Cartel de Castrelos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica anual do cartel de concertos do Auditorio de Castrelos:

Afeitos como estamos en Vigo a utilizar o ditirambo para referirnos ao que sucede na cidade, concibido este termo como o cántico consagrado ao deus Dionisos ou a loanza entusiasta e esaxerada, é sempre un exercicio de risco cuestionar ou sequera comentar cuestións tan delicadas en Vigo como o contido do cartel de concertos do auditorio Castrelos deste verán, anunciados xa pola alcaldía no inverno en FITUR como de «rango mundial», en dous dos casos con «afluencia prevista de cen mil persoas». Polo momento, un cartel de dez concertos nocturnos e cinco actividades de tarde para público familiar, todas gratuítas e abertas a toda a cidadanía, unha vez que por ventura se desbotou o anuncio de que na zona de pagamento se priorizaría ás persoas empadronadas no concello de Vigo.

Un programa musical no que está previsto desfilen polo palco da finca da marquesa figuras como os veteranos Tom Jones (1940) e Roger Hodgson (1950) ou artistas da música dos oitenta como Rick Astley (1966) e Fangoria, o dúo formado por Alaska (1963) e Nacho Canut (1957), que sen dúbida revivirán en Vigo o entusiasmo das súas mellores noites. Cartel do que forman parte figuras consolidadas da música estadounidense como a rapeira Lauryn Hill (1975) ou a banda californiana de rock alternativo 30 Seconds to Mars, e cantantes españois como Leiva (1980) e David Bisbal (1979). Programa que se completa coa achega musical da Coral Casablanca de Vigo, xa un clásico das noites de Castrelos, e dos ritmos indies dos mociños e mociñas pontevedreses de Furious Monkey House, acompañados do coruñés Xoel López e dos madrileños de Vetusta Morla.

Un cartel que non teño dúbida constituirá un éxito musical rotundo, tanto pola afluencia como pola entrega do público vigués destas noites de Castrelos, mais que sen menoscabo da calidade do elenco, dificilmente pasará a historia musical da nosa cidade. Un cartel ao que sei permanecerán alleas milleiros de persoas amantes en Vigo doutras expresións musicais distintas a este mainstream musical pop, rock e indie, xa que non se lle ofrece posibilidade ningunha a ningún dos formatos de música clásica, sexa camerística ou orquestral, nin da música de jazz en ningunha das súas expresións nin da música folc, tradicional e de raíz nin tampouco a ningunha das expresións das artes escénicas, fose a danza, a ópera ou o teatro, nin do propio cinema. Un cartel no que quedou excluída, coa excepción do programa que poida ofrecer a Coral Casablanca, a música interpretada en lingua galega, o que semella incomprensible nunha cidade como a nosa onde naceu esta expresión da nosa cultura popular e onde está instalada a primeira Escola de Música Tradicional de carácter municipal e referente internacional neste eido.

Como mención á parte merece que neste o noso primeiro palco non sexa convidado ningún dos músicos vigueses en calquera das súas expresións, un feito dificilmente xustificable, xa que a promoción da cultura e o apoio aos seus creadores, en todas as súas disciplinas, incluída polo tanto a música, é unha das responsabilidades que os concellos da magnitude do noso non deberían eludir. O mesmo que en Balaídos vibramos coas evolucións sobre a lameira de Aspas, Mallo ou Rubén, sei que en Castrelos faríamolo se volvesen o palco artistas internacionais da canteira viguesa como Siniestro Total, Carlos Núñez, Iván Ferreiro, Milladoiro, Son de Seu ou das ducias de grupos de rock, pop ou indie, formacións jazzísticas e folquis viguesas existentes ou da propia Orquestra Vigo 430, que terían ademais unha oportunidade formidable para presentar o seu traballo ao gran público. Os centos de músicos vigueses de todas as expresións non poden quedar excluídos das noites de Castrelos, xa que a súa participación axudaría a enriquecer un cartel que hoxe está por baixo do dinamismo e da tradición musical viguesa.

En todo caso, estes comentarios, que repetimos cada verán dende hai case dúas décadas, amosan a necesidade de contar en Castrelos cun evento musical internacional do que carecemos, á altura do Festival Intercéltico de Lorient (xa na 49ª edición, dedicada este ano a Galicia), do Jazz de Vitoria-Gasteiz (na 43ª edición) ou do Festival Noroeste da Coruña (na 33ª edición). Algo que se intentou sen éxito hai case catro décadas naquel primeiro Festival Celta en Castrelos, ou co «Para Vigo me voy», festival de música latina que tras sete edicións prometedoras naufragou en 2007. Se queremos competir no mundo da música internacional, Vigo terá que facelo dende a súa singularidade e dende o dinamismo do tecido dos seus artistas e dos seus públicos. E para iso Vigo precisa, tamén no eido musical, apostar por proxectos culturais estratéxicos sólidos, con continuidade no tempo, máis alá da querenza e dos gustos dun ou doutro corporativo.

 

Onte 2032: «Un peixe no parqué»


Lin onte dunha sentada Un peixe no parqué, o novo libro de narrativa de Ramón Vilar Landeira. Como fixera no libro so seu debut, Os televisores estrábicos, utilizando as ferramentas dunha ironía afiada e unha ollada de gran angular, Moncho amosa unha extraordinaria facilidade para retratar os espazos de fronteira da Galicia contemporánea. A medio camiño entre un libro convencional de relatos breves de apenas catro páxinas e dunha noveliña, o narrador sitúa o seu móbil nun centro comercial, entre Marineda e As Cancelas, para gravar esta ollada melancólica e agarimosa sobre os nosos redneck (non me gusta o termo galego pailán ) que naquel espazo de confort non para de fedellar co seu teléfono novo. Como xa sucedera no libro anterior, hai nestes textos de Moncho Vilar unha ficción construída cos fíos das vidas cotiáns, sometidas a rotinaz, exclusións e moitas precariedades. Un peixe no parqué é un brillante manual sobre as infelicidades contemporáneas. Recomendable.

Excelente o booktrailer de Distrito Xermar sobre a canción «Abril» de Luis Rivera.

Onte 2031: Festa dos Libros

Onte tiven a fortuna de conversar con Ledicia Costas sobre Infamia no marco das actividades da Festa dos Libros de Pontevedra. Media hora magnífica de reflexión literaria sobre esta novela origami de lectura irresistible, construída sen cortes ningúns, só a bases de dobras e máis dobras de trama e de matices e máis detalles na construción dun elenco coral de personaxes dunha peza que, como aventurabamos hai apenas dous meses, está marcando as preferencias do lectorado e confirma a Ledicia como unha autora literaria de referencia. Conversa na que confesou a súa satisfacción pola recepción da novela, tanto polos comentarios do lectorado como da crítica, adiantando que a finais do vindeiro ano haberá «unha segunda parte con moito sangue». Unha conversa na que Ledicia reflexionou sobre a violencia contra as mulleres, os abusos da pedofilia, o papel da Igrexa ou sobre a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre a manada.

Mágoa que nos espazos da ducia de librarías pontevedresas participantes (non se admiten outras, o que constitúe un criterio restritivo ridículo) a oferta do libro galego fose tan escasa, centrada apenas sobre o álbum infantil. Un síntoma preocupante do estado actual da nosa edición, máis tamén da percepción prexuizada do mundo da libraría sobre o interese do libro galego para a súa clientela. Unha oferta galega insuficiente para unha cidade como Pontevedra que reivindica para si o carácter de «cidade galega do libro», velaí o Salón do Libro e a súa programación anual, velaí a permanencia de Culturgal, ou excelente programación de actividades literarias desta Festa das Letras, na que onte, ademais de Ledicia, participaron durante o serán Eli Ríos, Emma Pedreira, Antón Lopo e Miguel Anxo Seixas.

Defendo dende hai décadas que a edición en galego non pode nunca dar por consolidados os seus avances. O libro galego precisa do compromiso constante das súas autoras, editoras, librarías e do propio lectorado para incrementar a súa visibilidade, mesmo en escaparates como esta Festa dos Libros, organizada polo concello de Pontevedra, para apoiar a un sector que tanto o precisa.

O Xurés, territorio privilexiado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar a visita da serra do Xurés:

Hai pouco tiven a fortuna de afondar nos vieiros da Serra do Xurés no Val do Limia. Unha viaxe polas paisaxes dun territorio de beleza austera, ás veces enigmática, outras impoñente, onde se mesturan o mito e a historia. Guiados por Xosé Benito Reza, o autor de «Terradentro» (Xerais 2017) e promotor da creación en 1993 do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, durante dous días percorremos os seus seis concellos e visitamos cadansúas «portas» (centros de interpretación), de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín, e fixemos algunhas incursións no territorio portugués do Parque Nacional de Peneda-Gerês, espazo natural limítrofe que dende 2009 foi declarado conxuntamente co galego «Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés» pola UNESCO. Un periplo labiríntico entre corgas, encoros e afloramentos graníticos ao longo dunha ferradura natural formada polas serras de Castro Leboreiro e do Xurés, estendida entre o río Miño, á altura do concello de Padrenda, e o río Salas, ao pé da Serra do Larouco, no concello de Calvos de Randín, no chamado Couto Mixto, o que fora microestado independente de mil habitantes até 1868.

Unha experiencia na que o curioso pode pescudar nalgunhas das alfaias do tesouro do patrimonio galego como Santa Comba de Bande, a igrexa visigótica do século VII, a máis antiga de Galicia, aínda pouco valorada e protexida. Descuberta que pode continuar na igrexa de Santa María a Real de Entrimo coa súa impresionante fachada barroca, a mellor de estilo churrigueresco das existentes en Galicia, sen esquecer na súa visita refrescarse ao pé do teixo tricentenario do seu adro. Viaxe na que se poden seguir os vestixios da «Via Nova», o formidable eixe de comunicación romano trazado no corazón da Gallaecia, aberto o ano 79, que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), do que se conservan o parque dos miliarios de Portela de Homen e importantes edificacións como a mansión balnearia Aquis Originis, á beira do Río Caldo, e Aquis Querquennis, o enorme campamento militar de Porto Quintela de Bande, descuberto en 1922 e comezado a escavar en 1975 polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero, hoxe o mellor centro de interpretación didáctica dos existentes en Galicia para divulgar a pegada da romanización e a dimensión daquela Gallaecia decisiva na nosa historia.

Itinerario polo Xurés no que ten protagonismo de seu a cultura megalítica, xa que neste espazo hai unha das maiores concentracións de túmulos funerarios e mámoas do país. Velaí espazos megalíticos extraordinarios como os de Maus de Salas no concello de Muíños, onde ao pé da Gramalleira e Fontefría, os cumes da Serra do Xurés, se poden visitar alfaias reconstruídas como o Foxo do Lobo de Salas, a Casiña da Moura e o Casolo do Foxo, con cadansúa lenda e o seu espazo sagrado. Como é outra visita obrigada a da parroquia A Cela (16 habitantes), no concello de Lobios, onde din naceu San Rosendo. Un dos lugares máis máxicos de Galicia, onde os bolos, afloramentos graníticos, forman parte das casas e eidos; outro paraíso das pedras flotantes, como os que procura polo mundo enteiro o ilustrador vigués Kiko da Silva, perfecta integración dunha paisaxe natural humanizada que conforma outro espazo sagrado. Este d’ A Cela é un do segredos mellor gardados de Galicia, protagonista agora dun libro fermoso, «A Cela. Vivir na aldea dos bolos» (Edicións Picós 2019), con fotografías de José Caruncho e textos de Antonio López.

Non se debe finalizar a viaxe ao Xurés sen a visita o territorio dos mixtos, atravesando o Camiño Privilexiado, para visitar a igrexa de Santiago de Rubiás, onde se custodia a arca das tres chaves que gardaba os seus privilexios, e fotografarse coa estatua de Delfín Modesto Brandón, último xuíz do Couto Mixto, feita en 2008 polo escultor vigués José Molares. Un territorio fascinante, estudado polo escritor Manuel García Mañá que localizou tamén alí a intriga da súa novela, «Por que as sombras non teñen ollos» (Xerais 2015).

Serras do Xurés e Leboreiro identificadas co territorio literario de «Arraianos» (Xerais 1991), un dos cumes artísticos de X.L. Méndez Ferrín. Como tamén o foron as súas xentes protagonistas do filme etnográfico «O carro e o home» (1945), dirixido por Antonio Román sobre un guión que compartiu con Xoaquín Lourenzo «Xocas», e do documental «Os días afogados» (2015) dirixido por Luís Avilés Baquero e César Souto Vilanova, que relata como foi anegada a aldea de Buscalque polo encoro portugués do Lindoso.

Aconsello visitar estas serras arraianas do Xurés e do Leboreiro, un territorio privilexiado, para prender alí da beleza da súa insignia natural, o Lirio do Xurés, das súas paisaxes históricas e da súa gastronomía e hostalaría balnearia anovada. Paga a pena.