«O Xurelo», unha viaxe en nome da vida

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 40 aniversario da expedición do Xurelo á Fosa Atlántica:

No suplemento dominical de Faro de Vigo do 4 de outubro de 1981 Manuel Rivas publicou unha das mellores páxinas da historia do decano e do xornalismo galego. Rivas relatou de forma maxistral a incrible expedición á Fosa Atlántica do Xurelo, un palangreiro de madeira de 21 metros de eslora, construído nos estaleiros artesanais do Freixo de Outes. Unha travesía organizada por Esquerda Galega (EG), que asumiu tamén os seus custes (arredor do medio millón de pesetas) coa intención de denunciar na comunidade internacional os vertidos de residuos radioactivos que oito países europeos facían na chamada Fosa de Hércules fronte a costa galega.

«Unha viaxe en nome da vida» (así titulaba Rivas en Faro), iniciada con rumbo incerto no peirao de Colón de Ribeira na mañá do luns 14 de setembro, na que ademais do patrón e armador Anxo Vila e tres dos seus tripulantes, participaron os tres concelleiros de EG, o vigués Paco García, o coruñés Gonzalo Vázquez Pozo e o moañés Manuel Méndez; os ecoloxistas Henrique Álvarez Escudero e Roxelio Pérez Moreira; e os xornalistas Manuel Rivas, Manuel Rico, Xesús Naya, Xurxo Lobato e Xosé Castro.

Despois de tres días de mar, cando amencía o xoves 17 de setembro o Xurelo achegouse a dúas embarcacións de carga, o Louise e o Kirstem Smith. Chegara á Fosa, o que foi posible grazas á pericia dun home de mar como Anxo Vila que contou apenas como axudas a navegación dunha carta náutica, dun radar avariado de alcance limitado e das conexións coas radios costeiras de Fisterra e Vigo. E naquela altura a embarcación de madeira de 69 toneladas quedou literalmente emparedada entre os dous cargueiros holandeses mentres descargaban os seus bidóns radioactivos, escoltados pola Pyet Heim, unha fragata da armada de guerra holandesa que lles daba soporte. Xaora, foi aínda máis impresionante a resposta da tripulación do buque no que ondeaba a bandeira galega que, se ben non puido evitar os vertidos, deitou ao mar o seu armamento de flores (ramos de caraveis), amosou pancartas, emitiu textos pola radiofonía, fixo fotografías e vídeos, cantou o seu himno e berrou «Viva a Humanidade!», amosando que o galego é un pobo pacífico até o lirismo.

Como memorable para o movemento ecoloxista galego continúa sendo tamén a mensaxe emitida en galego e inglés pola radio do Xurelo, o martes 15 de setembro camiño da Fosa, a todas as embarcacións que se cruzasen na súa onda, un texto efémero do que circulan varias versións mais que forma parte tamén da historia de Galicia e cuxa transcrición documentada debería ser utilizada hoxe nas aulas galegas:

«Camiñamos cara o lugar da agresión a protestar, a pór de manifesto o noso máis rotundo non a contaminación e a morte.
Queremos alertar a todos, avisar a berros que están a emporcar o noso hoxe e a matar o futuro.
Queremos facer medrar a protesta ata que lles sexa imposíbel seguir xogando coa vida.
Queremos compartir a defensa da saúde e da vida de toda a humanidade.
Queremos que cada vez máis Galicia se faga oír no seu rexeitamento de toda agresión e na súa aposta polo benestar e a paz.
Pola saúde e a vida do pobo galego.
Pola saúde e a vida. De todos os pobos sedentos de paz».

Ao regreso, coa mar un pouco máis brava, máis coa tripulación satisfeita pola «misión cumprida», o Xurelo emproou cara o porto de Ribeira: documentaran a existencia dun cemiterio de residuos nucleares moi preto das nosas costas.

