Lembranza de don Antón Patiño

Durante máis de corenta anos, don Antón Patiño Regueira, coa inestimable axuda da súa compañeira Sinda, fixo de Librouro, a libraría da rúa Eduardo Iglesias, un referente inescusable para o libro galego en Vigo. Nos tempos da ditadura, podían adquirirse alí, baixo man e coas debidas precaucións, algún dos títulos máis emblemáticos editados polo galeguismo do exilio; foi este caso daquela edición de peto de Sempre en Galiza, a cuarta (1974), que el persoalmente solicitou imprimise Ediciós Galiza do Centro Gallego de Buenos Aires, e que para moitos de nós foi a primeira que lemos. Como presidente da Agrupación de libreiros fundou, hai máis de vinte e cinco anos, a Feira do Libro de Vigo, sendo animador primeiro das súas actividades na Praza de Compostela. Foi tamén, pioneiro en Galicia do estudo dos fungos, fundador da Federación Galega de Micoloxía e da Agrupación Micolóxica “A Zarrota”, entidades desde as que como teimoso argalleiro promoveu múltiples actividades de difusión da cultura dos cogomelos no país de noso. Tamén sabiamos da súa amizade con trasnos e meigas, compostores e manciñeiros, da súa capacidade versificadora retranqueira de auténtico bardo popular, do seu interese pola figura de Filomena Arias Armesto (posiblemente a curandeira galega máis importante) ou da súa habelencia para tallar empuñaduras de caxatos que prepara coas varas de bimbieira que apaña nas súas longas camiñadas polas terras de Lemos onde naceron os seus fillos.
Na plenitude da súa madurez, aos oitenta e seis anos, coa vida feita e percorridos todos os camiños de Galicia, Antón publicou Memoria de ferro un estremecedor monllo de trinta e oito relatos, outros tantos petos para que revivan as ánimas dos seus amigos fusilados, encarcerados ou sometidos a tortura durante os primeiros días e anos da ditadura. Antón ofrece xenerosamente o seu testemuño duns feitos que viviu en primeira persoa, cando contaba con apenas dezasete anos; e fíxoo empregando unha mirada limpa, sen rancor, mais coa nitidez e a precisión que emana dos seus ollos azuis humedecidos por un longo silencio.
Polo libro desfilan acontecementos terribles. Comeza cunha carta a Manolo Seoane Díaz, o seu amigo violinista, fusilado no Campo da Rata. Continúa coa historia da Peineta, a pescantina á que lle pasearon ao seu fillo, Holando, no areal de Bastiagueiro. Rememora os asasinatos de Arturo Meirás, escritor anarquista e campión de Galicia dos pesos lixeiros, e José Antonio Boedo, o sindicalista da CNT e pai de Pucho Boedo, o famoso “crooner” galego dos Tamara. Os acontecementos do Portiño de 1937 son relatados nas páxinas do libro de Patiño con enorme emoción: douscentos republicanos intentaban salvar a vida e fuxir cara a Francia en tres bous da casa Chas, posibilidade que impediu unha delación; “ángel de la guardia” era o contrasinal dos fuxidos, triste paradoxo para os que inertes fuxían polos cantís, indefensos entre o mar e os fusís dos sublevados; algúns morreron alí mesmo, outros foron presos e fusilados días despois no Campo da Rata, ao pé da Torre de Hércules…

Estes micro-relatos de Antón Patiño, enfiados todos eles por a traxedia, poñen sobre a mesa a necesidade da recuperación do esquecemento dunha páxina negra da nosa historia, cuberta cun teón de mesto silencio e temor durante tantos e tantos anos de desmemoria imposta e logo, dende a Reforma Política, tacitamente esquecida. Retratando o terror como ata agora nunca se fixera en Galicia, relatando estes acontecementos, recuperando os nomes das víctimas, reconstruíndo as vidas destas xentes humildes, conservando o valor dos mortos, Patiño fai que a súa memoria indómita e cálida (que, a pesar das dificultades, resistiu tan durante case setenta anos) precipite en azos de liberdade para o futuro.
Camiño xa dos trinta anos da caída da ditadura franquista, non hai que ter medo a volver a mirada cara ao que sucedeu no dramático trinta e seis, porque a desmemoria é o peor virus que podemos inocular no noso futuro. Recuperar –como fixo don Antón, a quen hoxe se recorda na Coruña– a memoria daqueles días é tan importante coma sementar roseiras, xeranios vermellos, alelís brancos, begonias e margaridas. Beizóns, don Antón, por chantarnos para o futuro a súa memoria de ferro.

Un compostelano, alcalde de Marbella

Entre todo o que lin sobre o de Marbella, o mellor, con moito, é o antetítulo desta noticia. Orgullo picheleiro, si señor!

Abril: mes dos libros

É unha auténtica marabilla este cartel de Patricia Castelao anunciando o mes dos libros que promove a Consellaría de Cultura. Esta ilustradora axigántase con cada novo traballo.

O mundo de Camilo

Os de Galicia confidencial publican hoxe unha crónica da presentación do pasado martes. Continuaremos o mes de abril en Vigo e na Coruña e, máis tarde, no mes de maio en Ourense e Pontevedra. A intervención e o libro de Camilo son unha chamada á responsabilidade do nacionalismo na construción do autogoberno con optimismo e esperanza.

Botelha ao mar

Onte antes de comezar a presentación, Suso contoume a súa alegría pola volta á rede das súas Botelhas ao mar. Perdidas nun servidor foron recuperadas por un xeneroso e hábil lector que publicou sete delas en forma de blog. En realidade, estes textos, moi interesantes, constitúen un dos nosos antecedentes de prosa electrónica (publicábanse mensualmente) e a súa recuperación demostra que unha das funcións do formato blog é a de arquivo. A boa noticia das botelhas coincidiu, tamé, co peche das probas de Home sen nome, a novela (case catrocentas páxinas) que aparecerá na primeira semana de maio nas librarías galegas. Falaremos dela estes días, unha vez que traballemos os paratextos.

Calendario da Reforma Educativa

Somos moitos s editores educativos preocupados polo calendario de implantación dos novos currículos da LOE, na medida que esta cuestión, xunto co modelo de gratuidade, determina o noso traballo nos vindeiros anos.
A expensas da aprobación definitiva da lei no pleno do Congreso (seguramente durante o mes de abril) e a súa publicación definitiva no BOE (a finais dese mes) a información confidencial que coñecín hoxe establece o seguinte calendario:

  • 2007-2008: 1º e 2º de Educación Primaria / 1º e 3º de ESO.
  • 2008-2009: Educación Infantil (para acomodala aos programas de gratuidade en todas as CC.AA.) / 3º e 4º de Educación Primaria / 2º e 4º de ESO.
  • 2009-2010: 5º e 6º de Educación Primaria.
Os meus informantes teñen interrogantes sobre o calendario de implantación do Bacharelato, aínda que apostan por que se inicie en 2008-2009 (1º) e finalice en 2009-2010 (2º).
Sen dúbida que este calendario determinará o ritmo de implantación do modelo definitivo de gratuidade, xa que todas as autoridades educativas consideran que debe ir parello ao dos novos currículos.
En relación á cuestión curricular a maior novidade será, sen dúbida, a incorporación das chamadas COMPETENCIAS BÁSICAS ou aprendizaxes consideradas claves ao remate do ensino obrigatorio.

Crónicas celestes

Teñen xeito estas crónicas celestes publicadas no blo do fútbol galego. Coincido no fundamental da análise do partido de onte, sobre todo na valoración da calidade do xogo céltico de medio campo para adiante. É magnífico que se vaian incrementando as páxinas sobre fútbol en galego.

Máis feeds

Aproveito o acougo da noite de día feriado para actualizar os meus feeds (acado os 128). Atopo páxinas novas que ata agora non visitara e que agora recomendo: Ourensalia; Sobre filloas, mel; Malo de aturar; Noite subsahariana; Trasalba, Ámote moito, Desorde e o espazo do meu amigo José Viale Moutinho, con quen compartín a pasada sexta feira un bo parrafeo. Non hai dúbida que a renovación do blogomillo está chegando dende as terras de Serenou.

Vigo romano

A descuberta dun ara funeraria demostra o carácter bimilenario da cidade de sal.