e Aeroporto, eidos da súa primeira infancia, onde grazas ao fermoso relato de Ramón Nicolás sabemos que «perdeu un zapato na lama». Sexa como fose, desaprovéitase unha oportunidade preciosa, como ten sinalado a escritora María Reimóndez, de poñer un foco potente nunha autora cunha visión crítica feminista, que contribúe a darlle visibilidade na sociedade en xeral, cando está cada vez máis desconectada da lingua galega.

Vigo, «onde nacín, me criei, onde están as miñas raíces e tamén boa parte dos meus afectos primeiros e eternos e boa parte das miñas referencias culturais», foi a cidade amada, confesou cando presentou a súa segunda novela, Morgana en Esmelle (Galaxia 2012), na feira do libro viguesa na praza de Compostela. Segunda de catro irmáns dunha familia traballadora, o pai Roberto, administrativo de Citroen, a nai Carmen lles lía poema a ela e a Beatriz, como ao maior Roberto e o pequeno Javier. Criáronse na finca da bisaboa en Riomao, un espazo de liberdade, que como tantos eidos vigueses desaparecerían co medre urbano, neste caso polo trazado da rúa Jenaro de la Fuente. Días de infancia que Begoña recordará polas tardes de cine no Palermo e no Avenida, polos xogos no mercado ou polas clases na academia de María Ferrín, onde aprendeu a ler aos sete anos, onde era profesora a escritora María Xosé Queizán, que lle aprendeu a canción de George Brassens «Le petit cheval dans le mauvais temps».

A familia trasladouse en febreiro de 1976 a un piso da rúa Redondela do novo barrio de Coia, onde Begoña e Beatriz rematarían a EXB no Colexio Amor de Dios e farían despois o Bacharelato no Instituto de Coia-2, hoxe IES Alexandre Bóveda. Anos de adolescencia que coinciden co Vigo de aceiro e mel da reconversión industrial, do conflito dos pases pro bus, do desastre das drogas e do nacemento da iniciativa «A Bouza é nosa» polo movemento veciñal do Cristo da Vitoria. Celme vigués onde se formou a Begoña, estudante de Maxisterio (1982-1985) na Escola da Igrexa da Avenida de Madrid. Mais nunca exercería de docente, xa que foi a radio a súa vocación e profesión, desde que no verán de 1985 entrou en Radio Noroeste, a nova emisora viguesa que comezara a emitir dende a rúa do Príncipe, onde amizou con Maika Aguado e Amanda Álvarez, compañeiras dende entón para toda unha vida. Experiencia radiofónica, continuada en Radio Popular (1986-1988), onde traballou como reporteira da redacción de informativos micrófono en man, cubrindo a folga das mulleres de Álvarez en Lavadores, forxando o seu carácter de xornalista a pé de rúa, naqueles anos de mobilizacións dunha cidade que non renunciaba ao seu ADN obreiro, pesqueiro e industrial. Begoña contribuíu, con outras compañeiras de xeración, a ampliar, formas, enfoques e diccións dun oficio que naquel Vigo de Soto, tamén da movida musical e do desencanto, precisaba observar e informar da realidade en toda a súa amplitude. Tras incorporarse o 1 de abril de 1988 na delegación de Vigo da Radio Galega, incorporouse un ano despois á redacción da emisora pública da que formou parte até o seu pasamento en Compostela o 27 de outubro de 2014.

Activista política feminista e pacifista, viaxeira e xornalista sen fronteiras, como narradora reescribiu de forma admirable os mitos clásicos e artúricos, para darlle voz ás mulleres, para abordar o mundo concibido dende o feminismo. Escritura que nun texto precioso, «Por que escribo?» (2010), lido nunha conferencia sobre Circe na Universidade de Vigo, xustificaba pola súa condición de lectora, que lle permitía esconxurar a dor, escorrentar a soidade ou atopar as palabras que definisen a súa ledicia. Caamaño lía e escribía polo seu desexo de descubrir mil mundos, «leo –nas súas palabras– porque quero cambiar ao mundo, leo porque necesito facer habitable o meu mundo».

Existen mellores argumentos para outorgarlle por unanimidade a esta primeira escritora viguesa homenaxeada un 17 de maio, un recoñecemento da súa veciñanza, como a medalla da cidade, a súa inclusión no rueiro ou sequera dándolle o seu nome a unha das novas bibliotecas?

A Síndrome do Impostor

Cando remate esta terceira tempada de Claudio Giráldez como adestrador do Celta, haberá tempo para explicar os extraordinarios resultados obtidos polo equipo como visitante, con cifras de récord, entre os tres mellores da competición, como entender as razóns de derrotas por amplas goleadas, que deixan mudo e aplanado Balaídos diante do Alavés, Oviedo e Levante, tres equipos modestos que chegaron a Vigo ao bordo do abismo e saíron esperanzados polas súas inesperadas remontadas nas segundas partes, onde foron superiores aos desconcertados celestes.

Quizais, as vitorias lonxe de Balaídos, como a máis recente, a memorable diante do Atlético no Metropolitano, poidan explicarse botando unha ollada no manual de xiraldismo básico, como unha combinación perfecta de resiliencia defensiva coa explosividade creativa de Williot, case sempre participante nos mellores goles celestes, asociado a experiencia de Borja Iglesias, un dianteiro feliz con Claudio no banco, que está completando unha das súas mellores tempadas da súa longa traxectoria. Porén, para explicar as tres derrotas no coliseo do Fragoso, habería xa que acudir á biblioteca e procurar nun manual de educación emocional o apartado dos medos, e dentro deles a entrada dedicada á síndrome do impostor (SI), á que tantas veces recorren os guionistas do audiovisual.

Trastorno emocional moi común, que afecta nalgún momento das súas vidas, ao oitenta por cento da poboación, a SI explica que persoas capaces dubiden dos seus éxitos e os sintan como unha fraude, a pesar da súa máis ca evidente capacidade para enfrontar situacións difíciles. SI que decote obedecería ao temor, no caso do Celta xiraldino, a ser descuberto como máis feble e incapaz do que aparentan os seus resultados. Como tampouco sería un disparate atribuír a parálise, que este medo provoca, a un perfeccionismo extremo, que leva a esixirse niveis de excelencia tan elevados que serían inacadables. Hipótese que despois do serán de procrastinación e conseguinte derrota co Levante, como das declaracións do propio Giráldez ao seu remate, «cando non somos humildes, perdemos», confirmaría que a alfombra do Fragoso é o escenario dunha serie de terror deportivo protagonizada polo equipo celeste sometido aos efectos da SI. Un Celta de película, de medo!

O peor do caso é que os seareiros do Celta coñecemos xa o argumento da película, que diante do Levante foi case un calco do sucedido co Alavés. A saída foi esplendorosa, que anunciaba a intención dos de Giráldez de liquidar pola vía rápida a clasificación europea. No once de gala, con oito canteiráns, xuntou a boa parte das mellores biqueiras do cadro e escolleu a Fer e Sotelo para acompañar a Aspas na dirección de semellante orquestra. E aos dous minutos de xogo, Fer xa puido abrir o marcador, pero só non foi capaz de superar ao porteiro valenciano. Dous minutos máis tarde, Jutglá si soubo facelo, despois de chegar caneando ao interior da área e xutar ao pao longo. Outro golazo do catalán que sería, outra vez, o mellor dos celestes, inaccesible ao desánimo, desbordando sempre afouteza. Non se podía agardar mellor inicio, continuado por Aspas cun xute de sete estralos co que puido chegar o segundo.

Por desgraza, a clara superioridade no xogo nas dúas areas e co marcador por diante, o Celta foise desacelerando até chegar a unha fase de fútbol conformista, lento e insípido que agoiraba o que por desgraza sucedeu, cando faltaban uns minutos para o intervalo. Os visitantes empataron tras un xutazo tremendo de Arriaga dende moi lonxe que Radu, cegado polo sol, axudou a introducir na propia porta. O que foi heroe no Metropolitano cometía un erro fragrante!

Tras a filípica de Giráldez no vestiario, O Celta recuperou a iniciativa e a velocidade. En apenas tres minutos Jutglá aproveitou unha asistencia de libro de Rueda, cando Fer meteu unha marcha máis abrindo o xogo pola banda. Foi, entón, cando debeu aparecer o impostor por Balaídos e os de Giráldez volveron as andadas, a un fútbol sen chispa ningunha, confusión que os visitantes souberon aproveitar para ensaiar o que tanto éxito lle dera na primeira. O empate chegou cun trallazo dende fóra da área que perforou a meta de Radu. Balaídos sabía que a traxedia da remontada visitante chegaría. Foi en apenas catro minutos, cando Roger Brugué, que acababa de entrar, marcou dunha cabezada nun saque de recanto, que ninguén defendeu.

Giráldez fixo entón os cinco cambios, pero os visitantes co marcador por diante souberon marear un partido, no que se xogaban a posibilidade de seguir na pelexa pola permanencia. Certo é que Borja Iglesias puido marcar e que houbo algunha disputa na área que puido considerarse penalti, pero o Levante non se deixou intimidar. Outra vez máis, o Celta reaccionaba tarde, tras outro partido pésimo, probablemente, mal concibido polo equipo técnico e aínda peor desputado. A clasificación europea subiu de prezo, tamén para o Celta.

Publicado en Faro de Vigo: 14/05/2026

Son De Seu 25 aniversario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto conmemorativo do 25 aniversario de Son De Seu:

Unha das marabillas viguesas do noso tempo é a Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD), iniciativa innovadora proxectada para a protección e difusión da música patrimonial galega, na procura da súa evolución e mestura coas formas contemporáneas do folk urbano. Escola cen por cen municipal, na ETRAD impártense até dez especialidades instrumentais de noso: Música e movemento, Arpa Céltica, Acordeón Diatónico, Canto Popular, Corda Pulsada, Gaita, Percusión Tradicional, Requinta, Violín Folk e Zanfona. Instalada no edificio da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), deseñado por Pacewicz, institución centenaria creada polo filántropo García Barbón, onde se imparten dúas materias de lutiaría, a de Construción de instrumentos musicais de gaita e de zanfona, conformando un espazo extraordinario para preservar e anovar a cultura musical de noso.

En 2009, o concello de Vigo, desde o seu Servizo de Educación, creou a ETRAD coa intención de ensinar, protexer e difundir a música patrimonial galega, dende unha ollada innovadora con selo propio. Consolidou o proxecto educativo do que foi dende 1996 Conservatorio de Música Tradicional de Vigo e dende 2007 foi Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios que da man do arpista e compositor Rodrigo Romaní, no eido musical, e de Antón Corral, no da lutiaría tradicional, que denominaba «Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo», funcionou na Escola de Artes e Oficios, refundada a comezos da década de 1980 como Universidade Popular de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto Ferreiro, que recuperaría a denominación inicial anos despois. Obradoiros polos que pasaron nas últimas catro décadas moitos dos músicos que anovaron a música tradicional galega, como Carlos Núñez, Anxo Pintos e outros compoñentes de Berrogüetto, Treixadura, Lizgairo, entre outros.

Foi no Conservatorio de Música Tradicional cando en 2001 Rodrigo Romaní, director e profesor de arpa, propuxo aos seus compañeiros de claustro, Anxo Pintos, profesor de Zanfona e Xaquín Xesteira, profesor de gaita, un experimento: o de crear unha orquestra  formativa sinfónica con media ducia de intérpretes de cada instrumento tradicional, que achegase experiencia escénica ao alumnado e explorase as posibilidades creativas do formato orquestral, sen precedentes no caso galego, e reducidas no entorno europeo a Sibelius Academy de Helsinki, a Asociación TRADALP de Turín e a Royal Scotish Academy of Music and Drama.