Un ano despois houbo unha segunda expedición, na que ademais do buque de Ribeira, participaron outras embarcacións: dous pesqueiros fretados polos concellos de Vigo e a Coruña, o Pleamar, no que viaxou o alcalde Manuel Soto, e o Arousa I, ao que se uniu o Sirius de Greenpeace, que trataron de evitar que varios buques holandeses e británicos descargasen máis bidóns. As fotografías dos vertidos, tomadas nestas expedicións, as primeiras imaxes sobre o tema publicadas nos principais medios de comunicación europeos, como as manifestacións contra o cemiterio nuclear mariño e os intentos de activistas de EG desprazados ao porto militar holandés de  Zeebrugee coa intención de bloquear o embarque de residuos, contribuíron a que en 1983 a Organización Marítima Internacional acordase unha moratoria dos vertidos e que dez anos despois fosen definitivamente prohibidos polo Convenio de Londres.

Aquelas mobilizacións contra os vertidos, promovidas por Esquerda Galega, o partido liderado por Camilo Nogueira, constituíron o primeiro conflito internacional promovido por Galicia e amosaron que para o país noso o posible é moito máis do que podemos imaxinar. Corenta anos despois da travesía dos heroes do Xurelo é de xustiza lembralos pola súa causa en nome da vida e reparar en que 142.000 toneladas residuos nucleares permanecen entulladas a 4.000 metros de profundidade e a pouco máis de 300 millas da costa galega.

Vigo rebelde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar Marxes. Guía do Vigo rebelde:

A publicación de Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (Xerais 2021) de Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodríguez constitúe outro fito na construción do proxecto da memoria de Vigo. Unha tarefa colectiva e cívica imprescindible para forxar identidade nesta cidade nosa un chisco esquecediza sometida periodicamente a cantos de sirena e ventos pouco propicios para os seus cidadáns máis humildes. Dirixindo a ollada cara ao Vigo dos de abaixo, o devir das xentes viguesas máis pobres, Xurxo Martínez (Vigo, 1984) e David Rodríguez (Vigo, 1975), dous activistas das causas viguesas, fundadores daquela iniciativa cultural fermosa que foi A Nave das Ideas (2010-2015), reconstrúen corenta historias reais (moitas esquecidas, algunhas agochadas, outras até agora inéditas) que retratan outros tantos episodios relevantes para a historia de Vigo e das súas clases populares. Relatos de Xurxo, un dos investigadores que mellor coñece o Rexurdimento e o século XIX vigués, aos que o ilustrador David Rodríguez engade fotografías, retratos e un mapa da cidade enriquecendo así un texto literario de espírito didáctico, lectura engaiolante e consulta obrigada que tamén pode ser útil como guía urbana para toda persoa lectora desexosa de percorrer a pé os escenarios dos feitos narrados.

Os autores propoñen unha viaxe no tempo dende o relato inicial do Castelo do Penço, fortaleza derruída polos Irmandiños no seu levantamento antiseñorial (1476-1469), pasando polo relato de numerosos episodios de terror do 36, como os estremecedores do bou Eva, as barricadas dos Choróns, a traxedia da familia Fraiz Castellanos e a resistencia dos fuxidos, a folga de 1972 da factoría Hijos de J. Barreras e o papel da Asociación Cultural de Vigo, baluarte do asociacionismo cultural nacionalista e antifranquista, até as mobilizacións no anfiteatro cívico de Urzaiz, ocupado pola cidadanía en momentos decisivos como aquel 4 de Nadal de 1979 contra o Estatuto da Aldraxe, durante as tres folgas xerais de 1984 en solidariedade con Ascón, cando na comarca o desemprego superaba o 33 %, ou hai apenas dúas décadas polas manifestacións de Nunca Máis e o Non a Guerra.

Unha viaxe, tamén, no espazo polo territorio dunha cidade en bisbarra (metropolitana dicimos agora), dende os espazos portuarios do Berbés, a Laxe e a Estación Marítima, a primeira porta de saída da Galicia emigrante, pasando polo Vigo vello e as edificacións pétreas do seu ensanche modernista, até os espazos do periurbano do Val do Fragoso, onde aínda perduran os últimos vestixios da cultura popular agraria. Unha guía protagonizada por viguesas anónimas dende aquelas mulleres do motín da fame de marzo 1847 alzadas contra o prezo excesivo dos alimentos, os canteiros e marmoristas da primeira folga viguesa en 1894, pasando polos labradores que protagonizaron as loitas agrarias da Sociedade de Agricultores de Lavadores, até as empacadoras de Bouzas lideradas en 1931 por María Araújo na loita polo seguro de maternidade e as obreiras de Álvarez que en 1946 se mobilizaron desesperadas pola situación de fame e miseria daqueles anos difíciles de posguerra.

Unha guía dun Vigo cento por cento galego, orgullosamente galeguista, que asumiu a responsabilidade histórica de ofrecerse como a Barcelona atlántica soñada por Castelao e Pedrayo, polo arquitecto Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista ou polo pensador anarquista Ricardo Mella, un dos promotores do transporte tranviario metropolitano. O Vigo no que estudou na súa Escola de Náutica (a de Artes e Oficios) o poeta Manuel Antonio e no que o político nacionalista Xosé Velo Mosquera fundou a súa academia. A cidade fotografada por Cándida Otero, a viúva de Prósperi, na que exerceu durante décadas a doutora Olimpia Valencia, a primeira médica galega. O Vigo no que escribiu a poeta Xohana Torres, no que xogou o pichichi Pahiño, no que pintou Urbano Lugrís, no que filmou o cineasta Chano Piñeiro, no que Francisco Fernández del Riego alicerzou a Biblioteca Penzol, a de maior fondo galego e sobre Galicia do planeta. O Vigo no que traballaron o abogado Roberto González Pastoriza, o Padre Seixas, o doutor Antón Beiras García, Xosé Ramón Reboiras Noia e Camilo Nogueira. O Vigo onde se fundou Galicia Socialista e o Partido Galego do Proletariado…

Benvida esta guía única e singular da cidade portuaria acolledora, celme e cifra da Galicia contemporánea. Benvida esta guía do Vigo rebelde como instrumento para construír memoria dunha cidade pouco memoriada. Parabéns a Xurxo e David pola proeza de ofrecer tan completa e veraz cartografía do Vigo máis alternativo e popular. Un libro para ler e reler devagariño, para consultar e repasar con camiñadas compartidas polos vieiros vigueses da memoria.

Onte 1446: Caligrafía pola unión

unionA hora e media de debate na Radio Galega sobre o proceso de confluencia arrefriou o meu optimismo sobre as posibilidades dunha candidatura unitaria galega para as Xerais do 20 de decembro. Unha decepción que compartín onte con moitas amizades que expresaban o seu fastío por non ter identificado nas intervencións dos participantes a actitude cooperativa e a determinación necesarias para rematar un proceso de unión, que todos sen excepción ningunha, afirmaron compartir. O fracaso do debate, pois, non foi tanto polo que se dixo ou se agochou, que tamén, máis sobre todo polas escasas doses de afecto e complicidade expresadas por uns e por outra. No entanto, a pesar desta falta de claridade argumental e frialdade relacional, identificamos outras liñas a salientar. A primeira, para mín a máis desacougante, a intención dos membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega de ralentizar o proceso de confluencia con Iniciativa pola Unión, agardando polo «acordo dos partidos». A segunda, para min a máis clarificadora, a posición compartida polos representantes de A Nova e Podemos Galicia, priorizando sobre calquera outros obxectivos o discurso da «creba democrática no estado co réxime do 78».

Xaora, a pesar de que o debate manifestou as importantes diferenzas e resistencias existentes nesta confluencia, inevitables nos procesos de converxencia e mudanza, nin esta todo estragado nin perdimos a esperanza. Madia leva! Por riba das posicións xerárquicas dos partidos e dos seus liderados emblemáticos debe estar a vontade de confluencia dunha cidadanía que para defender os intereses da maioría social galega e da existencia de Galicia como suxeito político non entende outra linguaxe que a manuscrita pola caligrafía da unión. Trabúcanse gravemente aqueles que consideren meramente instrumental esta posición cidadá.