Onte 1446: Caligrafía pola unión

unionA hora e media de debate na Radio Galega sobre o proceso de confluencia arrefriou o meu optimismo sobre as posibilidades dunha candidatura unitaria galega para as Xerais do 20 de decembro. Unha decepción que compartín onte con moitas amizades que expresaban o seu fastío por non ter identificado nas intervencións dos participantes a actitude cooperativa e a determinación necesarias para rematar un proceso de unión, que todos sen excepción ningunha, afirmaron compartir. O fracaso do debate, pois, non foi tanto polo que se dixo ou se agochou, que tamén, máis sobre todo polas escasas doses de afecto e complicidade expresadas por uns e por outra. No entanto, a pesar desta falta de claridade argumental e frialdade relacional, identificamos outras liñas a salientar. A primeira, para mín a máis desacougante, a intención dos membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega de ralentizar o proceso de confluencia con Iniciativa pola Unión, agardando polo «acordo dos partidos». A segunda, para min a máis clarificadora, a posición compartida polos representantes de A Nova e Podemos Galicia, priorizando sobre calquera outros obxectivos o discurso da «creba democrática no estado co réxime do 78».

Xaora, a pesar de que o debate manifestou as importantes diferenzas e resistencias existentes nesta confluencia, inevitables nos procesos de converxencia e mudanza, nin esta todo estragado nin perdimos a esperanza. Madia leva! Por riba das posicións xerárquicas dos partidos e dos seus liderados emblemáticos debe estar a vontade de confluencia dunha cidadanía que para defender os intereses da maioría social galega e da existencia de Galicia como suxeito político non entende outra linguaxe que a manuscrita pola caligrafía da unión. Trabúcanse gravemente aqueles que consideren meramente instrumental esta posición cidadá.

1 comentario
  1. Costadamorte
    Costadamorte Dice:

    Comparto as tuas impresións…, aparte das posicións políticas, (lexítimas todas), nas que quedou claro que para uns prima o caracter rupturista dentro do sistema español e para outros o caracter de reivindicación nacional de Galiza, o mais desacougante para min foi no primeiro debate a posición de Marilar Aleixandre, que rematou por amosarse contraria a democracia directa e as decisións asemblearias e de base, (o de que hai xente que non acude a asembleas e hai outros expertos en gañalas), mais ou menos dixo que cunha votación aberta, perde e iso non vale!…
    No mesmo incidiuse no segundo debate, hai que recoñecer a franqueza de Bascuas ao plantexalo e recoñecer, referindose ao BNG, que quen ten mais capacidade de mabilización, gaña, pero que iso é o seu mérito e o problema e dos que non son quen de mobilizar…, eles xa o viviron en Ourense, alí onde mobilizaron para a candidatura as municipais foron logo desautorizados polos “elitistas” que logo non saben ou non son capaces de moverse e ir votar!… (No fondo, iso pasou en Amio, penso que hai xente que non sabe perder unha votación, e visto o visto, racha!)…
    Ahí Vence ofreceu consensuar mecanismos correctores para ponderar o resultado das votacións para definir programas ou escoller candidatos…
    Pero para min o remate abafante foi o de Antón Sánchez, a pregunta do presentador de si creía que habería candidatura de unidade, asegurou que si, seguro!, pero a repregunta de si creía que isa unidade incluiría ao BNG, respostou que que iso non o sabía…, que a unidade habería seguro estivera ou non o BNG, (e outros supoño)… Isa actitude estilo Luis XIV de “A Unidade son EU” deixoume flipado!…

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará