Máis sobre o relevo na Voz

Juan Varela ofrece esta completa información sobre os relevos e o futuro da Voz.

Premios Irmandade do Libro

Na tarde de onte percorremos entre a ventoeira a diagonal do país para acudir á cea da XVª edición dos Premios Irmandade do Libro. Para min o máis sorprendente dos galardóns foi a concesión do Premio ao mellor libro do ano e o máis emotivo as palabras de agradecemento do responsable da Libraría Gráfica Santiago (Premio á mellor libraría): “Este premio é para miña mai que cada vez que vende un libro dá unha clase maxistral de literatura”. Un fermoso homenaxe a unha veterana libreira.

Literatura e Novas Tecnoloxías

Na mesa redonda do onte falamos máis de Literatura ca de Novas Tecnoloxías, quizais debido a que os participantes quedaron reducidos á metade, xa que Jaureguizar debeu volver precipitadamente a Lugo e Pedro Sena-Lino non puido aterrar en Galicia, a pesar de intentalo en dúas ocasións.

Manuel Forcadela, despois de rememorar os antecedentes da súa incursión na literatura cibernética, propuxo unha reflexión sobre o que entende foron os catro momentos decisivos do conflito que, dende hai cento cincuenta anos, se ven producindo en Galicia entre dúas polarizacións, a do local-global e a da tradición e a modernidade. Catro momentos de emerxencia da Modernidade na que o país noso fixo fronte a súa relación co seu pasado e co seu futuro, catro momentos de eclosión cultural e de presenza de grandes figuras:

  • Rexurdimento: aparición do conflito do desarraigo,
  • 1916-1936: posicións de Otero, Risco (e a súa teoría de ílicos, psíquicos e pneumáticos, ou de vulgares, prácticos e espiriturais), Castelao e Manuel Antonio;
  • 1970: o Mago Merlín como dador de aura;
  • Hoxe: cinco ideoloxemas da Postmodernidade: unha nova superficialidade; febleza da historicidade; novo subsolo emocional (aparición do sublime tecnolóxico); crecente dependencia da cultura da tecnoloxía e novo sistema de economía mundializada.

Finalizou a súa intervención Forcadela afirmando que “hoxe os blogs son tentativas de encher a rede de aura, un xeito de anular a lóxica dos best-sellers. Os blogs son poderes fragmentados fomentando unha ilusión de supervivencia”.

Pola súa banda, Camilo Franco enfocou o seu discurso arredor da idea forza de que a literatura é o argumento; o soporte é a circunstancia. Para el a literatura é comunicación, independente do seu soporte. Definiu Internet como unha superficie enorme que posúe unha profundidade relativa, propoñendo que dubidemos sobre un espellismo no que todo semella posible. En base á diferenza entre literatura e narración, prognosticou que os narradores que no futuro ensaien coa rede vanse ir afastando da palabra: “Internet ten cada vez menos palabras”.

No escaso tempo dispoñible para o debate co público, abordáronse, sobre todo, as cuestións referidas á nova textualidade que ofrece a rede.

Campo do Fragoso XVII

VENDAVAL DE XOGO
A fronte atlántica trouxo un vendaval de bo xogo a Balaídos. Con ela chegaron dous goles celestes nun partido moi entretido e fermoso, xogado a un ritmo intenso, onde houbo alternativas e magníficas combinacións e oportunidades de gol para os dous equipos. Na primeira parte, o Celta, empregando o seu esquema habitual (4-1-4-1), deixou a propiedade do balón ao Mallorca para impoñer así o xogo que máis lle presta: agardar atrás os ataques vermellóns procurando que os roubos de Oubiña facilitasen os contragolpes dos seus habilidosos interiores. Así chegaron os dous magníficos goles da tarde: o oportuno remate de Contreras, aproveitando o rexeitamento do pexegazo de Jorge; e a puntilla de Baiano desbordando ao porteiro insular, tras un boa parede con De Ridder. Na segunda, Vázquez moveu o banco e o esquema (4-2-3-1) de forma moi intelixente, proporcionando ao equipo maior capacidade de recuperación no centro do campo e unha vontade inusualmente ofensiva. Organizado deste xeito, o Celta ofreceu, entón, algúns dos mellores minutos de xogo da tempada: as combinacións electrizantes entre os dianteiros, os continuos caneos máxicos de Silviña e un recital de remates errados a porta baleira puideron aumentar unha conta celeste que mereceu ser máis avultada. Nun partido completísimo en todas as liñas, dende “San Pinto” (o noso gardarredes sacou algúns balóns milagrosos) a un máis entonado Baiano, os celestes demostraron posuír a flexibilidade táctica, a intensidade defensiva e a finalización atacante que lles faltou nas tres xornadas anteriores. Recuperáronse as aspiracións europeas.

A terra cantada

A bibliografía sobre cuestións políticas non é moi extensa en Galicia nin en galego, razón pola que é moi de agradecer este novo libro de Camilo Nogueira, con certeza o político nacionalista que máis escribiu nos últimos vinte e cinco anos. Desta volta, tras a exitosa publicación do primeiro volume d’ A memoria da nación, Nogueira ofrece n’ A terra cantada unha primeira antoloxía de oitenta dos seus textos políticos escritos todos eles dende 1981 a 2005.
Camilo Nogueira escolmou algunhas intervencións parlamentarias moi salientables (a do retorno dos restos de Castelao de 1983, a pioneira proposición de Lei de Normalización Lingüística de 1981, a iniciativa presentada en 1990 no Parlamento de Galicia sobre autodeterminación como nación, ou a longa lista de preguntas ao Consello e de intervencións nas sesións plenarias do Parlamento europeo sobre a cuestión dos inmigrantes mortos nas costas europeos), algúns discursos e intervencións políticas, e sobre todo, unha parte significativa das súas colaboracións en revistas especializadas de fóra de Galicia e xornais como El País, La Voz de Galicia, A Nosa Terra e Vieiros, o medio electrónico onde publica na actualidade.
Precedido por un fermoso limiar, “O comezo do mundo”, o libro artéllase arredor de catro capítulos que son outros tantos eixos das preocupacións do autor: o primeiro, “Provincia ou nación” (onde aborda as cuestións referidas ao desenvolvemento do movemento nacional galego); o segundo, “A memoria e a amnesia” (no que reflexiona sobre as contradicións existentes sobre o papel de Galicia, Cataluña ou Euskadi dentro de España); o terceiro, “Unha revolución histórica” (onde percorre e analiza os fitos decisivos do proceso constitucional europeo recente); e, por último, “O imperio declinante” (no que, dende a súa dilatada experiencia internacional, dá conta dalgúns dos acontecementos máis salientables da última década).
A pesar de construír o volume con materiais de datas e intencionalidades, seguramente moi diversas, Nogueira ofrece un libro con unidade e grande coherencia pola súa intención explícita de propoñer ao lector como fío condutor unha reflexión sobre a construción do proxecto nacional galego nos últimos dous séculos. Interpretación ou lectura non tanto como a historia dun nacionalismo concibido como ideoloxía, senón como unha proposta de liberdade, progreso e independencia que, cos seus erros e os seus acertos, reflicte a procura do autogoberno para Galicia situarse como nación no mundo sen mediacións políticas estatais sacralizadas.
Especial interese ten, na miña opinión, á chamada explícita do autor ao nacionalismo galego contribuíndo a que a sociedade asuma a oportunidade de emprender o camiño que conduce a ser nación política, abandonando calquera tentación de resignarse e subordinar a propia personalidade á dominante no estado. Nogueira enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reencontrándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro. Para iso deberá aceptar a responsabilidade de valerse economicamente, na interdependencia que se impón hoxe a todas as entidades nacionais e estatais; promover un desenvolvemento económico e social autocentrado; recoñecer a lingua galega como nacional e universal; contar cun autogoberno resultado da autodeterminación, por moito que isto sexa o porduto dun pacto histórico que teña en conta a realidade plurinacional da convivencia na Península e en Europa, contar cunha presenza autónoma no mundo… Pensar, en definitiva, o mundo desde a propia Terra e sendo do mundo en dialéctica coas circunstancias de cada tempo. Velaí a terra cantada que presentaremos o martes en Compostela.

Literacidade electrónica

Mañá moderarei unha mesa redonda sobre “Xornalismo electrónico, foros, e-books e blogs”, na que están convidados a participar Jaureguizar, Camilo Franco, Manuel Forcadela e Pedro Sena-Lino. Antes de darlle paso as súas intervencións e para organizar os temas a debater pretendo salientar cinco grandes ámbitos temáticos que considero centrais para abordar o tema. Na miña proposta obviarei a mantenta o debate sobre o futuro do libro, avanzando as reflexións sobre o que entendo caracterizará o futuro, máis ou menos inmediato: a emerxencia dunha literacidade electrónica:

  • PRIMEIRA: A escrita e a lectura son prácticas sociais e culturais inseridas sempre nunha comunidade e tempos concretos.
  • SEGUNDA: a nova literacidade electrónica está aínda conformándose en función do desenvolvemento de soportes electrónicos permanentemente en obras.
  • TERCEIRA: a literacidade electrónica actual caracterízase polas posibilidades que proporciona a hipertextualidade e a multimodalidade.
  • CUARTA: a literacidade electrónica supón a creación de novos xéneros, sexan sincrónicos como asincrónicos na construción da textualidade.
  • QUINTA E ÚLTIMA: as novas tecnoloxías electrónicas poden poñerse ao servizo dunha nova edición impresa de carácter analóxico.

Boloña 2006

Este ano non poderei acudir á Feira de Boloña.
Xa sinto saudades. Mágoa.

A Coruña

Outra boa noticia.

Fotografías sonoras

Le Monde demostra as novas posibilidades do xornalismo electrónico para relatar as mobilizacións dos estudantes franceses. Recoméndoo.