E o experimento na súa estrea en 2001 no Teatro García Barbón, baixo o nome «Son de seu. Orquestra folk de Galicia» saíu mellor ca ben. E o primeiro disco, Mar de Vigo (colección Do Fol, Boa Music, 2004), aínda mellor, cando a formación contaba con trinta e cinco alumnos e seis profesores, Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco (violín), Xosé Liz (requinta), Franciso Javier Feijoo (canto e pandeiretas), que tamén se ocuparon dos arranxos e da recreación de cada un dos temas populares, nos que incorporaron o son acústico, por vez primeira no folk galego. Velaí o que deu nome ao disco, creado a partir da melodía da danza de San Adrián de Cobres e da xota de Sequeiros, e «Carmiña no Berbés», onde se mesturan como o dedo ao anel a copla tradicional co Pasodobre do Berbés dos Morenos de Lavadores, dúas pezas que constituíron un magnífico comezo e remate para un disco memorable.

Dende entón, a orquestra ampliou a súa formación a máis de sesenta membros, constituíndose en fundación en 2006 promovendo dende ela o Libro Branco da Educación en Música Tradicional en Galicia. Gravou outros catro discos extraordinarios: Trastempo (2007), Barlovento (2010), Danzas Brancas (2013) e Beiralúa (2018). Viaxou por palcos de toda Europa con éxito rotundo, promoveu a creación da Rede Europea de Orquestras Folk e obtivo o Premio da Crítica de Galicia en 2011, entre outros recoñecementos.

Tras o éxito do concerto Arpas Atlánticas do pasado ano no Teatro Afundación, Son De Seu ofreceu o sábado nun auditorio Mar de Vigo a rebentar un serán memorable para celebrar o seu 25º aniversario. Contando coa participación de Xabier Díaz, Abraham Cupeiro, As Tanxugueiras e Rodrigo Romaní a orquestra dirixida con enerxía e tenrura por Xaquín Xesteira percorreu durante dúas horas a memoria e a diversidade da música galega, ao tempo que se reivindicou como peza indispensable do patrimonio musical galego.

O de Son De Seu é un proxecto que ademais de contar co apoio do concello de Vigo merece o do resto das administracións, que non poden revirarse diante de semellante proeza artística e cultural. Como despois dos minutos e minutos apoteóticos de ledicia no palco e no público, este verán a orquestra viguesa non pode faltar no programa de concertos de Castrelos.

O Vigo de 1936

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Álbum fotográfico. Vigo 1936 de Juan Carlos Abad Gallego (IEV 2026):

Entre as publicacións que para celebrar o día do libro presentou o Instituto de Estudos Vigueses (IEV), que preside Mercedes Bangueses, destaca o álbum fotográfico Vigo 1936, testemuño visual excepcional, custodiado durante décadas pola familia Martínez González da rúa Real, o que permitiu se conservase case completo. Álbum inédito que permite coñecer a vida cotiá antes, durante e despois do alzamento e nos días difíciles da posguerra, como se refire a aquel momento o escritor Juan Farias nas súas crónicas de media tarde.

319 fotografías, máis outras trece desaparecidas, sacadas a maioría, en 1936 cunha cámara fotográfica, Zeiss Ikon Ikonta pregabre, cun obxectivo de 35 mm, é moi probable que por Hermógenes Argüelles Lareu, fotógrafo que no Anuario de Vigo de 1935 anunciaba o seu estudio na rúa Policarpo Sanz 44. Enxeñeiro de profesión, destacado fotógrafo amateur, inventor autodidacta de artefactos, era moi coñecido como presidente do Moto Club Vigo, organizador do «Rally dos Mil quilómetros», mais sobre todo por ser instalador dos equipos cinematográficos sonoros de Zeiss Icon, entón a marca de maior fiabilidade, coa que dende 1933 se proxectaba no cine Odeón na praza de Urzaiz.

Legado fotográfico estudado polo historiador Xoán Carlos Abad, autor dun longo texto informativo de extraordinario interese, unha crónica do acontecido en 1936, que permite identificar os espazos e acontecementos fotografados por Argüelles, recoñecer rostros de personaxes e, sobre todo, ilustrar o vivir cotiá da cidade desde a ollada, que non puido ser inocente, dun militante da Falanxe viguesa duns corenta anos, cuxo maior heroísmo foi participar nunha marcha de abastecemento á fronte de ida e volta e en diversas actividades públicas, como as misas de campaña e outras concentracións e desfiles nos que participaba como fotógrafo.

Presidente que foi do IEV durante os quince últimos anos, nos que desenvolveu unha xestión moi brillante da entidade, tanto na incesante produción editorial como na organización en Vigo da asemblea de centros de estudos locais, ademais de ser o primeiro e principal investigador dos acontecementos de 1936 en Vigo, con libros de referencia como Cen personaxes entorno a unha guerra. A República e a Guerra Civil na comarca de Vigo a través dos seus protagonistas (IEV 2008) ou O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra (IEV 2019), Abad ocúpase de explicar a complexa cronoloxía do álbum, xa que apenas 138 das fotos da colección, menos da metade do material, teñen algún tipo de data.

Secasí, o autor d´A volta a Vigo en 80 lecturas. Unha aproximación á historia da bisbarra viguesa a través do seus textos (IEV 2013), achégase co seu potente gran angular de ollada de arcea ao territorio da microhistoria e ofrece as atractivas vistas xerais daquel Vigo da Segunda República que conservaba todas as praias da súa beiramar do Areal a Coia, incluída a cuncha de San Francisco; unha cidade que ampliaba o seu perfil portuario, da Laxe ao porto e mercado do Berbés, que se preparaba para recibir o monte do Castro e a Finca da Marquesa e o Pazo de Castrelos para convertelos en futuro museo e xardíns urbanos. Xaora, Abad, non renuncia a comentar os detalles nin a ofrecer historias cotiás de viguesas de nome descoñecido tanto no seu texto principal, no que vai enfiando as fotos do álbum de Argüelles, redactado ao xeito dunha crónica case novelesca daqueles días de terror, como nas sorprendentes notas de rodapé, auténticas marabillas de erudición viguesa que explican o contexto no que foron sacadas as imaxes.

A pesar de que Abad non renuncia a explicar as imaxes de Argüelles tomadas con anterioridade a 1936, a cerna do libro radica nas fotografías dos escenarios do golpe de estado, como a barricada da Casa do Pobo ou a Torre de Estanislao Núñez, que aparecen a carón daqueloutras pezas que representan certa normalidade daquel verán vigués onde se celebraron as festas populares de San Xoán do Monte e Cabral, onde participou o cuarto de Airiños de Cabral do gaiteiro Constante Moreda, que meses despois sería fusilado no Castro. No entanto son as fotos de Argüelles e os textos de Abad sobre a misa de campaña na Alameda do 16 de agosto, a concentración no estadio de Balaídos do 30 de agosto para celebrar «a reposición da bandeira bicor», as xuras de bandeira e os desfiles posteriores de requetés, falanxistas e balillas polas rúas do Príncipe, Colón ou Policarpo Sanz as que máis poden sorprender nesta completa crónica dunha cidade tomada polos militares fascistas.

Recomendo vivamente este Álbum Fotográfico Vigo, 1936 de Argüelles e Abad, un libro capaz de mudar a historia en memoria compartida, cando a vida cotiá petou coas contradicións dunha cidade arrasada polo fanatismo fascista e o seu terror branco.

 

A lámpada ilumina

A federación de peñas celtistas, presidida por Pepe Méndez convidoume o pasado sábado á cea da súa XXVII convención anual, o que moito agradecín como recoñecemento a publicación do meu libro Afouteza Celtista (Lusco Fusco edicións 2026) onde pretendo reflexionar sobre o celtismo como actitude emocional indemne a desesperanza e a reivindicar o papel imprescindible e salvador dos seus seareiros. Noite celtista na que se xuntaron membros de 133 peñas, dende as tres máis antigas creadas en 1956 (Arbo, Canido e Vilalba) ás máis recentes creadas esta tempada (Ambición Celeste, Troita Celeste e o Cruceiro), que entre todos representan a dezaoito mil socios e a máis de tres mil abonados do club, que conforman a cerna do celtismo actual espallado polo mundo que nas redes sociais conta con máis de dez millóns de seguidoras en Tik-Tok (algo asombroso), máis de catro millóns en Facebook ou 670.000 en IG, cifras que abriron o celtismo ao mundo dixital.

Máis alá da lóxica preocupación sobre o partido co Elxe, no que se agardaba superar o mal momento que supuxeron as derrotas co Alavés e Oviedo, e recuperar así as opcións de clasificación europea, na convención celtista non se falaba doutra cousa que da continuidade de Iago Aspas na vindeira tempada. Debate onde hai pareceres diversos, no que se manexa calquera indicio, como a despedida tan agarimosa que Marcelino e Parejo lle tributaron no estadio da Cerámica ao remate do partido co Vilarreal, imaxes que agoirarían unha despedida xa esta tempada. Como outros indicarían todo o contrario, como a súa volta ao once de gala contra os ilicitanos onde xogou setenta magníficos minutos e marcou un golazo da súa inesgotable calidade, compartindo de saída a titularidade con Fer López, coincidencia que non se dera até onte. En todo caso, polo escoitado polos sempre ben informados corredores peñísticos, a maioría do celtismo desexa a renovación de Aspas para a tempada 26/27 sempre que fose para xogar o maior número posible de minutos, xa que o capitán se conserva en bo estado físico e a lámpada da xenialidade ilumina cando o Celta a precisa, coma sucedeu onte mesmo co excelente Elxe do simpático Eder Sarabia.

Clara vitoria do Celta por 3 goles a 1, na que ademais da novidade da saída de cara do capitán, Claudio apostou por unha defensa de circunstancias na que brillaron Javi García e Yoel Lago, acompañados de forma bastante discreta por Álvaro Núñez, que non acaba de completar un partido convincente, a pesar de que durante a segunda parte pasou á banda, incorporándose á medula Manuel Fernández, quen ofreceu unha excelente actuación empanada por provocar outro penalti inocente, que puxo en perigo o resultado. Un plan de partido desenvolto en boa medida seguindo o de Giráldez, que cedeu a pelota aos visitantes e gozaron dunha posesión do 67 % sen embargo en ningún momento controlaron un partido que o Celta soubo manexar segundo as necesidades do marcador que axiña puxo ao seu favor no minuto 14. Un primeiro gol nacido dun erro do defensa Affengruber a quen Javi Rueda moi listo aproveitoulle un balón na área que con serenidade asistiu a Hugo Álvarez que bateu a pracer a Dituro. Co marcador por diante, Claudio tratou de evitar erros de fracasos recentes, limitándose a defender con orde e procurar as costas de Jutglá, tan loitador cos centrais visitantes como adoita. Xaora, o segundo gol celeste chegou no 29’ dunha xogada de escuadra e cartabón, deseñada polo cadro técnico: Moriba sacou en campo propio un globo en diagonal que Jutglá soubo controlar de peito, gañándolle a posición a Affengruber, e servindo a Aspas que chegaba para xutar ao pao longo sen que Dituro, estricado coma un resorte puidese chegar a desvialo. Un gol magnífico de deseño e execución, mostra que a lámpada do noso Merlín dispón de aceite abondo.

Tras a reanudación, o Elxe insistiu na posesión e tivo varios remates de gol, claras ameazas, mais non acertou en ningunha das dúas áreas. Jutglá puido marcar o terceiro nun precioso man a man con Dituro, que desta vez si chegou ao xute colocado e enérxico do nove catalán. O penalti inocente dos defensas celestes, no 79’, agoiraban minutos de estrés, que duraron os cinco que necesitaron Williot e Borja, acabados de entrar na lameira, para fabricar o seu gol de ourivaría selecta, unha tacada do sueco filtrada entre os defensores que deixou só a Borja para que marcase o seu gol décimo terceiro en liga, dezasete entre todas as competicións, cumprindo unha tempada que merece ser pechada coa súa selección para o mundial. Con semellante vantaxe e coa concentración necesaria, os de Claudio souberon xestionar os seis minutos de engadido. Unha vitoria clara que devolve ao Celta a sexta praza e mantén intactas as súas aspiracións europeas. A lámpada celeste ilumina.

Publicado en Faro de Vigo: 04/05/2026