José Vázquez Grela, mestre de Nigrán

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á memoria de José Vázquez Grela, mestre de Nigrán:

José Vázquez Grela (Ames, 1886; Nigrán, 1936) foi protagonista dun dos episodios máis tristes da Guerra Civil en Nigrán. Mestre da Escola Nacional de nenos de Nigrán foi paseado no barrio da Devesa, moi preto da súa casa escola, o 12 de setembro de 1936, nun dos acontecementos máis estremecedores daqueles meses de terror, do que foron testemuñas os seus propios alumnos, a súa muller, Josefa Iglesias, con quen tivera seis fillos, e entre os que estaba presente o máis novo, José Gonzalo. Un dos alumnos, Severino Crespo, relatou uns feitos que comezaron arredor do mediodía cando irromperon na escola Francisco González Rodríguez, o tenente da Garda Civil, ao que chamaban «O Rabioso», e tres falanxistas de Bouzas que sacaron ao mestre da aula e o meteron nun coche que colleu á estrada de Camos cara ás Angustias. Semella que o fixeron baixar do coche preto da parroquial co pretexto de ir falar co cura, mais cando comezou a camiñar recibiu cinco tiros polas costas. Outro dos alumnos, Juan Pastora Sanromán, contou que dende a escola escoitaran os disparos e que cando regresaba a súa casa atopou na cuneta o corpo do mestre que aínda vestía a súa bata, completamente ensanguentada.

Coñecemos estes relatos arrepiantes da morte do mestre de Nigrán, ao que cómpre engadir a nota macabra de que na folla do rexistro da inscrición de defunción alguén anotou nunha esquina a palabra «accidente», grazas aos traballos do historiador e actual alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, autor de Nigrán. Memoria dunha Guerra (1936-1939) (Edicións do Cumio 1998), como do máis recente do memorialista e membro do Instituto de Estudos Miñoráns Carlos Méixome en Catas da memoria. A persecución franquista no Val Miñor (Laiovento, 2021). Dúas fontes esenciais, como os numerosos traballos dos profesores Serafín Porto Ucha e Antón Costa Rico sobre os mestres depurados polo franquismo, que axudan a entender tanto o valor destes educadores como auténticas luces da República como a teimosa persecución a que foron sometidos polos sublevados, como «O Rabioso», a quen Xoán Carlos Abad Gallego nun traballo referencial (Glaucopis, IEV, 2002) definiu como «perseguidor de mestres».

Cando foi asasinado, José Vázquez Grela mantiña unha intensa actividade sindical e política como membro da Agrupación Socialista de Vigo e da Asociación de Traballadores do Ensino de Vigo, formando parte dunha dirección na que tamén estaban Apolinar Torres López, fusilado en Pereiró o 27 de agosto de 1936, e Victor Fraiz, fusilado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937. Tras anos de emigración en Bos Aires, onde traballou como panadeiro e coñeceu a súa compañeira, e despois en Cuba regresou a Galicia iniciándose en 1926 como mestre en Santa Cristina de Vea e noutras escolas do Deza, vinculándose ao movemento agrarista do que foi activista. En 1930 aprobou as oposicións de mestre nacional, incorporándose á Escola de Nigrán no curso 1931-1932. Decontado foi valorado polo seu entusiasmo como educador da infancia, activista e organizador das actividades formativas das Misións Pedagóxicas dirixidas aos maiores, como promotor dunha biblioteca pública e como presidente do consello local de primeira ensinanza formado polos mestres e mestras de cada unha das parroquias do concello, instancia dende a que intentou que o ensino se axeitase ás novas necesidades e ás máis modernas orientacións pedagóxicas. De inequívocas conviccións republicanas, Vázquez Grela animou en Nigrán a campaña a prol do Estatuto de Autonomía, organizando e intervindo como bo orador que era, o domingo 21 de xuño de 1936, no histórico mitin vespertino do «largo» das Angustias xunto a Castelao, que pola mañá falara en Vigo no cine Tamberlick.

A sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 aterrorizou a José Vázquez Grela que intentou colaborar co novo réxime para lograr o perdón dos sublevados. Xaora, o Grela, como o chamaban os seus alumnos, fracasou no seu intento de salvar a vida e de nada serviron as súas doazóns económicas ou a súa participación nun funeral por Calvo Sotelo. Os sublevados, como sinala Carlos Méixome no seu libro moi recomendable, «persistían na súa estratexia de terror e de eliminación dos partidarios do réxime republicano».

Por ventura, o concello de Nigrán lembra a figura de José Vázquez Grela, nun parque co seu nome, inaugurado en 2018 e localizado na Avenida do Val Miñor (na vella estrada cara a Vigo), a carón de onde tivo a súa escola. Entre carballos e froiteiras instalouse un panel coa súa biografía, fotografías e documentación histórica que sirve para que non esquezamos nunca o valor deste mestre republicano e o vergonzoso e inxusto episodio do que foi vítima. Unha iniciativa que forma parte da recuperación integral dunha memoria que non virou en historia.

«Que hostia din os rumorosos?»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Que hostia din os rumorosos?, o libro de libros co que volve Rompente:

Na madrugada bretemosa do 20 de agosto de 1981 un Renault-12 familiar bateu na avenida Beiramar contra un valado de obras sen sinalizar. Os seis ocupantes do coche acabaron nas urxencias do Pirulí, sen lesións de importancia, coa excepción do copiloto, o poeta Manolo Romón, que resultou ferido de gravidade e hospitalizado durante dous meses. O condutor, o músico Julián Hernández, confesou que despois de estar con Antón Reixa nunha tasca saíran do Almas Perdidas do porto do Berbés, camiño do Balneario de Samil, único local que permanecía aberto durante toda a noite. Ocupaban os asentos traseiros do renault Javier Soto e José Manuel Barros, ademais de Alberto Torrado e Miguel Costas, membros coma o condutor do grupo de rock Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano. Tras a declaración por parte da compañía aseguradora como «siniestro total», Miguel Costas propuxo rebautizar a formación como Siniestro Total (ST). Aquela historia viguesa contada de marabilla e con todos os detalles por Elena Ocampo nas páxinas de Faro de Vigo e por Emilio Alonso no libro Vigo a 80 revolucións por minuto (Xerais 2011) constitúe o que pode ser considerado o acto fundacional da chamada «movida viguesa», movemento interartístico vertebrado pola música popular que animou os convulsos anos oitenta vigueses da reconversión do metal, das protestas do bono-bus, dos apresamentos de pesqueiros, das mortes provocadas pola heroína e pola SIDA.

Un acto fundacional que se concretou musicalmente no primeiro concerto de Siniestro Total, o 27 de decembro de 1981, no cine Salesianos da rúa Venezuela, no marco do festival «Nadal Rock», organizado polo desaparecido Bibiano Morón, no que tamén participaron Trenvigo, o grupo electrónico que o cantautor compostelán formara cos tres compoñentes de Druída (Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez), os portugueses de Arte e Oficio e os Nacha Pop de Antonio Vega. Un evento ao que se chegou, probablemente, tras meses de ensaios no Satchmo, o club de jazz da rúa Joaquín Loriga 33, que dende a primavera de 1981 abriu as súas portas e espazos ás novas tendencias musicais e aos grupos vigueses. Polo Satchmo andaban os membros de ST e tamén do Grupo de Comunicación Poética Rompente, nacido en 1975 como Grupo de Resistencia Poética (formado por Pexegueiro  e Reixa) e despois mudado en Rompente edicións (1978), editora que utilizaba a impresión con vietnamita e multicopista, xa sendo trío beat e guerrilleiro en doses inexactas formado por Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, que atoparon alí un lugar ideal «onde tirar a poesía dos libros e levala á rúa e aos bares».

Foi no Satchmo onde o 24, 25 e 26 de decembro de 1981 actuaron os The Bebra Brothers, o grupo bautizado co nome dos ananos d’ O tambor de folla de lata de Günter Grass, formado polos tres membros de Rompente xunto cos músicos Julián Hernández, Miguel Costas, Alberto Torrado, Moncho Vazquez e Luís Manuel Fernández Abreu. Foi, pois, no Satchmo, hoxe pub Vagalume, onde se forxaron as colaboracións entre os músicos de ST e os poetas de Rompente, ao que se sumaron algúns artistas plásticos do grupo Atlántica e actores do emerxente teatro galego. Grupos, concertos e performances poéticas que comezaron a chamar a atención máis alá da ponte de Rande, feito ao que quizais tampouco foi allea a xenerosidade coa que Jesús Ordovás acolleu no seu Diario pop de Radio 3 a primeira maqueta de Siniestro Total, celme do seu primeiro elepé, ¿Cuando se come aquí? (1982), que lle enviara Julián Hernández ou ao disco do debú de Golpes Bajos, a formación de Germán Coppini, o primeiro cantante de ST, e de Teo Cardalda, Pablo Novoa e Luís García. Un fenómeno musical no que as formacións se ampliaban e confundían, como sucedeu con Os Resentidos, grupo liderado por Antón Reixa (Rompente) ao que se uniron inicialmente Alberto Torrado (ST), Javier Soto (despois ST) e Rubén Losada, coa intención de conformar «unha bus band de rock esquimó e funkie depresivo».

Corenta anos despois daquel estoupido de creatividade resistente, impregnado con inequívoco espírito contracultural de vangarda, protagonizado polos membros de Siniestro Total, Rompente e polos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, publícase Que hostia din os rumorosos? (Editorial Elvira 2021), un coidado libro de libros que continúa o diálogo a rompentres e actualiza a proposta dos oitenta. Despois do reencontro de Upalás (Xerais 1998), esta volta da polifonía poética inesperada e gozosa de Rompente, nun libro prologado por Julián Hernández e deseñado e ilustrado por Antón, Menchu e Rubén Romero, constitúe un gran acontecemento literario que merece ser celebrado cunha xira de presentacións por Galicia enteira. Parabéns a todos eles por re-existir e non desistir de continuar falando sós.

Precariedade bibliotecaria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a valorar os datos máis recentes sobre a situación das bibliotecas públicas:

Os datos máis recentes publicados pola Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultural e Deportes, correspondentes ao ano 2019, poñen en evidencia as importantes carencias da rede bibliotecaria pública galega como a precariedade alarmante da situación bibliotecaria no concello de Vigo. Cifras entre as que os responsables de BAMAG Galicia (Asociación de profesionais dos arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación de Galicia) destacan, entre outras valoracións, que un terzo da poboación galega usa os servizos bibliotecarios, que dende 2015 diminuíu o persoal das bibliotecas públicas e Galicia destina a bibliotecas anualmente 8,95 € por habitante, unha cantidade inferior á da media estatal, 10,55 €. Como tamén salientan a precariedade da rede de bibliotecas públicas en Vigo, cidade que para este servizo cultural esencial destina 3,69 € por habitante e ano, moi lonxe das medias galega e estatal e case seis veces menos que A Coruña que con 24,49 € encabeza o gasto corrente neste eido.

Precariedade viguesa que se dá tamén no número de documentos (libros, revistas e outros soportes) por habitante, 0,58 no caso vigués, moi por baixo da Coruña (3,1) como das medias galega (2,16) e do estado (1,91). Outro tanto sucede co número de bibliotecarios/as por habitante, en Vigo un por cada 13.486 censados, lonxe dos 3.483 da Coruña, como da media galega (4.951) e estatal (4.223). Como tamén no caso vigués é inferior a porcentaxe de usuarios/as habituais de bibliotecas, se por tales entendemos os que posúen carné bibliotecario, apenas un 19 %, moi por baixo do 65 % da Coruña, mais tamén da media galega (31 %) e estatal (35 %).

Datos que no caso vigués melloran no número de préstamos anuais por habitante, 0,82, por riba da media galega (0,76), mais aínda por baixo da estatal (0,96) e da cifra da Coruña (1,96); como tamén no número de visitas, 3,41, cifra que mellora a media galega (1,92), a do estado (2,25), aínda que inferior á da Coruña (4,48). Xaora, as actividades realizadas nas seis bibliotecas públicas viguesas por cada mil habitantes son menores que ás da Coruña, 1,09 fronte a 7,27, cifra que queda por baixo da media galega (3,03) como estatal (5,49).

Cifras que demostran que Vigo posúe un importante déficit en materia de bibliotecas públicas, que arrastra nas tres últimas décadas e que ningunha das administracións competentes (estatal, autonómica e municipal) foron capaces de abordar, tanto no referido ao número de instalacións (apenas 6 en 2019), libros e documentos, persoal bibliotecario como de actividades promovidas por parte deste servizo. En definitiva, a pesar das reclamacións e denuncias dos profesionais da biblioteconomía, Vigo continúa carecendo dunha rede bibliotecaria pública que, como a modélica do concello da Coruña, conte cos libros e outros documentos bibliográficos suficientes, así como co persoal bibliotecario especializado que faga da biblioteca a primeira institución cultural de proximidade.

Quizais na confusión sobre o concepto de biblioteca pública sexa onde resida a cerna da calamidade bibliotecaria viguesa. Segundo a definición elaborada pola IFLA/UNESCO «a biblioteca pública é unha organización establecida, apoiada e financiada pola comunidade, que achega acceso ao coñecemento, á información e ás obras de creación grazas a unha serie de recursos e servizos e está a disposición de todos os membros da comunidade por igual, sexa cales fosen a súa raza, nacionalidade, idade, sexo, relixión, idioma, discapacidade, condición económica, laboral e nivel de instrución». En definitiva, o concepto de biblioteca pública actual fai referencia ao servizo público do que se dota unha comunidade para garantir que toda a súa cidadanía, toda sen excepcións, teña acceso en igualdade de oportunidades á cultura, a información e ao coñecemento.

A este teor, non podemos cualificar como bibliotecas públicas, como se ven facendo de forma incomprensible por parte do concello de Vigo, o que son salas de estudo con acceso a internet (sen libros nin persoal bibliotecario), un servizo público sen dúbida imprescindible e probablemente aínda insuficiente para a demanda de estudantes e opositores existente.

Vigo precisa un grande acordo interinstitucional (Ministerio de Cultura, Xunta de Galicia e Concello de Vigo) para saír de vez dunha precariedade bibliotecaria, impropia dunha cidade que continúa sendo capital editorial de Galicia e referente na edición estatal. Un acordo que pasa tanto por desbloquear a construción dunha moderna biblioteca do estado no Chouzo como pola creación dunha rede de bibliotecas públicas municipais (Teis, Navia, Bouzas, Vigo Vello…) seguindo o modelo da Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario.

Onte 2138: No pasamento de Pancho Pillado

Doe a morte de Pancho Pillado, o admirado editor de Laiovento, o dramaturgo e teimoso impulsor do teatro galego, o tradutor políglota, o ensaísta, o conversador agudo e entusiasta, unha das figuras referenciais da cultura galega das últimas catro décadas de entre séculos. Doe o pasamento dunha das cabezas máis intelixenes do republicanismo galeguista, que fixo da elegancia, a firmeza e a tenrura unha forma de intervención política. Doe a perda dun compañeiro leal, solidario, empático e comprometido na construción do sector da edición en lingua galega e no duns medios libres e comprometidos coa lingua e o futuro do país. Con todos os abrazos, admirado Pancho.

Onte 2137: «Reboiras»

Papei de dúas sentadas Reboiras. O camiño da rebeldía (Aira 2021), o libro no que o xornalista Xosé Manuel Pereiro e o historiador Xurxo Martínez González, ao fío do relato biográfico de Xosé Ramón Reboiras Noia, ofrecen unha ollada coral ao proceso de conformación do movemento nacionalista galego arredor da UPG, dende 1969 ao inicio da Reforma Política (1976). Lonxe da tentación haxiográfica sobre unha figura mitificada, que padeceu ilexitimamente persecución e violencia por parte do estado, recoñecida como vítima do franquismo dende 2009, asasinado por tres tiros ás costas pola policía o 12 de agosto de 1975, Pereiro e Martínez afondan no contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade política, sindical e armada. Como fixera Suso de Toro en Camilo Nogueira e outras voces (Xerais 1991), ademais de confrontar e rescatar a documentación accesible (prensa legal e clandestina, documentación interna da UPG…) procuraron as voces de xentes (35 persoas) que coñeceron, colaboraron e loitaron con Reboiras.

Con estes vimbios ofrecen unha agra aberta sobre a que desenvolver a memoria colectiva dun tempo que, definen acaidamente, como de fulgor e atrevemento. Especial interese teñen neste exercicio memorialístico os capítulos referidos «a decisión» (1974), á clandestinidade (1974-1975) e á caída (12 de agosto de 1975), nos que se aborda a estratexia da vía armada e se reconstrúe de forma polifónica o relato dalgúns dos seus acontecementos máis relevantes. Xaora, a cerna do libro reside nun exercicio de reparación e de rehabilitación necesarios dunha figura que no relato de Pereiro e Martínez adquire unha moi relevante dimensión política, sobre todo no ámbito organizativo e militante, como nos eidos sindicais e culturais. Mágoa que na edición o editor non se puidese demorar uns días ofrecendo un índice onomástico e unha liña cronolóxica, así como dispoñendo a documentación gráfica (moi valiosa) a un maior tamaño, o que facilitaría, cando fose necesario, a súa lectura.

En calquera caso, libro tan singular e valente como inusual no actual catálogo do libro galego de non ficción, constitúe un extraordinario exercicio dun xornalismo concibido como historia do presente, dunha historia do nacionalismo galego non dependente de relatos alleos. Unha obra que merece todas as nosas recomendacións. Parabéns aos autores e a editora, como tamén ao amplo elenco de voces recollidas neste libro polifónico que aventuro exitoso e referencial.

Stefan Zweig en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 85 aniversario da estancia en Vigo de Stefan Zweig:

O luns 10 de agosto de 1936 atracou no porto de Vigo o transatlántico de bandeira inglesa Alcántara procedente de Southampton de onde partira tres días antes. O Faro de Vigo do martes recolleu a noticia na súa páxina dez dedicada á actividade portuaria cunha magnífica foto de Pacheco, engadindo no seu apartado de «Vapores chegados» que transportaba 616 pasaxeiros en tránsito e no de «Despachados» que no Alcántara embarcaran 50 pasaxeiros para Bos Aires. Anos despois coñeceríase que entre aqueles viaxeiros en tránsito, que puideron desembarcar e estirar as pernas durante unhas horas en Vigo, estaba o escritor austríaco Stefan Zweig, probablemente o máis popular da súa época, convidado polo Pen Club Internacional a visitar Brasil e a participar no seu XIV congreso, que convocado baixo o lema «Poetas, Ensaístas e Novelistas» se celebraría na capital arxentina entre o 5 e o 15 de setembro. Zweig, que viaxaba acompañado de Lotte Altmann, a súa segunda dona, lembraría aquela breve experiencia viguesa como marcante tanto nas páxinas do seu libro póstumo El mundo de ayer. Memorias de un europeo (1944; tradución castelá, El Acantilado 2001) como a cualificaría nas do seu diario (El Acantilado 2021) como «incriblemente interesante».

Un paseo que nos parágrafos do diario, estudados por Irene Sueiro Orallo no artigo, «Puerto de Vigo, Guerra Civil Española y Segunda Guerra Mundial» (2006), o vienés lembra nunha «cidade repleta de milicia», «na que o aparello da guerra se puxo en marcha», onde atopa nunha libraría os escritos de Hitler, aos que cualifica de «parvadas», e cando pide un café coñece que hai días que se cortou o subministro de auga. Impresións que Zweig tingue de pintoresquismo cando se refire a beleza das mulleres traballadoras que observa en Vigo, que compara coas que un día despois verá na súa escala en Lisboa. Porén na páxina de El mundo de ayer que dedica a Vigo, Zweig abandona a escrita vital e despreocupada do diario, para asumir un rexistro máis introspectivo e pesimista lembrando que «naquelas poucas horas» viu cousas que lle «deron motivos xustificados para reflexións agoniantes»; sen dúbida referíndose ao recrutamento de mozos conducidos por cregos que vira na casa do concello, «onde ondeaba a bandeira de Franco», cando non pasara aínda un mes do golpe de estado do 18 de xullo e Vigo xa se encontraba «en poder dos franquistas». Escrita nos seus días de Petrópolis, pouco antes do seu suicidio e o da súa dona, Zweig identifica naquel paseo vigués do verán de 1936, «as últimas horas pasadas en Europa», a conexión entre a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial, a extensión pola «nosa infausta Europa da vella barbarie da guerra».

Ao paso de Zweig pola cidade da oliveira dedica Francisco Uría a súa primeira novela, La pequeña librería de Stefan  Zweig (Berenice, 2021), unha delicada e emocionante peza narrativa breve na que o autor alacantino tira dun dos fíos que o vienés deixara solto no seu diario, cando se detivo diante do escaparate dunha libraría viguesa coa intención de mercar un exemplar de El Quijote. Uría imaxina a conversa de dúas horas que Zweig mantivo co libreiro, ao que bautiza como Ramón Castro, na que forxan unha amizade e un legado, recollido nunha das vinte cartas do suicidio do autor austríaco, alicerzada sobre o valor dos libros e da literatura e da liberdade que proporcionan, así como do papel sagrado dos libreiros de facer chegar os libros ás mans dos seus lectores. Un texto de ficción, escrito sobre o coñecemento documentado e admiración de Uría pola obra de Zweig, no que se reitera que a identidade de cada escritor se forxa sobre a relación coa súa lingua: «Non me concibo sen ser escritor e só podo selo na miña lingua alemá. Estou, pois, como xa lle dixen, collido no meu idioma e desexo abandonar xa este cárcere».

A novela de Francisco Uría fixa de forma acaída a relación de Zweig con Vigo, cando era un porto transcontinental e cidade cosmopolita na que recalaban decote figuras internacionais (dende Albert Einstein a Ernest Hemingway) e embarcaban milleiros de humildes emigrantes anónimos, mais tamén no tempo de horror daquel mes de sacas e fusilamentos, como os do 27 de agosto, do alcalde socialista e doutros deputados e sindicalistas vigueses. A excelente novela de Uría, ademais, abre a memoria das librarías viguesas do tempo da República, unha homenaxe á relixión e ao compromiso ao que debe ser fiel todo libreiro como amante dos libros: achegar aos seus lectores todos os libros, mesmo os inalcanzables, os queimados e os prohibidos, conscientes de que «o seu oficio é o máis importante do mundo porque sen el ninguén podería ler». Unha obra a de Uría que se incorpora ao cada día máis amplo e atractivo catálogo de Vigo como cidade de novela, que recomendo vivamente.

Os pradairos vermellos da Praza da Princesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á corta dos pradairos vermellos da Praza da Princesa:

Lin estes días un texto interesante de Gerardo González Martín sobre como se estableceu en Vigo o benfeitor José García Barbón. Parece ser que o mecenas de Verín fuxiu xa en idade madura da súa vila natal polo anoxo que lle provocou a corta das árbores da rúa principal que tras o seu regreso de Cuba contribuira a pavimentar e a adornar con árbores. Mais o que resulta chocante, comenta o sempre ben documentado e ponderado González Martín, é que García Barbón escapando dos arboricidas verineses escollese para instalarse Vigo «unha cidade que non se caracterizou ao longo da súa historia por un amor especial a súa masa arbórea». Incluído no libro La vuelta al mundo de Vigo en 80 días. Estampas de la más variada historia local (Ediciones Cardeñoso, 2012), este comentario do primeiro estudoso da memoria viguesa explica que o abandono das árbores das nosas rúas e prazas foi unha das eivas do Vigo do século pasado.

