Vigo, capital atlética

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Vigo, capital atlética, libro de Emilio Navaza publicado por Alvarellos editora:

Un dos sinais da identidade viguesa como cidade moderna é o seu carácter de capital deportiva de Galicia. Foi dende o 21 de novembro de 1878 cando se creou a Sociedad Recreativa El Gimnasio de Vigo, a primeira entidade do asociacionismo deportivo, na rúa do Ramal, despois en Príncipe diante da actual sede do Celta, onde uns señoritos vigueses, coñecedores doutras cidades onde se practicaba o «sport», facían esgrima e ximnasia utilizando os aparellos máis modernos, e logo bebían cervexa, unha bebida novidosa, nos seus salóns. Antes, en 1875, as sociedades El Casino, La Tertulia e El Recreo Artístico organizaran na ría dúas regatas con motivo das Festas do Cristo da Vitoria, unha para as tripulacións de botes de catro remos das sociedades convocadoras, e outra para faluchos e lanchas de pesca con velame incluída. Considéranse as primeiras competicións náuticas na ría, das que o vindeiro verán se fará o sequiscentenario, que merecería ser celebrado.

El Gimnasio continuaría en 1884 aquelas regatas e tres anos despois se ocuparía de organizar a primeira proba ciclista en Galicia e artellar unha especie de velódromo no Malecón para practicar o deporte das dúas rodas. Sociedade organizadora, dende 1892, da Batalla de Flores e da creación do corpo de bombeiros que, segundo o historiador Eduardo Rolland, se montaría co modelo do Porto, tras unha visita de concelleiros e directivos da sociedade. Magoa que El Gimnasio fose liquidada como sociedade en decembro de 1936 polo feito de que rendese homenaxe ao seu socio Enrique Blein Budiño, o primeiro alcalde republicano, fusilado no Castro o 10 de decembro.

Anos nos que naceron en Vigo outros deportes coma o fútbol e o tenis da man dos oficiais do Cable Inglés e logo do Cable Alemán, coincidindo co espertar industrial da cidade, coa instalación eléctrica e co inicio da súa conexión ferroviaria directa con Madrid, vía Portugal, claro está. Unha historia iniciada o 10 de xuño de 1876 co anuncio de que os ingleses «xogan á pelota», continuada o 7 de decembro de 1880 cando aparece en Faro de Vigo a que pode considerarse a primeira mención concreta ao fútbol en Vigo: «Moitos ingleses pasaron a tarde de onte xogando á pelota nos Cadros do Malecón». Mais haberá que agardar ao 23 de xaneiro de 1895 para que apareza a primeira referencia a un partido de fútbol que xogaron nos cadros do Recheo oficiais da frota británica. Certo que non pode considerarse como fútbol moderno, xa que, debido ás reducidas dimensións do campo, xogaban 8 ou 9 xogadores por equipo, pero o precedente aí está. Haberá que agardar a 1903 para contar coa primeira foto coñecida do cadro de xogadores do Exiles F. C. de Vigo, sendo unha das máis antigas dun club de fútbol en España. No mesmo ano constitúese o Vigo Foot-ball Club, o Arte y Sport, que algúns apuntan naceu da sociedade La Oliva e outros da Escola de Artes.

Nestes albores do deporte vigués, onde non todo foi fútbol, tivo importancia o atletismo, desde os primeiros festivais atléticos olímpicos de 1913 e, sobre todo, os de 1915, organizados polos dous clubs principais de fútbol, o do Real Vigo Sporting Club, o 19 de setembro na catedral de Coia, o do Real Fortuna, o 31 de outubro e 7 de novembro, no seu campo de Bouzas. Festivais nos que participaron un cento de atletas españois, irlandeses e alemáns en disciplinas como 100 metros, 100 metros valados, lanzamento de disco (por vez primeira en Vigo), peso, resistencia de 1.500 metros, estafetas de tres atletas e loita de corda de equipos con oito compoñentes. O 9 de abril de 1916 celébrase o primeiro cros vigués no que participaron medio cento de atletas. O traxecto de cinco quilómetros pola cidade convocou a miles de persoas en Policarpo Sanz, Urzaiz e o Castro por onde se desenvolveu.

Primeiros episodios do atletismo en Vigo relatados con detalle no libro de Emilio Navaza, Vigo, capital atlética (Alvarellos 2025), no que se recolle a contribución viguesa ao primeiro deporte olímpico, dende as  competicións pioneiras da década de 1920, a constitución da Federación Galega de Atletismo, a organización de varios campionatos de España, pasando por aquel Gran Premio Cidade de Vigo dinamizado dende 1958 por Alfonso Posada até a organización da Vigbay promovida en 2000 por Eduardo Vieira. Libro documental e fotográfico cuxa cerna reside no retrato deportivo dos nove atletas olímpicos vigueses, hoxe lendas do noso deporte: Carlos Pérez (1960, 1968 e 1972), Rogelio Rivas (1964), Javier Álvarez Salgado (1968 e 1972), Ramón Magariños (1968), Alejandro Gómez (1988, 1992 e 1996),  Carlos Adán (1992), Estela Estévez (1992), Santiago Pérez (2004 e 2008) e Ester Navarrete (2024). Outro libro excelente do editor Alvarellos de coidada edición e temática viguesa. Moi recomendable para deportistas e curiosas da historia da cidade.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *