Onte 296: Homenaxe a Agustín

A homenaxe a Agustín foi moi emocionante. Os longuísimos aplausos finais testemuñaron a gratitude colectiva a un escritor que dende hai tres décadas está contribuíndo á creación da sociedade galega de lectores e lectoras. As extraordinarias intervencións de Rosa Aneiros, que mantivo con mestría o fío do relato durante dúas horas; a participación de quince rapazas e rapaces, que falaron sobre Agustín e leron anacos dos seus textos; o vídeo das súas películas preferidas, dende A Quimera do ouro até Vanya na rúa 42, un agarimo de Martín Pawley e Eloy Domínguez; as actuacións de Anxo Pintos, Begoña Rioboo e Uxía, cunha inesquecible interpretación do «Alalá de Muxía»; así como os cinco discursos de chufa contribuíron a crear unha atmosfera de afecto e emoción compartida arredor deste auténtico enxeñeiro da esperanza. Porén, os organizadores desta homenaxe da nación a Agustín, na que non houbo presenza ningunha de institucións políticas e da cultura (un motivo para a reflexión sobre as caracteristicas da actual axenda pública galega), non podemos considerarnos satisfeitos xa que o remate do acto houbo críticas, algunhas iradas, pola ausencia nos discursos de laudatio de mulleres e doutras persoas ás que lles gustaría ter expresado tamén a súa admiración por Agustín. Dende o meu punto de vista, estas críticas amosan que non fomos capaces de deseñar o formato ideal de homenaxe que expresase o amor e a gratitude colectiva ao grande Agustín. Mágoa de non termos sido capaces de facelo mellor! Expreso as miñas desculpas a todas  as persoas que se puideron sentir molestas por non ser convidadas a intervir no acto.

A nosa gratitude a Daniel Puente Bello (DNL), autor das magnificas fotos.

3 comentarios
  1. aprofa
    aprofa Dice:

    Digo eu que esas persoas tamén se poderían ter posto en contacto coa organización se querían participar.
    Para min foi unha xornada emocionante, tanto na homenaxe da mañá como no xantar.
    Parabéns ás persoas que tanto traballaron para que onte a homenaxe fose un éxito.

    Responder
  2. bretemas
    bretemas Dice:

    Durante o acto subimos ao escenario 27 persoas, das que 14 delas eran mulleres. Foi só no apartado das laudatios, realizadas por persoas que mantiveron contacto permanente con Agustin, dende hai trinta anos, como os seus compañeiros da Xeración Lamote e do Grupo Avantar, onde non se mantivo un criterio de estrita igualdade. Con todo, o que me preocupa é que haxa persoas que se sentesen molestas. Mágoa!

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará