A lingua e as présas de Feijoo

No artigo da semana de Campo de Granada abordo o dilema que debe resolver Feijoo arredor da promoción do galego. Reproduzo o texto xa que non aparece na web de Faro de Vigo.

A lingua e as présas de Feijoo

As declaracións recentes de Alberto Núñez Feijoo sobre a súa intención de recuar dende a Xunta de Galicia nas políticas de fomento do galego son moi preocupantes. Se estes anuncios retrógrados se concretan como primeira medida política do novo goberno, asistiriamos a unha ruptura sen precedentes do consenso autonómico acadado hai case tres décadas arredor do estatuto das dúas linguas que se falan en Galicia. Unha medida que, sen dúbida, esgazaría ao país e a súa cidadanía en dúas metades, o que tería consecuencias políticas e sociais imprevisibles xa que a lingua galega é o primeiro ADN de todos os cidadáns que residimos en Galicia e de todos aqueloutros que aquí deixaron as súas raíces e a levan ou a adquiriron polo mundo adiante. O galego é o idioma que a todos nos abraza (tanto dos que o utilizamos como o dos que prefiren instalarse no castelán), unha raíz chantada no futuro sobre a que todos temos responsabilidade.

No entanto, comprendo que estes anuncios de Feijoo, concretados, polo momento, na intención de derogar o decreto de fomento do uso do galego no ensino, obedecen á súa urxencia por vender o éxito da súa vitoria (e, por ende, a de Mariano Raxoi) á prensa conservadora madrileña, obsesionada na súa persecución das políticas de normalización lingüística, baixo a falsidade de tratarse dunha “imposición” dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e galegos. Enredado nesa tea de araña, apupado polas agullas de Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez, o futuro presidente da Xunta realizou na COPE unhas declaracións tan imprecisas como alarmantes sobre a liberdade dos pais para elixir a lingua da aprendizaxe da lectura e das “materias troncais”. Afirmacións que non teñen encaixe coa actual estrutura da rede educativa galega e co desenvolvemento normativo sobre o uso da lingua galega emanado da Lei de Normalización de 1983. Como quere Feijoo organizar os colexios e institutos en función deste modelo de elección? Apoiará a segregación do alumnado en función da lingua vehicular escollida polas familias? Haberá aulas ou centros castelanófonos e outros galegófonos? E os pais e nais que quixeren continuar como modelo lingüístico mixto vixente? En tempos de crise, valorouse o custe económico do modelo? Sendo a primeira medida de goberno, implantarase xa o vindeiro curso? É compatible este modelo de elección co obxectivo, establecido nos currículums vixentes, de que todo o alumnado ao remate da ESO posuirá idéntica competencia no emprego de ambas as linguas oficiais? E que facemos co profesorado?

Mais paradóxico aínda é que estas declaracións de Feijoo á COPE sexan contraditorias co programa do PP-G (presentado como “un contrato integral co pobo galego”). Nesas máis de trescentas páxinas nada se fala dun modelo educativo de elección lingüística, salientándose, pola contra, a aposta dos conservadores polo trilingüismo para todos, co “obxectivo de que ao remate da lexislatura a metade dos centros sexan trilingües impartindo un terzo das materias en inglés, outra en castelán e outra en galega”. Outrosí sucede co espazo dedicado á “Lingua Galega”, onde se recolle a aposta do PP-G “dende as súas fondas conviccións galeguistas para garantir que todos os cidadáns de Galicia puidesen exercitar os seus dereitos lingüísticos en liberdade, e, particularmente, os que elixen o galego, dada a situación de marxinación histórica” ou o seu compromiso de “garantir o equilibrio e proporcionalidade nas materias que se imparten en galego e castelán no sistema educativo, permitindo a necesaria flexibilidade”. Posicións programáticas matizadas, das que podemos discrepar, máis moi afastadas doutras caracterizas pola belixerancia galegófoba.

Señor Feijoo, aclárenos, a que debemos atender: ás súas declaracións a Jiménez Losantos (que o animaba, tamén, a deixar de falar en galego no Parlamento) ou ao programa publicado polo seu partido? O seu goberno vai apostar polas teses de monolingüismo galegófobo defendidas por sectores moi minoritarios como Galicia Bilingüe ou vai facelo pola continuidade das políticas de promoción da lingua galega enmarcadas polo consenso alicerzado dende a Lei de Normalización Lingüística, no que participan todos os partidos e as forzas sociais? Na intelixencia e na afouteza para resolver felizmente este dilema, residirán boa parte das súas posibilidades para que comece sendo o presidente de todos galegos (tamén deses máis de oitocentos mil que non o votamos) ou o primeiro que promoveu dende a Xunta de Galicia políticas de extinción da nosa lingua. Señor Feijoo, nas súas mans queda o futuro do noso idioma. Precisa tempo para resolver un dilema que merece unha reflexión serena e profunda, nesta súa aposta e do seu partido, xogámonos o futuro do ADN de todos os galegos.

Programa sobre o libro e a lectura do PPdeG

Bo é coñecer o programa sobre o libro e a lectura elaborado polo Partido Popular de Galicia. Un texto que pode orientar aos profesionais do sector do libro galego sobre os compromisos asumidos polos gañadores das eleccións.

Entre estes compromisos programáticos non podemos deixar de salientar: a mudanza da modalidade de grauidade do libro de texto, na que se aposta polo sistema de cheque libro; a declaración de 2010 como ano da lectura; a insistencia no apoio ao sector libreiro e a colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia; a aposta polo desenvolvemento da rede bibliotecaria ou o compromiso de compras de novidades dos editores galegos.

Entre as ausencias programáticas salienta a indefinición sobre o futuro da Lei de Bibliotecas e o silencio sobre a posta en marcha do Instituto Rosalía de Castro, previsto na Lei do Libro e a Lectura (apoiada polo PPdeG) para promover a lingua, literatura e libro galego a nivel internacional.

No entanto, transcribimos o texto destas medidas de apoio á lectura e o libro, que ocupan as páxinas 314 e 315 deste programa electoral do PPdeG:

–Declarar o ano 2010 como Ano da Lectura en Galicia, co obxectivo de que todas a Administracións galegas e o sector do libro, os representantes editoriais e os axentes implicados no fomento da lectura, mobilícense a favor do fomento da lectura. Para esta campaña darán axudas específicas as Consellerías de Educación e de Cultura.
–Crear un Fondo Social con axudas da Xunta e doutras entidades para realizar todos os anos unha convocatoria pública dirixida a subvencionar a adquisición de libros de lectura e dinamizar o sector do libro.
–Realizar campañas para potenciar actividades culturais e de fomento de lectura apoiándose nas 600 librarías e nas 45 editoriais galegas. A radio e a televisión galegas, dentro dos seus espazos de publicidade, reducirá as tarifas de promoción do libro galego.
–Establecer nos presupostos anuais da Xunta partidas para compra de libros destinados á actualización das bibliotecas e tamén das bibliotecas escolares. Unha parte destes libros serán libros editados en Galicia e libros en galego.
–Nos programas presupostarios da Xunta figurará un programa presupostario específico no que figuren as partidas destinadas ao sector do libro.
–O PPdeG garantirá que en todas as cidades de máis de 75.000 habitante existirá unha biblioteca estatal; que todas as cidades e vilas de máis de 50.000 habitantes conten con bibliotecas municipais xestionadas ou sostidas pola Xunta de Galicia. Mellorarase e impulsarase o servizo das bibliotecas nodais, con ampliación de horario e medios, especialmente persoais.
–Favorecer o papel das librarías como puntos especializados de venda de libro, así como de axentes culturais activos, indispensables para que a industria do libro manteña a gran pluralidade e cuantitividade e para a consolidación do tecido cultural galego. Farase promoción da libraría e a súa imaxe pública como punto especializado de venda de libros e como axente cultural activo, adoptando medidas eficaces en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia para evitar o peche de librarías, especialmente as instaladas nas zonas rurais e na periferia das cidades e vilas.
-Impulsar que as bibliotecas escolares se abran ao público fóra do horario lectivo dotándoas de técnicos e auxiliares de biblioteca.
Envío a todas as bibliotecas das obras publicadas pola Xunta de Galicia e os editores galegos, previamente seleccionados por unha comisión na que participen os editores, libreiros e profesionais das bibliotecas.
-Vistos os problemas que o sistema de empréstito de libros de texto está a xerar nos alumnos, nos centros, nas familias e nas librarías, o Partido Popular cambiará este sistema polas axudas directas a través do chequelibro.

«O sombreiro Chichiriteiro»

Hoxe estamos moi ilusionados, chegaron os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado de forma xenial por Patricia Castelao.

Velaí unha mostra deste traballo gráfico que Patricia Castelao realizou sobre un relato centrado sobre a amizade e a esperanza (dous valores tan necesarios nestes días difíciles de desacougo).

Animar a lectura pola radio

Dende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.

Premendo en cada título podemos escoitar os programas dedicados a Cidades de Fran Alonso, A rebelión dos coellos máxicos de Ariel Dorfman, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey e Mal de escola de Daniel Pennac (programa no que participaron dous profesores do centro).

Os nosos parabéns ao alumnado participante e á comunidade educativa de Pazos de Reis por tan fermosa iniciativa.

Declaración dos Dereitos do Libro

Trafegando Ronseis, un dos meus blogs educativos de referencia, publica hoxe o texto en galego da Declaración dos Dereitos do Libro. A redacción débese á Asociación de Editores da rexión Centro de Francia.

Artigo 1
Os libros, todos os libros, teñen dereito a existir.

Artigo 2
Os libros son iguais entre eles, sen distinción da súa orixe, fortuna, nacemento, opinión ou editor.

Artigo 3
Todo libro ten dereito á vida, á súa comercialización, á sorte de ser exposto ao lector e ofrecer ao seu autor a posibilidade de ser escoitado e remunerado con xustiza.

Artigo 4
Todos son iguais ante a lei que os somete a igualdade de prezo en calquera lugar onde sexan expostos.

Artigo 5
Todos teñen dereito a que en todos os lugares se recoñeza a súa personalidade, a personalidade do autor e do editor.

Artigo 6
O libro, obra de imaxinación coma de investigación, diríxese á imaxinación coma ás necesidades do ser humano. Así que non debe ser tratado na súa comercialización como un produto simplemente de consumo.

Artigo 7
O libro é será garante das nosas liberdades. Non pode en ningún caso ser sometido a aversión sexa polo plantexamento das súas ideas como pola súa misión fundamental de promover o libre intercambio das culturas, as mentalidades e os saberes.

Artigo 8
O libro, portavoz do espírito, da ciencia, de praceres, rexistro do saber, así como obra de creación, debe ser tratado coma un ben indispensable para a cultura, a promoción social e espiritual, a información, e non pode ser tratado como un vulgar obxecto de proveito.

Un texto ben interesante que, como o dos dez dereitos do lector, acuñados por Daniel Pennac, pode constituírse nunha magnífica ferramenta didáctica para iniciarse no mundo do libro e da lectura. Propoño a súa difusión entre os blogs de bibliotecas e clubs de lectura, así como de todas as entidades profesionais vencelladas ao libro galego.

No blog Nosololibros, versión en castelán.

A lectura, chave do coñecemento

Non pode pasar sen anotación no blog a reportaxe que onte publicou El País sobre a cultura de masas en España. Máis alá dos datos que proporciona sobre hábitos de consumo de produtos culturais, quero salientar o papel principal que se lle concede á lectura. Recollo dúas frases luminosas do noso amigo José Antonio Millán:

O medidor fundamental do nivel cultural é a lectura, «a chave do coñecemento na sociedade da información», segundo escribe o experto en cultura dixital José Antonio Millán en La lectura y la sociedad del conocimiento. «A colosal acumulación de datos que constituíu a sociedade dixital non será nada sen os homes que os percorren, integran e asimilan. E isto non será posible sen habilidades avanzadas de lectura».

A lectura como eixo central das políticas culturais e educativas; o libro como pan da cultura e da educación. A lectura e o libro como chaves do coñecemento.

