Veredicto homófobo

No artigo da semana amoso a miña indignación polo veredicto homófobo emitido polo xurado que xulgou o crime da rúa do Porto do mes de xullo de 2006.

Quedei abraiado cando lin as informacións aparecidas estes días a raíz do veredicto do xurado popular que exime da responsabilidade de asasinato a Jacobo Piñeiro Rial, a persoa que no xuízo celebrado na Sección 5ª da Audiencia Provincial de Pontevedra en Vigo confesou que matara a Isaac Pérez Treviño e a Julio Anderson e que logo prendera lume ao piso da rúa do Porto viguesa onde estes vivían. Como a tantos outros cidadáns, a sorpresa inicial sobre este veredicto do “crime da rúa do Porto” –ocorrido o 12 de xullo de 2006– convertiuse en aberta indignación cando analizamos os motivos polos que o xurado exculpou ao acusado de dobre asasinato e furto, beneficiándoo coas eximentes completas de lexítima defensa e de “medo insuperable” e condenándoo só polo delicto de provocar o incendio coa intención de borrar as súas pegadas. Segundo o xurado popular o homicida confeso (así o testemuñou á policía no momento da súa detención en 2006) non tiña intención de matar as súas vítimas, senón que, despois dunha tarde e dunha noite de marcha na que consumiron varios gramos de cocaína e cubatas de whisqui, actuou movido polo medo a ser violado e asasinado por elas, debido a un «estado de pánico que anulou a súa capacidade de comprender a ilicitude do que facía».

Semella incrible que a este xurado popular non lle abondase para condenar ao único acusado por este duplo asasinato as probas e testemuñas presentadas durante a vista polos peritos da Policía Científica, polo sarxento de bombeiros que coordinou a extinción do incendio ou pola confesión do propio acusado que admitiu terlles atestado 57 puñaladas, 35 a Isaac e 22 a Julio. O relato destas testemuñas, que xa coñeciamos dende as informacións de prensa de 2006, é estremecedor. O corpo de Isaac apareceu nun cuarto, cuxa porta estaba “rebentada”, presentaba numerosas feridas; tiña un cable atado ao pescozo e suxeito a unha pata da cama. O corpo de Julio estaba no salón coas mans atadas ás costas cun cable, co colo seccionado e tapado cunha manta. Ambos os dous cadáveres apareceron parcialmente calcinados.

A reconstrución do relato do acontecido despois dos homicidios non é menos arrepiante. O acusado permaneceu varias horas na vivenda. Tivo tempo para ducharse, disimular as súas feridas, pechar as fiestras, abrir a chave do gas, prender cinco focos de lume (dous deles nos propios corpos) e saír pola porta tan pancho cunha maleta na que levou o que atopou de valor na vivenda. Comportamento que durante o xuízo tanto a fiscalía como a acusación particular consideraron obedecía ao propósito de «facer crer que as vítimas foran obxecto dun roubo violento». Todo un auténtico relato de horror e crueldade de senllos asasinatos nos que os corpos aparecen maniatados e degolados.

Porén, a pesar de todas estas evidencias, semella que para a decisión absolutoria do xurado popular foi determinante, como sinalaron varias crónicas xornalísticas, a intervención do acusado, facendo uso do seu dereito á derradeira palabra. Intervención na que se ben recoñeceu ter acoitelado a Isaac e Julio e pediu perdón a súa familia, asegurou bagoando que a «culpa non fora de ninguén, é culpa de cómo son». Sexa pola credibilidade outorgada a intervención tan emotiva do acusado (as crónicas xornalísticas salientaron que provocou as bágoas dalgúns membros do xurado) ou polo peso concedido aos argumentos manexados pola defensa, todo apunta a que o polémico veredicto absolutorio estivo moi determinado pola condición homosexual das vítimas.

Semella que sobre o xurado pesou, como ten sinalado moi oportunamente Carlos Callón, o chamado “pánico homosexual”, unha estratexia homófoba utilizada adoito para impedir a condena ou para reducir as sentenzas dos agresores de gais. Admitindo esta suposta síndrome de “pánico homosexual”, calquera persoa (xeralmente un home) acusada de violencia contra unha persoa gai vería diminuída a súa responsabilidade no delicto por esta condición psicolóxica patolóxica que lle provocaría ter recibido unha insinuación sexual por parte da súa vítima, que xustificaría calquera agresión sobre ela, mesmo o asasinato.

É probable que, como sinalou o avogado da acusación particular, se as vítimas dun acontecemento semellante a este fosen dúas rapazas, o veredicto do xurado popular sería radicalmente diferente. Non teño dúbida de que neste escandaloso e indignamente veredicto emerxen todos e os máis resesos prexuízos homófobos. Agardemos que as solicitudes de nulidade da vista por “falta de motivación” e por “contradicións” no veredicto, presentadas pola Fiscalía e pola acusación particular sexan aceptadas polo Tribunal Superior de Xustiza. Como reclaman milleiros de persoas na iniciativa promovida en Facebook, esta sentenza debe ser emendada decontado.