Listado de la etiqueta: begoña_rioboo

Onte 296: Homenaxe a Agustín

A homenaxe a Agustín foi moi emocionante. Os longuísimos aplausos finais testemuñaron a gratitude colectiva a un escritor que dende hai tres décadas está contribuíndo á creación da sociedade galega de lectores e lectoras. As extraordinarias intervencións de Rosa Aneiros, que mantivo con mestría o fío do relato durante dúas horas; a participación de quince rapazas e rapaces, que falaron sobre Agustín e leron anacos dos seus textos; o vídeo das súas películas preferidas, dende A Quimera do ouro até Vanya na rúa 42, un agarimo de Martín Pawley e Eloy Domínguez; as actuacións de Anxo Pintos, Begoña Rioboo e Uxía, cunha inesquecible interpretación do «Alalá de Muxía»; así como os cinco discursos de chufa contribuíron a crear unha atmosfera de afecto e emoción compartida arredor deste auténtico enxeñeiro da esperanza. Porén, os organizadores desta homenaxe da nación a Agustín, na que non houbo presenza ningunha de institucións políticas e da cultura (un motivo para a reflexión sobre as caracteristicas da actual axenda pública galega), non podemos considerarnos satisfeitos xa que o remate do acto houbo críticas, algunhas iradas, pola ausencia nos discursos de laudatio de mulleres e doutras persoas ás que lles gustaría ter expresado tamén a súa admiración por Agustín. Dende o meu punto de vista, estas críticas amosan que non fomos capaces de deseñar o formato ideal de homenaxe que expresase o amor e a gratitude colectiva ao grande Agustín. Mágoa de non termos sido capaces de facelo mellor! Expreso as miñas desculpas a todas  as persoas que se puideron sentir molestas por non ser convidadas a intervir no acto.

A nosa gratitude a Daniel Puente Bello (DNL), autor das magnificas fotos.