Xesús R. Jares, «A paz, camiño de amor, entrega e esperanza»

Recomendo a lectura da fermosa semblanza de Xesús R. Jares que preparou Gena Borrajo no número de febreiro da Revista Galega do Ensino.
Pode baixarse en pdf dende aquí.

.

Derrota para unha xeración

Se repasamos as liñas dos resultados do ciclo electoral iniciado en 1989, cando Fraga gañou as súas primeiras galegas, non é moi difícil agoirar que estatisticamente deberemos agardar máis dunha década (2021 ou 2025) para contar en Galicia cun goberno que devolva as boas expectativas e o alento de esperanza co que, hai case catro anos, comezou o bipartito de socialistas e nacionalistas rematando con dezaseis anos de autoritarismo clientelar fraguista. A súa inapelable derrota deixa eivada á cidadanía progresista galega durante toda unha xeración, xa que, previsiblemente, na tres ou catro próximas lexislaturas será tan difícil que algunhas das forzas obteña a maioría absoluta como que se atrevan a repetir unha fórmula de goberno de coalición, rexeitada de forma contundente pola maioría do electorado. Onte estragouse, quizais por moito tempo, unha posibilidade preciosa para que a esquerda encabezase a profunda rexeneración democrática pendente no país.

Onte, a cidadanía galega censurou a fórmula de goberno bipolar de PSdeG-PSOE e BNG, impedíndolles recuncar nas súas responsabilidades de goberno, obrigando, ademais, a ambas as dúas forzas a enfrontarse coa viabilidade de cadanseu proxecto e a dirimir a lexitimidade dos seus liderados. Velaí como primeiras consecuencias destes requirimentos a demisión de Emilio Pérez Touriño ou o período de reflexión autocrítica prometido por Anxo Quintana nas súas primeiras declaracións tras coñecer a derrota. Estes resultados tan negativos abren nos membros do bipartito unha crise profunda provocada tanto polo insatisfactorio funcionamento da fórmula acordada para o goberno de coalición como pola inadecuación da proposta política de cada unha das forzas á crise económica internacional e á comunicación política da sociedade rede.

Ao longo da lexislatura toda, o bipartito nunca conseguiu entusiasmar. A pesar do seu bo nivel de produción lexislativa e de eficacia na execución orzamentaria; a pesar dalgunhas importantes mudanzas en determinadas políticas sectoriais (sobre todo nas áreas nacionalistas), o bipartito apareceu nos medios de comunicación (e polo tanto diante da cidadanía) como un goberno con pouca cohesión interna (onde eran frecuentes pelexas feroces entre os seus membros por mor do reparto de competencias ou orzamentos) e escasa ambición para acometer os grandes retos do país. O fracaso da reforma do Estatuto, na metade da lexislatura, agravou esta percepción, convenientemente divulgada polos medios conservadores, tanto os da caverna neocón de Madrid como os galegos. Ademais, nin socialistas nin nacionalistas souberon renunciar ou substituír os privilexios e os hábitos do fraguismo na Xunta (coches, asesores, asistencias técnicas…), abrindo un foxo coa sociedade. O bipartito (en liñas xerais, que tamén houbo algunhas excepcións) non foi un goberno austero, nin próximo nin sequera apostou pola participación cidadá que permiten as novas ferramentas da comunicación dixital. Unha mágoa!

Ademais, fronte á posibilidade dun enfoque transversal na abordaxe dos grandes temas de país (lingua, territorio, paisaxe, infraestruturas, medios de transporte, reforma medios de comunicación públicos…), socialistas e nacionalistas apostaron por un modelo bipolar que proxectaba unha imaxe do goberno esgazada, rota, axiña aproveitada polos seus detractores: “non se pode confiar en dous gobernos, dous presidentes…” Un modelo que, por riba, se exportou aos gobernos de coalición formados despois das eleccións municipais. O bipolarismo venceu ao transversalismo, a obsesión por competir publicitariamente co coaligado (velaí a polémica do concurso eólico no perigoso treito final da lexislatura) levounos a minusvalorar (a esquecer) a presenza do adversario conservador que, grazas ao traballo paciente de Alberto Núñez Feijoo, foi renacendo amodiño. Ninguén do bipartito o agardaba, mais ao comezo da campaña, o PP-G estaba aí. Cando Pepe Blanco llo avisou a Touriño (convencido en ser un émulo cesarista do propio Fraga), xa non houbo tempo para reaccionar.

