Onte 1716: “A dúbida” de María Reimóndez, presentación na Porta do Sol

Porta_do_Sol_04-07-2016

Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de VigoA dúbida de María Reimóndez, a novela gañadora do Premio La Voz de Galicia 2014. A psicóloga Gema Zunzunegui realizou unha certeira lectura dunha novela de intriga sobre os abusos sexuais a menores achegando datos sobre un fenómeno que se agocha na maior parte das ocasións. “O 40 % dos casos do abuso intrafamaliar son silenciados por ser motivo de vergonza ou culpa. Os datos amosan que unha de cada cinco menores sofren estes abusos ocultos, dos que se denuncian apenas o 2% dos casos”. Rematou a súa intervención Zunzunegui salientanto a importancia das mulleres valentes que tecen redes contra estes abuxos: “Muller bonita é a que loita”.

XG00250501María Reimóndez confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.”

 

Onte 1700: Chapeu, Tatán!

Chapeu_tatanFoi no Culturgal pasado cando Eduardo R. Cunha «Tatán», o veterano fundador de Tanxarina, presentou Chapeu, o seu primeiro disco como cantante en solitario, unha desas marabillas da inesgotable e sorprendente música galega que tanto nos prace. Unha ducia de cancións, a maior parte sobre poemas do choqueiro, outras tantas historias sobre o mundo da escena onde leva traballando case tres décadas. Cancións que visitan o jazz, o blues ou a canción melódica tradicional, algunhas memorables como  o fado «Branca» (unha obra mestra), «Veludo e algodón» ou «Amores por terra», unha habaneira desas que tanto gustan en Redondela, todas auténticas marabillas onde a voz rota e serena de Tatán destila puro swing, un tsunami de tenrura, emoción e retranca. A produción musical de Pablo Vidal é moi coidada, ao que axuda a presenza de numerosos amigos que arroupan ao redondelán nesta magnífica estrea. Recomendo moi vivamente este cedé, Chapeu, Tatán!

Onte 1696: «O espello do mundo» de Ramón Nicolás

XG00246501Coincidindo coa súa súa chegada ás librarías, publicamos onte na rede o booktrailer d’ O espello do mundo, a novela coa que se estrea en «Xerais Narrativa» Ramón Nicolás. Tempo haberá de deternos nunha obra con feitío de novela histórica, enraizada no cenobio feminino de San Pedro de Ramirás, cuxa abadesa, Ona Guiomar Méndez, mantén unha apaixonante e inédita relación epistolar coa famosa Hildegarda von Bingen. Incorporando diversos materiais textuais de carácter documental (dende receitas a detalladas descricións botánicas), que ás veces son apenas fíos ficcionais, O espello do mundo reconstrúe con inusual alento narrativo unha época, o século XII, aínda esvaecida da historia de Galicia. O protagonismo destas dúas mulleres extraordinarias, rebeldes no seu tempo, ilumina as páxinas desta indagación tan reveladora. A novela presentarase o venres 1 de xullo na Feira do Libro de Vigo, data na que o autor estará acompañado polo medievalista José Yuste Frías, a escritora Marga Doval e o editor Fran Alonso.

Onte 1694: Pelepau na festa da cereixa

Festa_cereixaAntes de seguir o magnífico pregón de Jacobo Buceta na Festa da cereixa de Beade, escoitamos seis temas do grupo Pelepau, un grupo dunha ducia de mestres percusionistas vigueses que demostran a potencia e a orixinalidade da actual música folclórica de noso. Gustoume coñecer en vivo a enerxía coa que abordaron cada unha das cantigas populares de taberna adaptadas para as voces e percusión tradicionais (tamboril, caixa, cunchas…), nas que é doado identificar a estrutura da treboada arraiana e o aroma de ritmos africanos ou brasileiros de alén mar. Auténtico folclore de fusión, un estourido rítmico e un espectáculo dinámico e moi elegante na presentación. Xaora, sexan cancións populares arranxadas como rumbas ou algareiradas populares como «O vivir en Vigo», Pelepau fai música de festa con raíces, empregando vocalizacións coidadas e percusións moi contaxiosas que convidadan a cantar e bailar. O de Pelepau foi onte un baño de entusiasmo ideal para iniciar unha festa gastronómica que dende hai tres décadas exalta o noso froito máis larpeiro.

Onte 1692: “Galería de saldos”, booktrailer interactivo

XG00255001Entusiasmoume o booktrailer de Galería saldos, o libro de relatos co que Diego Giráldez debuta en Xerais Narrativa. O espectacular traballo, dirixido por Antón Veiga e realizado por Mon Moares, leva este tipo de pezas audiovisuais, destinadas a contribuír a facer máis visible o libro e compartir as lecturas, ao territorio da interactividade e a realidade virtual, que aínda non fora explorado polos produtos literarios en galego. Un booktrailer interactivo que coa axuda do rato ou movendo o móbil ou a taboíña permite percorrer virtualmente, nunha experiencia de 360 graos, unha galería de arte na que se pode visitar e descubrir as ilustracións de Iago Sánchez Losada, que interpretan e reinventan as obras de arte que deron pé a cada un dos relatos do libro de Giráldez, enmarcados na memorable portada creada por  Antonio Seijas. Un traballo presentado no festival Cans, que por vez primeira dedicou un espazo a este tipo de obras, cuxa peza pioneira, Os libros arden mal, publicou Xerais en decembro de 2006.

Onte 1685: “O anxo negro” de Manuel Gago

Acompañamos onte a Manuel Gago na presentación da súa primeira novela, O anxo negro. Como hai pouco máis de dous anos, cando se presentara Vento e chuvia, Gago escolleu a Igrexa da Compañía como espazo para compartir unha obra na que se aborda como tema principal a posta en valor do noso patrimonio. Un serán no que se falou da novela e dos seus contidos, na que media ducia de actores realizaron unha performance, na que se proxectou o vídeo de Soledad Felloza arredor da ficción /en realidade un trailer dunha película que non existe), na que cataron viños branco e tinto de Viña Costeira e se probaron as delicias das conservas de Luís Escurís Batalla. A verdade que máis non se lle pode pedir a un acto literario.

XG00254701O anxo negro é unha novela de intriga de longo alento, cincocentas páxinas,construída sobre un pano de fondo histórico, dacabalo do tempo da Transición e do século XVI, onde o tema principal é o expolio ao que foi sometido o patrimonio das igrexas do rural galego despois do Vaticano II. Unha historia enfiada polo roubo en 1981 dunha Santa Mariña na parroquia (imaxinaria) de Cereiro, que será investigado por unha parella de “detectives” moi singular, Nicolás Bren, un capitán da Mariña Mercante, afeccionado á historia local, e Andreu Meis, un mozo catalán casado na parroquia, propietario do Bar Drake. Unha novela coral, que abala entre o xénero negro e o histórico, na que utilizando os recursos da ficción se denuncia un tema agochado, o dun sistema de financiamento corrupto ao tempo que se pretende pór en valor o patrimonio eclesiástico arraizado na cultura popular galega. Aventuro que esta primeira novela de Manuel Gago dará moito que falar e moito que ler.

 

Onte 1681: Caxade, o espírito dun clásico contemporáneo

e_isto_e_o_amor

Namoroume o segundo disco de estudio de Caxade, do que quedei prendido toda a fin de semana. E isto é o amor é un salto de xigante para un grupo extraordinario, posuidor dunha proposta orixinal e singular capaz de inserir a música tradicional galega no contexto das músicas populares europeas de hoxe. Tras o debut impactante que supuxo A dança das Moscas, Caxade ofrece un disco máis medido, diverso e reflexionado, no que incorpora a electrónica e intensifica a presenza da percursión, o que non lle impide que sexa aínda máis tradicional co anterior, tanto nas melodías bailables como na estrutura dos textos poéticos.

Caxade aposta por unha maior cromatismo melódico e sonoro, ofrecendo un disco máis colorista e divertido co primeiro, onde é difícil desbotar o interese dalgunha das dez pezas. Xaora, cómpre reparar en temas memorables como «Sanduicheira», «E isto é o amor» (un poema de Sechu Sende) ou «Independence day», coa súa inequívoca vocación de himno. Conservando a intencionalidade política, os textos do disco admiten diversos niveis de lectura poética, sendo o amor e as súas expresións o seu eixo temático principal nun traballo onde tampouco falta un humor sutil e unha certa tenrura propia do brinquedo.

A música de Caxade admite diversas etiquetas: indie, pop, folk, celta, tradicional, melódica, bailable… En todo caso, sen entrar a escoller categorías, a súa estética músical singular, perfectamente identificable, como o seu estilo gráfico e presentación con aroma centroeuropeo (enriquecido polo admirado Leandro Lamas no vídeoclip de lanzamento), acreditan en Caxade o espírito dun clásico contemporáneo. E isto é o amor, ademais, promete un directo potente, de entusiasmo e ledicia contaxiosa, que aventuro abrirá a Caxade moitas novas portas. Parabéns, mestre Caxade!

 

Onte 1674: Cincuentenario do Xantar de Ourense

xantar_de_ourense_1966

Non debemos esquecer que onte foron cincuenta os anos transcorridos daquel Xantar de Ourense, a despedida que 250 persoas renderon ao poeta Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense, a piques de embarcar para Venezuela. Cincuenta anos dun acto político organizado polo PC e pola UPG coa intención de rexeitar a construción do encoro de Castrelo de Miño, o que constituíu o primeiro acto unitario da oposición antifranquista en Galicia cun importante apoio de figuras da cultura galega como Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovar, Eduardo Blanco Amor, Manuel María ou Albino Núñez, por citar só algunhas das falecidas.

Mágoa que por cuestións só atribuíbles ao azar se malograse a iniciativa que a Fundación Celso Emilio Ferreiro tiña en marcha para lembrar esta data importante na nosa historia política e literaria. No Xantar de Ourense recoñeceuse, ademais, o compromiso co país do poeta Celso Emilio Ferreiro que, a pesar do seu abatemento por unha partida que non desexaba, expresou unhas palabras que transcorrido medio século non perderon vixencia: «Galicia debe ser unha terra para nacer e morrer, senón tamén para vivir nela». Un xantar histórico que non debe ser esquecido.

Onte 1665: A Rosalía das Barxas

rosalia_moaña

Abraiante o mural realizado polo alumnado e profesorado do IES As Barxas de Moaña deconstruíndo ao xeito rosaliano o cadro de Delacroix «A liberdade guiando ao pobo». Unha peza de seis metros de longo e case tres metros de alto que volve demostrar a atracción icónica de Rosalía capaz de continuar conectando coa mocidade como ningunha outra figura da nosa cultura. Como se pode comprobar no vídeo que preparou a profesora Luz Beloso, un código QR nun dos laterais do mural permite acceder dende o mobil ao vídeo animado da «Xustiza pola man», un dos poemas emblemáticos de Follas novas preparado o pasado curso polo alumnado do mesmo instituto. Esta Rosalía afouta das Barxas guiando ao pobo galego énchenos os depósitos de entusiasmo e esperanza. Marabilla destoutro traballo do alumnado e profesorado de 4º de ESO e 1º de BAC do Obradoiro de Artes Plásticas deste centro público de Moaña. Beizóns!!!

Onte 1657: “A rotura das paisaxes” de Xesús Constela

constela_rozas_bragado_28-04-2016

Máis dun cento de persoas participaron onte no Museo de Pontevedra na presentaciónA rotura das paisaxes de Xesús Constela. Un acto organizado polo Atneo de Pontevedra que resultou fermoso, divertido, emocionante nalgúns momentos, onde o autor conversou co xornalista e crítico Ramón Rozas e recitou parte do poemario “Cidade castigada” (incluído na novela). Un serán literario no que puidemos gozar da estrea dun teaser conmovedor sobre a obra preparado polo cineasta Mario Iglesias e locutado por Ruth Sabucedo.

XG00247601Comezou a conversa Ramón Rozas cualificando A rotura das paisaxes como “novela importante, que consolida unha obra singular coa que autor dá un salto cualitativo na maneira de escribir e como facelo. Un salto que se iniciara a partir de 15.724, asumindo dende entón Constela un risco, concibindo a actividade literaria como carácter de aventura, que fideliza ao lector por crear un mundo tan singular e inesperado”. Rozas definiu a novela como “relato poliédrico de moitas narracións que se van enfiando a través da conversa de dous personaxes que camiñan nunha praia”. Na primeira das súas intervencións, Constela confesou que se dedicaba á literatura “por que son feliz escribindo”, porén, recoñeceu que “a publicación deste libro dáme un pouco de medo, é arriscado, non é narrativa ao uso”. “A rotura das paisaxes é unha homenaxe a Rayuela de Cortázar, razón pola que o libro ten dúas formas de lectura, como un libro de relatos ou como unha novela que contén un relato principal no que os contos forman parte da trama”.

Referiuse despois o autor o seu primeiro libro, As humanas proporcións, “ao que estou terriblemente agradecido; tiña ganas de volver a aquela maxia do relato, volver a escribir sen ataduras de ningún tipo”. “N’ A rotura das paisaxes escribín o que me apetecía escribir, fixen un libro de relatos que é máis que un libro de relatos”. A ese fio Rozas interpelouno sobre as razóns de pór en cuestión o concepto de novela nunha obra na que se xoga coas estruturas e mesmo cos xéneros. Para Constela é esencial para o escritor “cambiar, experimentar con distintas estruturas narrativas”. “A realidade non é unha novela, as cousas non suceden na secuencia prantexamento, nó e desenlace”. As cousas no século XXI entendémolas dixeríndoas aos poucos. As novas xeracións no dixiren 300 páxinas seguidas. Intentei poñer moitas cousas diferentes no mesmo libro para que o lector se interesase por unha información presentada de forma pixelizada. Algo que xa inventaron os impresionistas. Creo que a literatura actual ten que ir por aí. Ten que imitar á realidade, que nos está ofrecendo cousas pequenas e distintas. A rotura das paisaxes son un montón de relatos que enfrontan unha visión do mundo, da xente común, como os desempreagados, un tema abordado dende o humor negro; en definitiva, a realidade metida dentro da ficción.”

Rozas preguntou sobre as preocupacións do Constela narrador. O autor non dubidou en confesar que “sacar da cabeza as cousas que teño dentro, canalizalas na escrita de xeito que ao lector lle guste”. “Na literatura busco poder seguir facendo os experimentos que fago e poder transmitir as cousas que teño na cabeza de xeito que a xente as entenda.” A seguir, Rozas salientou a intención de Constela de “atopar tanto unha voz singular como que o lector sinta as cousas sen necesidade de dicirlle nada”. A ese respecto, Constela dixo que intentara en todo o libro eliminar ao narrador, “quería que o lector soubese o que pasaba a partir dos propios personaxes, o narrador funciona aquí como un espectador, o que sei que é difícil de conseguir”. Con respecto a outra cuestión afirmou que “o mellor que lle pode pasar a un artista, sexa un pintor ou un escrtior, é te runha voz propia, é o meu gran reto persoal, ter esa voz”.

Ramón Rozas preguntou, entón, sobre como conseguir que o lector olle a realidade doutra maneira. Constela confesou que sempre intentara “ver a realidade dun xeito distinto; gústame observar a realidade que me circunda, todo”. Seguiu a conversa sobre a devoción común sobre Julio Cortázar, tanto pola sensación de misterio dos relatos como polo xeito de afrontar a lectura da novela. A este teor, Constela recoñeceu que lle encantaba pasear pola praia cos cans, “no inverno en Lourido, Areas ou A Lanzada atopas de todo”. “O máis difícil que Cortázar conseguiu foi tecer un fío co lector sobre algo que poida parecer absurdo, pero absolutamente verosímil e coherente no relato. ë moi díficl de conseguilo. Eu inténtoo tamén. Lévame moito tempo corrixir e corrixir para conseguir esa capacidade de conectar co lector”.

Rematou a conversa reflexionando os dous participantes sobre a posición da figura humana con respecto á paisaxe. Constela lembrou a cita de Toulouse Lautrec que colocou ao comezo do libro: “Só a figura existe, a paisaxe é e non debe ser nada máis ca un accesorio. A paisaxe non debe servir senón como medio para facer comprender mellor o carácter da figura”. “No libro deliberadamente eliminei a paisaxe. Ven descrita en moi poucas ocasións. Interésame o que din os personaxes, a figura. A figura é o máis importante. A miña idea é que falasen os personaxes e ir metendo as ideas nos lectores directamente”.