Abofé que ese tradicional desleixo coas árbores urbanas, presentado polo cronista vigués co tan matizado eufemismo de ausencia de «amor especial pola masa arbórea», agravouse no século actual para o abraio da cidadanía viguesa transformándose en arboricidio, palabra que o dicionario da RAE escolle para definir «a corta inxustificada de árbores». A ese teor temos denunciado neste espazo a nunca xustificada corta dos tileiros con setenta anos das beirarrúas da Gran Vía ou a recente dos cedros da Ronda, coincidindo coas obras de renovación dos servizos urbanos deses espazos. E por idéntica razón facémolo agora coa corta a pasada semana dos oito humildes pradairos vermellos da Praza da Princesa que chantaran raíces dende a última reforma (1995) da praza, un espazo urbano histórico, creado en 1816 como praza da Peixaría, onde se instalou o primeiro teatro da cidade (1832) e a propia Casa do Concello (1859), hoxe Casa Galega da Cultura.

Imaxinamos que a corta dos pradairos será explicada polos responsables do concello, como sucedeu xa noutras ocasións, pola saúde precaria das árbores, o que por outra banda constitúe unha responsabilidade dos servizos municipais de Parques e Xardíns, o mesmo que se ocupa das mutilacións que os foron facendo cada vez máis irrecoñecibles. Porén, con este novo arboricidio perpetrado nun dos escasos espazos verdes do Vigo vello, tamén un dos máis emblemáticos da historia da cidade, os vigueses e viguesas (dende as picariñas ás persoas maiores) perdemos un formidable espectáculo totalmente gratuíto, o da mudanza estacional de cor desta especie, que vai do verde ao amarelo e máis tarde ao vermello. Coa corta de cada un destes pradairos perdemos milleiros de matices de cor e do capricho das súas follas ciscadas sobre as lousas da praza, un patrimonio inmaterial que cotiza só na bolsa do benestar emocional e do acougo da veciñanza que alí acude. Coa desaparición destas árbores lanzais perdemos a sombra e a frescura que achegan, substituídas apenas por un mar de antucas téxtiles, nesoutro proceso de uso (probablemente) desproporcionado do espazo público para actividades privadas de restauración, ampliado aínda máis pola pandemia, o que tamén merecería unha reflexión.

A corta dos pradairos vermellos da Praza da Princesa acentúa o perfil dunha cidade bonsai que dende a alcaldía de Corina Porro e a súa cidade de flores e macetas,(agora «Vigo cidade fermosa»), privilexiou no seu espazo urbano central a instalación de custosas pezas de xardinaría efémera sobre a conservación paciente e o agarimo constante para o seu arborado tradicional. A instalación da dinosebe, a icona deste modelo de arranxo urbano, nun dos recantos da nosa praza bicentenaria da peixaría non foi casual, como tampouco o traslado desta custosa peza de xardinaría ao espazo privilexiado da Praza de Compostela, un xardín histórico hoxe en perigo de ser transformado noutro comedor urbano durante as festas do nadal, expresando ademais que a conservación do arborado urbano tradicional non constitúe hoxe unha preferencia. Máis aínda, nos usos e disposición dos espazos do Vigo central actual árbores, arbustos e soportes para testos constitúen parte do mobiliario urbano que como puidemos comprobar pode ser cortados, trasladados ou modificados de aquí para acolá como mellor conveña.

Este modelo de cidade de macetas renxe nunha cidade que ten por insignia unha oliveira, posúe tres grandes parques no perímetro urbano (O Castro, Castrelos e A Guía), ademais dunha extraordinaria coroa vexetal no seu periurbano; un patrimonio natural de valor incalculable, único nas cidades atlánticas. Ende ben, o Vigo central do século XXI ten a posibilidade aínda de reorientar a súa historia e priorizar a conservación do que queda do seu patrimonio arbóreo urbano. Un Vigo con sombras e raíces aínda é posible.