Ademais, cada un dos partidos ten os seus propios problemas. O proxecto que levou a Touriño á Presidencia (iniciado hai dez anos, coincidindo en boa medida co de Zapatero) chegou ao seu tope nas autonómicas de 2005 e semella agotado. A demisión de Touriño, forzada por Pepe Blanco dende Madrid, abre unha fenda enorme no partido, onde non se albiscan liderados alternativos, xa que os alcaldes socialistas (que viñeron equilibrando o poder de Touriño e o seu entorno universitario) son responsables (Caballero e Orozco, sobre todo), tamén, do fracaso electoral do 1 de marzo. Descarto que o PSdeG-PSOE vaia a repetir a experiencia de coalición cos nacionalistas como unha liña do seu desenvolvemento estratéxico. Se é así, que futuro alternativo poden agardar? Outrosí acontece no BNG. Os resultados do 1-M son os peores dende hai dezaseis anos, tanto en votos como en escanos, consolidando unha perigosa tendencia á baixa nas cidades. Estas autonómicas, despois de catro anos de experiencia de goberno, eran decisivas para a consolidación do proxecto de Quintana de promover o Partido Galeguista do século XXI. Porén, o retroceso electoral sementa dúbidas sobre a estratexia e reabre o debate sobre a viabilidade organizativa da frente. En definitiva, socialistas e nacionalistas obrigados a abrir un novo ciclo para unha nova xeración.

O pulo do Facebook galego

O suplemento dominical «Estela» de Faro de Vigo dedica hoxe catro páxinas (pódense baixar ou ler en pdf aquí) ao pulo que colleu o Facebook en Galicia. A reportaxe supón a visibilización na prensa de papel dun fenómeno que nos últimos meses colleu unha dimensión sorprendente, tanto polo incremento do número de usuarios que nos unimos a este rede, como pola incidencia que o seu funcionamento ten sobre a sociedade (velaí a mobilización contra o veredicto homófobo, nacida desde esta rede).

Os blogueiros daquel blogomillo ventureiro, nacido hai case cinco anos, volven atoparse no facebook e, tamén, en twitter (o microblogueo merece unha anotación específica), coa entusiasta actividade de novos membros que durante estes dous últimos meses se uniron a esta rede de amizades nas que se comparte amizade, lercheo, reflexión e múltiples afinidades. Foi decisiva nesta ampliación do perímetro da rede galega de Facebook a campaña electoral, pola aposta que case todos os partidos fixeron por ela, especialmente os partidos nacionalistas. Ogallá está aposta pola participación política por medio destas redes continúe na acción de goberno. Outrosí debe suceder coas empresas e entidades que, porén, canto menos no que nós coñecemos, non teñen apenas presenza nesta rede.

A nosa aínda cativa experiencia en Facebook, sexa como usuarios ou como promotores da páxina de Xerais, levounos a comprobar a importante presenza do galego como lingua vehicular dunha boa parte dos usuarios, como a importancia que ten para a nosa lingua contar cunha versión en galego da utilidade (microsoft debería tomar boa nota). Dúas magníficas noticias a salientar, como tamén o é o alto nivel de participación dos usuarios (estes días mobilizados contra o perigo abstencionista deste domingo). 

Este pulo de Facebook, como o novo xénero discursivo de twitter (a min tenme fascinado), en definitiva das utilidades das redes sociais dixitais, obrigan a repensar o papel dos propios blogs. Creo que hoxe en Internet o importante é contar cunha identidade dixital singular (sexa individual ou colectiva, no caso de grupos, empresas ou institucións), cunha voz propia que le, escribe, opina, valora e conversa empregando a riqueza e singularidade de todas e cada unha destas utilidades dixitais e xéneros discursivos. Velaí a cuestión da literacidade electrónica do que tantas veces temos falado no blog.