Onte 734: Gómez Noya, gran campión!

Javier Gómez Noya gañou onte no Hyde Park londinese o seu terceiro campionato do mundo de Triatlón. Outra proeza heroica do triatleta ferrolán afincado en Pontevedra. Despois de recuperar na bicicleta os segundos perdidos no lago Serpentine, Javi correu durante case dez quilómetros con Jonathan Brownlee, xunto co seu irmán Alistair, un dos seus eternos e nobles rivais, a quen superou nos derradeiros metros nun esprint incrible. Gómez Noya é un dos mellores deportistas galegos da historia, tanto polo seu palmarés coma pola súa actitude deportiva e cívica. Javi é un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxicaun modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, un gran campión. Merece os maiores recoñecementos. Beizóns.

Onte 733: Ryanair e os libros

Chamoume moito a atención este chío publicado onte por Mario Beramendi no que recuperaba unha noticia curiosa publicada en novembro do pasado ano por La Voz de Galicia. Unha muller foi obrigada no aeroporto de Manises a abandonar un avión de Ryanair, que ía iniciar o voo entre Valencia e Santiago, a causa de levar unha bolsiña cun libro e un póster, obxectos considerados como pezas de equipaxe polos que debía pagar unha taxa de 50 euros. O feito de considerar estes produtos impresos á mesma altura ca unha maleta ou cun bolso amosa unha moi escasa consideración coa cultura do libro e co afán da lectura por parte dos responsables da compañía irlandesa, como non agocha o seu voraz afán recadatorio. O máis chocante do caso é que esta prepotente compañía, denunciada en numerosas ocasións por este tipo de abusos e irregularidades, recibe importantes axudas públicas en España, entre as que cómpre salientar as subvencións da Xunta de Galicia para manter as súas liñas con Lavacolla. Ben sería que fose obrigada polas autoridades tanto a respectar a normativa da seguridade aeroportuaria como o dereito dos cidadáns a non desprenderse dos seus obxectos persoais, sexa un libro, teléfono ou lector portátil. Mágoa que nestes voos de Ryanair, subvencionados con fondos públicos, se defenda máis o xogo da lotaría ca a posibilidade da lectura.

Onte 727: Francisco a prol da causa da paz

Admiro a determinación e afouteza do papa Francisco a prol da causa da paz e contra da intervención militar en Siria. «A guerra é sempre unha derrota para a humanidade» salientou onte durante o rezo do Ángelus. Valiosas xa foron tamén as súas declaracións criticando o negocio da venda de armas, onde está tantas veces a orixe dos conflitos.Como a presenza inédita de Francisco nunha vixilia silenciosa a prol da paz, celebrada no solpor romano, acompañando a representantes doutras crenzas e persoas laicas, ateas ou agnósticas,constituíu unha novidade extraordinaria, unha mudanza profunda no comportamento da Igrexa. Imaxinamos aos párrocos galegos convocando concentracións cidadáns a prol da paz nos adros das súas igrexas? Quedo con algunhas das palabras claras de Francisco pronunciadas no serán pola paz: «A violencia non é o camiño para a paz». «O perdón, o diálogo e a reconciliacion son as palabras da paz, na amada nación Siria, no Oriente Medio e en todo o mundo.» Será posible aínda evitar o ataque?

Onte 706: Bóveda, Lorca e Casal

Nesta fin de semana lembramos o asasinato hai setenta e sete anos de Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e Federico García Lorca, tres figuras que representan o noso ideal republicano e galeguista. Esta coincidencia fatidica da historia, aparentemente caprichosa, é explicable polo fanatismo fascista que escolleu como opción política o aniquilamento físico dos seus contrarios. Unha estratexia estarrecedora que, dende o alzamento militar, segou a vida (só en Galicia) a 4.600 persoas e vitimou a máis de 14.000 persoas, segundo o reconto do proxecto interuniversitario «Nomes, Voces e Lugares» (magoadamente paralizado pola falta de apoio público). Un xenocidio, que non pode ser esquecido nin agochado, do que estas tres figuras constitúen apenas insignia de dignidade. A recuperación da memoria destas vítimas, como afán colectivo e apartidario, constitúe un alegato contra a impunidade e, tamén, contra a hexemonía da falsa «memoria dos vencedores». Recoñezamos que aínda queda moi lonxe o consenso preciso para construír unha nova memoria colectiva, na que Bóveda, Casal e Federico ocupen o lugar que lles corresponde.

Onte 700: «Costa da morte» ou a memoria da paisaxe humanizada

Costa da Morte, a película do vigués Lois Patiño, estreada esta fin de semana no 66º Festival de Locarno, competindo no apartado de «Cineastas do presente», xa é un dos cumes do emerxente «novo cine galego». Contando coa colaboración estreita da fotógrafa e cineasta Carla Andrade e utilizando como principais recursos creativos o plano panorámico fixo e moi aberto e o son en primeiro plano, Patiño ofrece durante case hora e media un relato visual dunha beleza excepcional e dun forte impacto emotivo. Unha peza de fronteira, unha hibridación entre o vídeoarte e o documentalismo clásico. En todo caso, unha película fermosa e memorable, engaiolante para ver, compartir e debater sobre ela.

