Nunha tarde que comezou encunillada e rematou luminosa e feliz, o Celta de Giráldez deu un contundente chiflaso aos seus perseguidores de que collía velocidade en dirección a Europa. Un destello luminoso de grande intensidade e inequívoca intención colectiva ao que non foi allea a dificultade engadida que supuxo xogar diante do Sevilla, a metade dos 102 minutos, en inferioridade numérica tras unha severísima interpretación do regulamento pola sala de arbitraxe a distancia, que no engadido da primeira parte, enviou ao vestiario a Marcos Alonso unha das trabes da defensa celeste, sobre todo na saída do balón gañando liñas ou percorrendo a banda.
Un partido memorable que lembraremos máis pola confianza, fortaleza emocional e autoestima amosada polos dezasete xogadores celestes participantes, compartida polo cadro técnico do adestrador louriñés, ca pola beleza do seu xogo combinado, habitual en moitos dos encontros anteriores. Un partido importante para os sevillistas do veterano Caparrós, aínda algo apertados na táboa clasificatoria, que xutaron entre os tres paos moitas máis veces cos celestes e tiveron máis tempo o balón, o que resultou tamén novidoso con respecto a xornadas anteriores nas que o Celta adoitaba non ceder o leme ao seu visitante.
Non renunciou Claudio as súas habituais rotacións no once de gala. Mantivo a liña defensiva e os carrileiros máis habituais, Mingueza e Hugo Álvarez, mais variou tanto a parella de medio centros, saíndo con Damián (nunha tarde discreta) e Moriba (con outra actuación sobresaliente) como a tripla atacante, con Williot (que medra en cada ocasión que se lle ofrece), Aspas (como falso nove, nunha tarde na que expresou a súa autoridade) e Pablo Durán (un auténtico gladiador o tomiñés, obrigado a saír en padiola despois de disputar o enésimo lance cos centrais visitantes).
E comezou determinado o equipo de Claudio para superar as dúas liñas debuxadas por Caparrós, un esquema de fútbol básico, que foi incomodando aos anfitrións, que disputaban os duelos cunha intensidade un punto por debaixo da dos visitantes. Cando non pasara nin un cuarto de hora, Pablo Durán puido marcar nunha cabezada e Guaita xa fixera dúas paradas salvadoras baixo os tres paus, na que foi unha das máis inspiradas actuacións da tempada. Moriba respondeu cunha xogada propia finalizada cun dos seus xutazos, despexado in extremis polo gardameta Nyland. Por ventura, noutro lance posterior, no minuto 19, un gran pase de Williot sobre Aspas, que o noso Merlín decidiu arteiro saltar, chegou a área pequena sobre Moriba, que tras un control maxistral deu unha espectacular reviravolta e xutou cruzado para superar, desta vez si, ao gardameta andaluz. Por fin, tras intentalo con asiduidade en xornadas recentes con impresionantes cacheiróns, o grande Ilaix conseguiu marcar e facelo de forma fermosa, redondeando unha traxectoria magnífica na que conta coa confianza e complicidade do míster.
Co marcador por diante, o Celta tivo minutos cómodos de superioridade nos que parecía aumentaría a súa renda. Non o fixo e deixou que os visitantes comezasen a despregarse en territorio celeste. Froito deste empuxe, no longo tempo engadido da primeira parte, foi cando, tras varios rexeites defectuosos dos celestes, chegou o balón a Peque dentro da área, interceptado por Marcos Alonso. Unha xogada que semellaba podería modificar o desenvolvemento do encontro.
Tras o intervalo a chaplada de Claudio no vestiario debeu ser tan breve coma eficaz para que os seus cresen que non se podían desaproveitar os tres puntos, ao tempo que implantou un novo debuxo, coa incorporación de Beltrán e Javi Rodríguez. Giráldez deixoulle o balón a Caparrós, organizou un bloque baixo meduliano, agardando coller as costas aos visitantes. Actitude paciente en inferioridade que no 60’ de xogo tivo a súa recompensa no gol de Mingueza que marcou chegando dende a esquerda, aproveitando un centro horizontal de Beltrán, ao que non chegara Hugo.
Co marcador por diante, o Celta, que fixo seis cambios, resistiu con madurez e serenidade, axudado pola gran tarde de Guaita que con outras tres grandes intervencións desfixo calquera esperanza andaluza. Mais aínda cando no 90’, Borja Iglesias aproveitou un erro de Gudelj para liquidar o partido cunha maxistral vaselina que superou a Nyland. Cando pasaban os sete minutos de engadido, os de Caparrós maquillaron o resultado, mentres a bancada celeste feliz cantaba a rianxeira, reservada para as grandes ocasións.
O celtismo daba o seu chiflaso para enxergar competición europea. Un obxectivo razoable e factible, mais non exento de dificultades, que se dirimirá nesta mesma semana en Donostia e fronte ao Raio o domingo, no que pode ser outra xornada histórica. A posibilidade de ocupar praza na Europa League depende do propio Celta, dono da sétima praza dende hai varias xornadas. Como as expectativas en poder conseguilo son elevadas, máis aínda tras a confianza e a competitividade amosada diante do Sevilla, mesmo a pesar de xogar en inferioridade numérica. Celtistas, gocemos destes días felices e esperanzados!
Publicado en Faro de Vigo: 11/05/2025