"Do orixinal ao libro"
/en Edición, Editores, Libro, Novidades, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemasChegaron hoxe os primeiros exemplares Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica. Unha obra importante para o sector profesional do libro en Galicia xa que constitúe o primeiro manual de edición en galego. Presentaremola con motivo do 23 de abril, día internacional do libro e dos dereitos de autor. Beizóns para o autor, o noso amigo o editor e blogueiro, Juan Blanco Valdés.
Campo do Fragoso LXXV
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasUN EQUIPO CONXELADO
No frío serán do pasado sábado o Celta volveunos dar outro desgusto tremendo. Fronte a un Albacete inofensivo, que non disparou a portaría nin nunha soa ocasión, o equipo demostrou que hogano é incapaz de gañar un partido e superar a situación de parálise emocional na que entrou de forma súbita hai dous meses, cando estivo a piques de engancharse na loita polo liderado. Tras unha primeira parte horrible, na que apenas foi un fantasma errante que deambulaba desconcertado sobre a lameira, o Celta recuperou a figura e a dignidade na segunda, mais foi igualmente incapaz, mesmo xogando en clara superioridade, de levar o encontro. Sorprendeunos moito que Eusebio non introducise no equipo inicial a Ariel Rosada, hoxe a peza imprescindible para manter, canto menos, a aparencia de equipo. Como tamén nos doe recoñecer que a presenza do noso admirado Oubiña (aínda en pésimo estado de forma) sobre o terreo contribuíu a desencaixar a todo o equipo, pola súa incapacidade para conducilo e para manter os tempos de recuperación e ataque. Outrosí sucedeu co lentísimo Renan, outra sombra perdida en terra de ningures. Con estas dúas pezas esenciais avaríadas, non é extraño que o terceiro mediocampista, o pouco constante Trashorras, aproveitase para asumir só as responsabilidades do balón parado (faltas e saques de recanto), onde é o noso gran especialista. Fronte a semellante desfeita dos medios é doado comprender que os tres dianteiros tampouco funcionasen, máis aínda cando David Rodríguez traballou durante boa parte do encontro na banda equivocada (outro erro de Eusebio),Óscar Díaz agachaba a responsabilidade de arriscar e o moi sobrevalorado Dinei (outro nunha baixa forma escandalosa) nunca estaba no lugar oportuno cando debía rematar. Sen medio do campo que funcionase, os centrais, Rubén e Jordi, pateaban as pelotas coma se fosen zagueiros de rugbi, mentres aos dous laterais, Edu Moya e Fajardo (os compoñentes máis frouxos do conxunto) abondáballes con non ser superados nalgún infrecuente contraataque manchego. Apenas o entusiasmo e a intensidade de Rosada, que entrou tras o descanso en substitución de Borja, e a seriedade habitual do porteiro Notario se salvaron doutro novo naufraxio do colectivo. A expulsión, ao comezo da segunda parte, de Kitoko (o mellor xogador vermello, que mandaba no centro do campo), semellaba que facilitaría as posibilidades de marcar dos nosos. A superioridade numérica facilitou o control da pelota e o seu envío descontrolado sobre a área, mais non se traduciu en aumento das oportunidades reais de gol. Apenas podemos contar un remate de David, un tiro libre que o mestre Trashorras enviou con enorme precisión á escuadra e ao rexeite posterior que Michu enviou ao longueiro. Nesas dúas oportunidades estragadas nos minutos finais estivo a clave do empate e quen sabe se o futuro do noso equipo. As formas elegantes de Eusebio non dan froitos. Este Celta é un equipo conxelado na súa impotencia.
Xabier DoCampo e Marcos Calveiro premiados
/en Autores, Beizóns, Narrativa, Premios/por bretemasNoite entrañable a de onte no Carballiño. Creo que en liñas xerais foron uns premios ben atinados. O primeiro recoñecemento para Festina lente (agardo que virá algún máis) de Marcos Calveiro foi para nós unha noticia magnífica. O discurso do mestre DoCampo foi excepcional (prometeu subilo ao seu blog), unha defensa da lingua memorable. Beizóns!
Os nosos índices de lectura
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Bibliotecas, Informes, Lectura/por bretemasNo artigo da semana reflexiono sobre os índices de lectura máis recentes dos que dispoñemos. O repunte dos hábitos lectores, o incremento da lectura en galego, a mobilización lectora da mocidade e o importante papel das bibliotecas escolares e do sistema escolar neste proceso son algunhas das cuestiónas abordadas.
«A hora do planeta 2009»
/en Educación_para_a_Paz, Eventos, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/1CRs-7lRlPo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Apagón, hoxe de 20:30 horas a 21:30 horas.
Día Internacional do libro infantil 2009
/en Efemérides, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil, Recurso_didáctico/por bretemasReproducimos a mensaxe e o cartel conmemorativos do Día Internacional do Libro Infantil 2009, promovido polo IBBY. O texto e a ilustración son do ilustrador exipcio Hani D. El-Masri e a tradución para o galego de Manuel Figueiras.
Ferrovellos de Fran Herbello
/en Artes Visuais, Imaxes/por bretemasNovo traballo inédito, magnífico sempre o noso admirado Fran Herbello.
O estado da lingua
/en Lingua, Recurso_didáctico/por bretemasRecomendo a lectura destas dúas anotacións de alema sobre o estado da lingua. A primeira é a entrevista con Mauro Fernández, o catedrático de lingüística xeral da Universidade da Coruña, que defende que se está produncindo unha estabilización no galego. A segunda á que fai referencia ao estudo máis recente do Observatorio da Lingua Galega, que achega datos máis actuais cos do MSG (2004) sobre a situación do galego con entrevistas feitas en 2007. Repasando as táboas deste estudo, conclúese que (canto menos hai apenas dous anos) a actitude positiva cara ao galego era claramente maioritaria entre a poboación galega, ao tempo que estas porcentaxes diminuían nos entornos urbanos, na xente nova e nos entornos sociais con maior poder adquisitivo.
As dúas anotacións amosan síntomas preocupantes sobre o estado da lingua, mais tamén, sinais para a esperanza, sempre que se actúe con intelixencia sobre eles. Ás portas da decisión que sobre o futuro do decreto do fomento do galego no sistema educativo poida tomar o novo goberno, non debemos de perder a perspectiva (entre o lusco e fusco) que proporcionan estes datos nin o sentidiño e a responsabilidade na defensa dunha lingua que é de todos sen excepción (cuestión vital para desmontar as argumentacións falsas arredor da «imposición del gallego»). Reitero o agradecemento a alema por estas excelentes anotacións.
Tamén é moi recomendable o número 161 da revista Encrucillada (xaneiro-febreiro de 2009) dedicado á lingua, onde aparece «A lingua en Galicia», un traballo fulcral de dezasete páxinas que preparou Agustín Fernández Paz. Este artigo paréceme de lectura obrigada. Pagaría a pena poder distribuílo na rede como recurso didáctico e argumentario para desmontar tantos prexuízos e falsidades que os galegófobos están promovendo.
«Ámote vermella» en Lugo
/en Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemasQuedei satisfeito da presentación/recital de Ámote vermella en Lugo. Medio cento de persoas acudiron á Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, onde está instalada Vermellas. Chamábanlles «rojas», a magnífica exposición da que forma parte principal este poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas. Tanto a exposición como o libro, un mesmo proxecto creativo multisoporte, promovido por Claudio co apoio de Carmen Blanco, constitúen unha homenaxe a aquelas mulleres represalidas polo franquismo. Nacido de «Vermellas», o número de 2006 da revista Unión Libre que ambos os dous dirixen, este poemario inscríbese, ademais, na triloxía que Rodríguez Fer ven ofrecendo sobre a memoria histórica, Lugo Blues sobre a memoria de Lugo, A loita continúa sobre a memoria de Galicia e este Ámote vermella sobre a memoria de muller.
Na súa intervención, Claudio R. Fer salientou que a intención deste proxecto é afirmar a vida, loitar contra a morte. «Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica». Antes de comezar a lectura dos poemas, comentou que lembrabamos a mulleres perseguidas por ter ideas. «O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero». Claudio agradeceu a presenza de varios familiares dalgunhas das vítimas lembradas no poemario: «Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos.»
Rodríguez Fer leu unha decena de poemas. «A derradeira lección da mestra» (dedicado a Mercedes Romero Abella e a todas as mestras represaliadas), «A Juana Capdevielle»; «Amada Amada» (fusilada, en Ferrol despois de ter o seu fillo, por ter rexeitado a un pretendente falanxista); «As tres mapoulas de Montecubeiro» (homenaxe as tres fusiladas de Castroverde); «Un tranvía chamado Urania» (lembrando a Urania Mella); «A árbore da vida» (lembrando a Cintia Rey, a nai de Víctor Casas, fotografada por Amalia Álvarez Gallego, a muller de Alexandre Bóveda); «A viaxe vermella» (homenaxe a María Casares; «Memorial dos foxos de Lugo» e «Paz para sempre», derradeiro poema, tamén do libro, dedicado a todas as persoas que mantiveron viva as rosas da memoria.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- STEM galega9 de Outubro de 2024 - 9:58 a.m.
- Vigo, cidade do peixe8 de Outubro de 2024 - 10:24 a.m.
- Parteiras2 de Outubro de 2024 - 11:38 a.m.
- Porteiro pioneira1 de Outubro de 2024 - 11:37 a.m.
- Aspas ao rescate1 de Outubro de 2024 - 11:29 a.m.