Afastándose dos tópicos do documentalismo publicitario e da retórica historicista ou académica, Lois Patiño propón ao espectador unha ollada reflexiva, compartida e complexa sobre as relacións entre a paisaxe humanizada e a súa memoria. Un proceso de esculca, producido entre o abraio e a experiencia sensorial. A narración recorrente, case concéntrica, do desenvolvemento durante dous días e unha mañá de oficios vinculados ao entorno natural nas comarcas de Xallas e Nemancos, presentadas aquí como «Costa da Morte», apenas unha etiqueta. Os labores dos percebeiros, mariscadoras, mariñeiros, madeireiros e bombeiros forestais fundidos coa paisaxe natural na que se desenvolve, expresión do ciclo da natureza e da propia vida.

A paisaxe (de Monte Pindo a Malpica) é a protagonista dunha pelicula fermosa, elaborada por Patiño e Andrade na montaxe coa paciencia dos artesáns, na confección dos planos coa potencia visual do pintor e na toma de son coa meticulosidade dos técnicos de laboratorio. Para conseguir este sorprendente resultado, o retrato da memoria dunha paisaxe inevitablemente humanizada, Patiño recorre a utilización dunha composición panorámica, de xeometría áurea e de cromatismo potente, sobre a que se salientan os sons naturais e se identifican as conversas recollidas con micrófonos inalámbricos. Unha humanización da paisaxe presentada pola discreción da presenza dos seres humanos, nalgunhas ocasións apenas un punto, un sinal case imperceptible, noutras subliñada por algunhas secuencias non exentas de espectacularidade, como as dos percebeiros de Corme ou as finais do facho emitindo o seu sinal (luz) de axuda entre o solpor e o abrente do día.

As voces, as linguas e o sons competindo coa imaxe dotan á paisaxe de historia, humanizándoa, procurando o seu celme e a súa memoria, expresando a vontade antropolóxica dunha fita que esculca na identidade primeira do país de noso, nesa fusión entre home e paisaxe na que Castelao atopaba a alma eterna de Galicia. Cine case naturalista, con escasos adovíos e trampas argumentais (coa excepción da discutible inclusión dun curro). Un camiño posible para un novo agromar dun cine galego que aposta máis pola creatividade ca por emular a imposible estratexia industrial dos tinglados televisivos.

Costa da Morte é outra fantasía desa humildísima factoría creativa de Zeitun Films, capaz de ofrecer nos últimos anos os éxitos internacionais do noso cine, con películas memorables como Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, Arraianos de Eloy Enciso, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia ou esta tan sorprendente Costa da Morte. Agardo que a película de Patiño se poida gozar axiña nos festivais e salas galegas. Paga moito a pena.

Publicado en Galicia Confidencial.

Onte 695: Hiroxima e Nagasaki

Fixéronse onte sesenta e oito anos desque o B-29 Enola Gay das Forzas Aéreas dos EE.UU. lanzase a bomba atómica sobre Hiroxima acabando coa vida de 200.000 persoas e deixando feridos de por vida coa súa radiación a outros moitos milleiros. Apenas tres días despois, os estadounidenses repetiron a acción sobre Nagasaki, cidade sobre a que lanzaron a Fast Man, aínda máis poderosa ca primeira, provocando outras 140.000 mortes civís. Dúas feridas enormes que se mantiveron case ocultas durante varias décadas, mais que coma o holocausto, ou os bombardeos da Guerra Civil, non poden ser esquecidas. Lembrar estas traxedias, que expresan a cara máis noxenta da condición humana, contribúe á recuperación da mobilización mundial a prol da abolición das armas nucleares e da regulación estrita do uso da enerxía atómica. Impresiona escoitar o «Enola Gay» de ritmos oitententeiros co que OMD denunciaba a grande infamia de Hiroxima e de todas as guerras.

Onte 677: Amnesty International 50 years

Grazas a Rafael Antón, extraordinario ilustrador vigués radicado en São Paulo (unha figura a recuperar para o país noso), descubrín esta peza marabillosa dirixida por Carlos Lascano e creada con motivo do cincuenta aniversario de Amnistía Internacional. Eis algunhas posibilidades creativas da stop motion. Magnífico recurso didáctico tanto polos seus contidos coma pola súa feitura.

Onte 652: Díaz Castro

Aledoume o serán coñecer o nomeamento do  poeta chairego Xosé María Díaz Castro como figura do 17 de maio de 2014. O autor de Nimbos e de poemas inesquecibles como «Penélope», «Monumento á ausencia», «Terra achaiada» ou «A cerna» ben merecía esta homenaxe, maís aínda no ano do seu centenario. Tempo haberá para continuar cernando sobre un poeta  esencial que escribiu algúns dos versos máis inesquecibles agromados na nosa lingua: «A lus do mundo é a que arde nunha bágoa». No cemiterio de Guitiriz, na súa lápida pódese ler a frase: «A beleza feriume para sempre». Beizóns a Alfonso Blanco Torrado, presidente de «Xermolos», primeiro biógrafo do poeta dos Vilares, á comunidade educativa do IES Díaz Castro de Guitiriz e a todas aquelas persoas que teimaron pacientemente da candidatura diazcastriana. Volveremos decote sobre  o poeta dos nimbos de luz.