Cantareliña 1989
Via Daniel Romero coñezo este vídeo promocional do «Cantareliña» de 1989. Un documento moi interesante da nosa memoria educativa.
Via Daniel Romero coñezo este vídeo promocional do «Cantareliña» de 1989. Un documento moi interesante da nosa memoria educativa.
Eis o vídeo da canción de Paco Lodeiro dedicada a Manuel Fernández.
Magnífica esta peza de animación á lectura preparada pola Biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei.
Parabéns a Gracian Santorum e Anxo Fernández!
Outra marabilla visual da BBC. Os xogos olímpicos organizados por Londres prometen.
Grazas a Ronseis.
Elefante blanco, a película de Pablo Trapero, interesoume máis do que agardaba. Quedei pasmado co formidable plano secuencia en movemento de arrinque, filmando unha panorámica da Ciudad Oculta dende os ollos dos protagonistas situados no «Elefante branco», ese enorme esquelete de formigón, o auténtico protagonista da película, do que puido ser o maior hospital de América Latina. Como sucede na primeira tempada de The Wire, Trapero utiliza as convencións da ficción para achegarse ao real. Así, os labirintos da cidade marxinal e a chuvia pertinaz son o espazo escollido para presentar a pobreza, a violencia das mafias da droga e da policía incapaces de agochar a dignidade e afouteza dos seus habitantes, familias humildes que, a pesar daquela miseria, queren construír na «villa» as súas vidas. Entusiasmoume a música de Michel Nyman, a interpretación de Roberto Darín, un actor que sostén a narración cando aparece, e a presenza na pantalla de centos de persoas que por momentos achegan a peza á fasquía dun documental. Interesáronme moito menos a inevitable historia de amor e os conflitos de ambos os dous cregos sobre a culpa, a proximidade da morte, o proceso de beatificación do crego Carlos Múgica ou o seu papel e o da fé nun entorno socialmente adverso. Nunha carteleira tan sosa coma a viguesa do verán, agradécese esta rara avis de cine con intención realista.
«Galician Language: Pride and Survival», presentado tamén coa lenda ou subtítulo de «A film about the Galician Language», son dez minutos de película, dirixida por Molly Carr, narrados en inglés e con intervencións de varias persoas galegas que se subiu hai tres semanas (15/06/2012 ) na canle mollydiana en youtube.
Grazas a Miro Villar.
Un dos momentos máis bonitos da homenaxe de Agustín da pasada semana foi a proxección dunha peza, preparada por Martín Pawley e Eloi Domínguez, na que se recollían algunhas das «peliculas preferidas de Agustín». Agora podemos volver a gozala. Unha marabilla!
Este é o magnífico booktrailer de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio, preparado por Xiana e Xose Lastra, que estará nas librarías a vindeira semana. Un proxecto para celebrar o centenario de Celso Emilio no ámbito escolar do que falaremos devagariño nos próximos días.
Mentres o PP funde á televisión pública, a BBC continúa ofrecendo aos seus espectadores marabillas como este resumo da Eurocopa. Un espello onde mirarnos.
A homenaxe a Agustín foi moi emocionante. Os longuísimos aplausos finais testemuñaron a gratitude colectiva a un escritor que dende hai tres décadas está contribuíndo á creación da sociedade galega de lectores e lectoras. As extraordinarias intervencións de Rosa Aneiros, que mantivo con mestría o fío do relato durante dúas horas; a participación de quince rapazas e rapaces, que falaron sobre Agustín e leron anacos dos seus textos; o vídeo das súas películas preferidas, dende A Quimera do ouro até Vanya na rúa 42, un agarimo de Martín Pawley e Eloy Domínguez; as actuacións de Anxo Pintos, Begoña Rioboo e Uxía, cunha inesquecible interpretación do «Alalá de Muxía»; así como os cinco discursos de chufa contribuíron a crear unha atmosfera de afecto e emoción compartida arredor deste auténtico enxeñeiro da esperanza. Porén, os organizadores desta homenaxe da nación a Agustín, na que non houbo presenza ningunha de institucións políticas e da cultura (un motivo para a reflexión sobre as caracteristicas da actual axenda pública galega), non podemos considerarnos satisfeitos xa que o remate do acto houbo críticas, algunhas iradas, pola ausencia nos discursos de laudatio de mulleres e doutras persoas ás que lles gustaría ter expresado tamén a súa admiración por Agustín. Dende o meu punto de vista, estas críticas amosan que non fomos capaces de deseñar o formato ideal de homenaxe que expresase o amor e a gratitude colectiva ao grande Agustín. Mágoa de non termos sido capaces de facelo mellor! Expreso as miñas desculpas a todas as persoas que se puideron sentir molestas por non ser convidadas a intervir no acto.
A nosa gratitude a Daniel Puente Bello (DNL), autor das magnificas fotos.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).