Vigo en Santiago

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a irmandade entre Vigo e Compostela:

Benedicto Conde publicou no Anuario de Vigo de 1943, unha grande reportaxe, «Vigo trabaja», na que o xornalista e fotógrafo vigués de Faro de Vigo  (unha figura por reivindicar) ensaiaba unha interpretación da identidade industrial viguesa. O autor consideraba que «Vigo traballa» quería dicir que «esta cidade está sempre no seu lugar, o máis avanzado parapeto da liña de combate». Consigna dunha «cidade en plenitude da súa enerxía», a que cualifica de abellariza e identifica na vibración emerxente dos obradoiros fabrís da Beiramar, «concerto sublime que se pode escoitar desde o cume do Castro, corazón e cerebro da cidade». Esta gabanza suscitou polémica e contribuíu a facer popular na competencia entre as principais cidades galegas unha cantinela (con variantes): «Vigo, traballa; Pontevedra, dorme (ou bocexa); Santiago, reza e A Coruña divírtese». Unha expresión que prendeu no imaxinario popular galego ao que na década de 1960 se incorporaron as cidades que faltaban: «Ferrol, navega; Lugo, come e Ourense, bebe».

Prexuízos, acuñados durante a ditadura, que impregnaron a ollada externa de cada unha das cidades, até chegar aos episodios da capitalidade e da reconversión industrial, ao inicio da Autonomía. Momento no que continúan formando parte da idea urbana galega actual máis popular na que sobran os exabruptos (velaí o recente da alcaldesa coruñesa declarando a súa cidade «libre de afouteza») e rivalidades deportivas emocionais, á falta dos compromisos necesarios de cooperación (na reclamación do eixo atlántico peninsular). Contexto no que fracasaron nos últimos corenta anos o desenvolvemento do mapa comarcal de Galicia e a posta en marcha das áreas metropolitanas (Vigo, Santiago e Coruña), atribuíbles a incapacidade dos gobernos de Feijoo e Rueda de chegar a algún acordo político coa oposición de nacionalistas e socialistas, como a comodidade que para os gobernos locais urbanos, en mans case na súa totalidade da alternativa, supón manter un enfrontamento interminable coa Xunta (responsable de todas as aldraxes, como tan cansos estamos en Vigo). Entorno no que aparece a iniciativa da Federación dos Ateneos de Galicia de organizar o ciclo de conferencias «Rompendo as murallas do localismo» co que pretenden ollar cada unha das cidades dende a súa identidade ao tempo que se recoñecen a todas.

Nese ciclo fun convidado a pronunciar onte a conferencia «Vigo en Santiago» coa solicitude expresa de «afondar na idiosincrasia da cidade olívica», o que non é tarefa doada en cinco mil palabras e case un cento de fotos. Encarga que me levou a repasar a relación entre a cidade nosa e a compostelá, onde están algunhas claves da historia viguesa. Dende a primeira referencia documental que atopamos de veciños de Vigo que formaban parte da freguesía de Santiago de Vigo, situada no Areal, citada despois en 1118, da que hoxe só se conserva o parteluz, situada na proximidade da fortaleza e castelo do Penço, escenario das loitas entre Pedro Álvarez de Soutomaior, conde de Camiña, e o arcebispo de Compostela, Santiago Alonso de Fonseca. O mesmo Vigo da freguesía de Santa María de Vigo que dende 1237 formaba parte da mitra compostelá, que conformaba o que Cunqueiro chamou a vila creada por Martín Codax, o poeta sen biografía, autor das sete cantigas que coas de Mendiño fixaron a hélice da lingua galega e de todas as Galicias posibles no ADN vigués. Como foi decisiva para a historia de Vigo como cidade que en 1811 se aboliran todos os señoríos, entre os que estaba o de nomear a xuíces e rexedores, despois de case seis séculos dependendo do arcebispado de Compostela, a consecuencia política máis relevante tras a Reconquista.

Certo que hai outras pegadas posteriores de Compostela en Vigo, que merecen ser salientadas. Velaí o 13 de outubro de 1935, cando a histórica Alameda pasa a chamarse praza de Compostela, no marco da xornada de irmandade entre as dúas cidades, consagrada nun histórico desfile polas rúas viguesas, entre a estación e a casa do concello, dunha comitiva santiaguesa de máis dun cento de persoas, que logo se dirixirían a Alameda, encabezada polas bandas de música de Vigo e Compostela. Como quedan moitos outros fíos por ganduxar entre as dúas cidades, desde contar aquel 22 de decembro de 1974 no que tocou o Gordo en Vigo, claro está no Bar El Compostelano da Seara, pasando polo feito de que os seus clubs de fútbol comparten no escudo a cruz compostelá e as cores azul e branca, expresando así a súa vontade de representar a Galicia, ou que as editoras viguesas teñan ancorada a súa historia na capital: Galaxia, a súa xuntanza fundacional o 25 de xullo de 1950, Xerais, o seu primeiro premio de novela, Crime en Compostela. Hoxe é unha boa idea celebrar aquel noventa aniversario da primeira irmandade entre as nosas cidades.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *