Exclusión
«Expulsan dun colexio público de Vigo a un neno de infantil pola súa agresividade» leo no xornal local. Non se trata dunha fake news, a noticia está contrastada coas familias do CEIP Emilia Pardo Bazán, coñecido en Vigo como Chouzo. Trátase dun neno de 6º de Infantil “castigado” a non acudir á escola por “razóns disciplinarias”, que no curso pasado fora escolarizado nun centro concertado, onde tamén adoptara condutas agresivas continuadas co alumnado e co profesorado. Un alumno con claras necesidades de apoio educativo, escolarizado nun grupo de 13 alumnos, probablemente neurodiverso, aínda non diagnosticado en Neuroloxía Pediátrica, como centos doutros escolares nosos con problemas condutuais e emocionais. O extraordinario do caso do Chouzo é a decisión do centro, adoptada co amparo da Inspección e do Xefe Territorial, de expulsar temporalmente ao pícaro de 5 anos “cantas veces sexa necesario” e de xustificala co regulamento do centro na man. Exclusión á que se chega, despois de que a dirección solicitase unha coidadora máis para o centro (da que a consellaría di non dispoñer na bolsa de interinidades) e outra especialista en Pedagoxía Terapéutica (que a administración considera non lle corresponde por catálogo). É posible que non exista mellor solución que deixar o pícaro na súa casa? É isto admisible no actual modelo de educación inclusiva e acompañamento emocional individualizado do que presume a consellaría? Secasí, tras os parches conxunturais da pandemia dos programas Proa + e Acompaña, o persoal que asumimos a responsabilidade do Departamento de Orientación (DO) sabemos que non hai posibilidade de atención á diversidade dende un enfoque inclusivo sen reforzar os DO dos centros co persoal suficiente. Sen refacer (dende 2008) os catálogos obsoletos da rede de orientación educativa galega, que afectan as especialidades de orientación, PT, AL e persoal auxiliar, non hai inclusión educativa posible. O resto serán brindes ao sol ou solucións vergonzosas como a denunciada.
Publicado en Nós diario: 28/05/2025
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir