Onte 1951: «Papusza»

Habia tempo que non vía unha película visualmente tan fermosa como Papusza, a obra dos polacos Joanna Kos-Krauze e de Krzysztof Krauze, un espectáculo fotográfico en branco e negro deslumbrante de Krzysztof Ptak tanto pola súa composición como pola súa tonalidade achegada ao pictórico. Un film que reconstrúe a peripecia biográfica de Bronislawa Wajs, chamada «Papusza» (1910-1987), a primeira poeta xitana poca que publicou os seus textos, mais que tamén recibiu os apupos e a incomprensión do seu rpopio pobo. Papusza é un fermoso poema visual, unha homenaxe marabillosa a un pobo ambulante e a unha paisaxesevera, tanto a campesiña como a urbana. Porén, a narración –na que se alteran os tempos e na que se fai presente a historia tráxica da Polonia do século XX, dende a invasión nazi aos rigores da sociedade stalinista que obriga a abandonar a itinerancia ao pobo romaní– non acada nin a emoción nin a beleza que a súa luz e textura visual agroman na pantalla.

No entanto, Papusza está tinguida da tristeza da protagonista, capaz de lamentar o feito de ter aprendido a ler como fonte da súa desgraza, mesmo a pesar de que ao longo de dúas horas se representan con rigor os ritos e as músicas do pobo xitano, un pobo sen patria, mais con forte identidade no seu permanente deambular. O dito, unha película moi fermosa visualmente, un documento etnográfico valioso. Para non perder.

Onte 1949: «The Post»: let’s publish

A escena máis emocionante de The Post é cando Ben Bradlee, o director do xornal, chama á rotativa para poñer en marcha a impresión do xornal. Nese «let´s publish» resúmese a pulsión da afouta editora, Kate Graham, interpretada de forma maxistral por Meryl Streep, despois de vencer as presións e asumir en carne propia os perigos que para ela e para a súa empresa supón facer efectiva a responsabilidade social do xornal e o seu compromiso coa liberdade de edición, recoñecida na primeira emenda. Xaora, ao longo do treito final desta narración épica de Spielberg, que corre toda coma unha seda, non puiden evitar o desacougo de comprender que ese xornalismo reivindicado na pantalla, onde existía certa autonomía entre os seus responsables e o poder político, é o que está sendo dinamitado hoxe en España. En todo caso, outra película interesante, non exenta de certa autocompracencia hoollywoodiense, que reivindica a épica do xornalismo de trincheira, «ese borrador da historia» que está en claro perigo de extinción.

Onte 1945: «Tres anuncios nas aforas» de Martin McDonagah

O western é un xénero en constante revisión. Diciámolo ao fío de Comanchería e repetímolo agora con Tres anuncios nas aforas, o film de Martin McDonagah do que tanto se fala esta fin de semana de estrea. Un western moderno protagonizado por unha muller dura que pretende acelerar a investigación sobre o asasinato e a violación da súa filla nunha pequena cidade de Misuri, un deses tantos crimes nunca resoltos. Un guión excelente, no que se suceden as reviravoltas climáticas até os límites da verosemellanza; unhas interpretacións memorables, nas que destaca a de Frances McDormand (aspirante ao seu segundo Oscar, despois do de Fargo); unha utilización brillante dos recursos expresivos, sobre todo os diálogos moi afiados e a unha BSO marabillosa, alicerzan esta narración sorprendente e engaiolante. Ten mérito McDonagah, un autor teatral de quen se leva estreadas tres pezas en galego, cando modula no film sen maniqueísmo a ambigüidade existente entre a dor e o humor, o odio e o amor, a vinganza e a xustiza, as vítimas e os verdugos.

Sen dúbida está é unha peza sobre a gamma de grises da condición humana e dos propios xéneros da narración, situada dacabalo do drama, da comedia e do sarcasmo. Paga a pena reparar nela, deixando os dogmatismos e os prexuízos na casa.

«Wonderwall» ao xeito Cooltrane

Despedimos o 2017 un chisco desacougados, mais non queremos estragar a cadea do blog e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis, os rapaces pelexados de Manchester. E como sabemos que para conservar a tradición precisa de mudanzas, escollín esta versión jazz de «Wonderwall» na voz da cantora arxentina Karen Souza, incluída no disco Cool Jazz Blends (2014) de The Cooltrane Quartet, no que fan versións de éxitos pop dos noventa.

A mítica canción de Noel ten moitas outras versións marabillosas, como estoutra que moito me gusta de Ed Sheeran, como mesmo outras jazz, tinguidas todas elas dunha doce melancolía na que identificamos as dificultades de percorrer camiños, que se tornan confusos, seguindo luces cegadoras, que aparentemente nos guían.

Os meus votos para que en 2018 contemos todos e todas co noso «wonderwall».

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Onte 1939: «Morir», a conmovedora película de Fernando Franco

Morir, a segunda película de Fernando Franco, demostra que o cine, ademais dun medio de lecer, pode ser unha poderosa ferramenta de reflexión sobre a propia vida. Este de Franco é un relato amargo dunha viaxe emocional provocada pola irrupción inesperada do cancro que descompón a unha parella para enfrontala ao qué entenden por amor. Unha película austera nos medios, mais de narrativa hipnóptica, que apenas nos concede tregua na cadeira. Alicerzada sobre unhas interpretacións extraordinarias, sobre todo a de Marián Álvarez, que o di todo coas súas olladas e os seus silencios, o film conta coa presenza constante do latexto do mar, que funciona como contrapunto da vida que se deteriora e axita sobre o precipicio. Morir é un relato convincente sobre a dor e sobre o propio momento da morte, tan difícil de representar na pantalla, tanto pola súa sobriedade como pola súa dureza conmovedora. Non é doado esquecer algunhas imaxes que nos enfrontan coa crueza da morte e da vida.

Onte 1936: “A libraría” de Isabel Coixet

Isabel Coixet ofrece en The Bookshop unha fermosa homenaxe á lectura e ao mundo da libraría, que adapta a novela homónima de Penelope Fitzgerald. Unha peza de narración e realización impecable,como adoita a catalá, a pesar da escasa orixinalidade do conflito proposto, no que unha libreira soñadora e valente pon a proba a súa afouteza diante da extorsión que en 1959 sofre por parte dos poderes dunha pequena comunidade costeira. O máis interesante do film é a gabanza da lectura, do libro e da literatura sexa como forma de resistencia (protagoniza por Florence Green na excelente interpretación de Emily Mortimer), sexa como forma de instalarse na vida (eis o  enigmático señor Brandish, outra creación memorable de Bill Nighy). Xaora, tamén é interesante a concepción da libraría como espazo de encontros e descubertas, capaz de reeducar á pequena dos Gipping. Como son memorables as homenaxes a Bradbury e a Nabokov, así como algúns diálogos literarios referenciais desta balada triste da libraría.

Onte 1933: «Baixo o sol» do croata Dalibor Matanic

Vimos Baixo o sol, a película do croata Dalibor Matanic, coincidindo coa noticia da condea a Ratko Mladic, o xeneral serbobosnio responsable do xenocidio de Srebrenica. E non resulta doado substraerse a esta circunstancia vendo este tríptico de historias de amor entre un home croata e unha muller serbia, relacións dunha ou doutra maneira prohibidas por cadansúa comunidade, fose en 1991, cando estaban marcadas polo odio, poucos anos despois da guerra, mais tamén en 2001 ou en 2011, cando o rencor daquela ferida debería comezar a mitigar. Matanic explora as dificultades da reconciliación entre as comunidades e aposta polo amor como espazo para enxergar o futuro e superar os fantasmas da guerra. Acerta o croata cando utiliza o sol e a auga como símbolos de expiación, capaces de limpar feridas, como tamén cando utiliza a mesma parella de actores para protagonizar as tres histoiras sen aparente relación entre elas. Unha ollada romántica para un conflito non cicatrizado.

Vigo 1972

Dediquei o artigo desta semana no Faro de Vigo á longametraxe documental Vigo 1972 de Roi Cagiao:

Dende hai catro semanas o público enche cada día unha das salas de Multicines Norte, onde se proxecta “Vigo 1972”, a longametraxe documental, escrita e dirixida por Roi Cagiao e producida por Emilio J. Fernández, que reconstrúe durante máis dunha hora o relato diario de quince xornadas heroicas nas que as mobilizacións obreiras de Vigo e a súa bisbarra puxeron nun brete ao réxime franquista e contribuíron ao seu desgaste pola súa loita a prol das liberdades democráticas e dereitos sociais. Un éxito rotundo ao que non é alleo o feito que, corenta e cinco anos despois, sexan as voces autorizadas dalgúns dos protagonistas daqueles días –líderes sindicais e políticos como Waldino Varela, Juan Bacariza, Elvira Landín, Camilo Nogueira, Carlos Núñez, Juan Benavides, Pilar Pérez, Margarita Rodríguez, Francisco Lores ou Carlos Barros–as que vaian enfiando na pantalla e de forma coral e escasamente nostálxica unha historia emotiva que forma parte do carácter cívico e solidario da nosa cidade obreira e portuaria.

Os que temos máis de cincuenta anos conservamos algún fío da memoria familiar do que sucedeu dende aquel sábado, 9 de setembro, no que a Comisión Obreira de Citroën organizou un paro parcial na quenda de tarde, en demanda dunha semana laboral de 44 horas, o que se chamaba “sábado inglés”, unha reivindicación xa acadada en boa parte das grandes empresas. Esa mesma tarde a dirección da factoría respostou de forma esaxerada e despediu a nove traballadores, entre os que estaban tres cargos sindicais. A escalada do conflito comezou o luns 11, cando nunha asemblea os traballadores de Citroën (daquela arredor de 4.500) decidiron non volver ao traballo mentres os despedidos non fose readmitidos, así como formar os primeiros piquetes para recabar o apopio do resto de factorías viguesas. Así se produciron os primeiros paros, dalgunhas seccións de Santo Domingo, Barreras e Vulcano, aos que nos días seguintes se incorporaron os cadros de persoal doutras empresas, tanto do metal como doutros sectores (Freire, Refrey, Reyman, Ascon, Censa, Álvarez, Artiscar, Yarza…), até que o día 15, venres, na folga participaban 30.000 obreiros de 24 factorías, ás que sumaron en momentos puntuais as empresas do transporte urbano (Vitrasa e os “rusos” de Martínez), o que repercutiría con intensidade en todos os eidos da vida cidadá.

A evolución dos acontecementos desviou a inicial reivindicación laboral do sábado inglés, a faísca do conflito de Citroën, cara a outras de carácter máis socio-político e de inequívoco carácter antifranquista. A denuncia da “carestía da vida”, dos “impostos abusivos” e do “negocio da educación”; a denuncia das actuacións e torturas policiais; a reclamación da readmisión dos despedidos; a esixencia de “Liberdade, “Democracia” e “Unha vida digna e libre” convertéronse nas consignas das octavillas que, elaboradas polo comité de folga da Intercomisión, formada por sindicalistas e membros da oposición, se distribuían diariamente chamando á mobilización da cidadanía. Como non é doado esquecer que as manifestacións obreiras ocupaban a propia Porta do Sol e a rúa García Barbón, fronte ao local de Sindicatos. Como tampouco que os centos de grises, chegados de León e Valladolid, ocupaban eses espazos para impedir a realización de asembleas masivas. Tras a presión da patronal, que a partir do 20 enviou até 6.000 cartas de despido, a folga comezou a remitir o día 25 de setembro, cando os obreiros comezaron a reintegrarse ás factorías de forma escalonada, deixando un balance de máis de 400 despedidos ou detidos, instruíndose 170 sumarios no Tribunal de Orden Público (TOP).

Tras a folga de marzo do 72, en solidariedade cos sucesos de Ferrol, a de setembro do mesmo ano foi en Vigo un acontecemento histórico froito da estratexia de “Folga Nacional Pacífica”, promovida polo PCG cuxas células tiñan daquela peso de seu en numerosos centros de traballo e empresas viguesas. Como non hai dúbida que a organización comunista e a das CC.OO. foron decisivas no inicio do conflito, nas tarefas loxísticas e de propaganda como na difícil decisión de cómo finalizalo con dignidade. Mais tamén semella que esta folga histórica, como o xeito de dirimir as disensións aparecidas dentro dela, contribuí a xermolar o que sería o futuro sindicalismo nacionalista da man do grupo Galicia Socialista e ou doutras expresións políticas como as da Organización Obreira (OO). Aquel Vigo rebelde do 72, recuperado da memoria polo film de Roi Cagiao, demostra que houbo unha xeración que arrriscou por mudar o rumbo da historia. E abofé que o seu esforzo pagou a pena para que outras poidan volver intentalo. Acudan o cinema, “Vigo 1972” é unha película para lembrar, emocionarse e reflexionar, tamén sobre o tempo futuro.

Onte 1924: «Handia»

Jon Garano e Aitor Arregui saen máis que airosos de Handia, a película rodada en éuscaro na que abordan con sutileza o mito do xigantón euscaldún que asombrou cos seus 2,42 metros nunha xira por Madrid, Lisboa, Londres e París. Máis que pola orixinalidade no tratamento da aceptación social da diferenza ou polo acertado retrato etnográfico da vida nun caserío durante a primeira guerra carlista, Handia destaca pola fermosa factura visual e sonora que sen caer no virtuosismo lle engade moitas doses de emoción. A incorporación de elementos fantásticos axuda a entender o carácter alegórico do relato desta lenda vasca, cuxo tratamento nos lembrou a algunha película de Tim Burton. Xaora, é no coidado dos detalles en escenas memorables, como a da visita a Stonehengen ou na entrevista coa raíña Isabel II, onde identificamos o valor desta historia superación e fraternidade, unha exaltación da vida, a pesar de que a morte é para Joaquín unha caixa que sempre deixa a súa pegada.

Máis filosofía

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reivindicar a Filosofía e o pensamento crítico no sistema educativo:

Estes días atrás, coincidindo coa emerxente revolución cívica catalá, tiven a fortuna de ver “Ce n’est qu ‘un debut” (“Só é o principio”), o documental de Jean Pierre Pozzi e Pierre Barougier sobre a experiencia da introdución do ensino da filosofía no Jacques Prevert, un centro de educación infantil de Le Mié-sur-Seine, unha poboación situada a 40 km de París. Durante dous cursos os picariños de tres e catro anos, de diversa procedencia racial e social, sentados coa súa mestra en asemblea, arredor dunha candea acendida, aprenden a escoitar, a coñecerse, a reflexionar e a responder a algunhas preguntas, aparentemente abstractas: que é a morte?, que é a intelixencia?, a liberdade?, o amor?, a amizade?, as diferenzas?, para que sirven os pais? Polo seu formato e a simpatía e sinceridade dos seus protagonistas, o documental lembroume a “Juego de niños”, aquel excelente programa de televisión dirixido por Miquel Obiols e presentado por Javier Sardá, onde os pequenos falaban con total liberdade e moita graza sobre os temas máis diversos. Mais lembroume tamén a outras fita do cine francés, singularmente “Hoxe comeza todo” (1999) de Bertrand Tavernier e “A clase” (2008) de Laurent Cantet, que dende o eido da ficción abordan a escola como espazo de formación e reflexión.

Os directores de “Só é o principio” colocan a cámara á altura dos picariños, o que facilita unha ollada empática das persoas adultas, que non opinan nin enxuízan as súas intervencións, moitas veces contraditorias, nas que coas súas palabras e co nivel de desenvolvemento da súa linguaxe fan filosofía, contestan a preguntas e reflexionan sobre temas ás veces agochados na axenda pública e no propio currículum escolar. Xaora, nesta experiencia que reivindica o pensamento crítico na educación dende as primeiras idades, o esencial é que cada picariño fale por si mesmo, asumindo o que afirmara o filósofo Michel Onfray: “todos os nenos son filósofos, pero só uns poucos continúan séndoo”. Unha experiencia educativa que forma parte do proxecto de “Filosofía para nenos”, inspirado por Matthew Lipman e implantado en todo o mundo dende hai tres décadas, coa intención de formar na escola persoas capaces de pensar por si mesmas no marco dun proceso solidario e cooperativo de discusión. Alicerzado sobre o método do diálogo, Lipman e os seus seguidores cren que dende as idades máis temperás é posible o desenvolvemento de habilidades cognitivas, emotivas e sociais que faciliten a todos os alumnos e alumnas a aprendizaxe dunha forma de pensar crítica e creativa. En definitiva, un xeito de formar cidadáns para participar de forma activa nunha sociedade democrática.

No mesmo contexto educativo e con intencións semellantes insírese a iniciativa lexislativa popular presentada na pasada primavera no Parlamento de Galicia, avalada por máis de oito mil persoas, para solicitar que a asignatura de Filosofía sexa materia troncal e, polo tanto, obrigatoria para todo o alumnado de 2º de Bacharelato. Afastada a Historia da Filosofía pola LOMCE ao status de materia da modalidade do Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais, esta exitosa ILP reclama que o alumnado dos dous cursos de todas as modalidades de Bacharelato conte coas ferramentas necesarias para o desenvolvemento dun pensamento crítico e autónomo.

Promovida por un grupo de profesoras de Filosofía, esta xusta reivindicación debería ser considerada polos membros da Comisión Parlamentaria que está elaborando as bases dun novo Pacto da Educación, onde tamén debería ser considerada a recuperación da desaparecida materia de Educación para a Cidadanía e a Igualdade, onde teñen un peso importante os contidos de Ética e formación en valores, como o das Ciencias para o Mundo Contemporáneo, materia troncal tamén suprimida pola lei educativa eficientista aprobada en solitario polo Partido Popular.

Reivindicar a dignificación da filosofía no actual sistema educativo vai máis alá da necesidade de recuperala no currículum de Bacharelato, adquirindo un carácter competencial e transversal. Supón asumir o desenvolvemento do pensamento crítico como parte esencial da competencia social e cívica, o que afecta a todos os niveis e materias do sistema educativo, dende a etapa infantil á preuniversitaria. No marco das profundas mudanzas políticas e sociais que se enxergan, como na complexidade dos procesos de hibridación comunicacional disruptiva, é imprescindible que o alumnado conte con pautas de análise e lectura crítica. A Filosofía ofrece posibilidades de aprender a pensar, a reflexionar, a escoitar, a preguntar e preguntarse…, capacidades que tanto precisa a nova cidadanía en formación, máis aínda en tempos interesantes como os que estamos vivindo.